Domingo, 25 Maio de 2025

Mondariz acolle a presentación dun servizo de asesoramento tecnolóxico a autónomas e pemes

0

O Concello de Mondariz acollerá hoxe luns, 23 de xaneiro, unha sesión informativa de SmartPeme sobre os servizos de asesoramento en novas tecnoloxías que ofrece este proxecto da Deputación de Pontevedra ás personas autónomas e emprendedoras e ás pemes da provincia. Laura Carrera, asesora da oficina de SmartPeme en Ponteareas, será a encargada de presentar este servizo de asesoramento gratuíto, individualizado e personalizado na sala de conferencias da biblioteca municipal de Mondariz a partir das 12:00 horas.

“Con esta acción de Smartpeme, o Concello de Mondariz busca mellorar a eficiencia, produtividade e competitividade dos negocios radicados na localidade”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo de Mondariz. “Animamos a todos os negocios de persoas autónomas e pemes a participar”.

Smartpeme é un servizo da Deputación de Pontevedra que funciona desde 2016. Asesora ás persoas autónomas e emprendedoras e ás pemes da provincia no uso das novas tecnoloxías. A través deste servizo de asesoramento gratuíto, individualizado e personalizado, os negocios poden aprender a mellorar a súa presenza en Internet, xestionar as redes sociais, optimizar a súa imaxe de marca, así como utilizar novas aplicacións, softwares e ferramentas ofimáticas que faciliten as tarefas do día a día do negocio. Tamén terán a oportunidade de recibir acompañamento para solicitar axudas económicas relacionadas coa actividade económica á que pertenzan.

Ponteareas humanizará dez rúas máis

O Goberno municipal do BNG-PSOE continúa avanzando na redacción de proxectos de reforma urbana e humanización de rúas na vila de Ponteareas. Desta volta, a administración local tramita xa a licitación da redacción dos proxectos de humanización de dez rúas máis do centro urbano.

Trátase da rúa A Calexa, que une a Praza Maior coa rúa da Esperanza, que tamén se humanizará no seu último tramo; da rúa Arxentina; da rúa Fernández Vega no tramo comprendido entre a rúa Ferreiros e a Praza Fernández Vega e entre dita praza e o Conservatorio; da rúa Morales Hidalgo e da rúa A Estrada, que rodean o Auditorio Municipal. A todas elas engádense os tramos das rúas Castiñeira, Reveriano Soutullo e Salvaterra nos tramos que rodean o Conservatorio Municipal proxectándose unha nova praza diante da fachada principal deste edificio. Ademais, e como melloras na licitación, o Concello proporá a redacción do proxecto de humanización da rúa Ramiro Sabell que une o Conservatorio coa Avenida de Castelao, así como o resto da rúa Reveriano Soutullo até a rúa Amado Garra.

Estes proxectos a redactar nos vindeiros meses únense aos xa redactados para un total de doce rúas e que o Concello está dando a coñecer nas últimas semanas. Trátase das rúas que se atopan na contorna da Praza de Bugallal como Constitución, Senén Canido, Vidales Tomé, Morales Hidalgo, un tramo de Reveriano Soutullo e outro de Virxe dos Remedios, así como Concha Brey, Rogelio Groba e a Avenida de Galicia a carón dos Xardíns da Xiralda. A estes engádense os proxectos da rúa Manuel Domínguez Benavides, da rúa da Braña e da rúa Sarmiento Rivera.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, salientou que “o noso obxectivo é converter unha vila que foi esnaquizada por un urbanismo salvaxe que non pensaba nas persoas, nun espazo atractivo, de calidade e desfrute social e de dinamismo comercial”. Pola súa banda, o primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, explicou que “para executar as obras no futuro, os proxectos permitirán ao Concello conseguir novamente enormes recursos económicos doutras administracións que están a apoiar economicamente as políticas de recuperación do espazo público para as persoas”.

O Concello de Ponteareas acadou unha subvención de 50.000 euros ao abeiro da Rede de Concellos Ágora da Deputación de Pontevedra para a redacción destes novos proxectos de recuperación de espazos públicos para as persoas.

Aberta a inscrición para o desfile de comparsas de Redondela

0

O Entroido 2023 de Redondela volve con total normalidade coas celebracións nas rúas, recuperando a tradición e o espírito festivo que caracteriza ao municipio. O acto de Redondela está programado para o 19 de febreiro e o de Chapela para o 25 do mesmo mes.

As bases que rexeran o desfile de comparsas e o enterro do Berete xa están publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e dispoñibles na páxina web do Concello de Redondela. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de febreiro no caso das Comparsas de Redondela e ata o 15 de febreiro no caso do Enterro do Berete.

Redondela

Para o desfile de Comparsas e disfraces de Redondela, o Concello destinará un total de 10.500 euros distribuídos tanto en premios coma en axudas ás comparsas que participen nos desfiles. Así, no apartado de axudas, destinará 300 euros ás comparsas que teñan entre 26 e 55 compoñentes; 400 euros aos que conten entre 56 e 80 compoñentes e 500 euros ás formacións que conten con máis de 80 compoñentes.

As categorías nas que se pode participar nos desfiles serán as de Comparsa –agrupación de máscaras nun número superior a 25 persoas–, Mocidade –comparsa que teña o maior número de mozos e mozas menores de idade á data da actuación–, Retranca –comparsa que mellor exprese con segundas intencións e humor a actualidade dentro dun marco de respecto e educación–, Inclusión e diversidade –comparsa con maior número de participantes que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 %–, Grupo –agrupación de máscaras nun número de entre 3 a 25 persoas–, Parella –dúas máscaras– e Individual.

No que aos premios fai referencia, o xurado outorgará un primeiro de 900 euros, un segundo premio de 600 euros e un terceiro de 300 euros. Amais os premios á mocidade, á retranca é a inclusión e diversidade de cada comparsa terán un premio de 500 euros cada un.

O xurado tamén outorgará premios aos grupos –200 euros para o 1º e 150 € para o 2º–, premios de parellas –100 € ao 1º e 80 € ao 2º– e, finalmente, premios individuais dotados con 80 € para o 1º e 50 € para o segundo.

Para poder optar aos premios é imprescindible que as comparsas acompañen o Entroido nos actos programados para o domingo 19 de febreiro e que comezará coa concentración das comparsas ás 17:00 horas no Campo da Feira. Sendo ás 18:00 horas o inicio do desfile. O Concurso de grupos, parellas e individual desenvólvese na tarde do martes día 21 de febreiro, a partir das 17:00 horas. Todos os que desexen participar nesta fase do concurso realizarán a súa inscrición o mesmo día a partir das 16:00 horas, no posto instalado nos soportais do Concello.

As bases publicaranse no Taboleiro electrónico de anuncios, na páxina web do Concello de Redondela e no BOP.

Chapela

No que ao Enterro do Berete fai referencia, e que terá lugar o sábado 25 de febreiro, o prazo de presentación será ata o 15 de febreiro. O  Concello destina un orzamento de 3000 euros que se distribuirán en 400 euros para as comparsas con máis de 80 compoñentes e que leven carroza; 300 euros para as comparsas que conten entre 56 e 80 compoñentes e con carroza de acompañamento; 200 euros para as que teñan entre 26 e 55 compoñentes e leven unha carroza e, finalmente, 100 euros para as comparsas con máis de 25 compoñentes sen carroza.

Para poder optar aos premios é imprescindible que as comparsas acompañen a comitiva do Enterro do Berete nos actos programados para o sábado 25 de febreiro de 2023 e que comeza coa concentración das comparsas ás 17:00 horas no lugar coñecido como “Alto da Encarnación” en Chapela, sendo ás 18:00 horas o inicio do desfile.

Tanto no desfile de Redondela como no Enterro do Berete, as comparsas deberán gardar unha unidade temática tanto nos seu vestiario coma na súa actuación e non serán consideradas comparsas don dereito a inscrición aquelas que en anos anteriores repetiran, no substancial, o deu disfraz.

A inscrición para as comparsas para Redondela e Chapela, no caso de persoas físicas, deberá facerse cumprimentando a folla de inscrición e presentándoa no Rexistro do Concello mentres que de tratarse de persoas xurídicas, e tal e como marca a lexislación vixente, tan só poderá facerse por vía da Administración Electrónica.

A alcaldesa Digna Rivas, animou á veciñanza a participar nos actos dun Entroido 2023 “que marca o comezo dunha certa normalidade para poder gozar e celebrar dunha das festas máis populares no municipio. Un día cheo decor e música nas rúas que os veciños e veciñas de Redondela esperan con moitas ganas. Faremos todo o posible para que se recupere por completo a celebración tradicional, como todas e todos a lembramos”.

A rede galega de “Parques sen Fume” chea ao parque da Pesqueira de Mos

0

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asisitu ao acto de colocación da sinalización da Rede de “Parques sen Fume” no parque da Pesqueira. Este parque, pertencente ao concello Mos, é o primeiro da área de Vigo en adherirse a rede. O titular de Sanidade agradeceulle a alcadesa, Nidia Arévalo Gómez, que Mos se converta no concello pioneiro en acoller esta iniciativa na área de Vigo. 

Así mesmo, García Comesaña tamén destacou que, logo da aprobación da creación desta rede no Consello da Xunta a finais do mes de novembro, para incentivar e premiar aos concellos que primeiro decidiran adherirse a esta rede, a Xunta facilitou de forma gratuita o material de sinalización, sendo 18 os concellos adheridos en toda Galicia e un total de cinco na provincia de Pontevedra: Mos, A Estrada, Agolada, Moraña e Ribadumia. 

Con esta iniciativa, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o Executivo galego percegue o obxectivo de “crear máis espazos públicos libres de tabaco nas vilas galegas”. Este programa que se acaba de por en marcha, é un fillo directo, -remarcou Comesaña-, doutra iniciativa de éxito como é o Praias sen fume, que a Xunta creou no 2016, por iniciativa do anterior conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e da que xa forman parte 80 concellos de toda Galicia, en total 214 praias libres do fume do tabaco.

Segundo o titular de Sanidade, tanto a rede galega de praias sen fume como a de parques, “teñen un fin educativo e de sensibilización social, salientando a importancia da conduta da poboación adulta, para que sirva de modelo para os máis novos”. De aí que os obxectivos de parques sen fume sexan a promoción dunha vida sen tabaco e a desnormalización do seu consumo; así como o respecto e coidado dos espazos públicos e do medio ambiente.

Compromisos

Os concellos participantes nesta iniciativa adquiren, -remarcou o conselleiro-, unha serie de compromisos entre os que citou, a identificación e sinalización dos parques con materiais da rede facilitados pola Consellería de Sanidade. Ademais, os concellos comprométense a difundir entre a poboación os folletos informativos e de sensibilización. Tamén se comprometen a desenvolver actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco, así como dar soporte a accións levadas a cabo no ámbito escolar e, así mesmo, organizar e impartir charlas sobre os beneficios de non fumar.

Estratexia de saúde pública

As cifras dos últimos anos indican que ao redor do 20% da mocidade entre 16 e 24 anos fuma diariamente, e lograr que estas cifras baixen é un obxectivo prioritario para o departamento sanitario galego. Ao respecto, o 75% das persoas enquisadas por Sanidade son partidarias de seguir aumentando o crecemento de espazos públicos sen fume. Por iso, seguiremos a traballar, -dixo o conselleiro-, “promovendo programas, actividades ou accións que incidan na concienciación sobre o consumo de tabaco”.

Esta estratexia de saúde pública da Xunta queda reflectida en que, nos orzamentos deste ano, a partida que máis sube é o Programa de protección e promoción da saúde pública, “cun ascenso de máis do 17% ata os 106 millóns de euros, 15 millóns máis que o ano pasado”.

Así mesmo, -proseguíu o titular da carteira sanitaria-, a Xunta traballa no desenvolvemento dunha lei de prevención de adicións en menores, “que vai abarcar a prevención dun xeito moi intenso e así como traballar no aumento da percepción do risco co fin de diminuír a aceptación social”. 

Tamén a Xunta traballa no desenvolvemento do Plan de trastornos aditivos de Galicia, que ademais de incidir na prevención, irá dirixido ás persoas que padecen un trastorno aditivo, “buscando non só a superación da adición, senón, tamén, a reincorporación social da persoa”.

