A metade de camiño entre a novela negra e o thriller, María Solar vén de presentar un novo traballo para adultos no que pescuda nas interioridades da parte máis escura da alma humana a través dun trío de mulleres, protagonistas do relato. Avalada polo Premio Xerais, «A culpa» narra a historia de Amanda, empregada nun banco que, de maneira sorpresiva, se converte en herdeira universal dunha clienta de aspecto deplorable e cotroso, posuidora dun patrimonio millonario. A partir de aí, a moza, acompañada por un veciño xornalista convertido en amante ocasional e vencida pola curiosidade, decide iniciar unha pescuda sobre a identidade e o pasado da vella que a levará ao outro lado do Atlántico.
Na Arxentina atopará unha historia de tolemia, morte e dominación baseada nunha relación tóxica entre Mirta e Marcela, dúas nenas galegas que escapan dun entorno hostil para iniciar unha aventura na emigración. Aventura que comeza por arrastralas polo fango e que prosegue a través dun éxito fulgurante no mundo do espectáculo, orixe da fortuna herdada por Amanda. A historia vital destas dúas nenas, que arranca cunha enorme crueza en terras galegas, exercerá de elemento substancial do relato, de eixo sobre o que xirará toda a novela. Xa dende os inicios, os vínculos entre elas resultan estarrecedores, pero a medida que avanza a trama, a dominación dunha e a submisión da outra mergullan ao lector nun territorio perturbador, ateigado de crimes e prostitución, de complicidades e silencios, do que non será capaz de saír indemne.
Asistimos, xa que logo, a un relato de forte crueldade moral, unha trama de abusos e vinganzas, de asasinatos e fuxidas, de envexas e de medos, con momentos de gran violencia física e psicolóxica. Mais, ao mesmo tempo, navegamos tamén por unha relación cordial e de compromiso fraternal entre ambas as dúas mulleres, malia que esa complicidade acabe derivando cara a unha absoluta dependencia e remate por desembocar, finalmente, nesa situación tóxica da que falabamos máis arriba. Unha dualidade que implica un difícil equilibrio entre a cara e a cruz desta parte da historia e das súas protagonistas, que Solar foi quen de solventar con destreza.
A escrita diría que apunta cara a unha certa ambición expresiva de forma moito máis clara que en traballos anteriores, mais sen facer excesivas concesións retóricas. Deste xeito, María Solar consegue afianzar claramente a fluidez da lectura, algo que sempre é de agradecer. Esa fluidez, acompañada da concienzuda dosificación de información da que fai gala a autora, é capaz de enganchar aos que se acheguen a esta novela e arrastralos a través das súas páxinas con total facilidade, cara a ese final sorprendente que aínda garda segredos non de todo desvelados e sobre os que preferimos calar para non estragar a lectura.
María Solar
«A culpa»
Xerais
336 páxinas