8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos empodera á muller na súa faceta laboral na presentación da programación...

    Mos empodera á muller na súa faceta laboral na presentación da programación do 8M

    O cartel conmemorativo protagonizado pola única alumna muller do curso AFD de soldadura, foi confeccionado pola especialidade de deseño gráfico do Obradoiro de Emprego Mos coa Mocidade

    A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, e a de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro; presentaron esta na Axencia de Colocación de Mos a programación conmemorativa do Día Internacional da Muller.

    Con esta presentación quíxose empoderar á muller na súa faceta laboral e visibilizar o feito de que as mulleres poden desenvolver calquera profesión, incluídos os históricamente considerados ‘traballos de homes’. Para elo a rexedora local mosense uniformouse coa indumentaria de soldadora para presentar o cartel conmemorativo xunto coa protagonista do mesmo, Tatiana González Arias, única muller que cursa o AFD (Accións Formativas para Desempregados/as) de soldadura que se imparte na Axencia de Colocación de Mos.

    O devandito cartel foi, así mesmo, deseñado por David Sánchez Freitas, alumno-traballador do Obradoiro de Emprego Mos coa Mocidade (especialidade de deseño gráfico), que tamén se está a desenvolver na Axencia de Colocación.

    Os alumnos-traballadores deste Obradoiro teñen un papel moi importante na programación do 8M deste ano pois foron os encargados de deseñar os 8 carteis que conmemorarán diariamente esta efeméride durante a semana do 1 ao 8 de marzo. Publicarase un cada día nas redes sociais e páxina web do Concello de Mos.

    Ademais permanecerán expostos en gran formato durante todo o mes de marzo nunha mostra que se poderá contemplar no exterior do Instituto das Pozas, na zona da entrada principal.

    Por outra banda o acto central do propio día 8 de marzo, celebrarase ás 16.30 horas da tarde e consistirá nun acto homenaxe ás 58 traballadoras do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) de Mos polo seu gran labor durante esta crise sanitaria.

    O persoal do SAF é un dos colectivos mosenses máis imprescindibles durante esta crise sanitaria. Ademais de non ter interrompido a súa actividade laboral en ningún momento da pandemia, cubriron tamén desde abril de 2020 o SAF Temporal Extraordinario activado pola Xunta de Galicia e nunca deixaron de prestar servizo nos domicilios das 114 familias ás que atenden, aínda que neles existise algún positivo por COVID-19. Para elo estas heroínas contan coa axuda e colaboración do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos e coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, que as acompañan aos domicilios para facilitarlles a colocación de todos os EPIs dos que teñen que ir provistas e á saída para a pertinente desinfección e retirada dos mesmos.

    As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, destacaron “a importancia fundamental deste colectivo de traballadoras que se volven imprescindibles en tempos como os actuáis, xa que moitos dos usuarios do servizo son maiores enfermos que viven sós, e sen elas quedarían desatendidos. Ademais ao ser Mos un Concello eminentemente rural, moitas familias elixen este servizo para garantir a atención aos seus maiores antes que un centro, por exemplo”, concluíron. Por último rexedora local e edil de Política Social insistiron no “importante papel que xogan as traballadoras do SAF nos Servizos Sociais Municipais e no gran vínculo e coordinación que manteñen coas Traballadoras Sociais deste departamento, para garantir que maiores e familias usuarios estean perfectamente atendidos cada día; de ahí que sexan sobradamente merecedoras desta homenaxe e de que lles dediquemos o Día da Muller”.

    Ademais a programación deste ano incluirá moitas outras iniciativas como a proxección da imaxe conmemorativa do Día da Muller na pantalla da rotonda das Angustias desde o 5 ata o 9 de marzo. A lectura dun manifesto no Campo de Fútbol das Baloutas previo ao partido na casa do U.D. Mos Feminino o domingo 7 de marzo. E unha programación diaria on line incluída no programa municipal Vive Mos nas Redes mediante a que todos os días publicarase no Facebook do Concello a historia dunha muller emblemática e/ou referente así como outro tipo de diferentes actividades tales como un monólogo, accións relacionadas coa muller conmemorativas do Día da Poesía o 21 de marzo… etc.

    Por último entre as concellerías de Política Social e Igualdade e Mocidade organízase o concurso de TikTok “Mos pola igualdade”, certame que, ao redor do hashtag #Mosporlaigualdad, recompilará vídeos na rede social TikTok para concienciar e loitar pola igualdade de xénero e en oposición ao machismo. Formar parte do certame é tan sinxelo como subir un vídeo á plataforma Tik Tok co hashtag do concurso e encher un formulario de inscrición (onde tamén se poden consultar as bases).

    A temática do certame é todo o que concerne á loita pola igualdade de xénero (igualdade no deporte, en oportunidades laborais, en tarefas domésticas, denuncia de relacións tóxicas, oposición ao machismo, empoderamento, detección de micromachismos, loita contra a violencia de xénero…). A duración máxima dos vídeos será de 60 segundos, e pódense utilizar todas as posibilidades creativas que proporciona a propia rede social TikTok.

    O certame conta con dous premios, un primeiro premio dotado con 200 euros e un segundo premio dotado con 100 euros. A data límite para a inscrición é o 12 de marzo e os gañadores daranse a coñecer o 16 de marzo. A iniciativa atópase encadrada dentro do proxecto nacional “Rodando pola igualdade”, que aglutinará numerosos certames locais similares con temática de igualdade de xénero, que sumarán forzas no obxectivo común da concienciación pola igualdade e a loita contra o machismo. As obras gañadoras de cada certame local competirán entre elas para dirimir cal é a mellor obra a nivel nacional, premio cunha dotación económica de 500 euros que se dará a coñecer o 25 de marzo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.