O Concello de Ponteareas iniciou esta semana os traballos de pintado e colocación de mobiliario urbano en 10 rúas peonís do centro urbano co obxectivo de mellorar a mobilidade peonil nas devanditas rúas e convertelas en espazos non só de desprazamento a pé ou en bici senón tamén de estancia e relación social.
As rúas nas que se realizarán as actuacións son Concha Brey, Virxe dos Remedios, Reveriano Soutullo, Constitución, Senén Canido, Vidales Tomé, Morales Hidalgo, Esperanza, Arxentina e Oriente. Os pintados sobre as calzadas teñen como finalidade reforzar a percepción dese espazo como de preferencia peonil, por onde só poden circular vehículos nos supostos autorizados (acceso a garaxes, cargas e descargas, mobilidade reducida ou servizos públicos) e nas condicións estipuladas (velocidade máxima de 10 km/h e paradas cun tempo máximo de 15 minutos). Ademais, instalaranse 31 xardineiras e 15 bancos, unha parte deles tamén con xardineira incorporada. Segundo sinala a alcaldesa Cristina Fernández Davila, “trátase dunha acción que mellorará o aspecto destas rúas e que dará resposta á necesidade de moitas persoas, especialmente maiores, de contar con lugares de encontro e convivencia no espazo público”.
No marco destas actuacións reubicaranse as paradas de taxi. A situada na rúa Rogelio Groba trasladarase á rúa Virxe dos Remedios, liberando así espazo en Rogelio Groba onde os vehículos xunto coas terrazas de hostelaría reducían considerabelmente o espazo para os peóns. A antiga parada da Praza de Bugallal, agora completamente peonil, trasládase para a rúa Vidales Tomé.
Por outra banda, o Concello anunciou que nas vindeiras semanas presentará publicamente os proxectos de humanización de sete rúas situadas na contorna do Concello e da Praza de Bugallal, que actualmente xa teñen carácter peonil. Ditos proxectos foron redactados nos últimos meses con financiamento da Deputación Provincial a través da Rede Ágora na que participa o Concello de Ponteareas.