Samara Mouriño e Jorge Bouzada premiados pola superación persoal

0

Samara Mouriño e Jorge Bouzada, estudantes do IES Antón Alonso Ríos, acaban de ver como todo o traballo realizado durante estes anos para superar diferentes dificultades tiña a súa recompensa. Samara e Jorge foron dous dos 20 mozos galardoados en toda Galicia co premio de Educación Secundaria Obrigatoria ao esforzo e á superación persoal, un recoñecemento ao seu sacrificio e á súa dedicación continua para deixar atrás dificultades persoais, educativas ou socioculturais.

Dous loitadores incansables que levan o esforzo persoal como bandeira, Samara e Jorge reciben así “un especial e merecido recoñecemento polo empeño demostrado ao longo da etapa de Secundaria para superar os obstáculos e en continuar co seu proxecto educativo cunha traxectoria que é exemplo para compañeiros e compañeiras en situacións similares e un orgullo para as familias e docentes”, como explica a directora do IES tomiñés, Cruz Garrido.

Samara e Jorge non baixan os brazos e continúan traballando arreo para seguir saltando calquera dificultade que se lles poña por diante. Unha vez rematada a ESO, ambos continúan os seus estudos en primeiro de Bacharelato no instituto apoiados polas súas familias “e coa admiración e cariño do resto de alumnos e alumnas e do equipo de profesores e profesoras do centro”. “Para o noso instituto é un orgullo contar con alumnado como Samara e Jorge, porque son un exemplo de que non debemos rendernos e de que con ganas, ilusión e moito traballo non hai meta que se nos resista”, salienta Garrido. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo trasladar os parabéns do Concello “a Samara e Jorge por este recoñecemento, pero tamén por ser quen de impoñerse a situacións complicadas con moito tesón, esforzo e traballo”. A rexedora tamén felicitou ás familias e ao propio IES Antón Alonso Ríos, porque “o feito de que no mesmo centro haxa dúas persoas ás que se concedera este premio é un mérito do labor conxunto entre o fundamental apoio familiar e a implicación e adaptación dos equipos docentes, que supón un importante respaldo para que nenos e nenas manteñan esa forza e empezo

SmartPeme comeza a semana cun obradoiro de ciberseguridade

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana sete novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a ciberseguridade e como ter un contrasinal segura, Growth Márketing, comercializar servizos a través de redes sociais, crear un plan de emprega, redes sociais para os establecementos turístico, Blockchain e identidade dixital e a reorientación de negocios freelance.

O primeiro curso da semana será hoxe luns 23, ás 10.00 horas, e estará impartido por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, “Ciberseguridade, como facer un contrasinal segura”. O obxectivo do curso é facer ver a importancia de ter un contrasinal ben definido e distinto para cada servizo.

O martes 24, na quenda da mañá, Adrián Fernández licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, conducirá “Growth Márketing: estratexias para un crecemento sostible do teu negocio”. Coñécese como Growth Márketing como o conxunto de técnicas e estratexias de márketing dixital orientadas a un crecemento sostido no tempo da nosa empresa ou proxecto, sempre en base ao estudo de datos e da metodoloxía ensaio/erro. Nesta acción formativa amosarase que é o Growth Márketing, as súas fases  ou ferramentas relacionadas. Na da tarde, ás 17.oo horas, “Comercializa os teus servizos a través das redes sociais”, un obradoiro orientado a que autónomos e micropemes coñezan dunha maneira detallada o uso do medio de comunicación máis utilizado na actualidade: as redes sociais. É importante coñecer as vantaxes que poden xerar nunha empresa a través das ferramentas e técnicas de venda dispoñibles neste medio. Este curso estará impartido por José Luís Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia.

O mércores 25 tamén haberá dobre sesión. En horario de mañá, de xeito telemático, Paz Ares, licenciada en Ciencias Económicas e Empresarias pola Universidade de Vigo, guiará a acción “Crea o teu Plan de Emprega”. Un plan de emprega é un documento no que vas ter todo o que necesitas saber para que o teu negocio póñase en marcha. Para elo facilitáranse as ferramentas para alixeirar moito o traballo. O principal obxectivo da formación e que o teu negocio teña éxito. Pola tarde, ás 17.30h celebrarase o taller presencial no concello de Bueu, “Redes sociais para establecementos turísticos”. Nesta acción formativa  poderás descubrir cales son as vantaxes e inconvenientes de usar as redes sociais como estratexia para captar clientes para o teu negocio. Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela, será a encargada de impartilo.

A derradeira xornada da semana tamén estará composta por dúas sesións, unha telemática e outra presencial. Manuel Freire volverá a ser o experto que conducirá esta acción, “Blockchain, identidade dixital e NFT”. Este curso ven a completar a formación das semanas anteriores, e falarase do proxecto de identidade dixital da Unión Europea e como afecta directamente á xestión dos nosos datos. Tamén se falará dos NFT, que son e para que serven.  Para rematar, ás 17.00 horas na Sede de Vigo da Deputación, Isabel Rodríguez consultora e coach empresarial con máis de 15 anos de experiencia, falará sobre “Reorientación de negocios freelance que se atopen estancados” para analizar as causas do estancamento, como xestionar o cambio ou reinvención, a falta de apoios e as emocións que se xeran en dito proceso.

María Solar, «A culpa»

A metade de camiño entre a novela negra e o thriller, María Solar vén de presentar un novo traballo para adultos no que pescuda nas interioridades da parte máis escura da alma humana a través dun trío de mulleres, protagonistas do relato. Avalada polo Premio Xerais, «A culpa» narra a historia de Amanda, empregada nun banco que, de maneira sorpresiva, se converte en herdeira universal dunha clienta de aspecto deplorable e cotroso, posuidora dun patrimonio millonario. A partir de aí, a moza, acompañada por un veciño xornalista convertido en amante ocasional e vencida pola curiosidade, decide iniciar unha pescuda sobre a identidade e o pasado da vella que a levará ao outro lado do Atlántico.

Na Arxentina atopará unha historia de tolemia, morte e dominación baseada nunha relación tóxica entre Mirta e Marcela, dúas nenas galegas que escapan dun entorno hostil para iniciar unha aventura na emigración. Aventura que comeza por arrastralas polo fango e que prosegue a través dun éxito fulgurante no mundo do espectáculo, orixe da fortuna herdada por Amanda. A historia vital destas dúas nenas, que arranca cunha enorme crueza en terras galegas, exercerá de elemento substancial do relato, de eixo sobre o que xirará toda a novela. Xa dende os inicios, os vínculos entre elas resultan estarrecedores, pero a medida que avanza a trama, a dominación dunha e a submisión da outra mergullan ao lector nun territorio perturbador, ateigado de crimes e prostitución, de complicidades e silencios, do que non será capaz de saír indemne.

Asistimos, xa que logo, a un relato de forte crueldade moral, unha trama de abusos e vinganzas, de asasinatos e fuxidas, de envexas e de medos, con momentos de gran violencia física e psicolóxica. Mais, ao mesmo tempo, navegamos tamén por unha relación cordial e de compromiso fraternal entre ambas as dúas mulleres, malia que esa complicidade acabe derivando cara a unha absoluta dependencia e remate por desembocar, finalmente, nesa situación tóxica da que falabamos máis arriba. Unha dualidade que implica un difícil equilibrio entre a cara e a cruz desta parte da historia e das súas protagonistas, que Solar foi quen de solventar con destreza.

A escrita diría que apunta cara a unha certa ambición expresiva de forma moito máis clara que en traballos anteriores, mais sen facer excesivas concesións retóricas. Deste xeito, María Solar consegue afianzar claramente a fluidez da lectura, algo que sempre é de agradecer. Esa fluidez, acompañada da concienzuda dosificación de información da que fai gala a autora, é capaz de enganchar aos que se acheguen a esta novela e arrastralos a través das súas páxinas con total facilidade, cara a ese final sorprendente que aínda garda segredos non de todo desvelados e sobre os que preferimos calar para non estragar a lectura.

María Solar

«A culpa»

336 páxinas

Ponteareas presenta en FITUR as mans do Corpus Christi

O Corpus Christi de Ponteareas foi un dos protagonistas o venres en FITUR, unha das feiras de turismo máis importantes a nivel internacional que cada ano se celebra en Madrid. A alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila, formou parte do acto de Turismo de Galicia, ‘Galicia, un ano de Festas’, no que se presentaron todas as Festas galegas de Interese Turístico Nacional e Internacional.

“Para nós é un orgullo participar nesta feira internacional para dar a coñecer ao público o noso Corpus e as nosas alfombras. É o noso reclamo máis importante, pero sabemos que se se achegan á nosa vila seremos quen de conquistalos e conquistalas por todos os recursos turísticos dos que dispoñemos, como son a cultura, a natureza, o patrimonio e as nosas festas”, explicou a rexedora.

Ponteareas proxectou ante os centos de persoas presentes no encontro a peza audiovisual titulada ‘As mans do Corpus’, un adianto do traballo encargado pola Concellaría de Turismo e que se presentará ás e aos alfombristas e á veciñanza en breve. Durante a súa intervención, a alcaldesa lembrou ao público que a singularidade do Corpus ponteareán “radica no traballo colaborativo que realiza durante todo o ano un pobo envorcado na planificación, deseño, preparación de material e creación dun quilómetro de alfombrado no centro urbano”. “Estamos ante un traballo interxeracional entre as e os alfombristas, xa que son as persoas con máis experiencia as que transmiten todos os seus coñecementos e as técnicas empregadas ás máis novas”, recalcou a rexedora.

Fernández Davila convidou ao público a gozar da experiencia dos sentidos que ofrece a semana completa das alfombras “nunha vila acolledora que recibe ás persoas visitantes cos brazos abertos, facéndoos partícipes da festa”.

Durante a presentación, dirixíndose á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a alcaldesa recordoulle que Ponteareas está desexando ser informada da declaración do Corpus Christi ponteareán como BIC Inmaterial canto antes, un recoñecemento “ao que ten dereito por méritos propios a nosa maior obra de arte colectivo”.

A oficina de turismo de Tui recibe o certificado SICTED de calidade turística

0

A oficina de turismo do Concello de Tui vén de recibir, hai escasos días, a comunicación oficial de concesión do distintivo de “Compromiso de calidade turística”, un recoñecemento que forma parte do Sistema de Calidad Turística Española e que significa a adhesión deste servizo turístico municipal ao SICTED (Sistema integral de Calidad Turistica Española en Destino).

SICTED é unha iniciativa da Secretaria de Estado de Turismo para promover destinos turísticos máis competitivos e sostibles, mediante unha oferta de produtos e servizos (tanto públicos como privados) de calidade que satisfagan as expectativas dos nosos turistas.

A concesión desta distinción recoñece a xestión integral e permanente desta Oficina Municipal de Turismo enfocada na mellora continua e na posta en valor dos seus recursos mediante a aplicación de manuais de boas prácticas.

O recoñecemento oficial do distintivo Sicted realizarase na próxima gala de Turismo que no mes de marzo organiza a Deputación Provincial de Pontevedra.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, mostra a súa satisfacción pola concesión deste distintivo que recoñece o importante traballo que o Concello de Tui ven desenvolvendo en materia turística e que ten a súa principal expresión na nova localización da Oficina Municipal de Turismo no céntrico Paseo da Corredoira, cun amplo espazo dotado dos medios e recursos necesarios para ofrecer aos visitantes, tanto turistas como peregrinos, a información necesaria para a súa estadía na nosa cidade.

Agora esta acreditación SICTED garante que o traballo que se desenvolve neste servizo municipal responde aos parámetros de calidade turística en destino que promove a Secretaria de Estado de Turismo. O rexedor tudense resalta que por vez primeira este servizo municipal acada esta certificación, completando así o compromiso municipal por promover a calidade e a excelencia neste sector, vital para o desenvolvemento socio-económico do noso municipio. Enrique Cabaleiro agarda que esta acreditación SICTED da Oficina Municipal de Turismo actúe como un efecto tractor sobre os axentes turísticos da cidade para sumarse a este Sistema de Calidad Turística en Destino.

