15.5 C
Pontevedra
Sábado, 4 de Maio de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas aproba por maioría absoluta os orzamentos de 2024

    Ponteareas aproba por maioría absoluta os orzamentos de 2024

    Os orzamentos para o ano 2024 xa están aprobados por maioría absoluta grazas aos votos a favor do equipo de goberno. O concelleiro de Facenda, Francisco Represas, indicou no pleno municipal onde se procedeu á votación definitiva que “por primeira vez nunha década, as contas do Concello de Ponteareas entrarán en vigor en tempo e en forma”. Os grupos da oposición, BNG, PSOE e PeC votaron en contra.

    Así, logo de que o Concello tivese o orzamento do 2022 prorrogado durante todo o ano 2023, a maioría absoluta do grupo de goberno permite que por primeira vez Ponteareas dispoña dunhas contas planificadas que dan resposta ás necesidades dos veciños e das veciñas desde o mesmo 1 de xaneiro.

    Ao orzamento, presentáronse doce alegacións das que se desestimaron nove e se incluíron tres. Trátase de modificacións que non afectan ás cifras totais dos ingresos, que ascenden a 20M de euros, nin aos 19,5 M de euros contemplados para o investimento na vila.

    Coas contas para o ano 2024, que xa están aprobadas de forma definitiva toda vez que se ratificou no pleno e logo de que a Deputación de Pontevedra o publicara no Boletín Oficial da Provincia, cúmprense demandas da veciñanza como é o aumento das horas de asistencia ás persoas dependentes do grao II e III do Servizo de Axuda no Fogar ata alcanzar o 100% ou o incremento nun 82% da partida destinada ao baleirado de fosas sépticas así como a construción da rede de saneamento da parroquia de Ribadetea para a que se destinarán 380.000 euros. De igual xeito, os servizos de emerxencias e de extinción de incendios contarán cun novo convenio co que se mellorará a súa capacidade e recursos.

    Ademais, coa aprobación definitiva das contas do Concello de Ponteareas, o equipo de goberno destinará unha partida de 3,9 M de euros aos servizos sociais, xuventude e voluntariado, unha contía que supón un 20 % do orzamento. Crearase a área infanto-xuvenil, mellorarase a xestión do centro de reparto de alimentos e, entre outras cuestións, incorporarase un servizo de acompañamento. Outra das partidas que destacan nas contas do Concello é a que se destina á recollida, eliminación e tratamento de residuos, dotada con 1,8M de euros e os 220.000 euros que se investirán no polígono industrial de A Lomba.

    Na partida de investimentos, salienta tamén o aumento nun 71 % das subvencións e nun 63% as achegas aos centros culturais así como os 600.000 euros que se destinarán á reforma da residencia de maiores ou os 400.000 euros para a rehabilitación da Ponte dos Remedios, entre outras cuestións. Do mesmo xeito, destaca o incremento do gasto dirixido a actividades culturais e festivas nun 554 % e dun 233 % para as actividades que teñen que ver coa promoción do deporte.

    Deste xeito, o Concello de Ponteareas contará para o próximo ano con máis de 20M de euros no apartado de ingresos e investirá na vila 19,5 M de euros. O superávit resultante, de 1,5M euros, destinarase a saldar a débeda municipal contraída polo anterior goberno.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.