14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasAbril, mes dos libros en Ponteareas

    Abril, mes dos libros en Ponteareas

    O ciclo comezará este 1 de abril con ‘Oito días sen Eva Cortes’, de Sara Vila Alonso

    Abril será o mes dos libros en Ponteareas. O Concello conmemorará o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, que se celebra o vindeiro 23 de abril, cun ciclo de presentacións de obras de escritores e escritoras da comarca ou vinculadas con Ponteareas. “Con esta actividade, ademais de homenaxear o soporte principal a través do que se comunica a cultura, buscamos destacar a importancia da creación literaria en todos os xéneros e para todas as idades”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

    As presentacións realizaranse todos os venres deste mes, agás o de Semana Santa, ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal. A entrada será libre ata completar aforo.

    A primeira cita será coa escritora das Neves Sara Vila Alonso e a súa obra ‘Oito días sen Eva Cortes’, gañadora do premio III Nova de Narrativa convocado pola Editorial Galaxia. A obra está centrada na desaparición dunha rapaza en Pontevella que sacode á sociedade mentres a prensa local comeza a furgar na súa vida familiar e nas relacións persoais. Moitos prexuízos e moita información morbosa nos medios de comunicación para facer dun suceso tan tráxico unha noticia sensacionalista. O diario da vítima, Eva Cortes; as novas do suceso e a visión dunha das xornalistas, Antía Ubeira, son as tres voces que narran esta trepidante novela.

    O vindeiro 8 de abril será a quenda da escritora Rochi Novoa Vázquez, que presentará a súa obra acompañada do guitarrista Daniel Soldevilla. O día 22, Francisco Álvarez, Koki, falará ao público de ‘Aldea Buxán’, un libro escrito por un emigrante que lembra o eido orixinario e ao que retorna coa memoria cada pouco. O ciclo pecharase o 29 de abril coa presentación de ‘As costas do alén’, obra escrita por Fernando J. Morado e ilustrada por A. Flaira María Rodríguez.

    “Continuamos cunha época de pleno esplendor na creación literaria na nosa vila, coa aparición de autores e autoras novas que temos que dar a coñecer á veciñanza”, asegura Groba, que salienta que este ciclo de presentacións “pecha a programación que abrimos cos obradoiros de escrita creativa e que alimentamos dende o Concello convocando certames e premios de creación literaria e investigación e publicando volumes cos textos premiados”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.