Domingo, 13 Xullo de 2025

Ponteareas prepara un expediente sancionador polo peche temporal das gasolineiras municipais

O Concello de Ponteareas anunciou a apertura dun expediente sancionador á empresa adxudicataria da xestión de dúas gasolineiras de titularidade municipal por cesar, de maneira inxustificada, a prestación do servizo. Dende hai varios días as dúas estacións de servizo permanecen pechadas, o que implica o incumprimento dunha condición esencial do contrato.

As estacións de servizo datan do ano 1992 e foron adxudicadas a dúas empresas por un período de 25 anos, cun canon a pagar ao Concello de 0,45 céntimos por litro. Concluído o prazo, unha das adxudicatarias recorreu aos tribunais alegando a existencia de prórroga do contrato por dez anos máis para impedir unha nova licitación e continuar co servizo. O Concello opúxose por ser contrario ás normas e porque, ademais, a anterior adxudicación prexudicaba economicamente ao Concello ao estar suxeito a un canon esaxeradamente baixo.

Os tribunais resolveron a favor do Concello e no ano 2022 procedeuse á nova licitación resultando adxudicataria a empresa Vilalta Corporación S.A.  O novo canon establecido co novo contrato é de 4,50 céntimos por litro fronte aos 0,45 céntimos anteriores, é dicir, multiplicouse por 10 o que a adxudicataria debe abonar ao Concello, o que implica un grande incremento nos ingresos para as arcas municipais que pasan dunha media de 18.000 euros ao ano na etapa anterior a 180.000 na actualidade. Ademais, o novo contrato inclúe a instalación dunha infraestrutura de recarga eléctrica, outra de gas e a mellora estética das instalacións.

A empresa adxudicataria acreditou a súa solvencia e experiencia no sector, ao dispoñer de máis estacións de servizo en Cataluña e, de feito, conforme aos pregos, abonou por adiantado dous anos de canon por un importe de 360.000 euros.

A empresa informou ao Concello de que o peche responde a problemas puntuais e conxunturais que prevé resolver en breve prazo. O Concello pola súa parte, diante do incumprimento, comezou a tramitación do expediente sancionador que pode levar a imposición dunha sanción económica e incluso, de prolongarse o peche do servizo, a resolución do contrato e unha nova licitación.

O Concello lamenta os prexuízos que o peche causa ás persoas consumidoras, xa que a existencia destas dúas gasolineiras amplía a oferta deste servizo e mellora a competencia na localidade. Dende o Goberno municipal salientan que “a causa do peche é allea á vontade do Concello que, en todo caso, vai actuar conforme ao contrato e protexer os intereses municipais e públicos, para restablecer o servizo no menor prazo posíbel e impoñer as sancións que procedan polo incumprimento do contrato”.

Comeza a fase de deseño do anteproxecto de Santa Clara

Representantes das cinco firmas internacionais de arquitectura que aspiran a rehabilitar Santa Clara (Nieto Sobejano, Kengo Kuma, a UTE David Chipperfield-Carlos Seoane, Kaan, e a UTE Snohetta-Alfonso Penela) visitaron as instalacións do convento para iniciar o traballo de campo a partir do que deseñarán anteproxecto para recuperar o conxunto relixioso e transformalo en museo.

Trátase da primeira das visitas que poderán facer as equipas co fin de recoller toda a información posible para realizar cadanseu deseño, que deberán entregar antes do mes de xuño co fin de que o xurado escolla a mellor proposta. Segundo o vicepresidente  César Mosquera, o obxectivo é que o conxunto de Santa Clara se converta no “estandarte do Museo de Pontevedra” integrándose na cidade e dando, á vez, resposta ás necesidades museísticas da institución.

“Santa Clara representa moitísimo en Pontevedra, tanto na cidade como na provincia. Estaba aquí sempre presente, pero recóndita, estraña. Había interese soterrado por saber que pasaba aquí dentro”, explicou ás equipas de arquitectura, ante as que destacou que foron máis de 17.000 as persoas visitantes que pasaron polo conxunto nas diferentes xornadas de portas abertas.

