23.2 C
Pontevedra
Luns, 2 de Agosto de 2021
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela implanta por segundo ano un método "pioneiro" de recollida de algas...

    Redondela implanta por segundo ano un método “pioneiro” de recollida de algas respectuoso cos areais

    A Universidade de Vigo solicitará á Fundación Biodiversidade do Ministerio de Transición Ecológica financiamento para desenvolver un proxecto de investigación para elaborar un plan de xestión das proliferacións de algas que se producen na Ensenada de San Simón.

    A Concellería de Medio Ambiente de Redondela aposta este verán, por segundo ano consecutivo, por un sistema de recollida de algas dos seus areais respectuoso coa contorna e que permitiu rexenerar en só un ano unha zona de duna de nove metros cadrados na praia de Cesantes. O método que se levará a cabo este ano concorda cos estudos realizados polo equipo de Ciencias do Mar liderado polo catedrático de Ecoloxía, Emilio Fernández Suárez.

    Segundo este investigador, “unha praia é un sistema natural que ten un funcionamento que non debe ser alterado máis alá do razoable. Eliminar o cen por cen dos depósitos é unha aberración. Unha praia límpase de forma natural polos organismos que habitan nela; en caso contrario, non sería un areal, serían graos de area xuntos”, conclúe Fernández.

    Baseándose en estudos previos realizados por investigadores da Universidade, a Concellería de Medio Ambiente aposta por un sistema no que conviva o respecto ao ecosistema natural das praias coas necesidades dos bañistas. O sistema que se emprega este ano divide os areais en tres zonas de extracción de algas. Unha zona de extracción total, prevista para cando as arribazóns sexan cuantiosas; unha de extracción parcial, na que está previsto facer comportas de dez metros en varios puntos para permitir o paso e unha última catalogada como zona de protección, por exemplo, na duna de Cesantes recuperada, que estará balizada e na que non se farán extraccións. Neste último mes, xa se recolleron, segundo datos da concellería, unhas 125 toneladas de algas nos areais redondeláns.

    Segundo Roberto Villar, concelleiro de Medio Ambiente de Redondela, “esta zonificación dos areais fará máis áxil a xestión da limpeza, xa que ao estar as zonas delimitadas, serán facilmente identificadas polos traballadores do servizo de praias, pero está aberto a sufrir modificacións segundo sexa a recolección de datos sobre a súa eficacia. Todos os cambios serán anotados e trazables para unha análise final ao rematar a tempada estival”.

    Os areais onde xa se comezou a traballar son a praia de Arealonga (Chapela), de Rande (Cedeira), de Cesantes e a de Soutoxuste (O Viso). Estas tres últimas atópanse, ademais, na Rede Natura 2020 ‘Enseada de San Simón’, polo que están catalogadas como de especial conservación. Este espazo tamén conta coa protección LIC: Lugar de Importancia Comunitaria.

    O catedrático de Ecoloxía, Emilio Fernández, concorda con este novo protocolo xa que “non todo o material que se deposita é necesario desde o punto de vista ecolóxico; trátase dun problema mundial que vén da acumulación de poboación humana no litoral, coa conseguinte maior entrada de nutrientes ao mar, o que provoca que cheguen aos areais máis algas das que chegarían en condicións normais”. Segundo Fernández, “o Concello está a facer un esforzo importante por apostar por novas formas de actuar sobre este sistema para manter a súa integridade ecolóxica, tendo en conta as necesidades dos bañistas e, sobre todo, das mariscadoras”.

    A raíz da colaboración entre o Concello e a Universidade, a Universidade de Vigo solicitará á Fundación Biodiversidade do Ministerio de Transición Ecológica financiamento para desenvolver un proxecto de investigación, que será presentado este mesmo mes e que permitirá, segundo Fernández Suárez, “elaborar un plan de xestión das proliferacións de algas que se producen na Ensenada de San Simón”. O Concello de Redondela e as confrarías de Mariscadoras de Cesantes formarán parte, como colaboradores, nesta iniciativa. A praia de Cesantes constituirá o núcleo do estudo, que inclúe tamén analizar como se actúa noutras partes do mundo ante situacións similares e os resultados obtidos.

    Cambios no protocolo no ano 2020

    Ata 2020, o protocolo de limpeza dos areais de Redondela consistía en peneirar a praia eliminando todas as algas de arribazóns, o que, segundo os investigadores mariños, constitúe un impacto sobre o ecosistema ao retirar unha gran cantidade de area, reducindo ademais o alimento disponible para a fauna das praias. O novo sistema permite unha redución no custe do servizo de retirada e sobre todo do transporte, orzamento que se destinou integramente a campañas vinculadas co servizo de praias de concienciación e de novos servizos.

    Conscientes dende a Concellería de Medio Ambiente da convivencia que se ten que dar na tempada estival entre bañistas e medio natural, este departamento aposta por unha solución de futuro e evitar levar ao ecosistema a un estrés do que dificilmente pódese recuperar. Algo que xa era palpable, segundo o departamento que dirixe Roberto Villar, na desaparición da ‘pulga de mar’ (Talitrus saltator), como elemento de gran valor na cadea trófica do ecosistema así como un bioindicador da calidade ambiental do mesmo.

    COLABORACIÓNS

    O Morrazo e O Salnés, éxito asegurado

    Con motivo del día de la patria gallega esta publicación está dedicada a nuestra mágica tierra. “Miña terra galega, donde el cielo es siempre gris” cantaba Siniestro Total allá por los 80.

    Santiago Lopo, «A carteira»

    Santiago Lopo volve a sorprendernos cunha novela na que demostra a súa habilidade para conxugar unha chea de elementos que semellan dispares e que, baixo a súa pluma, combinan á perfección, e facelo dun xeito ameno sen que iso signifique deixar de lado nin a fondura de pensamento nin certa capacidade reivindicativa.

    Clafoutis, un postre clásico francés a base de cerezas

    Os presento uno de los postres más conocidos de la repostería francesa, el Clafoutis. Un postre sencillo, con una elaboración y una combinación de ingredientes que le dan una textura y sabor exquisitos. La combinación de almendra y cereza veréis que es realmente deliciosa.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    8 POSTS0 COMMENTS
    Ángel Covelo
    6 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    3 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    43 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    34 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    1 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    2 POSTS0 COMMENTS