18.9 C
Pontevedra
Xoves, 21 de Setembro de 2023
Máis
    HomeA ParadantaCrecenteCrecente gozará dunha fin de semana musical coa Deputación

    Crecente gozará dunha fin de semana musical coa Deputación

    Esta fin de semana chega cargada de música ao Concello de Crecente, que desfrutará de dúas actuacións da man da Deputación de Pontevedra. Por unha banda, a cantante Erea Castro ofrecerá un concerto este venres 18 de agosto ás 22:00 horas na praza do Concello, enmarcado no programa provincial “Musigal”. Pola outra, o ciclo provincial “Música no Ar” propón este sábado 19 de agosto un recital a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo na Igrexa de San Pedro de Crecente, ás 20:00 horas. Ambas as dúas actuacións son gratuítas.

    No caso do recital de Erea Castro, esta cantante de Salvaterra propón unha fusión entre a sonoridade do fado, o folclore miñoto e os ritmos latinos. A artista reivindica a través da súa música a cultura dos espazos transfronteirizos, froito dunha formación na que creceu escoitando a constante mestura musical entre España e Portugal. Nos últimos anos ten compartido escenario con referentes da música lusa como Marco Rodrigues ou José Cid. A banda que a acompaña está formada por recoñecidos músicos portugueses, entre eles Pedro Viana, Bernardo Viana, Frederico Gato, Sertorio Calado e Valter Rolo. A súa actuación está financiada polo programa “Musigal”, que busca contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e mais fomentar o uso e a normalización social da lingua.

    Ademais, “Música no Ar” chega a Crecente coa proposta de Nuria Lorenzo e Alejo Amoedo. O espectáculo que ofrecerán o sábado leva por título ‘Cantares de lúa’, e reúne poemas de autores como Curros Enríquez, Rosalía de Castro ou Gabriela Mistral, musicados por compositores como José Baldomir ou Juan Durán. Este programa da Deputación está a levar este verán quince actuacións de música clásica e de cámara a espazos singulares da provincia como museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castrelos, pazos ou fortalezas.

    A mezzosoprano viguesa Nuria Lorenzo acumula unha extensa traxectoria profesional como cantante lírica e directora coral, coroada no 2015 coa Medalla de Prata Galega Destacada 2014. Ten dado recitais por toda a xeografía española e parte de Europa e participou nas temporadas líricas nacionais, cantando en teatros de España como o Liceo de Barcelona, o Palacio Euskalduna de Bilbao, o Teatro de la Zarzuela de Madrid, o Palau de la Música de Valencia, o Auditorio de Galicia en Santiago ou o Teatro Afundación de Vigo, xunto a recoñecidas voces internacionais como Carlos Álvarez, Ainhoa Arteta, Mariola Cantarero, Zapata, Fiorenza Cedolins, Gregory Kunde, Daniela Barcelona, entre outros.

    O pianista redondelán Alejo Amoedo está especializado no repertorio de compositores galegos. Doutor pola Universitat Politècnica de Valencia, ten editado varios traballos discográficos, nos que destaca a ‘Antoloxía de compositores galegos’ ou ‘Cantos á natureza’. É catedrático de Música e Artes Escénicas na especialidade de Repertorio para Piano con Instrumentos, que ensina no Conservatorio Superior de Música de Vigo. É membro fundador da Irmandade da Música Galega, que ten como obxectivo a preservación e divulgación da música galega, e tamén integrante da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega.

    Despois deste recital, o programa “Música no Ar” continuará o 24 de agosto no Pazo Pegullal de Salceda de Caselas e o día 27 na Igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei. En setembro terán lugar as dúas últimas citas do programa, cun concerto no Castelo-fortaleza de Dona Urraca en Salvaterra de Miño (o día 9) e outro no Santuario da Franqueira da Cañiza (o día 10).

    COLABORACIÓNS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.

    Fabio Rivas, «A pintura debida»

    Ás veces atopamos sorpresas inesperadas que nos fan sorrir e confiar na saúde da nosa literatura.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    89 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS