9.7 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasO Servizo de Apoio Psicolóxico á veciñanza de Salceda de Caselas cumpre...

    O Servizo de Apoio Psicolóxico á veciñanza de Salceda de Caselas cumpre un ano co apoio da Deputación

    A atención realízase cunha psicóloga e unha traballadora social, que atenden a preto de medio cento de persoas, boa parte delas menores

    O Gabinete de Atención Psicolóxica á veciñanza de Salceda de Caselas vén de cumprir un ano despois de ser creado polo Concello en xullo de 2020 co apoio económico da Deputación. O deputado Santos Héctor, acompañado da alcaldesa, Verónica Tourón, visitou hoxe as instalacións que o servizo estreou no Centro municipal de Servizos Sociais na rúa Coruña. Na visita participaron tamén a tenente de alcalde, Loli Castiñeira; a concelleira Gela Ledo e a psicóloga e a traballadora social do gabinete.

    O proxecto supuxo un investimento de 10.925€ financiados a través do Plan Concellos e permitiu dar resposta á necesidade dun servizo de apoio psicolóxico para a veciñanza, ademais de poñer en marcha unha escola de familias para o apoio na educación de crianzas e adolescentes. Ademais, o Gabinete ocupouse de realizar un labor preventivo en saúde mental a través de charlas informativas para a poboación en xeral e o alumnado. O novo servizo naceu dende a coordinación a partir con outros servizos municipais e a partir doutros programas anteriores como o Gabinete de Atención Temperá, o programa “Cultiva a Mente” e o II Plan Municipal de Igualdade. A día de hoxe conta con 49 persoas usuarias, das que a metade son menores.

    A acollida das persoas usuarias no servizo de apoio psicolóxico realízase a partir da derivación por parte do profesional de referencia. Durante a pandemia logrouse manter a prestación e habilitouse a posibilidade de solicitude telemática. En canto ás escolas de familia funcionaron en coordinación cos centros escolares e de xeito grupal. Finalmente, as charlas, terceiro eixe da actividade do Gabinete, abordaron temas como os hábitos de vida saudables, a prevención das drogodependencias e outras condutas aditivas, prevención do acoso escolar, do suicidio e outras temáticas de interese.

    O apoio da Deputación permitiu, ademais da posta en marcha, a dotación dos medios necesarios, como o equipamento informático, teléfonos móbiles e material básico de oficina. O Concello, pola súa banda, achegou o local. A xestión realizouse en colaboración coa asociación Avelaíña, que xa viña traballando neste eido. O horario de atención ao público cinguiuse ás mañás dos luns e tardes dos xoves para a atención psicolóxica, con periodicidade quincenal e en horario de tarde para a escola de familias e as charlas informativas con previa demanda. O Concello de Salceda xa tiña detectado a conveniencia de prestar este servizo de xeito integral para toda a veciñanza, pero a decisión reforzouse a partir da pandemia.

    O Gabinete de Atención Psicolóxica foi financiado a través da Liña 2 do Plan Concellos, destinada ao gasto derivado de realización de actividades culturais, sociais, deportivas ou turísticas, aínda que tamén permite cubrir débedas municipais con provedores ou entidades financeiras, e, ademais, o financiamento de liñas de axudas municipais para axudar aos sectores afectados pola pandemia. Durante o ano pasado, a Liña 2 permitiu financiar 164 iniciativas municipais por un importe próximo aos 2,8 millóns de euros, das que 109 se corresponderon con actividades culturais, sociais ou deportivas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.