A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, solicitou á Xunta de Galicia que decida se acepta a colaboración ofrecida polo Concello para remodelar o edificio da Estación de Autobuses.
O Concello de Ponteareas ofreceu á administración autonómica cofinanciar a reforma deste edificio achegando máis de 370.000 euros, dos que 130.000 se compensarían coa débeda que a Xunta ten co Concello polas perdas asumidas na xestión da Estación dende 2011 e os outros 240.000 se pagarían en 20 anualidades, o mesmo tempo que duraría a cesión da primeira planta do edificio a favor do Concello.
Cristina Fernández lembrou que “os días e os meses pasan e Ponteareas sigue cargando cos costes da Estación”, polo que urxiu á Xunta a través dun escrito remitido a pasada semana a “tomar unha decisión xa”. A rexedora sinalou que “non podemos agardar máis tempo” e “se non se acepta a nosa colaboración, nos vindeiros días entregaremos as chaves da Estación á Xunta para non continuar gastando un euro neste servizo que é de competencia exclusiva da administración autonómica”. Fernández Davila confía en que a Xunta acepte a “xenerosa colaboración” do Concello de Ponteareas.