Para o vicepresidente a recuperación de Santa Clara é “unha grande esperanza á altura das actuacións que se fixeron a finais do século XIX no ensanche de Pontevedra”. Destacou que é preciso abrir o recinto á cidade, o que augurou non será fácil: “Un dos retos será como mantendo a idea e estrutura do convento lograr permeabilizar co exterior e que funcione como unha peza integrada no tecido urbano”, salientou.

Pola súa parte, o director do Museo subliñou que a xornada de traballo foi importante porque sentou as bases para a nova configuración do conxunto de edificios do convento. “A esperanza que temos é moi grande porque con este concurso se seleccionaron cinco estudos de arquitectura a nivel mundial premiados en múltiples proxectos. A experiencia que buscamos é que deste proceso de reflexión teñamos a mellor das solucións posibles”, dixo.

Aos estudos de arquitectura pediulles “que pensen e tomen a iniciativa e o proxecto con moito cariño e con moito amor porque é unha actuación complexa, un espazo moi grande, que integra un número moi grande de unidades edificatorias moi diferentes e unha zona verde tremendamente importante. Hai que buscar unha solución que amose equilibrio entre manter a esencia e o espírito do espazo, pero tamén atender o Museo de Pontevedra do século XXI”. Lembrou que será nunha segunda fase na que intervirá o xurado cando se decida o proxecto final.

Continúa o prazo para presentar ofertas de rehabilitación do muíño de Porto do Molle

0

O Concello de Nigrán mantén ata o 21 de marzo o procedemento aberto para que as empresas interesadas presenten ofertas para rehabilitar integralmente o muíño de Porto do Molle cun orzamento base de 259.152,94 euros. Segundo os propios pregos de licitación, puntua a mellor oferta económica, o menor prazo de execución (previsto en 7 meses) e a maior garantía.

Situado en pleno parque empresarial ao carón do río Muíños e en estado ruinoso desde hai máis de 30 anos pese ao seu gran valor histórico e etnográfico e estar catalogado como BIC (Ben de Interese Cultural), a construción volverá a funcionar con fins didácticos. O obxectivo é reparalo respectando ao máximo a súa orixinalidade e poñelo en marcha mediante a reposición dos mecanismos actualmente desaparecidos e da disposición dunha nova canle hidráulica.

Esta restauración, ademais de implicar un estudio histórico e control arqueolóxico da mesma, supón repoñer e acondicionar a envolvente do edificio, restaurar os paramentos da edificación e infraestruturas hidráulicas e, finalmente, recuperar e repoñer os elementos xa inexistentes de roturación e trituración. Así, na sala correspondente ao propio muíño plantéxase unha intervención mínima instalando unha cuberta de madeira de castiñeiro con cerchas e correas, tal e como tradicionalmente se facía, e, adicionalmente, no chan se repararán as grandes lousas de granito que estean deterioradas. Na habitación que era vivenda ou almancén crearase unha pequena sala de exposicións ou multiusos cun sistema estrutural moderno a base de madeira laminada e tirantes de aceiro, ademais, instalaranse dous aseos, un deles adaptado a persoas con mobilidade reducida (unha zona do cerramento desta sala está derruída e será reconstruída en formigón para que contraste co muro de granito existente). O edificio manterá tres accesos independentes: o do propio muíño, o da sala e un central que da ao vestíbulo desde onde acceder ás dúas salas ou wc. A maiores, contémplase intervir na zona verde da contorna do muíño, onde os desniveis de terras se adaptarán mediante bancais para permitir contemplar mellor todas as partes do muíño.

“Queremos que recolla a tradición muiñeira que pon nome precisamente a este río, polo que plantexamos unha exposición permanente ao respecto e, por suposto, que poida funcionar para facer muiñadas a modo divulgativo”, resume o alcalde, Juan González.