Este esforzo conxunto do sector público-privado, está coordinado na nosa provincia pola Deputación de Pontevedra e está a permitir consolidar á provincia como líder estatal en canto a entidades distinguidas polo SICTED tendo xa conseguido converterse no ano 2022 no “mellor destino SICTED” do conxunto do Estado.

Compre salientar que neste compromiso coa calidade no noso municipio son xa una decena de establecementos os que contan co certificado SICTED de calidade turística. Trátase de A Fada do Aloia, Balneario de Caldelas, Hotel do Balneario de Caldelas, Casa das Trabancas, Casa Rectoral Areas, Hotel Alfonso I, Ideas Peregrinas, Parador de Tui, Porta da Pía Artesanía e Tui taxi Carlos Rico.

Baiona presenta en Fitur a Arribada 2023

0

O Concello de Baiona presentou en Fitur a Festa da Arribada 2023, que se celebrará entre os días 3 e 5 de marzo de 2023.

Ante o sector turístico nacional e internacional, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destacou que a Arribada, Festa de Interese Turístico Internacional, “é a conmemoración dun fito histórico, o encontro entre dous mundos, unha fin de semana na que todos os que nos acompañan fan unha viaxe no tempo”.

“Os verdadeiros artífices e protagonistas da Arribada son os baioneses e baionesas, que tratan con moito agarimo aos que nos visitan na Festa da Arribada, demostrando que somos unha vila moi acolledora”, engadiu.

O alcalde asistiu á presentación en Fitur do Mundial J80, a cargo do Monte Real Club de Iates de Baiona.

“Temos por diante meses de moi boas novas para o turismo e o sector servizos de Baiona, o interese mostrado estes días polo sector augura de novo un ano de récords de ocupación, non só nos meses de verán”, afirma o alcalde.

O novo parque infantil do Porriño xa é unha realidade

O Concello do Porriño saca a licitación o proxecto de humanización do antigo Campo da Feira do Porriño, unha reforma que se acometerá en virtude dun convenio de colaboración asinado entre a entidade local e a Axencia de Turismo de Galicia. O orzamento das obras, financiadas ao cen por cen pola Xunta de Galicia, ascende a 498.213,12 euros.

Este espazo verde, situado en pleno centro urbano foi durante moitos anos unha gran carballeira onde se realizaban as feiras semanais. Ademais, nel emprázase un dos maiores tesouros patrimoniais da vila: o Templete de San Luis, antiga entrada ao Metro de Madrid deseñada por Antonio Palacios.

Na actualidade perdeu por completo a súa esencia e non é funcional, nin a zona de lecer nin o parque infantil que no n dispón dos elementos en condicións para o disfrute dos nenos e nenas. Ademais de supoñer unha pésima carta de presentación do casco urbano, ao atoparse nunha das principais entradas ao mesmo, de ahí que a mellora comprenda a humanización deste parque e da súa contorna máis próxima, incluíndo as rúas a Avda. Domingo Bueno e a rúa Parque Infantil.  

“Con este proxecto o que queremos é recuperar a antiga esencia da carballeira e campo da feira e facer deste espazo un lugar de encontro, mellorando a mobilidade peonil, conectándoo co núcleo urbano, o camiño de Santiago e o cemiterio municipal, aumentando a zona verde e, por suposto, poñendo en valor o Templete de San Luis para fomentar a recuperación histórica e patrimonio inmaterial do lugar”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que quixo agradecer a disposición da “Xunta de Galicia tanto a poñer en valor o noso patrimonio como a promocionalo co fin de dalo a coñecer, consérvalo e potenciar a promoción turística”.

Posta en valor do Templete de San Luis

A rehabilitación do Templete de San Luis xira en torno á súa posta en valor, respectando a súa ubicación á vez que se mellora a súa conexión e visibilidade.

Dispoñerase un espazo de graderío vexetal en torno a el que lle dará un novo uso como telón de fondo de pequenos actos e conferencias e tamén como porta de acceso ao cemiterio. Ademais, comunicarase co camiño de Santiago e crearanse espazos de estar, descanso, reunión, convivencia e máis zonas de sombra. A maiores, proxectouse a restauración do monumento.

Área de xogo infantil con gran vinculación á auga

Un dos grandes obxectivos do executivo local é facer máis atractivo e útil este espazo, sobre todo para os máis pequenos. Por iso, e á vista de que a zona de xogo actualmente non cumpre as súas funcións, dispoñeranse novos elementos xogo para todas as idades na zona central. Proponse tamén a substitución da pista deportiva por uns chorros de auga que se integrarán na praza central e completarase a oferta lúdica con pequenas zonas de xogo que se situarán nas lomas vexetais do parque.

Cabe destacar, que o Concello elaborou un plan de mellora dos 38 parques infantís do municipio que inclúe a renovación e mellora de elementos e solos para que os nenos e nenas do Porriño dispoñan de espazos aptos para xogar con seguridade.

Humanización

Un dos principais obxectivos deste proxecto é o de conectar o parque co resto do espazo urbano para o que se conectará mediante aceras e pasos de cebra empedrados directamente coa zona peonil de San Benito e se humanizará a a rúa Parque Infantnil. Os límites do parque borraranse e xerarase un espazo do que se poderán espazos de estar, vinculados aos locais de hostalería.

A Xunta fai un chamamento a poñer a dose de reforzo da Covid

A Consellería de Sanidade amplía os horarios nos puntos de vacinación para cidadáns que aínda non teñan posta a cuarta dose da vacina fronte ao coronavirus. Así, desde hoxe sábado, 21 de xaneiro, todas as áreas ampliarán os días nos que se poderá acudir a poñer a vacina, incluíndo sempre a xornada do sábado. Tamén abrirán o domingo os puntos de vacinación situados en todos os distritos sanitarios, excepto en Cee, O Barco e Verín.

Auméntase así o número de citas dispoñibles en todas as áreas e facilítase que as persoas poidan solicitar a súa vacina. É importante facer o proceso de xestión da cita previa antes de ir aos puntos de vacinación, para que as persoas que acudan non teñan que agardar. Pode facerse a través da aplicación Sergas Móbil ou no teléfono 881 54 00 45.

Chamamento á vacinación

A Dirección Xeral de Saúde Pública volve facer un chamamento á vacinación e sinala que, para a xente que aínda non teña posta a cuarta dose, hai 29.000 citas dispoñibles semanais para adultos e 1.100 para nenos e nenas no sistema de autocita, nos lugares e horarios que se poden consultar no seguinte enderezo:

https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Vacinacion-Covid-OC.

Galicia segue a ter as mellores taxas de España de vacinación. Así, é a primeira en porcentaxe de vacinación con doses de recordo en maiores de 80 anos, cun 86,64%; tamén na franxa de 70-79 cun 82,14%; e en 60-69, cun 72,17%, segundo os datos do último informe nacional publicado o venres.

A Asociación Quinta do Piñeiro organiza un gran cocido en Salvaterra de Miño

A Asociación cultural Quinta do Piñeiro, en Salvaterra de Miño, organiza o seu tradicional cocido tras dous anos de parón debido a pandemia. Este terá lugar o día 29 de xaneiro as 14:00 h na casa cultural de Corzáns.

Os asistentes poderán degustar un menú composto por sopa, cocido, auga, viño, refrescos, pan, sobremesa e café. Como novidade, a partir das 16:30 terán un pequeno baile a cargo do trio Luces de Bohemia. Dito evento será para a axuda da festa da sementeira 2023.

O prezo é de 20 € para adultos e 10 € para os nenos. As prazas son limitadas polo que os
interesados deben anotarse antes do 23 de xaneiro nos seguintes teléfonos: 638450204 ou
686939855 ou a través do seu facebook: Quintadopiñeiro Sementeira Corzáns ou no seu
instagram: @quintadopineirosementeira.

Por outra banda, co inicio do ano novo dita asociación anunciou a data da celebración do
decimoquinto aniversario da Festa da sementeira e Música que terá lugar os días 13 e 14 de
maio.

O Consello Climático Xuvenil da Guarda organiza unha actividade polo día Mundial da Educación Ambiental

0

O vindeiro xoves día 26 de xaneiro, con motivo do Día Mundial da Educación Ambiental, o Consello Climático Xuvenil da Guarda organiza unha actividade aproveitando a Exposición “O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”, que actualmente se atopa no Concello da Guarda.

A actividade consistirá en realizar un panel de ideas e reflexións que realicen as persoas participantes en base á exposición para logo abrir un pequeno debate, tratando así tratar de obter trazos que traten de encamiñar a elaboración dunha guía de prácticas medioambientais que melloren a nosa contorna. Esta acción terá lugar o vindeiro xoves día 26 de xaneiro ás 19:00 h na Casa dos Alonso

Salceda opta á implantación de Formación Profesional no municipio

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, e a concelleira de ensino, Ángela Ledo, reuníronse este xoves coa directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez Fernández, en Santiago de Compostela, para estudar a viabilidade da implantación da Formación Profesional no concello de Salceda.

Na xuntanza, solicitada pola alcaldesa, tratáronse diferentes posibilidades como a implantación de FP Básica ou a Formación Profesional Dual, tendo en conta o amplo tecido industrial e comercial existente no municipio e nos polígonos industrias dos concellos limítrofes.

Tralo encontro, a vía de estudo quedou aberta para ser retomada unha vez rematada a ampliación do IES Pedras Rubias, que está en proceso de licitación neste momento.

O IES Pedras Rubia acolle este curso 409 alumnos e alumnas da ESO e de primeiro de bacharelato, implantado por primeira vez no municipio este curso.

No caso do alumnado que elixe estudar formación profesional ten que trasladarse a outros concellos polo que, a proposta trasladada é que unha vez estea rematada a ampliación se poidan aproveitar as instalacións para acoller a Formación Profesional na quenda de tarde ou compaxinando.

Tourón  aproveitou á ocasión para trasladarlle á directora xeral a súa preocupación pola problemática que ten o transporte en Salceda, e como afecta a mocidade local para poder formarse axeitadamente.

“É necesario abrir o abano de opcións educativas para que a nosa mocidade poida desenvolver a súa formación, aspecto vital para o desenvolvemento do noso concello”, considera Tourón, que ademais incide na importancia do gran esforzo que nesta liña de cambios, están a facer a equipa directiva do IES Pedras Rubias”.

Case un centenar de persoas da Bolsa Municipal de Emprego de Tui incorporáronse ao mercado laboral

0

Un total de 95 persoas inscritas na Bolsa Municipal de Emprego de Tui incorporáronse ao mercado laboral en 2022. Representan o 53 % das 180 persoas que ao longo do ano pasado foron atendidas no Servizo Municipal de Orientación.

As 108 mulleres e 52 homes que nos últimos 12 meses se achegaron a este servizo municipal recibiron orientación, información, formación e acompañamento para mellorar a súa empregabilidade.  Así a técnica municipal ofrece asesoramento a estas persoas para definir ou redefinir o seu obxectivo profesional, elaborar o seu currículo, acreditar a súa competencia profesional, ou acceder ás accións formativas do seu interese.

Dende o Servizo Municipal de Orientación realízase amais un labor de intermediación laboral para o que ao longo de 2022 contactaron con 276 empresas, e tramitaron 318 ofertas de emprego. Tamén de forma directa impartiron talleres para a elaboración do currículo así coma de novas tecnoloxías para a Busca Activa de Emprego. Pero amais dentro do Programa Municipal de Formación, co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas en procura de emprego, impartíronse distintas accións formativas coma un curso de Manipulación de Alimentos e Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico, ou de Operario/a de Loxística con dous módulos de Xestión de Almacén e liña de produción e de Manexo de Carretillas Elevadoras.

A concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, salienta coma o obxectivo deste servizo municipal é “mellorar a vida da veciñanza que está en proceso de busca activa de emprego, a través da xestión de perfís axeitados da bolsa de emprego municipal, para facilitalos ás empresas que contan con procesos de recrutamento abertos”.

Engade que a incorporación de case un centenar de persoas ao mercado laboral, grazas ao labor do Servizo de Orientación, constata que “esta é unha das políticas activa coas que se consigue maior retorno en materia de emprego”.

