O Concello inicia unha campaña que busca garantir o uso correcto das prazas destinadas ás persoas con mobilidade reducida logo de que axentes da Policía Local comprobaran en reiteradas ocasións que varios condutores incumpren a normativa. A iniciativa, posta en marcha pola concellería de Seguridade que dirixe o tenente da alcaldesa Juan Carlos González, estenderase ata o 24 de marzo.
Deste xeito, os axentes da Policía Local comezarán unha serie de accións para comprobar que os vehículos estacionados nas prazas de Persoas con Mobilidade Reducida (PMR) conten coa tarxeta de estacionamento para persoas autorizadas nun lugar visible. Inspeccionarán tamén que se cumpra os requisitos administrativos das mesmas como a súa vixencia ou que sexa a persoa autorizada quen a estea empregando así como que non se utilicen os permisos de persoas xa falecidas.
A concellería de Seguridade lembra que as tarxetas que autorizan o estacionamento de persoas con mobilidade reducida son un documento público, persoal e intransferible polo que soamente as poden empregar aquelas persoas autorizadas cando conduzan ou vaian como acompañantes nun vehículo.
A Policía Local lembra que, segundo a lexislación vixente, estacionar nunha praza para persoas con mobilidade reducida sen ter a tarxeta ou empregar o permiso dunha persoa autorizada que non se atopa no vehículo supón unha sanción de 200 euros. Ademais, a persoa que falsifique ou modifique a tarxeta está incorrendo nun delito de falsidade documental, que implica unha pena de cárcere desde 6 meses ata 3 anos.
O edil Juan Carlos González apunta que “o noso obxectivo é que se cumpra coa normativa para que, desta maneira, as persoas con mobilidade reducida que precisan a súa praza de estacionamento poidan dispoñer dela”.