As concelleiras de Sanidade e de Servizos Sociais do Concello de Redondela, Pilar Martínez e Iria Vilaboa, respectivamente, xunto ao concelleiro de Ensino e Deportes Iván Valles, mantiveron un encontro con diferentes responsables sanitarios do Centro de Saúde de Redondela coa finalidade de traballar conxuntamente nun Plan de Saúde Comunitaria.
Á xuntanza de traballo asistion Esther López, xefa de servizo do Centro de Saúde redondelán; Ramon Lagos, coordinador do Servizo de Enfermería do centro; o responsable do departamento de Nutrición, Jaime Juncal; a fisioterapeuta Noa Siñuela e as enfermeiras comunitarias do centro.
Trátase dun plan “pioneiro” do Concello de Redondela, e que pode realizarse “grazas á implicación dos profesionais dos Centros de Saúde do municipio, tanto o de Redondela como o de Chapela”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. Desde a concellería de Sanidade a prioridade é “poñer en marcha un plan local de saúde que redunde nunha mellor calidade de vida para veciños e veciñas de todas as idades”, explica Pilar Martínez.
Na primeira xuntanza analizáronse as características e necesidades da poboación redondelá para concretar os programas que se van poñer en marcha e mellorar así “a atención integral dos pacientes”. A edil destaca que os ámbitos de actuación nos que se vai traballar serán saúde, educación, benestar social, deportes e medio ambiente.
A primeira actividade será a de formación en Primeiros Auxilios nos centros de ensino, clubs deportivos, centros culturais e parroquiais, e tamén para os participantes no Programa de Voluntariado de Redondela, de recente creación. Tamén formación para familias que contan con persoas dependentes, “para axudarlles na tarefa diaria tan importante que é a dos coidados, tanto para os doentes como para as persoas coidadoras”, explica Pilar Martínez.
Outras actividades que ser porán en marcha serán os roteiros biosaudables, e tamén actividades para persoas con patoloxías crónicas que sirvan para mellorar a súa calidade de vida. Tamén se traballará coas escolas para mellorar a formación do profesorado en canto á atención ao alumnado con diversidade funcional.