Historia do muíño

Cunha planta rectangular de 25 m x 6’5 m, este foi un dos muíños máis grandes e produtivos da comarca, xa que chegou a ter tres moas en funcionamento simultáneo. Sen embargo, debido ao paso do tempo, actualmente presenta importantes perdas nos muros e carece de cuberta, maquinaria e mesmo de canle hidráulica. Trátase dunha edificación do S.XVIII que consta do propio muíño, almacén e vivenda anexa nun único volumen e no que o sótano está aberto ao exterior mediante tres arcos de medio punto polos que discorría a auga tras moverse o mecanismo de rotación. As obras e movementos de terra para habilitar o parque empresarial implicaron soterrar a súa canle de abastecemento e evacuación ao río Muíños, polo que a día de hoxe en ningún caso poderían funcionar os aparellos, sen embargo, o proxecto contempla activar unha das tres moas orixinais creando un circuíto pechado que empregue un estanque anexo á construción. Co fin de respectar ao máximo a súa factura orixinal, contouse co propio asesoramento de Angel Fernández Misa, fillo dos últimos muiñeiros e quen vivíu nel ata os 20 anos de idade. “Era o muíño máis produtivo de todo Nigrán, ao que viña máis xente, porque tamén era o máis barato”, recorda Lito.

Redondela continúa ampliando a programación do 8M

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela, dirixida por Iria Vilaboa, vén de dar a coñecer os obradoiros “8M pola igualdade de oportunidades” e “Os nosos corpos, as nosas normas”, dúas inciativas que amplían a programación do 8M do municipio e que está dirixido a alumnos de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato e Formación profesional, así como as súas familias.

“Uns obradoiros enfocados á educación que completarán a programación do 8M aportando información e contidos sobre problemáticas como a división sexula do traballo ou a desigualdade existente entre homes e mulleres. Ademais aportará o coñecemento adecuado para responder ante situacións de extrema importancia como conductas anormais ante a relación cos corpos na adolescencia e ferramentas para reducir o impacto nas conductas inadecuadas no ámbito familiar”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Estes obradoiros estarán impartidos, nos centros educativos interesados, por técnicas e educadoras sociais en materia de igualdade e comezarán este mes, alongándose o que sexa preciso dependendo da demanda. “Xa está todo posto en marcha para que comecen a apuntarse os centros”, engade Rivas.

A rexedora local quere lembrar que a oferta formativa continúa con charlas e obradoiros tamén para persoas adultas pois, “o 10 de marzo celébranse as III Xornadas Gemma Pereira Otero. Muller e Igualdade. Unha Charla-coloquio enfocada ao público máis adulto chamada “Emprendemento no Rural” con Rosa Arcos, fundadora da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, Fademur nas oficinas de Turismo (Isidoro Queimaliños,2. Redondela) ás 19:00 h. Interveñen ás redondelás Manuela Domínguez Rodríguez (Zona Verde Jardinería), Ana Míguez Dacosta (Héroes pola Ciencia) e Cinthya Roldán Dosío (Mariñeira).

Oia prepara as alegacións contra o novo proxecto de parque eólico Torroña I

0

O Concello de Oia presentará alegacións contra o parque eólico Torroña I, para o que xa contratou a unha empresa especializada, a cal xa está a traballar na análise da documentación sometida a información pública. O prazo para a presentación de contribucións conclúe o 18 de abril.

O DOG do 3 de marzo anunciou o procedemento de información pública do estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, e do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico), das instalacións do parque eólico Torroña I. Este proxecto prevé a instalación de 4 aeroxeradores no concello de Oia.

Na información pública inclúese a seguinte documentación: proxecto técnico, estudo de impacto ambiental e proxecto de interese autonómico. Pódese consultar na seguinte ligazón da web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Empresa e Innovación: https://ceei.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-dexeracion. Tamén haberá atención telefónica no número 986 80 52 34.

Así mesmo, o DOG recolle que “cando sexa indispensable a atención presencial” poderase acudir á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra (mediante cita previa no teléfono 986 80 52 34), así como ás dependencias dos concellos de Baiona, Oia e Tomiño.

Reunión con veciñanza

Ao igual que se vén facendo no proceso de preparación de alegacións contra os diferentes proxectos eólicos que afectan ao municipio, o Concello de Oia convocará proximamente unha reunión informativa para abordar este novo caso.

