6.2 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas aproba as bases reguladoras das subvencións para a rehabilitación de vivendas...

    Ponteareas aproba as bases reguladoras das subvencións para a rehabilitación de vivendas no casco histórico

    O Concello de Ponteareas, a través de resolución de Alcaldía, vén de aprobar as bases reguladoras de subvencións incluídas no Programa de Axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de Barrio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que poden chegar ata 30.000 euros.

    O obxecto das axudas é a achega de financiación aos veciños que leven a cabo obras de mellora da eficiencia enerxética nas súas vivendas, especialmente na envolvente dos edificios residenciais ou vivendas unifamiliares localizadas no ámbito da contorna Residencial de Rehabilitación Programada do Concello de Ponteareas ou ERRP Zona Vella de Ponteareas.

    Poderán beneficiarse destas axudas todas aquelas persoas físicas e xurídicas que non desenvolvan actividades económicas e concederanse segundo a orde de presentación da documentación completa segundo as zonas de actuación prioritarias, comezando pola Fase 1 ata a Fase 3, e ata esgotar o crédito dispoñible e tendo seis meses para a presentación da documentación como período máximo para cada fase.

    Para dar solventar as dúbidas que poidan xurdir entre os veciños e veciñas que poden acollerse a estas axudas, o Concello ten previsto levar a cabo unha xornada informativa antes do Nadal que será oportunamente dada a coñecer para chegar ao maior número de persoas posible.

    Un dos obxectivos do actual grupo de goberno é a recuperación do núcleo antigo da vila, coa recuperación da contorna e a súa posta en valor, e fomentando a fixación da poboación nesta área, unha meta que se apoia nestas axudas así coma en outras actuacións que xa se están a levar a cabo.

    Toda a información relativa a este programa de rehabilitación estará dispoñible para a súa consulta no Taboleiro de Anuncios do Concello de Ponteareas, e tamén na páxina web municipal. Este programa está financiado pola Unión Europea a través dos Fondos Next Generation e xa está publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra da Deputación Provincial, polo que dá comezo o período de exposición pública á cidadanía.

    Ligazón ás bases reguladoras no BOPPO:

    https://boppo.depo.gal/detalle/-/boppo/2023/12/01/2023072447

    Ligazón ao expediente no Sistema Nacional de Publicidad de Subvenciones y Ayudas Públicas:

    https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatorias/730237

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.