Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño veñen de solicitar á Xunta de Galicia unha subvención para a realización dun obradoiro de emprego denominado ‘Sustentable’. A solicitude faise ao abeiro da convocatoria de subvencións para os obradoiros duais de emprego da Consellería de Emprego e Igualdade.
Este Obradoiro no que participarán 20 alumnos traballadores durante 9 meses, será solicitado conxuntamente polos dous concellos e nel impartiranse os certificados de profesionalidade de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, ámbolos dous de nivel 1 e Xestión de residuos urbáns e industriais e Limpeza en espazos abertos e instalación industriais ámbolos dous de nivel 2.

As prácticas profesionais desenvolveranse en ámbolos dous concellos con excepción do certificado de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes que se realizará íntegramente en Salvaterra de Miño, concretamente en Monte Castelo, Pesqueiras e o de Xestión de residuos urbáns que se realizará no Concello de Salceda.
Os obradoiros duais de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.