Amais deste servizo directo e personalizado para cada persoas demandante de emprego o Concello de Tui traballa tamén ao longo do ano por mellorar a empregabilidade das persoas que están en busca activa de emprego. Así amais da accións realizadas a través do Plan Municipal de Formación, solicita tamén a outras administracións e entidades a realización na cidade de actividades formativas.  Este é o caso dos cursos de formación que comezarán no mes de febreiro de “Instalación de Elementos de Carpinteiría” e de “Venda de produtos e servizos turísticos” que foron concedidos pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Este departamento autonómico concedeu tamén ao concello de Tui un Programa Integrado de Emprego no que até o mes de novembro van participar un centenar de persoas. Por outra parte dende o pasado mes de outubro 20 persoas fórmanse no obradoiro dual de emprego ‘Senda peonil río Furnia’ que conta cun ano de duración.

Amais cómpre lembrar que no Centro Municipal de Formación, en Guillarei, está situada a Aula Mentor, posta en marcha, grazas ao convenio asinado entre o Concello de Tui e o Ministerio de Educación y Formación Profesional, no que se poden realizar unha ampla variedade de cursos de distintas áreas. Tamén se realizaron tres edicións do curso de Competencias Dixitais para mulleres en colaboración con Galegas Dixitais.

As persoas interesadas poden contactar do Servizo Municipal de Emprego no Centro Municipal de Formación en Guillarei, de luns a venres de 9 a 14 h previa cita no 986 60 32 28.

O Consorcio de Augas do Louro realizará obras de saneamento e abastecemento por valor de 2 millóns de euros

O Consorcio de Augas do Louro, que preside Alejandro Lorenzo, vén de aprobar unha modificación orzamentaria para acometer inversións de carácter urxente por un importe total de 1.890.000 euros. O Comité Directivo aprobou este crédito extraordinario, financiado co remanente líquido de tesourería para gastos xerais, co fin de  levar a cabo obras e proxectos de saneamento e abastecemento nos catro concellos que integran a entidade.

Tal e como explicou Lorenzo, “o criterio de reparto das contías a investir en cada municipio resolverase en función da participación de cada un deles nos ingresos do Consorcio, tal e como establecen os seus estatutos”.

Así,  no Concello de Mos investiranse 221.275,59 euros con destino a eliminación de verteduras en zonas onde non existe rede de saneamento , tales como a contorna da urbanización San Antoíño ou en varios núcleos das parroquias de Cela e Sanguiñeda.

O Porriño recibirá 1.025.054,46 euros cos que se acometerán proxectos e obras de saneamento nas sete parroquias que conforman o municipio.

Pola súa banda, Salceda disporá de 172.103,24 euros para investir en actuacións de saneamento en Ataúde e Loureiro (Picoña), Ponte do Ameal-Presa (Parderrubias), Outeiro (San Xurxo) e Santa María (Santa María).

Os 472.811,10 euros restantes corresponderán ao Concello de Tui, cos que se realizarán investimentos en diversos ramais da rede de saneamento nos lugares de Laranxeiras, Sardadiñas, Costal, Mallón, Campo de fútbol de Ribadelouro, Mourentán, Souto (Pexegueiro), Magdalena, O Castro e Souto de Arriba, así como obras de renovación das instalacións de abastecemento na rúa San Telmo.

Cafés a prol da igualdade no Rosal

0

Crear un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de temas de interese, unha burbulla de lecer persoal dunha hora ao mes na que poder conversar como se se estivera cun grupo de amigas. Ese é o obxectivo dos ‘Cafés en igualdade’, unha iniciativa posta en marcha polo Concello do Rosal  que arranca este mes de xaneiro e que busca ser un balón de osíxeno para todas aquelas mulleres que loitan cada día para conseguir unha conciliación familiar, laboral e persoal real.

“Cando falamos de conciliación sempre pensamos na necesidade de compatibilizar o traballo remunerado co doméstico e coas responsabilidades familiares. Non obstante, non debemos esquecer que tamén é moi importante dispoñer de tempo para o desenvolvemento persoal de cada unha. E iso é precisamente o que queremos crear cos ‘Cafés en igualdade’, un recuncho no que deixar a un lado todas as obrigas diarias para conversar con outras mulleres como se estiveramos cun grupo de amigas”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O obxectivo é planificar encontros interesantes para mulleres nun horario diferentes, moitas veces aproveitando os tempos mortos de obrigas cotiás como poden ser as esperas mentres fillos e fillas están nas actividades extraescolares. Por este motivo a actividade desenvolverase soamente os últimos xoves de cada mes ata maio en establecementos hostaleiros do Rosal e durarán 60 minutos en horario de tarde (de 17.30 a 18.30 horas. Como salienta a rexedora, “queremos crear un ambiente íntimo compartido entre mulleres mo que a relatora máis que unha persoa que expón un tema sexa quen de acompañar e interactuar coas persoas asistentes, creando un espazo de confianza cómodo e agradable”.

Os ‘Cafés en igualdade’ arrancarán este xoves 26 de xaneiro falando de ‘Deporte e autocoidado. Actividade física, solo pelviano, saúde e benestar, efectos positivos que achega unha vida activa’. Será na Cafetería Juan, na rúa de Couso, e estará impartida por Ana González Portela, licenciada en deporte e actividades físicas e directora da piscina municipal da Guarda. O 23 de febreiro a charla estará centrada na maternidade, nas expectativas xeradas fronte á realidade, a frustración, os embarazos desexados e non cumpridos e a maternidade como elección e non como obriga. Será na Cafetería Nenza Xida, na Praza do Calvario, a cargo de Angelina Gándara, educadora social con ampla experiencia na formación a familias e coordinadora do programa ‘Somos familia, somos equipo’.

O 30 de marzo será a quenda de falar de empoderamento feminino e o rol das mulleres como coidadoras, como obriga ou satisfacción. Celebrada na Cafetería Liga de Amigos, na Praza do Calvario, a charla será impartida por Sara Uris, mestra e especialista en xénero e igualdade e creadora de Transformando Realidades. O xoves 27 de abril o tema será saúde integral feminina, sexualidade e pracer feminino, menopausia, sexualidade integral… A cargo da pedagoga, sexóloga, especialista en xénero e responsable de ‘Con xeito Sexología’ Erea Devesa, a charla será no Espazo Gastronómico Anexo ao Mercado, na Praza de Calvario.

Esta primeira edición dos ‘Cafés en igualdade’ rematará o 25 de maio cun encontro no que se abordará a presión estética, a ditadura da beleza feminina, os estereotipos de beleza e moda e a súa relación coa anorexia e a bulimia. Desenvolverase no Espazo Gastronómico Anexo ao Mercado, na Praza do Calvario, e será impartida por Andrea Iglesias, neuropsicóloga clínica e psicóloga xeral sanitaria especialista en saúde mental e terapias psicolóxicas.

O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A Casa Cultural de Arcos de Ponteareas promove a creación dunha Escola de Tenis de Mesa

A Casa Cultural de Arcos vén de promover a creación dunha Escola de Tenis de Mesa en Ponteareas. As persoas interesadas neste deporte teñen a oportunidade este sábado 21, a partires das 16:30, de participar nas instalacións da Casa Cultural nunha xornada aberta con monitores.

Ademais, as persoas interesadas na Escola poden contactar coa Casa Cultural na súa cafetaría ou no correo [email protected]. Aproveitando a xornada concretarase coas persoas interesadas a posta en marcha da Escola e os seus horarios. As clases serán impartidas por monitores de Always Tenis de Mesa.

A Casa Cultural de Arcos lembra que o tenis de mesa é un deporte con tradición en Ponteareas pero que nas últimas décadas foi esmorecendo. Coa creación da Escola de Tenis de Mesa pretenden recuperar este deporte e ampliar as actividades que oferta a Casa Cultural de Arcos.

O Museo de Pontevedra recolle en Madrid as distincións que o acreditan coa Q de calidade e a S de sustentabilidade

O Museo de Pontevedra, da man da presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o director Xosé Manuel Rey, recolleu na noite de onte na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles en Madrid as distincións concedidas polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) pola súa calidade e sustentabilidade, converténdose así na primeira entidade museística do Estado que recibe a un tempo ambos recoñecementos oficiais.

Logo de recoller os galardóns na gala da ‘Noite Q 23’, presidida pola Ministra de Turismo Reyes Maroto e o presidente do ICTE Miguel Mirones, o vicepresidente da Deputación César Mosquera asegurou que recibir as distincións do ICTE supón entrar a “xogar na ‘Champions dos museos’ na que o Museo de Pontevedra tiña que xogar desde sempre”.

Segundo destacou Mosquera, os distintivos poñen ao Museo de Pontevedra “á altura do Thyssen ou do Guggenheim”, que son os únicos que teñen o Q de calidade en España, mais aínda non dispoñen do S de sustentabilidade. En Galicia, explicou o responsable do Museo, ningunha entidade semellante ten ningún dos recoñecementos, mentres que a maneira de funcionar do Museo de Pontevedra en canto a calidade e sustentabilidade pasou a inspección e a avaliación  do ICTE “sen ningún problema e coas máximas notas”.

“Estamos moi contentos, avanzando na liña de converter o Museo de Pontevedra publicamente no que xa é internamente, de darlle esa potencia e recoñecemento público que merece e no que seguiremos a traballar. (…) O Museo está a funcionar moi ben e iso ten que trascender”, dixo Mosquera.

Así mesmo, o vicepresidente augurou que 2023 será un ano moi frutífero para o Museo de Pontevedra tanto pola incorporación de Santa Clara, como tamén pola rehabilitación dos edificios centrais, que  xa está en contratación. Comézanse así, dixo, “a recoller froitos dun traballo que se comezou hai uns anos. Antes hai toda unha historia que recoñecer, pero a idea central é que o Museo ten unha potencialidade que non se estaba aproveitando na súa totalidade e isto -os premios que acabamos de recibir- demóstrao”.

Logo do acto de Madrid, a celebración da ‘Q’ e do ‘S’ do ICTE seguirá na cidade do Lérez o vindeiro martes  24 cun acto de conmemoración no que haberá música e audiovisuais. Será ás 19.30 horas no Edificio Castelao e contará coa actuación musical do grupo Mallou, coa proxección dun audiovisual sobre o traballo do Museo, con discursos institucionais, así como coa participación de representantes da restauración e hostalería que dispoñen tamén do galardón da ‘Q’ de calidade na cidade de Pontevedra: Ultramar, Eirado da Leña e Parador de Turismo. Para poder asistir como público é preciso inscribirse en [email protected].

Ao logro conseguido polo Museo de Pontevedra súmase tamén a renovación do galardón para o Castelo de Soutomaior e as oficinas de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza en Pontevedra, no Punto de información turística de Armenteira en Meis, e no Aeroporto de Peinador en Vigo. Tamén renovaron a Q oficinas da rede Info Rías Baixas como a da Estrada, a do porto deportivo de Sanxenxo, a de Caldas de Reis, a da Casa da Bola en Cangas, a de Cambados, a de Baiona, a das Dunas de Gaifar en Nigrán ou a do Casal de Ferreirós en Poio, así como os puntos de información turística da Illa de Arousa e de Cuntis.  

“Sport Rías Baixas. Siente la experiencia”

No marco do I Fitur Sport Tourism Summit, no pavillón 10 do IFEMA, o deputado de deportes Gorka Gómez tivo a oportunidade de presentar o modelo impulsado pola institución provincial no eido deportivo, escollido por Fitur como exemplo de boas prácticas a nivel estatal. “Trátase dun  modelo que se ten convertido nun exemplo de éxito que nos ten situado como referencia na organización de eventos, no turismo activo e no turismo deportivo”, asegurou o deputado. Durante a presentación lanzouse o audiovisual “Sport Rías Baixas. Siente la experiencia”, unha peza na que se presentan diferentes escenarios da provincia ideais para a práctica de disciplinas deportivas relacionadas coa auga e a montaña. O vídeo, que espertou grande interese, amosa en tres minutos un destino onde deporte, paisaxe, experiencias e gastronomía converten á provincia no lugar ideal para as persoas que se decantan polo turismo activo.

