20.5 C
Pontevedra
Xoves, 9 de Maio de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMoción conxunta de apoio aos traballadores de Faurecia

    Moción conxunta de apoio aos traballadores de Faurecia

    O Pleno de Mos aprobou onte por unanimidade a moción conxunta de toda a Corporación Municipal de apoio a Madera Fiber Technologies (antiga Faurecia Interior System) ante a presenza, no Pazo de Mos, dun grupo de traballadores afectados que, a través dunha representante dos mesmos, Marta Méndez Senlle, fixo lectura da devandita moción que se someteu a votación.

    Dende o comité de empresa de Madera Fiber Technologies Porriño púxose en coñecemento da Inspección de Traballo a cesión ilegal dos seus postos de traballo, sinalando que Faurecia segue a ser o seu cliente principal, e que polo tanto os máis de 100 postos de traballo cedidos de Faurecia Interior Systems de O Porriño (agora Maderas Fiber Technologies) a un fondo voitre fíxose de forma fraudulenta, feito xa constatado pola propia Inspección de Traballo, que indica que existe unha posible cesión ilegal deses postos de traballo, e así se transmite ao Xulgado do Social nº 7 de Vigo.

    Ademais no concello de Mos hai 6 familias veciñas afectadas por esta situación, ademais dos empregos indirectos (por exemplo limpadoras de FADEMGA, centro das Escravas da Virxe Dolorosa) que ven como dun xeito tan sinxelo se pode desmantelar unha unidade produtiva deixando sen expectativas a moitas familias.

    É por elo que dende o comité de empresa solicitaron implicación das distintas administracións públicas, entre elas a administración local mosense, para tentar darlle viabilidade á empresa e darlle continuidade aos seus postos de traballo. Así foi como se decidiu presentar a moción conxunta da Corporación Municipal mediante a que se aprobou por unanimidade a adopción dos seguintes acordos:

    1. Apoio ás familias afectadas por esta situación, concretamente ás familias veciñas deste Concello.

    2. Instar á Xunta da Galicia, Consellería de Economía, Industria e Innovación, IGAPE, e todas as administracións que dalgún xeito poidan mediar neste conflito, para poder buscar unha solución que pase por manter os postos de traballo.

    3. Buscar inversores que intercedan para poder darlle viabilidade a unidade produtiva do Porriño.

    A alcaldesa, Nidia Arévalo, xa se reunira a principios deste mes co Comité de Empresa e e adquirira o compromiso de intermediar ante as administracións supramunicipais para poñer en marcha todos os instrumentos posibles que permitan manter os devanditos postos de traballo.

    Arévalo, na xuntanza celebrada o pasado día 4 do presente no salón de sesións do Concello, co Comité de Empresa de Madera Fiber Technologies ex Faurecia Interior Systems, xa lles manifestara o total apoio da administración local mosense na problemática laboral que comezou no 2021 e vénse agravando desde principios do presente ano 2023.

    O Comité de Empresa reuniuse xa tamén coa conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.

    A situación de Faurecia Porriño pon en perigo centos de empregos na comarca e, entre eles, moitos traballadores e traballadoras veciños do Concello de Mos.

    En xullo do ano 2021 o Grupo Faurecia comunica ao Comité de Empresa a venta da unidade produtiva ao grupo Callista Private Equity, venta que culminou coa toma do control da fábrica de Faurecia Porriño por parte dos novos propietarios o 1 de xaneiro de 2022. Os representantes do Comité de Empresa declaran a este respecto que “a realidade que puidemos comprobar foi que nunca tiveron un plan industrial nin investiron nada para telo, senón todo o contrario, adicáronse a descapitalizar a planta, chegando incluso a vender os terreos”.

    En febreiro de 2023 Callista Private Equity abandona a antiga planta de Faurecia Porriño cedendo os activos a unha empresa Rumana xestionada polo Sr. Rüdiger Wisser, que deixa claro dende o primeiro momento que non vai investir nin ten interese en xestionar a actividade, -segundo explican os traballadores- e o pasado xoves día 14 de setembro se anuncia aos traballadores por parte dos seus avogados, que se acababa de presentar un concurso de acredores.

    Así, o Comité de Empresa lamenta que “nesta trama non podemos perder de vista que o principal cliente foi e segue a ser Faurecia, precisamente o que iniciou este proceso que vai deixar a máis de 100 familias sen emprego. Trátase dunha manobra na que unha multinacional pode pechar un centro de traballo dunha forma sinxela, para evadir desprestixio e responsabilidades económicas, e se o fai FAURECIA – FORVIA o poderá facer calquera auxiliar da automoción que pertenza a unha gran multinacional”.

    O Comité de Empresa de Faurecia xa mantivo no pasado reunións co IGAPE e coa Inspección de Traballo para alertar da situación que se estaba a producir.

    Desde Mos tentarase agora poñer en marcha todos os instrumentos posibles que teña a administración para buscar uns inversores serios, e poder manter os postos de traballo. Mediación neste conflito laboral, imprescindible para poder atopar unha solución para manter oa máis de 100 postos de traballo que están en xogo e en risco.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.