O traballo que hoxe traemos a este andel é o froito dunha longuísima investigación que se estendeu arredor de 20 anos e do empeño persoal do autor por rescatar do esquecemento a unha das figuras máis senlleiras e descoñecidas da nosa historia recente. Neste empeño xoga moito a vinculación familiar entre un e o outro, mais iso non debe facer esquecer o papel de Alejandro Viana Esperón, empresario ponteareán e deputado republicano de esquerdas durante o estourido da Guerra Civil e responsable da organización da saída de miles de refuxiados españois no exilio e da súa acollida en distintos países de Sudamérica.
A pesar da numerosísima documentación recollida polo autor para alicerzar a súa biografía, que nos fala dunha orixe humilde, do éxito como empresario en Vigo a finais do século XIX, do seu papel relevante na sociedade da cidade olívica, da súa vinculación cos movementos políticos da época, mesmo da súa etapa como concelleiro ás ordes de Gregorio Espiño, Roberto Mera quixo centrar este traballo nun tempo moi concreto no que desenvolveu a que, con toda seguridade, poderiamos cualificar como a etapa máis intensa e de maior relevancia da súa vida. O levantamento militar que remataría coa II República atopouno, aos seus 59 anos, en Madrid, en calidade de deputado das Cortes Españolas, para facer entrega do Estatuto de Autonomía de Galicia votado apenas unhas semanas antes. Viana formaba parte, xa que logo, e en calidade de deputado electo, da estrutura de goberno contra o que se produciu o golpe de Estado, o que forzou a necesidade de fuxir do país nos últimos estertores da guerra. Exiliado en Francia, asume diversas responsabilidades no SERE (Servicio de Evacuación de Refuxiados Españois) colaborando de maneira activa e desinteresada na saída do país veciño de preto de 17.000 refuxiados españois, que viaxaron na trintena de expedicións argalladas polo SERE ou en viaxes en liñas regulares financiados por este operativo. A práctica totalidade con rumbo a países do outro lado do Atlántico.
As liortas internas entre os membros do goberno no exilio e máis a invasión de Francia por parte do exército nazi durante a II Guerra Mundial, dificultaron enormemente o traballo desenvolvido por esta organización. Os integrantes do SERE foron ninguneados polo goberno francés e acosados de distintas maneiras polos nazis, o que provocou que o propio Viana tivese que fuxir en dirección a México, onde pasou os seus derradeiros anos e onde fica soterrado, lonxe do seu berce.
O traballo de Roberto Mera está escrito nun estilo directo, case xornalístico e ateigado de referencias documentais, ás veces excesivamente esquemático (entendemos que polo esforzo de reducir a enorme cantidade de información acumulada sobre Viana en todo este tempo), mais é capaz de manter certa frescura na lectura converténdoo case nun relato novelesco de intriga política. A estrutura fraccionaria e a brevidade dos capítulos colaboran nesa sensación e arrastran ao lector ao longo das súas páxinas. Entre liñas advírtese a devoción que o autor profesa ao seu devanceiro, e non é para menos tendo en conta todo o que aquí se relata.
Roberto Mera Covas
Alejandro Viana, un galego á fronte do rescate dos exiliados republicanos
Belagua
260 páxinas