Para un concello comprometido coa promoción da cultura galega como Mondariz, maio é un mes sinalado no calendario anual. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, é unha data que sempre se ten en conta na programación cultural de primavera, pero este ano a celebración da riqueza lingüística exténdese ao cinema galego cun ciclo que pon en funcionamento o novo equipamento audiovisual que foi instalado este ano no Auditorio do Centro Social de Mondariz.
Xela Arias, protagonista de dous eventos
A poeta Xela Arias, que é a figura principal do Día das Letras Galegas 2021, será obxecto dunha especial homenaxe ao aire libre nos Xardíns do Concello que contará coa participación do seu irmán, Juan Arias, e dos membros de “Desertores”, un dos grupos máis destacados da “movida viguesa”. Será un evento para recuperar a memoria de Xela Arias a través das persoas que a coñeceron como persoa e como creadora, un evento orixinal que combinará a conversa, os versos recitados e a música de “Desertores” escrita pola poeta na súa faceta de letrista. Para promover a accesibilidade, o evento cunha intérprete de lingua de signos.
Ademais desta homenaxe, o Concello de Mondariz organizará na Biblioteca Pública Municipal “Xoan Xosé Pérez Labaca” unha presentación de “Non te amola”, unha obra inédita de Xela Arias que foi publicada recentemente por Galaxia como libro ilustrado. O evento contará coa presenza de Francisco Castro, director de Galaxia, e de Luz Beloso, ilustradora do libro.
Espectáculo de teatro, música e humor para celebrar a lingua
Para o propio Día dos Letras Galegas está programada unha atractiva gala de variedades titulada “Tirando da lingua” no Auditorio do Centro Social de Mondariz Trátase dun espectáculo que combina teatro, música e humor, buscando a participación creativa do público e vertebrando o guión en torno á lingua e á fala de Galicia. O Auditorio do Centro Social de Mondariz, unha vez aplicadas as medidas correspondentes de redución de aforo, disporá de 80 butacas.
Ciclo de cinema galego para toda a familia
Desde a área de Cultura aproveitarase este mes de maio para pór en funcionamento o novo equipamento audiovisual instalado no Auditorio do Centro Social de Mondariz. Trátase dunha nova pantalla automatizada de grandes proporcións (6 x 5 metros) e dun proxector de alta calidade valorados en 9.680 € que foron financiados pola Deputación de Pontevedra, no marco do Plan Concellos 2020.
O ciclo de cinema do mes de maio incluirá filmes galegos para toda a familia: “Ons” (Alfonso Zarauza, 2020) e “A praia dos afogados” (Gerardo Herrero, 2015) para público adulto, e os éxitos de animación “A galiña Turuleca (2020) e “Maimiño e o espello máxico” (2014) para o público infantil.
Axenda eventos culturais do mes de maio
- Sábado, 1 de maio de 2021 (20h, Auditorio do Centro Social de Mondariz): proxección da película “Ons” (NR-12).
- Domingo, 9 de maio de 2021 (18h, Auditorio do Centro Social de Mondariz): proxección da película de animación “A galiña Turuleca” (público infantil).
- Sábado, 15 de maio de 2021 (20h, Xardíns do Concello de Mondariz): concerto-recital en homenaxe a Xela Arias, coa actuación do grupo “Desertores”.
- Luns, 17 de maio de 2021 (20h, Auditorio do Centro Social de Mondariz): gala “Tirando da lingua”, espectáculo de teatro, música e humor.
- Sábado, 22 de maio de 2021 (20h, Auditorio do Centro Social de Mondariz): proxección da película “A praia dos afogados” (NR-12).
- Sábado, 29 de maio de 2021 (20h, Biblioteca Pública Municipal de Mondariz): presentación do libro “Non te amola”, de Xela Arias.
- Domingo, 30 de maio de 2021 (18h, Auditorio do Centro Social de Mondariz): proxección da película de animación “Maimiño e o espello máxico” (público infantil).