O concello de Salceda de Caselas en colaboración con AFAGA ( Asociación de Familias de Persoas Enfermas de Alzheimer e outras demencias de Galicia) vai desenvolver unha nova edición dos programas “Cultiva a mente” e “Estimulación cognitiva” no Centro Neuroactivo que se atopa na parroquia de San Xurxo.
Estes proxectos engloban a prevención e tratamento das demencias e a promoción de hábitos saudables a niveis cognivos e emocionais. As persoas participantes fano de xeito activo, nun programa formativo que explora as preocupacións e necesidades persoais, promocionando ferramentas que proporcionen hábitos saudables no cognitivo e afectivo do seu día a día.
Nese sentido, a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira asegura que son “coñecedoras do positivo destas accións no envellecemento saudable da nosa veciñanza. As persoas maiores cada vez están máis concienciadas e animadas a participar nestas actividades que xeran un gran interese e beneficio para os/as usuarios/as e tamén para as súas familias”. “Seguiremos a traballar para ampliar o ‘Salceda Activa’ con máis iniciativas”, asegura a rexedora local.
Este mes de febreiro arranca o novo cursos onde as persoas que asistan realizarán actividades de memoria, lóxica, planificación, orientación espazo-temporal ou organización, da man dunha psicóloga especializada na prevención, identificación e tratamento das enfermidades neurodexenerativas.
Tras a última visita da Alcaldesa Loli Castiñeira e da Concelleira de Benestar Social Selene González na que as persoas participantes mostraban a súa opinión positiva das actividades que alí realizaban, valorouse pertinente a ampliación deste servizo. Deste xeito, nesta nova edición 45 veciños e veciñas poderán participar no programa “cultiva a mente”, 15 máis que no curso 2023. Mantéñense as 10 prazas do programa de “estimulación cognitiva” algo especialmente importante para aquelas persoas que precisan unha atención máis individualizada contando este servizo con tres profesionais para desenvolver as súas sesións, con constante coordinación e orientación para as súas familias.
Febreiro será tamén o mes no que comecen os talleres de uso de móbil para as persoas maiores de 55 anos. Estes realizaranse no Centro Social A Devesa en colaboración coa Xunta de Galicia. O manexo básico do smartphone, coñecer as aplicacións útiles para a vida diaria, manexarse por internet de xeito seguro, coñecer aplicacións que favorezan o ocio saudable e a estimulación cognitiva, e utilizar dispositivos como gafas de realidade virtual ou bolígrafo 3D serán algúns dos contidos que as educadoras sociais da Función Esplai impartirán nestes talleres.