11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelAntía Otero, «Barroco»

    Antía Otero, «Barroco»

    É posible que todo viñese suxerido polo título do novo poemario de Antía Otero, «Barroco», pero ao mergullarme nas súas páxinas vivín a sensación de pasear por unha galería de arte na que cada un dos poemas era, en realidade, un cadro ou unha peza escultórica que a autora describía con detalle. Este libro sería, dende tal perspectiva, unha especie de catálogo desa hipotética exposición, e a colección sería unha mostra que se vai construír a partir das vivencias e dos recordos de Antía Otero, ben suxeridas por obxectos íntimos ou comúns, ben por lugares, por sensacións, paisaxes, persoas… Calquera cousa serve para mergullarse nas lembranzas e revivir un pasado que, non por efémero, deixa de ser vivencialmente importante para o eu poético que protagoniza a colección.

    Desta maneira a autora lévanos por un camiño moi persoal que, ao mesmo tempo, pode ser escenario das vivencias de cada un de nós, pois moitos dos lugares e experiencias que describe son comúns e mesmo as reflexións son, ás veces, parecidas ás que nós mesmos fixemos perante situacións similares. E aquí englobaría as abundantes referencias á infancia e a un entorno rural que, por momentos, chega a aproximarse ao bucólico grazas á certeira pluma de Antía. Entre as reflexións máis persoais destacaría as derivadas das referencias á morte e a perda que iso significa, con implicacións directas ás feridas herdadas polas novas xeracións e o sentimento de rebeldía, mesmo de insubmisión, que provoca no eu poético tal situación. Esta é unha parte esencial do discurso encerrado no poemario.

    Vivir é acumular emocións que se van superpoñendo unhas ás outras en capas de experiencia, e aí, nesa acumulación formal e no contraste de tales vivencias, é onde xurden a sobrecarga e o «claro-escuro» tan barrocos, que acubillan todo o poemario e que lle dán sentido e unidade á colección. A autora busca un vínculo entre a realidade cotiá e a experiencia estético-artística como leit-motiv do conxunto, para rematar por reivindicar con enerxía o papel da muller na arte, sobre todo a de aquelas intencionadamente esquecidas nos programas de estudos, ás que dedica este libro.

    Coñecendo como coñecemos a escrita desta autora, non nos estraña a delicadeza de cada un dos versos que integran a colección nin a sensibilidade que desprende a súa lectura. A palabra precisa no lugar exacto, a pulcritude estrutural, a elegancia refinada no seu discurso, a miúdo máis suxerido que evidenciado, converten cada poema en pezas de delicada porcelana, se seguimos o xogo proposto dende o principio. Así, a visita a esta particular galería convértese nunha experiencia claramente estética, mentres Antía, coas súas palabras, rabuña as nosas vísceras máis íntimas coa intención de provocar unha reacción en cadea.

    Antía Otero

    «Barroco»

    68 páxinas