12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoA figura de Rosalía continúa moi presente no Porriño

    A figura de Rosalía continúa moi presente no Porriño

    Máis de 300 mozos do Porriño reuníronse hoxe aos pés da casa consistorial para render tributo a Rosalía de Castro, unha muller referente non só na literatura galega senón tamén do feminismo e compromiso coas causas sociais.

    No acto, organizado polos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de secundaria en colaboración coa Concellería de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, participaron o IES Pino Manso, o IES Ribeira do Louro, o CPR Hermanos Quiroga e o CPR Santo Tomás.

    O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo mostrar o seu agradecemento a toda a comunidade educativa por facer posible este emotivo acto xa que “a mellor maneira de manter viva a figura de Rosalía é a través das/os nenas/os e mozos/as, ninguén mellor que elas/es para trasmitir o seu legado de liberdade, igualdade e amor pola nosa terra”. No mesmo sentido se manifestou a concelleira de Normalización Lingüística e Educación, Carolina González, quen destacou o “Caldo de Gloria” que disfrutaron este ano como un símbolo “que nos lembre que con case nada, somos quen de sobrevivir e ademais ser felices, que é o máis importante”.

    A mañá estivo cargada de regueifas, da man de “Os Quinquilláns” e tamén de poesía e música, sen esquecer o remate de festa que o puxo unha cunquiña de “Caldo de Gloria” que degustaron xuntas/os na praza.

    Verbas para Rosalía

    Cada centro, ademais das súas actuacións, destacou no seu manifesto a importancia desta autora e de conmemorar este día. O CPR Hermanos Quiroga destacou o papel de Rosalía que para elas/es é “a voz dun pobo que ten fala de muller, feminina e feminista, a de todas as que levamos con orgullo na fronte unha estrela e no bico un cantar”. Un símbolo de “xustiza , é dor e é liberdade. Rosalía é todas e cada unha das que estamos e tamén das que non están. É cada recuncho deste país, é Ortegal e é o Miño. E é Cans, Atios, Torneiros, Budiño, Chenlo, Mosende e Pontellas e tamén é o Louro. Porque só aquelas voces que nos falan dende o máis fondo e con tanta verdade son quen de se alcumar a musa dos pobos”

    No mesmo sentido se manifestaron as/os alumnas/os do CPR Santo Tomás. “Ela é un exemplo en moitos aspectos: literario, moral e, por suposto, de superación e constancia. Rosalía viviu nunha sociedade patriarcal onde as mulleres parecían invisibles, ante isto? Seguiu, seguiu, seguiu e seguiu, ata que o conseguiu”, apuntaron, “Cabe valorar a súa valentía, xa que actuou como una auténtica heroína” e “con todas as complicacións que tivo, foi quen de facer rexurdir o galego”.

    Pola súa banda, o IES Ribeira do Louro puxo en valor a loita social da autora.“Usou a súa perspectiva para facer denuncias do que vía, do mundo do que era espectadora. E fíxoo dende a súa ollada de muller. Púxolles voz ás que tiñan que cargar co peso da familia e dos traballos, ás que tiñan que renegar de ter unha vida propia porque a moral da época llo prohibía”, afirmaron, “Ela foi sensible ás penurias do pobo, sen oportunidades, sen formación, sen alimento suficiente. Ela soñaba con un outro mundo posible. Se queremos serlle leal, debemos seguir soñando e axindo, como ela fixo, para poder alcanzar o soño”.

    Por último, dende a comunidade educativa do IES Pino Manso reflexionaron sobre a importancia da muller galega que tan ben puxo de manifesto Rosalía na súa obra. “Ela, observadora, sensible e afectada polos problemas que como muller padeceu e viu padecer, e cos que se solidarizou e denunciou ao longo da súa vida e da súa obra, puxo de manifesto a presenza pública das mulleres que sempre estaban pero que nunca aparecían” e puxeron en valor o papel das mulleres no Porriño, “Nós vivimos nun concello onde as mulleres traballan e traballaron sempre na casa, no campo … ese era un traballo implícito na súa condición feminina pero tamén eran panadeiras, peixeiras, costureiras, ían no tranvía a Vigo a vender o leite e xa despois traballaban como operarias nas fábricas que se foron instalando no Porriño ( Zeltia, Frigolouro…) ou no comercio que se foi desenvolvendo . Todas elas axudaron a construír a vila que somos hoxe”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.