14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasMovemento Salceda estrea nova sede e chama á veciñanza a participar nun...

    Movemento Salceda estrea nova sede e chama á veciñanza a participar nun proxecto “para mellorar o municipio”

    “Sentimos orgullo de ser de Salceda e das súas parroquias”

    A apertura da súa nova sede, no número 46 da rúa Victoriano Pérez Vidal , renova o compromiso e aposta de Movemento Salceda pola proximidade coa veciñanza e  a aplicación de políticas útiles, pensadas para todas e todos por enriba de siglas e ideoloxías. A Asemblea Xeral celebrada na noite do xoves serviu de presentación do novo espazo da formación, e deixou unha sensación de optimismo, cun amplo grupo de simpatizantes que deron traslado das boas sensacións recollidas na rúa cara a Movemento Salceda e cara a laboura que se está a levar a cabo no goberno municipal tanto nos dous anos en que Loli Castiñeira ocupou a alcaldía como nesta nova etapa na que é o PSOE quen o fai, cumprindo deste xeito o pacto de goberno establecido para a lexislatura.

    A portavoz de Movemento Salceda e tenente de alcaldesa, Loli Castiñeira, explicou que a nova sede da Agrupación, moito máis visible e accesible que a anterior e con máis capacidade,  simboliza “unha maior apertura de Movemento Salceda a quen máis nos poida necesitar, e un maior apoio ás persoas máis desfavorecidas, loitando contra as discriminacións e vantaxismos, para facer unha sociedade máis xusta, como viñemos facendo ata agora. O novo local é un espazo aberto para aquelas persoas que sintan a Salceda no seu corazón e queiran contribuír a mellorala, e nese sentido animou á veciñanza a participar no proxecto ilusionante de unha Salceda mellor para todas e todos, uníndose a Movemento Salceda”.

    Tamén explicou brevemente o novo lema que figura xa na fachada da nova sede: Salceda importa máis: “Salceda importa moito de verdade, e dende esa idea é posible construír unha vila mellor achegándose a outras institucións , goberne quen goberne nas mesmas, reclamando os dereitos como municipio coa cabeza alta, con proxectos feitos, e petando nas portas que faga falta. Sentimos orgullo de ser de Salceda e das súas parroquias, somos un municipio diferente en moitos aspectos.Sentimos orgullo tamén das nosas persoas maiores, que fixeron posible parte do que hoxe somos, así como da xente que decidiu apostar por vivir aquí, aínda sen ter nacido aquí”, engadiu.

    Pola súa banda, Enrique Besada, Coordinador Xeral de Movemento Salceda afirmou que “queremos  sumar a todas as mulleres e homes que queren a Salceda e que creen que é posible dende abaixo levar adiante proxectos que beneficien o conxunto da sociedade local”. 

    Movemento Salceda traballa xa no  libro de ruta cara as próximas eleccións municipais baixo a dirección da Coordinadora, formada por 12 persoas que teñen ben claro que “non teremos a ningún gran partido político detrás pero teremos a xente de Salceda, que nos coñece, que sabe como traballamos, e que nos vai a dar unha oportunidade para construír, coa axuda de todas e todos”. 

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.