8.3 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz lembrará a figura de Castelao no aniversario do seu nacemento

    Mondariz lembrará a figura de Castelao no aniversario do seu nacemento

    O Concello de Mondariz xa está preparando actividades socioculturais para os primeiros meses do ano, coa cultura galega e a memoria histórica como eixes principais. Ás celebracións dos significativos días de Rosalía de Castro (24 de febreiro) e das Letras Galegas (17 de maio) súmase este ano o día de Castelao. “Sobre Castelao hai moita obra escrita, pero é importante reivindicar a súa figura e dar a coñecer o seu legado artístico e intelectual, principalmente á mocidade”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

    Así pois, para o 29 de xaneiro está programada unha xornada de memoria histórica arredor da figura e da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950) no auditorio municipal de Mondariz, na que participarán o cineasta Xan Leira e o do escritor Xurxo Martiz, ambos emigrantes galegos retornados con obras relacionadas con Castelao e o exilio galego.

    Xan Leira presentará o seu documental “Castelao e os irmáns da liberdade”, gravado entre 1999 e 2001 con testemuñas de numerosas persoas que coñeceron a Castelao e revelan como era percibido polos seus coetáneos. Xurxo Martiz, pola súa banda, presentará a tradución ao galego do libro “Castelao e os vascos”, de Iñaki Anasagasti. “Ter un coloquio cos autores enriquece enormemente esta actividade, como xa temos visto en anteriores ocasións, coas visitas de cineastas galegos/as como Óliver Laxe, Benedicta Sánchez, Amador Arias, Manuel de Lira, Federico Pérez, Paula Cons, Victoria Teijeiro,…”, sinala Anxos Carballo, concelleira de Cultura e Igualdade de Mondariz. “Máis que cantidade, buscamos un selo de calidade en todas as actividades socioculturais que programamos”.

    Máis actividades literarias programadas

    Para o mes de xaneiro tamén están previstas outras actividades relacionadas cos libros e a memoria histórica. O político Roberto Mera presentará o 22 de xaneiro en Mondariz a súa obra “Alejandro Viana”, publicada en setembro de 2021. Trátase dunha homenaxe ao seu tío bisavó Alejandro Viana, que fora deputado en Ponteareas durante a II República e, a raíz da guerra civil, axudou a milleiros de persoas en risco de represión e exiliadas en Francia a fuxir das forzas franquistas e nazis e atopar refuxio en América. A presentación do libro, porén, permitirá reflexionar sobre o exilio galego en América.

    En colaboración coa asociación ecocultural Búrbida, o 15 de xaneiro tamén se organizará na biblioteca municipal unha charla da profesora universitaria Patricia Carballal sobre Emilia Pardo Bazán e Mondariz.

    Para o último fin de semana de xaneiro, así mesmo, está anunciado o primeiro faladoiro literario mensual do club de lectura de Mondariz, creado por iniciativa dun grupo de veciños e veciñas da localidade e apoiado polo Concello de Mondariz a través da biblioteca municipal. A autora escollida para a lectura inaugural é Almudena Grandes, en homenaxe á súa longa e comprometida traxectoria nas letras.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.