O auditorio da Xunqueira acolleu este mediodía o acto institucional co gallo do 8M para conmemorar o Día Internacional da Muller “reivindicando os dereitos das mulleres, de todas as mulleres”, sinalaba a concelleira de Igualdade Iria Vilaboa. A edil salientou que o obxectivo prioritario do seu departamento é o de “sensibilizar e potenciar a igualdade real de xénero, sen esquecer que a violencia contra as mulleres é a expresión máis amarga das sociedades machistas” e avanzou que non darán “un paso atrás” nesta loita.
A lectura da Declaración Institucional correu a cargo dunha pequena representación dos colectivos, asociacións, centros escolares, centros de día e outras entidades que participaron na actividade “Tecendo Redes”. A Asociación Andaina, Asoc. Cultural A Miñoteira, Escola Educación Infantil A Marisma, Lenda e o Centro de Día Os Cortizos fixeron a lectura. A declaración do 8M do Concello de Redondela propón “promover a participación activa das mulleres na vida política e social local, co fomento do liderado feminino para acadar a paridade”, incorporar a perspectiva de xénero “en todas as nosas políticas e programas” e impulsar campañas “de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero, dando apoio integral ás mulleres vítimas”.
Homenaxe á primeira mariñeira de Redondela
No acto proxectouse un vídeo elaborado pola EEI a Marisma sobre Salud Táboas Barreiro, a primeira mariñeira de Redondela, que nos anos 50 se vestía de home para poder traballar no mar. Nesta homenaxe e con case 90 anos de idade, Salud deu hoxe unha lección de vitalidade e alegría, así como de contar con moi boa memoria ao relatar algunhas anécdotas da súa vida, como cando salvou de morrer afogadas a varias persoas que foran vítimas dun naufraxio.
A alcaldesa, Diga Rivas, destacou o papel de mulleres “bravas e pioneiras” coma ela que co seu traballo “tecían redes entre avoas, nais e fillas, amigas, veciñas e compañeiras que se axudaban para saír adiante”. A rexedora instou a toda a sociedade a seguir traballado “creado redes de apoio, de solidariedade e de igualdade para crear unha sociedade máis xusta”. Lamentou Rivas que aínda hai quen non entendeu “que somos iguais, cos mesmos dereitos” e unha mostra desa a ideoloxía reaccionaria é o ataque á mostra Conquistadoras. Lembrou que aínda queda moito camiño por diante ata a igualdade real, pero afirmou que “tecendo redes, entre todas e todas, habemos conseguilo”.
Desde o Concello agradeceron o traballo das 28 entidades que participaron na elaboración das redes ( Clube de Remo de Cesantes, Colexios de Quintela, Porto Cabeiro, Cedeira, Reboreda, Outeiro das Penas, Alexandre Bóveda, Igrexa, Sta Mariña, Ventosela,San Pedro de Cesantes e Escola Infantil A Marisma. Os Institutos Mendiño, Floriani e Chapela. Centros de Día Os Cortizos, Arelas, Maiores Activos de Chapela, e Centro de Cesantes. Asociacións Andaina, Asearpo, Da Man, Asoc. Esp. Contra o Cancro, Asociacións Culturais da Miñoteira, Cabeiro e Chapela, e Aldeas Infantís) e especialmente a Lenda, polo seu traballo atando as redes e a Severino Casal, da Confraría de Redondela e membro da asociación Amarturmar “por ensinarlles aos usuarios e usuarias de Lenda a arte de atar as redes”.
O acto rematou coa participación de todos os asistentes ao acto atando lazos violetas nunha rede para seguir “tecendo redes pola igualdade”.