Deportes como a vela, o piragüismo, o paddle sur, o kitesurf, o submarinismo, o rafting, as traiñeiras, a escalada, a btt ou o running en espazos como o porto deportivo de Vigo e a súa Ría, a Ría de Aldán, a Costa da Vela, a Caracola de Donón, o Río Miño ao seu paso por Arbo, a praia de Liméns en Cangas, a praia da Lanzada no Grove, o río Lérez ao seu paso por Pontevedra ou Punta Cabalo na Illa de Arousa son os protagonistas da peza “Sport Rías Baixas. Siente la experiencia”. “Trátase de vivir unha experiencia integral nun paraíso natural cunhas condicións extraordinarias para o turismo activo e a practica deportiva”, destacou Gorka Gómez quen resaltou as características da provincia “para ser unha potencia en turismo deportivo”, entre as que situou a propia natureza, o clima suave, a ampla gama de actividades e deportes que se ofertan, o sector profesionalizado de deportes e turismo activo e a experiencia de albergar grandes acontecementos deportivos. Amais, o deputado tamén presumiu de “talento local”, poñendo en valor figuras olímpicas como Teresa Portela, Antía Jácome, Nico Rodríguez, Tamara Echegoyen ou Rodrigo Corrales, e convidou ao público presente a “achegarse ata a provincia para vivir experiencias enriquecedoras, desfrutar da ampla oferta que temos de deporte ao aire libre, sostible e de calidade, e sentir a hospitalidade das nosas xentes”.

AporM elixe como candidato a Xoán Montes, Calis, para reilusionar á veciñanza

0

Xoán C. Montes Bugarín -Calis-, portavoz de AporM, vén de ser proclamado pola asemblea de Alternativa por Mondariz como alcaldable de cara ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio. O candidato desta forza municipalista e galeguista intentará recuperar a alcaldía de Mondariz despois de ter sido o candidato á alcaldía máis votado hai agora catro anos, cando o PP votou como alcalde ao candidato do BNG.

Calis pretende recuperar os sinais de identidade do seu primeiro goberno, que puxo á veciñanza no centro da acción política, e terá como obxectivos prioritarios:

  1. Recuperar a participación veciñal, facilitando axudas e financiamento a todas as asociacións veciñais, deportivas e culturais por igual
  2. Impulsar a igualdade real entre mulleres e homes, favorecendo a participación en política das primeiras, en particular das máis novas
  3. Defensa do medio ambiente e da reciclaxe de residuos, impulsando o programa revitaliza que se implantou en Mondariz sendo alcalde
  4. Priorizar a peonalización da vila, regulando o estacionamento e creando rúas amables e seguras para todas as persoas, en particular para as persoas maiores e os nenos
  5. Dotar a todas as parroquias dos servizos básicos, en particular do saneamento, así coma dun parque empresarial á beira da estrada que une a vila de Mondariz con Vilasobroso
  6. Recuperar o servizo de orientación laboral e mellorar a formación de todos os profesionais, en particular dos e das comerciantes e das que buscan a súa inserción no mercado laboral
  7. Recuperar a colaboración con Mondariz Balneario en mutuo beneficio: saneamento de augas residuais, policía local compartida, maquinaria municipal de uso conxunto, etc

Preparado e motivado

Calis agradeceu a confianza que os e as militantes de AporM depositan nel e declarou estar “preparado e motivado”, xa que unha parte moi importante da veciñanza de Mondariz de todos os partidos políticos o animou a presentarse de novo “para recuperar a ilusión e reconstruír un concello aberto, dinámico e vivo”. O candidato comprometeuse a traballar a reo para que Mondariz volva ser un referente de boas prácticas na xestión municipal no ámbito da comarca do Condado.x

A Guarda lanza a segunda edición dos obradoiros de autocoidado para mulleres “quérome, cóidome”

0

O Concello da Guarda, a través do Centro de Información á Muller, vén de lanzar a segunda edición dos obradoiros de autocoidado para mulleres “quérome, cóidome”.

Os obradoiros desta segunda edición están pensados para aprender a querernos e coidarnos, sentirnos mellor, traballar e aumentar a nosa autoestima e compartir experiencias.

Os obradoiros, destinados a mulleres maiores de 55 anos, realizaranse todos os martes entre o 7 de febreiro e o 18 de abril en dúas parroquias da nosa vila, na Gándara en horario de 16:00h -17:30h e en Camposancos en horario de 18:00 h – 19:30 h.

Máis información e inscricións no CIM da Guarda, no 986 61 46 48 ou en [email protected].

Escolares do Porriño coñecen de primeira man a actividade municipal

Un grupo de alumnos do CEIP Xosé Fernández López inaugurou hoxe as visitas guiadas á Casa Consistorial nas que participarán preto de 400 escolares do municipio.

A Concellería de Educación, que dirixe Carolina González, a través da OMIX, organiza esta actividade para que as/os nenas/os poidan coñecer de primeira man os diferentes departamentos dos que se compón o Concello do Porriño e o traballo que se desenvolve no consistorio. 

“Con esta iniciativa de portas abertas pretendemos dar a coñecer en profundidade o Concello ás/aos máis pequenas/os, xa que normalmente só teñen acceso á zona de rexistro cando van acompañados dun adulto, e tomen conciencia da importancia de participar na vida municipal”, apuntou a concelleira, Carolina González, “Hoxe visitounos alumnado do CEIP Xosé Fernández López e nas próximas semanas recibiremos ao IES Pino Manso, CPR Hnos. Quiroga, CEIP P. Antonio Palacios, CEIP da Ribeira, CEIP Cruz Budiño, CEIP P. Atios , Aceesca, CPR Santo Tomás e IES Ribeira do Louro”.

Acompañadas/os por unha funcionaria municipal que actúa como guía, poden coñecer a historia do edificio e as funcións das distintas salas e espazos, así como as dos órganos municipais que ocupan cada unha delas.  Percorren os corredores do Concello, salón de plenos, o balcón dende o que tradicionalmente se pregoa o inicio das Festas do Cristo, Entroido, etc…

As visitas finalízan na Alcaldía, onde son recibidos polo rexedor, Alejandro Lorenzo, que se encarga persoalmente de explicarlles cal é a súa función e como é o seu día a día.  “Para min é un pracer recibilos, amosarlles o que se fai no Concello e facelos partícipes. Pero tamén o é escoitalos e aproveitar este momento para resolver as súas dúbidas, contestar as súas preguntas e tamén recoller as propostas que teñen para mellorar o seu pobo e o seu colexio”, explicou Lorenzo, “Estar con elas/es sempre é enriquecedor para min, como persoa e como Alcalde, xa que teñen moito que dicir”.

Salvaterra inicia a primeira fase de traballo no xacemento de Os Castros en Lourido

O Concello de Salvaterra de Miño informa que despois de varios meses de traballo de investigación ven de iniciar os traballos de prospección superficial intensiva, sondeo valorativo e limpeza de gravado rupestre no xacemento de Os Castros  que se encontran ubicados entre Lourido e Soutolobre.

Os traballos arrancan no ano 2019 cando o grupo de goberno encarga a un arqueólogo a valoración de varios achados que se descubriran despois dos incendios que asolaran a zona. O que describe este informe é unha realidade arqueolóxica moi complexa, que dende esa data, se ven analizando.

Nese informe defínense varias secuencias cronolóxicas e arqueolóxicas que se dan nese mesmo emprazamento. A existencia de polo menos tres potenciais abrigos prehistóricos acompañados de distintos paneis de petróglifos. Se cataloga tamén  a través deste traballo un petróglifo, un asentamento castrexo e descóbrese unha explotación aurífera de época romana. Ademais encóntranse elementos tardo antigos como sepulcros no entorno.

As actuacións que está realizando nestes intres o concello corresponden a unha prospección superficial e intensiva nunha área de afección de 200m co fin de determinar con exactitude o número de adscrición tipolóxica co fin de posibilitar unha percepción máis axustada a súa realidade arqueolóxica que nos permita acortar a súa extensión e proceder a súa protección.

Con este traballo preténdese buscar apoio por parte da Consellería para seguir co traballo de campo en toda a zona e por en valor o gran patrimonio do xacemento.

Redondela enamora en Fitur

0

“Esperámosvos en Redondela” afirmou hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que acompañada pola concelleira de Turismo, María Castro, participou na presentación da oferta turística do municipio no marco da Feira Internacional de Turismo, Fitur 2023. Pro primeira vez na historia do municipio contou con 2 recoñecementos especiais, ademais da distinción dentro do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. O stand institucional de Galicia mostrou presentacións individuais en recoñecemento ao valor patrimonial da Batalla de Rande e o Cemiterio máis bonito de España, concedido ó Cemiterio dos Eidos.

A alcaldesa, que mantivo contactos con profesionais do sector turístico, salientou o “interese que espertou a oferta turística do municipio que sorprendeu tanto pola súa cantidade como pola súa calidade”.

A primeira das presentación individiuais estaba centrada no recoñecemento especial ao Cemiterio dos Eidos que resaltou como  “unha das pequenas xoias patrimoniais da nosa cidade que acaba de ser recoñecido como o máis bonito do noso país pola revísta Adiós Cultural, considerado cemiterio histórico pola Deputación de Pontevedra e aspirante a entrar na lista de cemiterios singulares de Europa”. Engadindo que “o actual goberno invertiu nunha obra de restauración mediante un traballo minucioso e respectuoso, que lle devolveron a este cemiterio parte do seu esplendor orixinal. Accións que tamén  permitiron recuperar o seu interese turístico e polo que se lel concedeu un rcoñecemento especial en FItur”.

Redondela, atópase nun lugar privilexiado por moitos motivos, un deles por ser punto de atope de dous das variantes do camiño de santiago, o camiño portugués interior e o da costa, onde o peregrino pode gozar na súa viaxe do verdor dos campos e montañas, a luz da súa pedra e a auga. Redondela conta cun centro histórico, marcado pola arquitectura burguesa, e un sen fin de arquitectura que lembra o seu pasado mariñeiro.

O cemiterio de Vos Eidos, a Igrexa de Santiago, os dous viadutos do ferrocarril que a coroan, a casa dá torre son paradas obrigatorias no corazón de Redondela. Monte Mirallo, A Peneda, praias, roteiros, lugares de descanso e unha gastronomía que acredita a súa fama.

Pero non queremos perder a oportunidade que hoxe se nos ofrece, para mostrar ao mundo nosa formidable vila, xa que Redondela non é só Eidos, senón un lugar entrañable, un encontro de mar e terra, unha paisaxe chea de maxia, con postas de sol inesquecibles e amenceres cheos de liberdade.

O stand institucional de Galicia ten un mostrador especificamente dedicado á Q de CALIDADE TURÍSTICA, onde Redondela estivo representada através da Batalla de Rande que acaba de recibir recentemente esta distinción por parte do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE). A alcaldesa tivo a oportunidade de dedicarlle unhas palabras a este recoñecemento especial nas que resaltou que “ un suceso tan extraordinario necesitaba ser recoñecido, e Redondela crea Meirande, un centro de interpretación baseado na batalla de Rande, que conta os acontecementos tal como pasaron no lugar no que se produciron”. En plena enseada de San Simón, zona de especial protección ambiental, pero tamén posuidora dun inmenso patrimonio industrial a conservar, flanqueado pola maxestosa ponte de Rande, unha das obras mestras de enxeñería do século XX, “e as marabillosas illas de San Simón e San Antón, que foro protagonistas das historias e acontecementos máis crueis e apaixonantes”, concluía Rivas.

Digna Rivas puxo de relevo a capacidade de Redondela “de ofertar non só beleza natural e paisaxística, senón patrimonial, histórica e cultural”. “As tendencias turísticas e as demandas do público teñen variado nos últimos tempos”, asegurou a alcaldesa quen incidiu sobre o feito de que un gran número de persoas “relegan a un segundo plano o tradicional turismo de sol e praias e se decantan polo turismo natural ou polo descubrimento dun turismo patrimonial e histórico no que Redondela ten moito que ofrecer”.

