A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, remitiulle onte un escrito a María Luisa Domínguez, nova presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), na que a rexedora local expresáballe a súa felicitación polo seu recente nomeamento, consecuencia da última remodelación ministerial realizada polo presidente do Goberno.
Na misiva, a rexedora porriñesa maniféstalle “unha alegría especial” polo seu nomeamento porque “é contigo e co teu equipo cos que vimos tratando a eliminación do paso a nivel; e polo interese amosado neste asunto”, indica Eva García.
A alcaldesa solicítalle expresamente á nova máxima responsable de ADIF “manter unha reunión oficial cando teñas un oco na axenda para aclarar algunhas cuestións, pola posible incidencia dos prazos ou, incluso, a reformulación do proxecto que está a realizar a consultora Priointec“.
Dáse a circunstancia de que nas últimas reunións que Eva García mantivo con ADIF en Madrid para dinamizar o proxecto de supresión do paso a nivel, María Luísa Domínguez, en condición de directotra de Planificación Estratéxica e Proxectos, foi a interlocutora principal da alcaldesa do Porriño nun clima de excelente cordialidade e colaboración.