16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas presenta en FITUR as mans do Corpus Christi

    Ponteareas presenta en FITUR as mans do Corpus Christi

    O Corpus Christi de Ponteareas foi un dos protagonistas o venres en FITUR, unha das feiras de turismo máis importantes a nivel internacional que cada ano se celebra en Madrid. A alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila, formou parte do acto de Turismo de Galicia, ‘Galicia, un ano de Festas’, no que se presentaron todas as Festas galegas de Interese Turístico Nacional e Internacional.

    “Para nós é un orgullo participar nesta feira internacional para dar a coñecer ao público o noso Corpus e as nosas alfombras. É o noso reclamo máis importante, pero sabemos que se se achegan á nosa vila seremos quen de conquistalos e conquistalas por todos os recursos turísticos dos que dispoñemos, como son a cultura, a natureza, o patrimonio e as nosas festas”, explicou a rexedora.

    Ponteareas proxectou ante os centos de persoas presentes no encontro a peza audiovisual titulada ‘As mans do Corpus’, un adianto do traballo encargado pola Concellaría de Turismo e que se presentará ás e aos alfombristas e á veciñanza en breve. Durante a súa intervención, a alcaldesa lembrou ao público que a singularidade do Corpus ponteareán “radica no traballo colaborativo que realiza durante todo o ano un pobo envorcado na planificación, deseño, preparación de material e creación dun quilómetro de alfombrado no centro urbano”. “Estamos ante un traballo interxeracional entre as e os alfombristas, xa que son as persoas con máis experiencia as que transmiten todos os seus coñecementos e as técnicas empregadas ás máis novas”, recalcou a rexedora.

    Fernández Davila convidou ao público a gozar da experiencia dos sentidos que ofrece a semana completa das alfombras “nunha vila acolledora que recibe ás persoas visitantes cos brazos abertos, facéndoos partícipes da festa”.

    Durante a presentación, dirixíndose á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a alcaldesa recordoulle que Ponteareas está desexando ser informada da declaración do Corpus Christi ponteareán como BIC Inmaterial canto antes, un recoñecemento “ao que ten dereito por méritos propios a nosa maior obra de arte colectivo”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.