Ademais, coma tódolos anos Redondela acudiu a esta cita internacional dentro do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Levou ata Fitur 2023 numeroso material que fai un repaso visual, rápido pero detallado, por todos os elementos distintivos do municipio. A Festa da Coca, declarada de Interese Turístico de Galicia, coas espectaculares Danza das Espadas e Danza das Penlas; a excelencia gastronómica da Festa do Choco que, ano tras ano, pon en valor un choco autóctono da enseada de San Simón; o Festival Internacional de Títeres, de recoñecido prestixio dentro e fora das nosas fronteiras, o Festival ArteLixo, que cada ano conta cunha maior sona, o Festival de Artistas de Rúa; os tradicionais Maios ou a Festa dos Fachos, son unha boa mostra do que Redondela oferta en cultura, gastronomía, arte e tradición.

A estes atractivos innegables, sumábase abundante información sobre a potencialidade do municipio redondelán en patrimonio artístico e cultural, aspecto no que o Goberno local traballa arreo para a súa rehabilitación e posta en valor. Cemiterio de Eidos, Fonte de Santiago ou Fonte da Raíña, todos eles recentemente recuperados, son tan só unha pequena mostra dos numerosos atractivos cos que conta Redondela neste eido.

Doutra banda, a cultura castrexa co castro de Negros como elementos destacado , os petroglifos da área de Monte Penide ou da Poza da Lagoa en Trasmañó, únense ao Centro de Interpretación da Batalla e Patrimonio de Rande á hora de achegar ás e aos visitantes, fragmentos da historia de Redondela da importancia que o municipio tivo ao longo dos tempos.

Espertou un grande interese entre as e os profesionais turísticos, o feito de que Redondela fose punto de confluencia do Camiño Portugués e Camiño Portugués pola Costa (este último o que maior crecemento ten de todas as rutas xacobeas) o que supón un fluxo constante de persoas.

Nese sentido, Digna Rivas lembrou o traballo que se está a desenvolver dende a Concellería de Turismo para que as e os peregrinos que percorren a ruta xacobea “non só pasen por Redondela, senón que se deteñan no municipio, pernocten e teñan a oportunidade de coñecer máis a fondo non so a nosa riqueza cultural, artística e patrimonial, senón a hospitalidade das nosas xentes”.

A mocidade tomiñesa colle fío e agulla no seu vindeiro curso da OMIX

0

O Concello de Tomiño segue a apostar pola formación da mocidade a través de novos cursos, obradoiro e iniciativas que espertan grande interese entre os rapaces. A OMIX vén de abrir o prazo de inscrición para participar nunha nova proposta: un curso de corte e confección o que as persoas participantes achegaranse ao mundo do téxtil sen necesidade de ter coñecementos previos na materia e co que poderán rematar realizando os seus propios deseños.

O curso comezará o 25 de febreiro e haberá clases todos os sábados de 10.00 a 13.00 horas ata o vindeiro 1 de abril. As clases, dirixidas a persoas a partir de 12 anos, serán no Espazo Mercado de Goián e terán un prezo de 20 euros ao mes. Os mozos e mozas interesados en participar poden xa inscribirse a través da páxina web do Concello.

O obradoiro dividirase en diferentes actividades para ir mergullando a rapaces e rapazas no mundo do corte e da confección. Por un lado, partirase dende cero ensinando ás e aos participantes a manexar o fío e a agulla, aprendendo diferentes tipos de puntadas existentes e practicándoas. Unha vez dominada a agulla o seguinte paso será coñecer as diferentes técnicas de remendos, como arranxar baixos, colocar cremalleiras ou coser botóns, entre outras. Ademais, o alumnado tamén aprenderá a utilizar máquinas de coser de diferentes tipos, así como a realizar patróns para a elaboración de pezas propias.

Como sinala a alcaldesa, Sandra González, a través das súas actividades a OMIX do Concello de Tomiño busca “achegar á nosa mocidade unha programación actual, na que se traten temáticas non só que lles poidan brindar oportunidades persoais e profesionais no futuro, senón tamén que lles interesen especialmente, como é o caso de todo o relacionado co mundo téxtil”.

Cristina Fernández Davila convencida de que o Corpus de Ponteareas será Ben de Interese Cultural

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, manifestou hoxe o seu convencemento de que o vindeiro luns 23 a Xunta de Galicia lle comunicará persoalmente a declaración do Corpus Christi de Ponteareas como Ben de Interese Cultural Inmaterial. A rexedora local ten concertada unha reunión o vindeiro luns coa directora xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación, á que foi convocada o pasado venres 13 de xaneiro logo de cinco anos agardando a que a Xunta outorgue ao Corpus ponteareán ese recoñecemento.

A alcaldesa lembra que o goberno do BNG-PSOE “solicitou en 2017, en 2018 e en 2022 esa declaración, sen obter ningunha resposta por parte da Xunta, nin positiva nin de requirimento de máis documentación, malia a nosa insistencia e reiteración”.

Fernández Davila salientou que, malia a pouca dilixencia, lentitude e desinterese da Xunta de Galicia, o Corpus de Ponteareas será BIC por méritos propios e porque a nosa maior obra de arte colectivo ten dereito a ese recoñecemento, por enriba de intereses políticos.

A alcaldesa agradeceu o apoio e implicación de colectivos como a asociación de alfombristas e o resto de partidos políticos para conseguir este recoñecemento para unha manifestación artística que nos une a todos e “que veño reclamando diante da Xunta como Alcaldesa que represento a toda a veciñanza sen distincións”.

Cronoloxía da declaración do Corpus como BIC

No ano 2017, o goberno presidido por Xosé Represas entregou en man a solicitude de declaración de BIC á directora xeral de Turismo, Nava Castro, coñecedora da importancia que ten o Corpus para a vila. En febreiro de 2018 se lle remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o expediente con toda a documentación, incluíndo a memoria con material gráfico histórico e imaxes dos principais puntos de interese do Corpus.

En maio de 2020, sen ter noticias sobre o estado da solicitude, o Concello enviou un escrito á Consellaría pedindo información sobre a tramitación do expediente. O Goberno local reiterou en marzo de 2022 a súa solicitude sobre o estado no que se atopaba a petición de declaración de BIC Inmaterial do Corpus de Ponteareas e sobre a documentación precisa para continuar coa tramitación, petición que se repetiu en abril de 2022. Xa en xullo dese mesmo ano, o Concello presentou unha nova solicitude de declaración de BIC Inmaterial ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na que se achegaban de novo todos os documentos de investigación enviados nas ocasións anteriores.

O venres 13 de xaneiro a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Educación convocou para o vindeiro luns 23 á alcaldesa para abordar a declaración como BIC do Corpus.

O Rosal xa pensa no Entroido

0

O Rosal quenta motores para desfrutar un ano máis do Entroido. O Concello vén de abrir o prazo de inscrición para participar un ano máis no concurso de carrozas, comparsas, grupos, disfraces individuais e entroido tradicional, que encherá de música, cor e mascaradas o desfile que se celebrará o domingo 19 de febreiro ás 11.00 horas na vila. O desfile percorrerá a rúa Xulio Sesto, dende a Rotonda da Feira e a rúa de Ramón Franco, ata o cruce coa Lomba. As persoas e asociacións interesadas en participar poderán inscribirse a través do Rexistro do Concello de forma presencial ou telemática ata o 8 de febreiro.

O concurso volverá contar cunha categoría coa que galardoar aos grupos que representen o entroido tradicional do Rosal. Por outro lado, tamén haberá premios para as carrozas formadas por un grupo mínimo de 6 persoas representando algún tema enriba dun elemento móbil; para as comparsas, que deberán contar cun mínimo de 10 persoas; para grupos, de entre 3 e 9 persoas; e para os disfraces individuais, que inclúe a parella para aqueles disfraces que requiran de participación conxunta, a modalidade infantil ata os 12 anos e a xuvenil-adulto a partir dos 13. En total repartiranse máis de 3.350 euros en premios entre os primeiros, segundos e terceiros postos de cada unha das categorías.

Xunto coa solicitude de inscrición deberase achegar ademais unha breve descrición dos disfraces que se presenten a concurso, xunto con fotocopia do DNI para as persoas participantes, con autorización do ou da representante legal en caso de menores de idade, ou coa CIF e DNI da persoas representante en caso de ser asociacións. As persoas que non se inscriban poderán participar no desfile, aínda que sen opción a premio.

Baiona oferta aos seus comerciantes un obradoiro gratuito

0

Co obxectivo de mellorar a competitividade e eficiencia do comercio local, a Concellería de Comercio e Mercados do Concello de Baiona ofrece a un obradoiro de “Técnicas de Merchandissing en Espazos Comerciais”. 

Esta iniciativa está orientada aos placeiros, comerciantes, empresariado…en definitiva, a todas  aquelas persoas que estean interesadas en sacarlle o máximo partido ao seu negocio.

A sesión, que se realizará o vindeiro xoves 26 no Multiusos Ángel Bedriñana, é gratuíta e terá unha duración de dúas horas, empezando ás 18:00 h. 

Durante a xornada, abordaranse  temas como: o merchandising en lugares de venda como técnica para atraer a venda; O cliente: o seu comportamento no punto de venda; Principios básicos e elementos de implantación en espazo comercial (Xestión do espazo; Presentación, colocación e etiquetaxe do produto, produtos ganchos; Cor, luz, música, rendibilidade;  Espazos:”Puntos quentes” e “Puntos fríos”).

Así mesmo, tamén se abordarán aspectos como a publicidade e animación no lugar de venda (Imaxe corporativa, escaparate, endicadores visuais, principais tipos de carteis), estratexia de Merchandising Visual do espazo e do produto; inventarios e seguimento con clientes ou desenvolvemento virtual aplicado ao pequeno comercio.

Desde a Concellería de Comercio e Mercados convídase a partir na actividade aos placeiros dos postos de mercado así como a todo o sector comercial da Vila.

As persoas interesadas en participar deben confirmar a súa asistencia enviando un email ao correo: [email protected].

O anexo da Sala Municipal de Exposicións acolle as obras da sétima edición de ‘Pinta Tui’

0

O anexo da Sala Municipal de Exposicións do Edificio Francisco Sánchez acolle ata o 12 de febreiro a exposición das obras gañadoras e participantes na sétima edición do certame de pintura rápida ‘Pinta Tui’.

O concurso celebrouse o pasado mes de novembro, organizado pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui (ACITUI), coa colaboración do Concello e outras entidades da cidade. Nesta edición participaron 45 persoas de toda a provincia de Pontevedra, recollendo nas súas obras espazos e lugares de Tui con diversas técnicas e estilos.

Entre as obras expostas estarán as gañadoras en categoría adulta, que premiou a Martina Bugallo, e xuvenil, na que venceu Martiño Ojea. Xunto a elas, na exposición pódense apreciar as creacións de Sergio Ribeiro, Javier Pereira, Servando Barros e José Luís García en categoría de adultos.

Na xuvenil, amais da obra gañadora, estarán expostas as obras de Arianna Pazos e Uxía Soto, mentres que na categoría infantil poderanse visitar as pinturas de Desirée de Dios e Manuela Martínez.

A exposición pode visitarse en horario de 9 a 14 h. e de 16 a 21 h. durante a semana, e os sábado de 9 a 13 h.

Mos desbrozará os camiños do municipio

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou a aprobación en Xunta de Goberno Local do inicio do expediente de contratación do servizo de limpeza viaria e desbroce de camiños.

A contratación do servizo de sega, desbroce e limpeza de cunetas que afectan ás marxes dos camiños municipais das 10 parroquias do Concello de Mos ten un orzamento base de licitación de 200.000 euros. As tarefas a realizar comprenden a limpeza e roza de cunetas, beiravías e noiros ata deixar libre todo o pavimento da calzada, incluíndo o tratamento dos residuos e a retirada a vertedoiros autorizados.

