A Entidade Local Menor de Vilasobroso decidiu dar continuidade á demanda xudicial iniciada contra o Concello de Mondariz para reclamar como mínimo o 25 por cento da recadación fiscal municipal correspondente aos seus habitantes, un dereito recoñecido na Lei de Administración local de Galicia que nunca se fixo efectivo.
“Tras décadas de negacións e silencio administrativo por parte do Concello, será a xustiza a que dea solución a esta demanda histórica”, afirma Alexandre Estévez, presidente da Entidade Local Menor de Vilasobroso.
A Lei de Administración Local de Galicia (artigo 164 relativo á facenda das entidades locais menores) recoñece o dereito das entidades locais menores a percibir como mínimo o 25 por cento dos impostos municipais correspondentes aos seus veciños e veciñas, a cambio do coidado do patrimonio e da limpeza de camiños “A participación nos impostos do Concello a que se refire a lexislación sobre facendas locais na contía que se estableza no decreto de creación. Esta participación non será en ningún caso inferior ao vinte e cinco por cento dos que se devenguen no ámbito territorial da entidade”, di textualmente a Lei 5/1997 do 22 de xullo. Vilasobroso é entidade local menor desde 1924, pero nunca recibiu esa recadación fiscal.
Esta “demanda histórica” pasou pola man de todos os alcaldes de Mondariz desde a democracia. Tentouse negociar durante o goberno de Juan Reboreda, aínda que se formalizou cando Francisco Rico era presidente da xunta veciñal da E.L.M. de Vilasobroso e Julio Alén alcalde Mondariz (ambos do Partido Popular).
Durante o goberno de Xoan Carlos Montes Bugarín (Alternativa por Mondariz) fíxose outro requirimento e emprazouse ás dúas administracións locais a negociar as competencias que se deberían asumir a cambio dos impostos, pero non houbo ningún avance.
A principios do 2019, en contra da Lei de Administración Local, negáronse de novo ás transferencias, aludindo irregularidades formais nun informe de Secretaría do Concello. Ante esta situación, Vilasobroso deu inicio a un contencioso administrativo similar ao que gañou Morgadáns, tamén entidade local menor, contra Gondomar.
“Somos partidarios da vía negociada e sabemos que o novo alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, defendeu o dereito das entidades locais menores ao 25 por cento cando era concelleiro do BNG na oposición, pero o contencioso continuará porque as transferencias non poden depender do alcalde de turno”, explica Alexandre Estévez, compañeiro de partido.
“Estas transferencias non deben ser vistas como un privilexio, senón como unha responsabilidade: ninguén mellor que nós, desde Vilasobroso, saberá como investir eses cartos; hai que fortalecer o modelo local e parroquial, defendendo os dereitos adquiridos, sobre todo no rural”, continúa.
Se a xustiza lle dá a razón a Vilasobroso a principios do ano que vén, Mondariz terá que ingresar anualmente 15.000 euros a esta entidade local menor, ademais de pagar os 6 anos anteriores que aínda non prescribiron.