9 C
Pontevedra
Xoves, 2 de Maio de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoPuri Ameixide presenta en Tomiño a súa obra 'Claro de lúa'

    Puri Ameixide presenta en Tomiño a súa obra ‘Claro de lúa’

    Unha boa dose de humor e de amor para unha nova sesión do Outono de Libros este venres 20 no mercado municipal de Tomiño. A escritora e profesora do IES Antón Alonso Ríos, Puri Ameixide, presenta esta semana a súa obra ‘Claro de lúa’, unha homenaxe ás grandes novelas decimonónicas ambientada a comezos do século XIX na Guarda e a súa contorna.

    Neorromanticismo miñoto que sorprende ao lector e lectora cos ecos de Jane Austen, Charlotte Brönte, Leon Tostoi ou Otero Pedrayo que a escritora agocha entre as súas páxinas, reminiscencias arroupadas polo piano da famosa sonata de Beethoven. Unha novela no que Ameixide despregou abondosas pontes referenciais a nivel histórico, político, literario, musical… para dar vida a unha novela que pode acadar distintas lecturas segundo a experiencia do público.

    Trátase dun relato costumbrista que recolle a vida tranquila na vila mariñeira da Guarda. Nela, Rosa, unha rapaza orfa e pobre, ve morrer á anciá señora á que coidaba e sente que todo o seu mundo se derruba. Un forasteiro, don Leandro, chega para facerse cargo da herdanza da muller e pouco a pouco aprenderá a valorar as bondades do lugar, das xentes e do tipo de vida que alí se lle ofrece, polo que decide quedar. Os traballos e os días, os amores e desamores, parecen dirixirse cara a un final feliz cando se produce a invasión francesa. O paso das tropas napoleónicas pola vila afectará as súas vidas para sempre.

    A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a participar nesta terceira sesión do Outono de Libros, unha iniciativa “coa que queremos destacar a importancia que ten a creación literaria en todos os xéneros e a calquera idade e facelo dando tamén a coñecer a tomiñeses e tomiñesas ás e aos novelistas que teñen ao seu carón, como é a propia Puri Ameixide, docente no noso instituto dende hai moitos anos”.

    A sesión deste venres 20, dirixida a todos os públicos, será de balde e celebrarase a partir das 20.00 horas no Mercado Municipal de Tomiño.  

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.