14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalCafés a prol da igualdade no Rosal

    Cafés a prol da igualdade no Rosal

    Os encontros serán o último xoves de mes ata maio de 17.30 a 18.30 h en establecementos hostaleiros rosaleiros

    Crear un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de temas de interese, unha burbulla de lecer persoal dunha hora ao mes na que poder conversar como se se estivera cun grupo de amigas. Ese é o obxectivo dos ‘Cafés en igualdade’, unha iniciativa posta en marcha polo Concello do Rosal  que arranca este mes de xaneiro e que busca ser un balón de osíxeno para todas aquelas mulleres que loitan cada día para conseguir unha conciliación familiar, laboral e persoal real.

    “Cando falamos de conciliación sempre pensamos na necesidade de compatibilizar o traballo remunerado co doméstico e coas responsabilidades familiares. Non obstante, non debemos esquecer que tamén é moi importante dispoñer de tempo para o desenvolvemento persoal de cada unha. E iso é precisamente o que queremos crear cos ‘Cafés en igualdade’, un recuncho no que deixar a un lado todas as obrigas diarias para conversar con outras mulleres como se estiveramos cun grupo de amigas”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

    O obxectivo é planificar encontros interesantes para mulleres nun horario diferentes, moitas veces aproveitando os tempos mortos de obrigas cotiás como poden ser as esperas mentres fillos e fillas están nas actividades extraescolares. Por este motivo a actividade desenvolverase soamente os últimos xoves de cada mes ata maio en establecementos hostaleiros do Rosal e durarán 60 minutos en horario de tarde (de 17.30 a 18.30 horas. Como salienta a rexedora, “queremos crear un ambiente íntimo compartido entre mulleres mo que a relatora máis que unha persoa que expón un tema sexa quen de acompañar e interactuar coas persoas asistentes, creando un espazo de confianza cómodo e agradable”.

    Os ‘Cafés en igualdade’ arrancarán este xoves 26 de xaneiro falando de ‘Deporte e autocoidado. Actividade física, solo pelviano, saúde e benestar, efectos positivos que achega unha vida activa’. Será na Cafetería Juan, na rúa de Couso, e estará impartida por Ana González Portela, licenciada en deporte e actividades físicas e directora da piscina municipal da Guarda. O 23 de febreiro a charla estará centrada na maternidade, nas expectativas xeradas fronte á realidade, a frustración, os embarazos desexados e non cumpridos e a maternidade como elección e non como obriga. Será na Cafetería Nenza Xida, na Praza do Calvario, a cargo de Angelina Gándara, educadora social con ampla experiencia na formación a familias e coordinadora do programa ‘Somos familia, somos equipo’.

    O 30 de marzo será a quenda de falar de empoderamento feminino e o rol das mulleres como coidadoras, como obriga ou satisfacción. Celebrada na Cafetería Liga de Amigos, na Praza do Calvario, a charla será impartida por Sara Uris, mestra e especialista en xénero e igualdade e creadora de Transformando Realidades. O xoves 27 de abril o tema será saúde integral feminina, sexualidade e pracer feminino, menopausia, sexualidade integral… A cargo da pedagoga, sexóloga, especialista en xénero e responsable de ‘Con xeito Sexología’ Erea Devesa, a charla será no Espazo Gastronómico Anexo ao Mercado, na Praza de Calvario.

    Esta primeira edición dos ‘Cafés en igualdade’ rematará o 25 de maio cun encontro no que se abordará a presión estética, a ditadura da beleza feminina, os estereotipos de beleza e moda e a súa relación coa anorexia e a bulimia. Desenvolverase no Espazo Gastronómico Anexo ao Mercado, na Praza do Calvario, e será impartida por Andrea Iglesias, neuropsicóloga clínica e psicóloga xeral sanitaria especialista en saúde mental e terapias psicolóxicas.

    O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.