Especificamente o adxudicatario do contrato realizará os seguintes traballos: A limpeza de cunetas e canles nos laterais dos camiños municipais que impiden a normal circulación das augas superficiais e pluviais. A roza dos laterais dos viais ata a altura que requira cada unha das zonas a limpar tendo en conta as súas características específicas. A reposición ao seu estado orixinal nas zonas onde existan cunetas de terra, manualmente ou con maquinaria adecuada. A retirada e limpeza nas cunetas de formigón dos materiais que impidan a evacuación das augas. Ademais do corte de matogueiras e malas herbas, deberá recoller todos os residuos existentes na zona na que se actúe tales como ramallada, plásticos, botes, botellas, etc… Os residuos e maleza xerados pola roza e limpeza retiraranse, como máximo, ao día seguinte e serán depositados en vertedoiros autorizados. Estes vertedoiros serán sempre por conta do propio contratista. Tratamento adecuado da maleza, materiais e residuos que resulten dos traballos que se realicen polo adxudicatario que deberá darlle a cada un dos tipos de residuos o tratamento separado e individualizado que esixe o cumprimento da normativa medio ambiental. A sinalización para a execución dos traballos deberá cumprir estritamente a normativa vixente para este tipo de traballos na vía pública, sendo de conta do adxudicatario o custo de todos os elementos necesarios de sinalización. O persoal que deberá ser destinado a tal fin son: 11 operarios a organizar en 3 equipos. E o material necesario: 6 desbrozadoras de man (2 por equipo), 1 camión para transporte do material desbrozado a vertedoiro autorizado, 3 sopradores de mochila (1 por equipo), 3 furgonetas para transporte dos operarios e material necesario para a prestación do servizo (1 por equipo) sinalización vertical e balizamento cumprindo a normativa de seguridade. E unha retro excavadora para limpeza de canles e gavias.

Mantemento de zonas verdes

Por outra banda Arévalo, rexedora local mosense, informou de que a semana pasada xa foi adxudicado o novo contrato do servizo de limpeza, conservación e mantemento das zonas verdes, parques, xardíns e arbolado do Concello de Mos.

O importe mensual do contrato incrementarase nun 33% respecto do contrato en vigor, pola inclusión de melloras, entre as que se atopan novas zonas de actuación, e pola actualización dos prezos.

O prazo de duración do contrato é de un (1) ano. Dito prazo poderá ser prorrogado un ano máis. A duración total do contrato, incluída a prórroga, non poderá exceder de dous (2) anos.

En total o contrato inclúe o mantemento de 57 zonas verdes distrubuídas polas 10 parroquias mosenses, entre as que se inclúen 2 zonas novas a maiores respecto do contrato anterior, que son: a zona verde na contorna do skatepark en San Rafael, parroquia de Pereiras, e as árbores existentes en ambas marxes da estrada Puxeiros-Peinador.

O novo contrato inclúe o conxunto de tarefas administrativas, operación precisas e infraestrutura necesaria para proceder a unha limpeza, conservación e mantemento suficiente de todos os elementos das zonas verdes, parques, xardíns e arbolado. Tamén se inclúe no presente contrato o mantemento dos sistemas de rego automático instalados en ditas zonas e aqueles que durante a vixencia do contrato se executen de novo. O nivel de prestación dos servizos será tal que o estado de ditas zonas verdes se atopen en todo momento dentro duns parámetros de calidade óptimos para o gozo dos cidadáns.

Os elementos a conservar nos espazos verdes son aqueles que poidan considerarse como principais (céspede, árbores, arbustos, terrazos, etc), ademais de todos os que formando parte da zona verde, interacionen de algunha forma cos primeiros, e inflúan directa ou indirectamente no seu estado. En consecuencia, os elementos que se inclúen no presente contrato serán: praderías de céspede, árbores, arbustos, pavimentos terrizos e outros, setos, macizos de flor, macizos arbustivos, redes de rego e mecanismos eléctricos das redes de rego (das actuais e das futuras).

As tarefas que a empresa concesionaria deben levar a cabo son: Programa de Rego anual, Programa de sega anual, Recorte e poda de arbustos e setos, Aireación e escarificado, Programa de Resembra anual, Escarda: Terá como finalidade a eliminación de malas herbas, Entrecavado e rastrillado, Limpeza e adecentamento, Abonados e achegues de substrato, Programa de Tratamentos Fitosanitarios, Perfilado. Ademais dun Plan anual de plantacións con Labores de reposición: Estes labores consistirán na substitución ou renovación das plantas permanentes ou de tempada, arbustos, árbores, zonas de céspedes, etc… que houbesen perdido ou minguado considerablemente as súas características ornamentais, ou ben, que o seu precario estado botánico faga prever tal situación para un futuro próximo.E tamén un Programa de poda anual, Conservación dos sistemas de rego automático; e Actuación nos cemiterios municipais para que estean en perfecto estado nas épocas de maior afluencia de persoas: Día de Todos os Santos (1 novembro), Nadal e Semana Santa.

A empresa adxudicataria debe dispor dos medios humanos e do persoal preciso en cada momento e época do ano para a boa execución das tarefas de conservación; non obstante estará obrigado a manter un persoal mínimo.

O adxudicatario debe por a disposición do servizo, a súa conta e cargo, toda a maquinaria, ferramentas, material auxiliar e útiles, sexa en réxime de aluguer ou de propiedade, precisos para a correcta execución dos traballos.

A empresa disporá de sistemas de xestión ambiental e de calidade para que o servizo prestado desenvolva e implemente uns obxectivos medioambientais. Entre ditos sistemas deberán constar o Emprego de plantas con baixos requerimentos hídricos, o Emprego de maquinaria de alto rendemento e recicladora, a Xestión eficiente do rego e a Xestión de residuos.

Ponteareas celebra o 150 aniversario da Banda de Música A Unión de Guláns cunha ampla programación

A Banda de Música “A Unión de Guláns”, en colaboración co Concello, presentará este domingo os actos conmemorativos do seu 150 aniversario. A cita é a partir das 17.00 horas na Casa Cultural de Guláns.

Fundada en 1870, pola Unión de Guláns pasaron 20 directores e centenares de músicos e músicas que deron a coñecer á banda e fixeron da mesma o maior orgullo da parroquia converténdoa, como indica o seu propio nome, nun auténtico nexo de unión entre os seus veciños e veciñas.

Entre as actividades previstas figura unha cea e posterior baile de Entroido con temática dos anos 70 e no que A Unión de Guláns interpretará temas da época, que se celebrará o sábado 18 de febreiro. O día 21 de maio está previsto que a banda presente un novo disco de música galega. Durante as festividades do Corpus Christi manterán aberta unha exposición de instrumentos, fotografías e partituras no museo da biblioteca municipal de Ponteareas. E o broche de ouro destes actos conmemorativos do 150 aniversario chegará co concerto do 23 de xullo na vila do Tea, un evento no que compoñentes actuais e antigos interpretarán conxuntamente dúas pezas e retomarán a súa ‘unión’ cun xantar posterior.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, sinala a importancia de celebrar esta importante data para A Unión de Guláns e que “a banda cumpriu 150 anos en 2020, pero non puidemos poñer en valor a súa ampla traxectoria e legado por mor da situación sanitaria polo que agora era necesario retomar esa celebración cunha programación ampla e diversa”. Por último, Groba quere “convidar a todos os veciños e veciñas de Ponteareas a que se acheguen á presentación do domingo e participen en todos os actos previstos ao longo do ano”.

A Cañiza rehabilita os vestiarios do pavillón municipal

0

A Cañiza está a reformar os vestiarios do pavillón municipal do Carballo do Marco. Unha obra subvencionada ao 100 % polo Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, cun investimento de 48.763,70 € nos que están incluidos os costes de execución da obra (46.054,60 €) e de redacción do proxecto ( 2.709,10 €).

Luis Piña visitou esta semana as obras desta II fase de reforma da instalación deportiva, acompañado polos técnicos da empresa que lle amosaron ao rexedor os avances na rehabilitación e tamén a necesidade de subsanar con urxencia esta zona da instalación que presentaba importantes deterioros estructurais e desperfectos acumulados durante 4 décadas.

A reforma inclúe a renovación das instalacións de electricidade e fontanería. Novos revestimentos nas paredes da zona de duchas e grifería. Pintado das paredes con pinturas resistentes á humidade e antimofo. Colocación de novo pavimento vinílico antiescorregadizo no chan dos vestiarios e do corredor de acceso. Sustitución do falso teito  de madeira por aluminio e  reparación das paredes dos corredores.

Para o alcalde “o Concello tiña unha débeda con esta instalación deportiva, construida no ano 1983 e que actualmente é unha das máis utilizadas polos clubes da Cañiza, onde se desenvolven diariamente varias actividades e disputan importantes encontros e competicións deportivas”.

FITUR degusta o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño desembarcou este mércores en FITUR cun obxectivo claro: que as e os visitantes degustaran e saborearan cada recuncho do territorio. Fíxoo “cunha narración na que a protagonista é a gastronomía e as persoas profesionais cos que contamos para que os nosos produtos se ofrezan ás e aos turistas con calidade, exquisita preparación e cunha presentación que sorprende e deixa pegada”, como salientaba durante o acto de presentación o representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán, Juan A. González.

Todo conseguido, como sinalaba Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño,  grazas “ao esforzo colectivo dos 14 concellos que compoñen o Xeodestino, porque ese traballo xuntos e xuntas, en equipo, sen fisuras, é o que fai que sexamos máis fortes”. “É un orgullo ter sacado con este éxito o noso Xeodestino, que para nós supón un reto, para o noso territorio unha mellora e para os nosos veciños e veciñas unha nova forma de entender, gozar e divulgar todo o que temos”, recalcou.

Os verdadeiros e verdadeiras protagonistas da nova campaña presentada en FITUR, ‘Degusta Ría de Vigo e Baixo Miño’ foron os profesionais que están a facer un excelente traballo poñendo en valor os produtos locais do Xeodestino e ofrecendo ás e aos turistas a mellor versión do territorio. O chef de cociña do Hotel Talasso Atlántico e protagonista do vídeo central da campaña, Javier Fins, quen vive “fronte a unha praia marabillosa e traballo a pés do Atlántico máis salvaxe, un sitio que inspira, cun produto incomparable e con persoas produtoras e artesás de gran nivel que permiten crear menús como o que presentamos e que agardamos que veñades a desfrutar”.

José Manuel Fernández, mestre panadeiro do Forno de Mosende do Pan do Porriño agradeceu facer cada día o que lle gusta “nun lugar cunha tradición incrible e nunha das zonas de España onde a cultura do pan é das máis lonxevas. Con catro ou cinco ingredientes conseguimos crear un produto sinxelo e complexo á vez que acompaña nesta campaña a un produto e unha elaboración incribles”. Pola súa banda, Fátima Beamonte, artesá ceramista de Baiona e creadora das pezas nas que se emprata o menú do vídeo da campaña, explicou que as súas obras “están creadas inspirándome no lugar que me rodea, intentando transportar á e ao comensal aos lugares onde foron ideadas. Sempre é un reto incrible pensar en como o van beber, comer ou intuír os produtos que van conter”.  

O acto de presentación en FITUR contou tamén coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que cualificou ao Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño como a despensa do sur de Galicia e destacou a posta en valor polo produto local do territorio. Un aspecto no que tamén coincidiu José Manuel Miñones, delegado do Goberno do Estado en Galicia, que sinalou que o Xeodestino é quen de espertar a necesidade de degustar este destino de visita obrigada”.

No acto participaron, entre outras autoridades, os alcaldes e alcaldesas do Xeodestino xunto aos de Nigrán e Tomiño, como Antonio Lomba, da Guarda; Carlos Gómez, de Baiona; Paco Ferreira, de Gondomar; Nidia Arévalo, de Mos; Alejandro Lorenzo, do Porriño; Ánxela Fernández Callís, do Rosal; Eloísa Nogueira, de Pazos de Borbén; Digna Rivas, de Redondela; Agustín Reguera, de Soutomaior e Enrique Cabaleiro, de Tui, ademais de concelleiros e concelleiras dos municipios do territorio e técnicos e técnicas do territorio.

A mostra “Do Lérez ao Tambre” chega á Guarda da man de Nadia Otero

0

O vindeiro venres día 27 de Xaneiro ás 19:00h, Nadia Otero, artista de 24 anos nada en O Grove, inaugurará na sala de exposicións do Concello de A Guarda a súa mostra “Do Lérez ao Tambre”, onde se poderán ver catorce obras realizadas ao longo da súa vida artística.

