Martes, 12 Novembro de 2024

O IES Val do Tea de Ponteareas pon en marcha a ‘Escola de Nais e Pais’

Abordarán a xestión do estrés, dos medos e inseguridades, da ansiedade e a frustración e a mellora da autoestima da man dunha psicóloga e pedagoga

Achegar ás familias recursos para mellorar a relación materno/paterno filial e ferramentas para afrontar e solucionar dun xeito máis efectivo as inquedanzas e problemáticas actuais na adolescencia é o obxectivo da Escola de Nais e Pais do IES Val do Tea que este martes día 12 arrinca cunha primeira sesión ás 18 horas aberta a toda a comunidade educativa con fillas e fillos en secundaria.

“Do mesmo xeito que o profesorado do noso centro educativo se forma a través dos Centros de Formación e Recursos da Xunta de Galicia e se deseñan e imparten charlas e obradoiros para o alumnado, cremos que pode ser útil e moi importante abordar coas familias e da man de expertos temas de interese para o benestar do alumnado”, explica Isabel Calvelo, xefa de estudos dos IES Val do Tea.

Baixo o título “Intelixencia emocional: Navegar sen naufragar no mar das emocións dos adolescentes” o vindeiro martes no seu salón de actos abordarán a xestión do estrés, de como afrontar a ansiedade e a frustración, a xestión de medos e inseguridades e a mellora da autoestima. Farano da man da psicóloga e pedagoga Luciana Maccio Pennisi “porque son as persoas expertas e que nos poden dar outra visión, outra estratexia e mesmo consideracións que nos axuden a entendelos, a detectar, a previr e a acompañalos nesta etapa da vida”.

A dirección do centro educativo considera indispensable a implicación das nais, pais ou titores na obtención de formación, consellos e coñecementos que axuden a educar á mocidade e recomendan seleccionar moi ben as fontes das que obter a información ao existir, hoxe en día, un amplo abano de datos e contidos que, ás veces, non están documentados por profesionais. Por este motivo, o centro educativo adianta que seguirá investindo esforzos e deseñando accións que axuden á comunidade educativa e animan ás nais e pais a participar porque son piares da crianza das súas fillas e fillos.