10.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas abre unha liña de axudas para colectivos de carácter social

    Ponteareas abre unha liña de axudas para colectivos de carácter social

    Poderán solicitarse durante 20 días naturais a partir da súa publicación no Boletín Oficial da provincia

    O Concello de Ponteareas convoca, un ano máis, a liña de subvencións para colectivos de carácter social, unhas axudas cunha partida de 8.000 euros e concedidas por procedemento de concorrencia competitiva ás que poden optar asociacións e entidades sen ánimo de lucro para a realización de programas sociais ao longo deste ano 2021.

    O prazo de admisión de solicitudes será de 20 días naturais a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

    O obxectivo desta convocatoria é apoiar ás entidades sociais para que desenvolvan programas orientados á prevención, asistencia, rehabilitación, integración social ou promoción do benestar social da veciñanza ponteareá. Estas accións e actividades deberán ir enfocadas á sensibilización da participación cidadá, á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, ao voluntariado social ou á atención de situacións de emerxencia social, entre outras.

    A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, salienta que con esta liña de axudas “buscamos apoiar na medida do posible o traballo que están a desenvolver as asociacións coa implicación da veciñanza, o que sen dúbida contribúe a mellorar a realidade do noso concello”. “As entidades que poden beneficiarse desta convocatoria realizan durante todo o ano un traballo que merece o noso recoñecemento, porque se esforzan en poñer en marcha programas e accións coas que atender ás persoas que máis o necesitan”, recalca a edil.

    Unha vez publicada a convocatoria no BOPPO, as bases poderán consultarse na páxina web do concello de Ponteareas no apartado de ‘Axudas e subvencións’.

    As entidades interesadas deberán presentar as súas solicitudes de forma telemática a través da sede electrónica do Concello.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.