O Concello de Redondela abre o próximo xoves día 21 a exposición pública e o período de alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal. O goberno local facilitará á cidadanía todos os medios dispoñibles para que coñeza o plan e poida facer as súas alegacións. O prazo que establece a normativa é dun período de dous meses, pero o goberno redondelán decidiu amplialo ata os tres meses “para favorecer que toda a veciñanza teña tempo de estudalo, saber como lle vai afectar e poida facer as alegacións que estime oportunas”, explica a alcaldesa Digna Rivas.
Durante os tres meses deste período de alegacións a cidadanía terá á súa disposición aos técnicos nas dependencias municipais para explicarlles todo o relativo ao planeamento urbanístico e asesoralos. Este servizo estará dispoñible desde o 21 todos os días de luns a venres de 8:30 h a 14:30 h horas na Oficina de Turismo, na rúa Isidoro Queimaliños.
Para facilitar o acceso da veciñanza a toda esta información o Concello contratou tamén o servizo dun visor dixital ao que poderán acceder na páxina web do Concello, tanto desde as súas casas como acudindo á oficina de información do PXOM. Dun xeito cómodo os veciños e veciñas poderán buscar a través deste visor as súas parcelas “cun funcionamento moi sinxelo e intuitivo”, apunta o concelleiro de Urbanismo Antonio Cabaleiro. Na páxina do Concello inclúese un vídeo explicativo coas indicacións para utilizar o visor.
Reunións informativas nas parroquias
O compromiso do goberno de Rivas é facer reunións informativas en todas as parroquias co equipo técnico redactor do plan “para resolver dúbidas e atender as inquedanzas da veciñanza”, afirma a alcaldesa. Realizaranse nos meses de abril e maio, nas datas que se acorden cos propios centros parroquiais para facilitar a asistencia da veciñanza. Rivas afirma que desde que chegou á Alcaldía era consciente de que a tramitación do Plan Xeral debía ser a súa prioridade, “e traballouse coa empresa redactora, funcionarios e técnicos do Concello e o resto de grupos políticos para retomar os traballos e conseguir que o documento fose unha realidade”.