O Casino de Vilasobroso, coa patrocinio institucional da Entidade Local Menor e o Concello de Mondariz e a colaboración económica da Deputación de Pontevedra, promove a realización do proxecto audiovisual “O Casino de Vilasobroso, de camiño ao Centenario (1924). Historia e personalidades” baixo a dirección do documentalista Xan Leira.
Este emprendemento de Memoria Local procura por en valor a historia centenaria do Casino de Vilasobroso e, a través dela, a historia social e humana da nosa veciñanza. Entre elas, salienta a figura poliédrica de Alejo Carrera Muñoz, figura fundacional do Casino e da propia Entidade Local Menor de Vilasobroso.
Coa intención de promover a participación da veciñanza neste traballo de recuperación e divulgación na Historia Local de Vilasobroso, realizarase un encontro-merenda para explicar as características do proxecto, o sábado 2 de outubro ás 18 hs, nas instalacións do Casino de Vilasobroso.
Obxectivos do proxecto
- Por en valor a historia do Casino de Vilasobroso no contexto da celebración do seu Centenario 1924-2024.
- Salientar as pegadas de Alejo Carrera Muñoz na vida económica, social e cultural de Vilasobroso.
- Investigar, analizar e divulgar os valores modernizadores e democratizadores dos casinos e nomeadamente o Casino de Vilasobroso.
- Recuperar e valorizar a memoria histórica democrática do movemento agrarista e galeguista na sociedade do seu tempo.
- Divulgar de xeito presencial e online o resultado do proxecto.