14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasConcellos galegos e portugueses do Eixo Atlántico interésanse pola caldeira de biomasa...

    Concellos galegos e portugueses do Eixo Atlántico interésanse pola caldeira de biomasa de Ponteareas

    Ponteareas aposta pola innovación, tamén no eido enerxético. Numerosos representantes de concellos galegos e portugueses do Eixo Atlántico estiveron este mércores na vila para manter un encontro de traballo e visitar “a caldeira de biomasa municipal e a rede de calor urbana, un campo no que Ponteareas foi tremendamente innovador”, segundo explicou o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

    A reunión estivo presidida pola alcaldesa de Ponteareas e presidenta do grupo temático, Cristina Fernández Davila, e propio Secretario Xeral do Eixo Atlántico, quen destacou a importancia de celebrar o encontro na vila “para que as cidades galegas e portuguesas que integran o Eixo se acheguen a este tipo de enerxía renovábel”. “Queremos que as nosas cidades aposten por este tipo de caldeiras, das que coñecemos algunhas das postas en marcha en Europa, algunhas moi avanzadas, e Ponteareas representa aquilo que levamos anos tentando trasladar ás cidades do territorio por enerxía, por medio ambiente e polo impacto importantísimo na prevención dos incendios, xa que contribúe á limpeza dos montes, un mal endémico tanto en Galicia como no norte de Portugal”, recalcou.

    A rexedora explicou ás máis de 40 persoas participantes no encontro como foi a creación desta rede urbana de calor con biomasa que nunha primeira fase dará servizo á residencia de maiores e ao centro de día, ao Centro Social, á escola infantil municipal e á Casa do Concello. Unha iniciativa que conta co financiamento de fondos FEDER da Unión Europea no marco da estratexia ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ coa que o Goberno municipal “aposta por sistemas eficientes e eficaces que supoñen non só un importante aforro económico tanto no gasto de consumo como de mantemento, senón que tamén diminúen considerablemente as emisións a atmosfera”. Nesta rede urbana de calor empregarase a estela como fonte de enerxía renovábel, substituíndo os actuais combustíbeis, gasóleo e electricidade, que se empregan nas instalacións municipais para calefacción e auga quente.

    Durante a reunión, o Grupo Temático de Sostibilidade Urbana do Eixo Atlántico avanzou no seu Plan de Descarbonización, un plan de acción co que reducir e optimizar o consumo enerxético en todos os ámbitos municipais, así como fomentar a produción local de enerxía renovábel sen que as cidades perdan competitividade nin se vexa minguada a calidade de vida da veciñanza.

    A este encontro tamén asistiron a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo; a segunda tenente de alcalde e concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote; así como os dous autores do Plan de Descarbonización, o catedrático en Ecoloxía Emilio Fernández Suárez e o experto en sostibilidade urbana Francesc Cárdenas. 

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.