18.5 C
Pontevedra
Martes, 15 de Outubro de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoO Círculo do Porriño volve a abrir rúas a mulleres destacadas da...

    O Círculo do Porriño volve a abrir rúas a mulleres destacadas da Louriña nas súas instalacións

    A cantante Uxía, a actriz Janet Novás, a matrona e enfermeira Encarna Otero, a primeira directiva do CRC Blanca Emérita Rodríguez Pampillón e as panadeiras porriñesas serán as homenaxeadas para celebrar o 8 de marzo

    O Círculo Recreativo Cultural do Porriño (CRC) celebra un ano máis o Día Internacional da Muller coa iniciativa ‘Mulleres nas rúas’. Cinco mulleres vinculadas ao Porriño e ao propio CRC terán unha rúa co seu nome dentro das propias instalacións da entidade. O próximo xoves, ás 19:00 h, inauguraráse o novo rueiro nun acto aberto a toda a sociedade porriñesa.

    Logo do éxito que acadou o ano pasado esta iniciativa, o Círculo volve a reinvidicar o papel na sociedade de mulleres pioneiras, reinvindicativas, loitadoras, traballadoras, boas profesionais que merecen ser recoñecidas.

    Este ano, o Círculo abriralle unha rúa a Blanca Emérita Rodríguez Pampillón “Merucha”, a primeira muller en ocupar un cargo nunha xunta directiva do Círculo logo de traballar arreo xunto a outras mulleres para conseguir o voto feminino nas asembleas; Encarna Otero, matrona e enfermeira de ampla traxectoria que atendeu a moitas xeracións de porriñes@s con grande profesionalidade e agarimo. Sempre que alguén do Porriño entraba no hospital, aí estaba Encarna e a súa empatía. Ademais, foi membro do Grupo Micolóxico do CRC.

    Click para ampliar

    Tamén Uxía terá a súa propia rúa. É unha das artistas galegas máis internacionais e posúe un importante vínculo co Círculo, xa que foi o seu escenario un dos primeiros nos que a cantante galega deu os primeiros pasos da súa carreira.

    Tamén haberá outra rúa para Janet Novás, bailarina, actriz e creadora con moitos éxitos ás costas que levou os seus espectáculos a escenarios de medio mundo. Vén de gañar o Premio Goya á Mellor Actriz Revelación polo seu papel no filme “O Corno”.

    Por último, renderáselle homenaxe tamén ás Panadeiras porriñesas. Chinchina, Troca, Asunción, Erundina, Josefa, Emma,… todas esas mulleres traballadoras do pan que mantiveron e manteñen en pé o seu negocio con esforzo. Ademais, a meirande parte das panaderías do Porriño levaron sempre nome de muller o que é algo moi significativo.

    Durante un mes, poderá realizarse o percorrido polas instalacións do Círculo para descubrir a estas cinco mulleres, “primeiras de moitas ás que se homenaxeará en anos próximos”, e coñecer de maneira divulgativa as súas traxectorias.

    Desde o CRC animan tamén aos centros educativos do pobo a participar desta iniciativa didáctica organizando visitas co alumnado.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.