Mércores, 11 Decembro de 2024

A IX edición do Festival Groba converterá a Ponteareas na capital galega da música de cámara

O Concello destaca que este evento “democratiza a alta cultura” e xa forma parte do “noso ADN”

Ponteareas, un ano máis, converterase na na capital galega da música de cámara entre o 14 e o 20 de agosto coa IX edición do Festival Groba –en homenaxe do mestre Rogelio Groba–, que onte se presentou na Casa do Concello ponteareá. Durante estes días, preto dunha decena de intérpretes de todo o mundo compartirán a súa arte en distintos espazos do municipio, tanto ao aire libre como no auditorio municipal.

A alcaldesa, Cristina Fernández, destacou que este evento “democratiza a alta cultura”, e xa forma parte do “ADN de Ponteareas”. O Concello, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Fernando Groba, apoia con todos os medios dispoñíbeisun festival que este ano, debido á crise sanitaria, “é máis importante ca nunca”. “Estou segura de que a música axudará a mellorar a nosa saúde mental e cultural”, destacou Cristina Fernández, ao tempo que felicitou a Orquestra de Cámara Galega polo seu “gran traballo” na organización do festival.

O director artístico do Festival Groba, Rogelio Groba Otero, agradécelle ao Concello, á Deputación de Pontevedra, e á Xunta de Galicia, a súa aposta pola música e pola alta cultura. “Ponteareas é a vila das flores do Corpus, pero tamén das flores sonoras”, afirmou durante a presentación dun evento que traerá ao municipio “artistas de gran recoñecemento internacional”. Entre as propostas musicais que soarán entre o 14 e o 20 de agosto tamén haberá de compositores galegos, tomando especial atención a obra do mestre Rogelio Groba, que as seus 92 anos continúa compoñendo e xa suma 721 pezas.

Durante o acto tamén estiveron presentes a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, que quixo felicitar a organización polo “gran cartel acadado”, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que resaltou a labor do festival para glorificar a figura de Rogelio Groba Groba, un músico “moi admirado en Galicia e en toda España”.

A entrada ás actuación é de balde, pero as persoas que queiran aistir poderán facer as súas reservas na plataforma: https://www.eventbrite.es/