12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosA Xunta avanza que Mos disporá de axudas para construír vivendas protexidas

    A Xunta avanza que Mos disporá de axudas para construír vivendas protexidas

    A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recordou á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que os fondos europeos que xestiona a Xunta prevén un programa para impulsar proxectos para a construción de novas vivendas protexidas no Concello.

    Ángeles Vázquez mantivo a semana pasada unha reunión con Nidia Arévalo, na que coñeceu os proxectos de interese municipal nesta materia, que se centran en desenvolver un novo ámbito residencial na contorna urbana de Pozas, na parroquia de Petelos.

    A rexedora sinalou que, a priori, representa un ámbito óptimo para o desenvolvemento do proxecto, xa que acolle varios centros formativos e edificios deportivos e culturais. Por este motivo, a conselleira comprometeuse a colaborar co Concello na tramitación urbanística necesaria para o desenvolvemento desta actuación, así como na solicitude de axudas ao abeiro das convocatorias ás que desexen optar.

    Así mesmo, é intención do Concello a apertura dun rexistro municipal de demandantes para estas vivendas, a maiores do rexistro oficial autonómico, para valorar e ter unha estimación máis axustada coa realidade respecto do volume de poboación interesada en solicitalas.

    Pola súa banda, sobre o novo programa de axudas, a conselleira explicou que ao longo do actual trimestre se publicará a convocatoria e estará dirixida concretamente á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, cun orzamento de 16,1 millóns de euros.

    As axudas están dirixidas a promotores, empresas e sociedades de carácter público ou público-privado, que poden optar a 50.000 euros por cada vivenda construída, co obxectivo de poñer no mercado máis inmobles protexidos en réxime de alugueiro.

    A conselleira e alcaldesa coincidiron en que este programa representa unha boa medida para facilitar á mocidade de Mos, concretamente, unha oportunidade para acceder ao seu primeiro fogar, ao tempo que se enchen de vida e de dinamismo outras zonas do municipio.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.