A través dos seus óleos descubriranos unha peregrinación dende Pontevedra ata Santiago de Compostela paralela á que se fai no Camiño de Santiago. Esta viaxe levaranos por diferentes puntos da xeografía galega tan recoñecibles como Sanxenxo e A Toxa, entre outros; todos eles unidos baixo o fío conector da auga, sendo representada mediante o mar e o río.

Nesta exposición veremos a progresión que fai esta artista por medio das súas pinceladas, onde en algunhas obras son máis indecisas e en outras máis seguras e maduras, demostrando así a súa evolución.

Tanto a artista como o Concello da Guarda convidan a desfrutar desta viaxe a través da pintura que poderá ser visitada do 27 de xaneiro ao 17 de Febreiro en horario de 9:00 h a 15:00 h de luns a venres.

Nigrán brilla en Fitur co roteiro literario de Domingo Villar

0

O Concello de Nigrán brilla na Feria Internacional de Turismo (FITUR) grazas á estrea oficial do roteiro literario ‘A Praia dos Afogados’, libro do aclamado escritor Domingo Villar, falecido o ano pasado, e cuxa trama principal discorre na parroquia de Panxón. No primeiro día en Madrid, o Concello esgotou o folleto turístico específico que reproduce os pasos do carismático personaxe Leo Caldas nesta famosa novela negra traducida a máis de 15 idiomas e levada ao cine no 2015. Igualmente, as persoas interesadas poden atopalo físicamente na Oficina de Turismo de Panxón ou descargalo directamente na web www.nigran.es.

“Domingo Villar é un referente da novela negra en todo o mundo e tivemos a sorte de que centrase ‘A praia dos Afogados’ en Nigrán; con este roteiro queremos homenaxealo e manter viva a súa memoria ao tempo que promovemos o noso municipio; foi o noso mellor embaixador e queremos recoñecelo deste xeito”, explica o alcalde, Juan González. “Sabíamos que iba a ter unha excelente acollida porque a súa obra interesa a milleiros de persoas, ademais, o roteiro resulta espectacular porque recompila algúns dos lugares máis fermosos de Nigrán e que el tan ben describe na novela”, explica o alcalde, Juan González, quen incide nos “centos de lectores entusiastas’ que este verán participaron nos roteiros guiados que o Concello realizou como homenaxe ao escritor falecido en Vigo en Maio de 2022. “Colleitaron un éxito de público incrible, con esa experiencia e atendendo ás opinións dos participantes, realizamos este folleto”, explica González.

A andaina deseñada ten una lonxitude de 4,5 km divididos en 5 paradas e unha duración estimada de 2,5 horas cun grado de dificultade media. Seguindo o propio discorrer da novela, arranca na Praia da Madorra, onde aparece o cadáver maniatado dun mariñeiro que abre a investigación. A continuación continúa no Porto de Panxón, onde se atopa a lonxa ou a taberna ‘El Refugio del Pescador’, ademais das nasas ou embarcacións tradicional moi mencionadas no libro. A terceira parada é o Templo Votivo do Mar do arquitecto Antonio Palacios, lugar onde o inspector Leo Caldas se entrevista co párroco e cuxo interior contén mosaicos de esceas de naufraxios. Seguidamente, o camiñante debe dirixirse cara a península de Monteferro para visitar Punta Lameda, zona onde aparece afundida a barco de ‘O Rubio’ e, finalmente, conclúe no Monumento á Mariña Universal, contorna cuxas vistas sorprenden a Rafael Estévez, axudante de Caldas. Estas cinco ‘paradas’ figuran xeolocalizadas, con cadansúa frase da novela vinculada a esa zona en concreto e, a maiores, cunha breve información turística ao respecto. Deseñado como un folleto manexable, con forma de libro que se pode gardar no bolsillo, e con gran protagonismo das imaxes, inclúe un pequeno mapa e outros puntos de interese para aquelas persoas que desexen ampliar o roteiro, como poderían ser o cemiterio de Panxón, o Arco Visigótico, Monte Lourido, o Miradoiro de Monteferro… Todos eles puntos de interese mencionados dalgún xeito no libro.

‘A praia dos Afogados’

Publicada no ano 2009, trátase da segunda entrega da famosa triloxía de novela negra de Domingo Villar. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata a praia da Madorra. Se non tivese as mans atadas ás costas, Xusto Castelo sería simplemente outro dos fillos do mar que atopou a súa tumba entre as augas mentres faenaba. Pero o océano nunca necesitou amarras para matar. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do falecido, o lacónico inspector Leo Caldas mergullarase no ambiente mariñeiro do pobo, tratando de esclarecer o crime entre homes e mulleres que se resisten a desvelar as súas sospeitas e que, cando se decidan a falar, apuntarán nunha dirección demasiado insólita. Un asunto inoportuno para Caldas, que atravesa días difíciles: Alba volveu a dar sinais de vida, o único irmán do seu pai está gravemente enfermo e a súa colaboración no programa de radio está a volverse insoportable.

Mondariz celebrará o seu Entroido o 19 de febreiro

0

O Concello de Mondariz asume este ano a organización da festa de Entroido na localidade, que xa ten data e cartel. O tradicional concurso de comparsas e carrozas terá lugar o domingo 19 de febreiro, a partir das 17:00 horas. As bases do mesmo están en fase de elaboración e serán publicadas nos próximos días, abríndose o prazo de inscrición de participantes.

Detrás da organización do Entroido de Mondariz estivera nos últimos anos a asociación de veciños/as Xabriña, que incluso en tempos de pandemia fixera o esforzo de manter esta festa popular na localidade. O ano pasado, a incerteza respecto da situación epidemiolóxica atrasou o evento e finalmente se organizou un Entroido de Verán a finais de maio. Como esta asociación de veciños/as experimenta actualmente un cambio de directiva, o Concello de Mondariz decidiu pasar de colaborador a organizador desta actividade sociocultural para que se manteña no tempo. “Desde xa, animamos aos veciños e ás veciñas, así como aos colectivos socioculturais das parroquias, a preparar neste mes a súa participación no concurso de comparsas e carrozas do Entroido 2023”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

Xornada de portas abertas do serradoiro dos Carranos en Covelo

0

A Concellería de Turismo do Concello de Covelo convida a participar na primeira xornada de  portas abertas do serradoiro dos Carranos neste ano 2023. Será este domingo día 22 de xaneiro e as persoas interesadas poderán inscribirse nun dos catro pases que se realizarán. As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra. Ás visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece rutas, observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía e distintas actividades.

A organización ofrece a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono 654 500 652.

O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada e por en valor o patrimonio cultural e natural, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes, concelleira de Turismo.

A inscrición está aberta ata esgotar as prazas.

Baiona protagonista en Fitur 2023

0

O Concello de Baiona ten un papel protagonista na edición do 2023 de Fitur, unha das feiras máis prestixiosas do mundo dentro do sector turístico que comeza hoxe en Madrid.

No escenario global post-pandemia, os destinos de natureza e patrimonio histórico son moi demandados, polo que os touroperadores valoran a aposta do Concello de Baiona polo turismo sostible e desestacionalizado ao longo do ano, así como o maior protagonismo do seu papel na historia con varias iniciativas.

“A sinatura do Manifesto de Baiona para establecer unha ruta dos pobos colombinos, a reforma da Carabela Pinta, as experiencias 3D na Casa da Navegación ou os safaris de garranos son iniciativas impulsadas nos últimos meses que valoran no sector”, explica o alcalde, Carlos Gómez Prado.

Gómez Prado participará desde hoxe e ata o venres en numerosos actos promocionais da vila, ademais de manter reunións con touroperadores internacionais moi interesados en incluír Baiona nas súas rutas de viaxe.

O alcalde estará hoxe na presentación do Plan Estrátexico de Paradores de España. O de Baiona recibirá un investimento de 6,7 millóns de euros para poñer en valor as súas zonas visitables. Tamén asistirá á presentación da campaña ‘Pontevedra Provincia. Plató de cine’ e do XeoDestino Ría de Vigo e Baixo Miño, do que forma parte Baiona.

Mañá, xoves 19, participará na asamblea das Vilas Mariñeiras de España e na presentación da campaña ‘Orixe Rías Baixas’. O venres, chegará a quenda da presentacion da Festa da Arribada 2023 e do Mundial J80, a cargo do Monte Real Club de Iates de Baiona.

A Xunta pon en marcha a rede galega de parques sen fume

A Xunta de Galicia pon en marcha a Rede galega de parques sen fume coa incorporación dos primeiros 18 concellos. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no concello da Estrada, “que está comprometido con esta causa”. Tal e como referiu o conselleiro no acto, do que foi anfitrión o alcalde da Estrada, José López Campos, logo da aprobación da creación desta rede no Consello da Xunta, a finais do mes de novembro, e para incentivar e premiar os concellos que primeiro decidiran adherirse a esta rede, a Xunta facilitou de forma gratuíta o material de sinalización, sendo preto de 20 os concellos que deron de inmediato ese primeiro paso.

Con esta iniciativa, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o obxectivo do Executivo galego “é crear máis espazos públicos libres de tabaco nas vilas galegas”. Esta programa que se acaba de por en marcha é un fillo directo, -remarcou Comesaña-, doutra iniciativa de éxito como é Praias sen fume, que a Xunta creou no 2016, e da que xa forman parte 80 concellos de toda Galicia, en total 214 praias libres do fume do tabaco.

Segundo o conselleiro, tanto a rede galega de praias sen fume como a de parques, “teñen un fin educativo e de sensibilización social, salientando a importancia da conduta da poboación adulta, para que sirva de modelo para os máis novos”. De aí que os obxectivos de parques sen fume sexan a promoción dunha vida sen tabaco e a desnormalización do seu consumo; así como o respecto e coidado dos espazos públicos e do medio ambiente.

Compromisos

Os concellos participantes nesta iniciativa adquiren, -remarcou o conselleiro-, unha serie de compromisos entre os que citou, a identificación e sinalización dos parques con materiais da rede facilitados pola Consellería de Sanidade. Ademais, os concellos comprométense a difundir entre a poboación os folletos informativos e de sensibilización. Tamén se comprometen a desenvolver actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco, así como dar soporte a accións levadas a cabo no ámbito escolar, e, así mesmo, organizar e impartir charlas sobre os beneficios de non fumar.

Estratexia de saúde pública

As cifras dos últimos anos indican que ao redor do 20% da mocidade entre 16 e 24 anos fuma diariamente, e lograr que estas cifras baixen é un obxectivo prioritario para o departamento sanitario galego. Ao respecto, o 75% das persoas enquisadas por Sanidade son partidarias de seguir aumentando o crecemento de espazos públicos sen fume. Por iso, seguiremos a traballar, -dixo o conselleiro-, “promovendo programas, actividades ou accións que incidan na concienciación sobre o consumo de tabaco”.

Esta estratexia de saúde pública da Xunta queda reflectida en que, nos orzamentos deste ano, a partida que máis sube é o Programa de protección e promoción da saúde pública, “cun ascenso de máis do 17% ata os 106 millóns de euros, 15 millóns máis que o ano pasado”.

Así mesmo, -proseguíu o titular da carteira sanitaria-, a Xunta traballa no desenvolvemento dunha lei de prevención de adicións en menores, “que vai abarcar a prevención dun xeito moi intenso e así como traballar no aumento da percepción do risco co fin de diminuír a aceptación social”.

Tamén a Xunta traballa no desenvolvemento do Plan de trastornos aditivos de Galicia, que ademais de incidir na prevención, irá dirixido ás persoas que padecen un trastorno aditivo, “buscando non só a superación da adición, senón, tamén, a reincorporación social da persoa”.

Así mesmo, o conselleiro tamén destacou os Plans Locais de Saúde, documentos estratéxicos dos servizos de atención primaria, que convirten aos centros de saúde en copartícipes da aplicación das políticas de saúde pública. O conselleiro rematou destacando a labor do centro de saúde da Estrada, o mellor de España por sexta vez consecutiva, que destaca non só pola calidade da súa atención sanitaria, senón tamén polo seu importante número de actividades comunitarias, cun total de 14 durante o 2022.