14.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos desbrozará os camiños do municipio

    Mos desbrozará os camiños do municipio

    Inicia a nova contratación do servizo de desbroce e limpeza de cunetas, mentres que o de mantemento de zonas verdes xa se atopa adxudicado

    A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou a aprobación en Xunta de Goberno Local do inicio do expediente de contratación do servizo de limpeza viaria e desbroce de camiños.

    A contratación do servizo de sega, desbroce e limpeza de cunetas que afectan ás marxes dos camiños municipais das 10 parroquias do Concello de Mos ten un orzamento base de licitación de 200.000 euros. As tarefas a realizar comprenden a limpeza e roza de cunetas, beiravías e noiros ata deixar libre todo o pavimento da calzada, incluíndo o tratamento dos residuos e a retirada a vertedoiros autorizados.

    Especificamente o adxudicatario do contrato realizará os seguintes traballos: A limpeza de cunetas e canles nos laterais dos camiños municipais que impiden a normal circulación das augas superficiais e pluviais. A roza dos laterais dos viais ata a altura que requira cada unha das zonas a limpar tendo en conta as súas características específicas. A reposición ao seu estado orixinal nas zonas onde existan cunetas de terra, manualmente ou con maquinaria adecuada. A retirada e limpeza nas cunetas de formigón dos materiais que impidan a evacuación das augas. Ademais do corte de matogueiras e malas herbas, deberá recoller todos os residuos existentes na zona na que se actúe tales como ramallada, plásticos, botes, botellas, etc… Os residuos e maleza xerados pola roza e limpeza retiraranse, como máximo, ao día seguinte e serán depositados en vertedoiros autorizados. Estes vertedoiros serán sempre por conta do propio contratista. Tratamento adecuado da maleza, materiais e residuos que resulten dos traballos que se realicen polo adxudicatario que deberá darlle a cada un dos tipos de residuos o tratamento separado e individualizado que esixe o cumprimento da normativa medio ambiental. A sinalización para a execución dos traballos deberá cumprir estritamente a normativa vixente para este tipo de traballos na vía pública, sendo de conta do adxudicatario o custo de todos os elementos necesarios de sinalización. O persoal que deberá ser destinado a tal fin son: 11 operarios a organizar en 3 equipos. E o material necesario: 6 desbrozadoras de man (2 por equipo), 1 camión para transporte do material desbrozado a vertedoiro autorizado, 3 sopradores de mochila (1 por equipo), 3 furgonetas para transporte dos operarios e material necesario para a prestación do servizo (1 por equipo) sinalización vertical e balizamento cumprindo a normativa de seguridade. E unha retro excavadora para limpeza de canles e gavias.

    Mantemento de zonas verdes

    Por outra banda Arévalo, rexedora local mosense, informou de que a semana pasada xa foi adxudicado o novo contrato do servizo de limpeza, conservación e mantemento das zonas verdes, parques, xardíns e arbolado do Concello de Mos.

    O importe mensual do contrato incrementarase nun 33% respecto do contrato en vigor, pola inclusión de melloras, entre as que se atopan novas zonas de actuación, e pola actualización dos prezos.

    O prazo de duración do contrato é de un (1) ano. Dito prazo poderá ser prorrogado un ano máis. A duración total do contrato, incluída a prórroga, non poderá exceder de dous (2) anos.

    En total o contrato inclúe o mantemento de 57 zonas verdes distrubuídas polas 10 parroquias mosenses, entre as que se inclúen 2 zonas novas a maiores respecto do contrato anterior, que son: a zona verde na contorna do skatepark en San Rafael, parroquia de Pereiras, e as árbores existentes en ambas marxes da estrada Puxeiros-Peinador.

    O novo contrato inclúe o conxunto de tarefas administrativas, operación precisas e infraestrutura necesaria para proceder a unha limpeza, conservación e mantemento suficiente de todos os elementos das zonas verdes, parques, xardíns e arbolado. Tamén se inclúe no presente contrato o mantemento dos sistemas de rego automático instalados en ditas zonas e aqueles que durante a vixencia do contrato se executen de novo. O nivel de prestación dos servizos será tal que o estado de ditas zonas verdes se atopen en todo momento dentro duns parámetros de calidade óptimos para o gozo dos cidadáns.

    Os elementos a conservar nos espazos verdes son aqueles que poidan considerarse como principais (céspede, árbores, arbustos, terrazos, etc), ademais de todos os que formando parte da zona verde, interacionen de algunha forma cos primeiros, e inflúan directa ou indirectamente no seu estado. En consecuencia, os elementos que se inclúen no presente contrato serán: praderías de céspede, árbores, arbustos, pavimentos terrizos e outros, setos, macizos de flor, macizos arbustivos, redes de rego e mecanismos eléctricos das redes de rego (das actuais e das futuras).

    As tarefas que a empresa concesionaria deben levar a cabo son: Programa de Rego anual, Programa de sega anual, Recorte e poda de arbustos e setos, Aireación e escarificado, Programa de Resembra anual, Escarda: Terá como finalidade a eliminación de malas herbas, Entrecavado e rastrillado, Limpeza e adecentamento, Abonados e achegues de substrato, Programa de Tratamentos Fitosanitarios, Perfilado. Ademais dun Plan anual de plantacións con Labores de reposición: Estes labores consistirán na substitución ou renovación das plantas permanentes ou de tempada, arbustos, árbores, zonas de céspedes, etc… que houbesen perdido ou minguado considerablemente as súas características ornamentais, ou ben, que o seu precario estado botánico faga prever tal situación para un futuro próximo.E tamén un Programa de poda anual, Conservación dos sistemas de rego automático; e Actuación nos cemiterios municipais para que estean en perfecto estado nas épocas de maior afluencia de persoas: Día de Todos os Santos (1 novembro), Nadal e Semana Santa.

    A empresa adxudicataria debe dispor dos medios humanos e do persoal preciso en cada momento e época do ano para a boa execución das tarefas de conservación; non obstante estará obrigado a manter un persoal mínimo.

    O adxudicatario debe por a disposición do servizo, a súa conta e cargo, toda a maquinaria, ferramentas, material auxiliar e útiles, sexa en réxime de aluguer ou de propiedade, precisos para a correcta execución dos traballos.

    A empresa disporá de sistemas de xestión ambiental e de calidade para que o servizo prestado desenvolva e implemente uns obxectivos medioambientais. Entre ditos sistemas deberán constar o Emprego de plantas con baixos requerimentos hídricos, o Emprego de maquinaria de alto rendemento e recicladora, a Xestión eficiente do rego e a Xestión de residuos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.