O Concello de Mondariz está a tramitar as solicitudes de axudas para os sectores económicos e comerciais máis afectados pola crise da Covid-19 nos anos 2020 e 2021 convocadas a mediados de decembro. Recibíronse unha vintena de solicitudes que agora están a ser estudadas polo persoal técnico da Administración local para posibles requerimentos de documentación, seguindo o procedemento.
Este programa de axudas está financiado con 12.943,52 euros procedentes dunha ampliación da Liña 2 do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra e se dirixe principalmente a pequenas e mediadas empresas (pemes) de até 10 empregados e profesionais autónomas con actividades radicadas no Concello de Mondariz e que se visen afectadas polas medidas do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, e as sucesivas prórrogas e medidas autonómicas adicionais.
“Antes de publicar as bases desta convocatoria de axudas nos reunimos coa oposición para consensuar aspectos importantes como os sectores beneficiarios”, indica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
Seguindo o criterio de caída da facturación polo peche perimetral e as restricións no horario de apertura dos establecementos, puideron beneficiarse deste programa de axudas negocios de hostalaría, autoescolas, talleres, perruquerías, florerías, taxis e similares radicadas no Concello de Mondariz e con autorización municipal para o exercicio da actividade correspondente. Os establecementos de alimentación, como supermercados, foron excluídos deste programa de axudas porque realmente non sufriron unha caída de facturación por mor da crise derivada da Covid-19.
Segundo se indica nas bases, o procedemento de concesión desta subvención consistirá en dividir o importe do crédito global entre as solicitudes que cumpran os requerimentos establecidos na convocatoria. Con todo, tamén se fixan uns máximos correspondentes ao tipo de negocio que van desde os 200 euros para os taxis até os 500 euros para a restauración.
“O Goberno municipal tamén se comprometeu a desenvolver unha campaña de promoción do comercio local, como axuda complementaria. Estamos traballando neste proxecto e trataremos de desenvolver unha campaña de promoción do comercio local nos primeiros meses do ano”, comenta Barros.