11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelXavier Alcalá, «Cartas ao Cholo»

    Xavier Alcalá, «Cartas ao Cholo»

    O ano pasado, Xavier Alcalá publicaba «The making of», unha peculiar novela na que relataba a historia de Alfredo Mosquera, “O Coghomelo”, emigrante galego na Arxentina de mediados de século e na que, paralelamente á narración en si, debullaba o proceso de investigación previo que o levou a desentrañar tan peculiar historia. Naquel proceso tiña un papel moi relevante o xornalista vocacional e amigo persoal do propio Alcalá Antonio Rey Flórez, máis coñecido como O Cholo, que dende a Patagonia fixera un importante traballo de documentación para que tal relato vise a luz.  

    Dáse a circunstancia de que a publicación daquel libro veu coincidir co pasamento do Cholo, polo que Alcalá quixo renderlle a súa particular homenaxe sacando á luz este monllo de cartas. Dito isto, convén sinalar que non nos estamos a entremeter na intimidade destes dous homes ou, cando menos, non máis do debido, pois esta correspondencia xa vira a luz a través do xornal “Galicia en el mundo” nos anos 90. De certo, estes textos son artigos xornalísticos redactados a modo de misiva entre ambos protagonistas. Cómpre sinalar que o presente volume recolle as cartas de Xavier Alcalá publicadas entre 1994 e 1996, que a relación epistolar se mantivo ata 2001, e que o propio escritor xa anunciou que se está a preparar un segundo volume con novas cartas/crónica.

    Explicado isto, gustaríame determe no contido deste libro. Ao longo das súas crónicas e da súa persoal visión do que está a acontecer na Galicia daquel tempo, Alcalá vaille relatando ao seu amigo algúns dos sucesos máis relevantes da época. Poderiamos considerar a súa lectura, xa que logo, como un exercicio de nostalxia para os que vivimos momentos tan convulsos, ou unha forma de aprendizaxe da nosa pequena historia para os máis novos. Dende este lado do océano, ofrécelle a quen está fóra unha visión global, coas súas virtudes e os seus defectos, deste “Impaís”, como a Alcalá lle gusta chamalo. E tamén novas sobre personaxes coñecidos e amigos comúns, algúns deles mesmo protagonistas daquel tempo.

    Pero hai algo aínda máis interesante que, voluntaria ou involuntariamente, agroma entre as liñas destas cartas/crónicas. Xa aclaramos dende o principio que os protagonistas estaban xunguidos por unha amizade de longo percorrido e, ao meu entender, ese sentimento amósase con contundencia en cada un dos textos que compoñen este volume. Referencias persoais, expresións coloquiais, un tratamento moi achegado e unha maneira de contar como a que teriamos cun verdadeiro amigo, enchoupan de cercanía e de complicidade as palabras do autor e denotan un sentimento profundo. Non é doado acadar ese nivel de intimidade nun artigo que sabes que vai ser publicado e lido a ambos lados do océnao, polo que é posible que non estivese moi atinado ao afirmar máis arriba que non nos estamos a entremeter na intimidade destes dous homes. Porque, de certo, percorrendo este libro adentrarémonos de cheo nunha relación ateigada de apertas e de chiscadelas cómplices á beira dun bo viño en calquera taberna de Galicia ou da Patagonia…

    Xavier Alcalá

    Cartas ao Cholo

     

    Medulia Editorial
    224 páxinas