13.1 C
Pontevedra
Xoves, 2 de Maio de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA alcaldesa de Ponteareas logra o compromiso do delegado do Goberno para...

    A alcaldesa de Ponteareas logra o compromiso do delegado do Goberno para incorporar dúas novas rotondas ao proxecto da N-120

    A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, mantiveron este mércores un produtivo encontro no que participaron tamén membros do Goberno municipal do BNG-PSOE. Na xuntanza, a rexedora deu traslado das problemáticas existentes nas infraestruturas de competencia estatal como a N-120 e conseguiu a confirmación do representante do Goberno de España de incorporar ao proxecto de reforma desta estrada as dúas glorietas solicitadas polo Concello e a veciñanza na parroquia de Areas e na saída de Ribadetea.

    “Queremos seguir avanzando do xeito máis rápido posible na mellora da seguridade viaria da N-120 ao seu paso polas parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas, porque xa son moitas as persoas que deixaron a súa vida nesta estrada e iso ten que rematar. Por iso lograr este compromiso para nós é moi importante, e pedimos que se traballe coa maior celeridade”, salientou Fernández Davila.

    A alcaldesa tamén trasladou ao delegado do Goberno a necesidade de mellorar todo o treito da N-120 ao seu paso por Ponteareas, “especialmente na contorna do IES do Barral, que conta con case 400 escolares que teñen que camiñar a diario por unha estrada nacional sen beirarrúas nin medidas de seguridade máis que as adoptadas polo Concello diante do centro”. Ademais, Cristina Fernández amosou a súa preocupación polos continuos desprendementos de terra, pedras e árbores que se producen á altura das parroquias de Arcos, San Lourenzo e Santiago de Oliveira.

    Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia asegurou que se sigue avanzando no proxecto de mellora da N-120, cuxo seguinte paso é a aprobación definitiva para a contratación, e amosou tamén o seu compromiso por realizar reunións técnicas, manter un contacto permanente e informar de cada paso ao Concello.

    Ademais, Miñones gabou o gran labor e o esforzo feito polo Goberno municipal de Ponteareas para a captación de fondos de distintas administracións para continuar co seu proxecto de futuro na vila e “xerando, sen dúbida, novas oportunidades”. Así, destacou as axudas para a transición enerxética de preto de 5 millóns de euros do Ministerio para a Transición Enerxética a través de nove proxectos para facer de Ponteareas unha vila máis sostíbel, os 13 millóns de euros captados para a modernización integral do sistema de depuración e tratamento de augas residuais do municipio, as axudas para a dixitalización ou os 1,5 millóns acadados recentemente a través para o Plan de Sostibilidade Turística Condado-Paradanta Destino Gastronómico, do que forma parte o Concello de Ponteareas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.