8.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos inicia a posta en valor do Castro de Torroso coa compra...

    Mos inicia a posta en valor do Castro de Torroso coa compra de 2000 metros cadrados a particulares

    En marcha o proxecto que se presentará ante a Xunta de Galicia para logo poder comezar o procedemento de consolidación deste xacemento castrexo que é un dos máis senlleiros da comunidade autónoma galega, así como de maior interese científico e cultural

    A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polo segundo tenente de alcaldesa e concelleiro de Patrimonio, Leo Costas, asinaron esta semana ante notario a compra por parte do Concello de terreos no Castro de Torroso a dous particulares. Con esta adquisición dáse o paso necesario para poder iniciar a posta en valor do Castro de Torroso, un dos xacementos arqueolóxicos castrexos máis antigos de Galicia.

    A administración local mosense inviste na compra destes 2000 metros cadrados preto de 16.500 euros, fixando un prezo de 8,50 euros/metro cadrado.

    A superficie total do Castro é moito máis grande pero comezouse a adquisición de terreos nesta zona por ser onde xa se atopaban feitas as catas desde os anos 80 do século pasado. É dicir, trátase da parte na que as construcións castrexas xa se atopan descubertas e á vista. Estas parcelas corresponden á parte alta do Castro que é a máis cha, accesible e visitable.

    O edil de Patrimonio, Costas, e Arévalo, rexedora local mosense, declaráronse sobre esta sinatura “satisfeitos de ter podido concluír un procedemento complicado que levou tras de sí dous anos de investigación para poder lograr localizar aos titulares dos terreos adquiridos”. “Pechamos así, polo tanto, un círculo que dá solución a unha cuestión moi importante para posta en valor do patrimonio histórico e cultural mosense”, salientaron os representantes municipais.

    Nidia Arévalo e Leo Costas informaron que, unha vez comprados os terreos, xa se está a traballar no proxecto de posta en valor do xacemento de Torroso. Documento que, unha vez rematado, será presentado na Xunta de Galicia para poder iniciar o procedemento de consolidación do Castro. Por último alcaldesa e concelleiro avanzaron que no ano 2025 contémplase continuar coa compra de terreos a particulares no Castro de Torroso.

    Sobre o Castro de Torroso

    Este Castro é un dos máis senlleiros de Galicia, dos mellor estudados e dos de maior interese científico e cultural.

    Na primavera do ano 1983 descubriuse fortuitamente un xacemento en Torroso, moi preto do límite con Petelos, logo de que os temporais do inverno deixasen ao descuberto fragmentos cerámicos. As características morfolóxicas e técnicas destes vestixios motivaron o inicio dunha serie de escavacións, levadas a cabo entre 1984 e 1990 por Antonio de la Peña Santos, nas que se puido comprobar que se trataba dun xacemento castrexo.

    O Castro de Torroso é un dos máis senlleiros de Galicia, dos mellor estudados e dos de maior interese científico e cultural. Conta cunha extensión dunhas 2,8 ha e unha altura máxima de 137 metros que lle permiten dominar uns terreos moi aptos para o aproveitamento agrícola e forestal.

    Ao nordeste desta aldea fortificada prehistórica corre un regato que lle proporcionaba auga e pesca, ao igual que o río Louro, que flúe a 1,7 km do xacemento polo leste. Este río discorre ao longo dunha parte da Depresión Meridiana, unha grande fractura xeolóxica natural que une Tui con Padrón e que constitúe un lugar de paso natural privilexiado para o tránsito de persoas e mercadorías.

    No Castro de Torroso atopáronse gravados rupestres, cerámicas, obxectos líticos e pezas de metal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.