Sábado, 3 Maio de 2025

O PSOE de Salceda reclama á Xunta que “consensúe o protocolo” para o inicio do próximo curso escolar

O PSdeG-PSOE de Salceda solicitará á Xunta consensue un protocolo de actuación contra o COVID19 e asuma os seus custes, presentando unha moción no próximo Pleno, sumándose así á iniciativa do PSdeG-PSOE a nivel Galicia. O PSOE local, a través da súa portavoz Verónica Tourón pide á Xunta “que asuma as súas competencias en educación” e subliña que para cumprir o protocolo que a propia Xunta estableceu, “é necesario máis persoal, máis docentes e instalacións axeitadas á nova normalidade”.

“É necesario un novo protocolo que poña por diante a saúde do alumnado e do profesorado, este non responde as necesidades, e priman criterios económicos por encima da protección a saúde”, sinalan as e os socialistas de Salceda ao mesmo tempo que explican que fan este requirimento porque consideran que o protocolo elaborado pola Consellería de Educación “suscitou rexeitamento polos docentes e familias” polo que, insiste o Grupo Municipal Socialista de Salceda, “é necesario reconducir a situación de maneira urxente”.

O certo é que o desenvolvemento do curso 2020-2021 é imprevisible dado o descoñecemento que aínda se ten sobre a posible evolución da pandemia do Covid-19. En consecuencia, “resulta difícil prever os escenarios aos que imos ter adaptarnos dependendo das circunstancias sanitarias que poidan darse”, afirma o PSOE que entende que “a previsión debe plasmarse nun protocolo para os centros, real e posible, que regule o desenvolvemento da súa actividade, tanto lectiva como dos servizos complementarios, como poden ser o transporte, a aula madruga ou comedor”.

O grupo municipal que encabeza Verónica Tourón pídelle á Xunta “que se reúna cos concellos, cos representantes do profesorado e das familias” ao obxecto de acadar un protocolo de inicio de curso “consensuado” e “coas máximas garantías posibles” para afrontar o período lectivo “adecuando os centros de ensino de Salceda á nova situación e garantindo as medidas de protección necesarias fronte á COVID-19”.

Tamén lembran as e os socialistas de Salceda que as instalacións de primaria e secundaria son insuficientes “e que así o levan reivindicando á Xunta durante moitos anos, situación que agora complica aínda máis a solución para a volta ao cole”.

No eido económico, a moción formulada polo PSdeG demanda á Xunta que habilite “os fondos extraordinarios necesarios” para que os incrementos de custes que teñen que asumir centros, ANPAS e concellos como consecuencia das medidas deste protocolo sexan asumidos pola administración autonómica, garantindo ademais o transporte e o comedor.