Do mesmo xeito, o Concello lembra que toda a información relativa aos proxectos eólicos se vai actualizando no apartado específico da web municipal, onde xa se pode consultar a documentación relativa ao Torroña I: https://www.concellodeoia.es/informacion-parques-eolicos-2/.

Características técnicas do proxecto Torroña I

Segundo consta no anuncio do DOG, o proxecto do parque eólico Torroña I prevé unha potencia a instalar de 22,8 MW e unha produción neta anual de 67.530 MWh/ano. As súas características son as seguintes:

  • 4 aeroxeradores de 5.700 kW de potencia unitaria, de 163 metros de diámetro de rotor e unha altura de buxeiro de 148 metros, o que faría unha altura total de 229,5 metros.
  • 4 centros de transformación de potencia nominal 6.350 kVA e tensión 0,75/30 kV, situados no interior dos aeroxeradores.
  • Rede de media tensión de 30 kV soterrada.
  • Instalación de celas de media tensión na subestación de transformación Barrantes 30/132 kV para a conexión dos circuítos provenientes do par­que eólico, situadas na sala de celas do edificio.
  • 2 torres meteorolóxicas, unha delas temporal, e outra permanente, de 148 m de altura.

A Cañiza conta xa cun proxecto de humanización da rúa Antonio Farroco

0

O pasado 15 de decembro a empresa Galaicontrol S.L., encargada da redacción do proxecto de construcción desta importante rúa da Cañiza, entregou no Concello o traballo definitivo baixo o título «Humanización da rúa Antonio Facorro, dende a EP-5003 ata a N-120».

Un traballo de asistencia técnica por un importe de adxudicación de 44.588,50 €, subvencionado ao 90 % pola Deputación de Pontevedra, a través da Rede Ágora.

Unha axuda conseguida ao pertencer A Cañiza á Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público da Deputación, que ten por obxectivo acadar unha mobilidade máis amable e a recuperación dos espazos públicos municipais.

Onte, o alcalde Luis Piña anunciou que “agora estamos traballando para conseguir fondos da Unión Europea que nos permitan afrontar os gastos da execución da obra que ascenden a 1.254.366,89 €. Desagregados en 871.148,61 € de execución material, 113.249,32 €, correspondentes ao 13 % de gastos xerais, 52.268,92 de beneficio industrial (6 %) e 217.700,04 € correspondentes ao 21 % de IVE”.

Unha obra que, segundo comunicou o rexedor, “terá que financiarse con fondos europeos e polo tanto executarse a medio prazo, pero o máis importante e que conta cun amplo beneplácito dos veciños e dos comerciantes”.

O proxecto

Abarca unha superficie de actuación de 4.105 m2, nun itinerario que conecta as zonas verdes da Praza Maior e o Parque Central.

A obra actuará sobre o mal estado dos pavimentos da calzada e das aceras que provocan incluso a entrada de augas nos baixos das edificacións. Instalación de marcas ranuradas e táctiles para mellor uso de invidentes, novos pasos peonís, mellor iluminación que, ademais, se soterrará para evitar os tendidos aéreos. Novos mobiliarios urbanos e xardinería, coa colocación de grande variedade de prantas e árbores.

Segundo o proxecto de humanización a rúa contempla un carril nunha única dirección, entrando pola N-120  ou pola rúa Botica en dirección á rotonda de entronque coa estrada provincial A Cañiza- Arbo. A circulación nas rúas Novas (Rosalía de Castro, Otero Pedraio, CAstelao e Curros Enríquez), mantense sen cambios.

Na rúa quedarán zonas de carga e descarga para facilitar o servizo do comercio local e un amplo espazo peonil. Destaca a alta calidade nos materiais utilizados para o embelecemento do espazo.

Un 50 % da obra actuará sobre os servizos soterrados: saneamentos, rede de abastecemento de augas, pluviais e comunicacións.

O GES de Mos conta cun novo camión autobomba

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro mosense de Emerxencias, Leo Costas e membros do GES de Mos recibiron en Santiago de Compostela, de mans do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, equipamento para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) mosense, consistente nun novo camión autobomba. Con este, Mos suma 4 vehículos destinados a asistir emerxencias.

É o cuarto vehículo que se incorpora ao parque móbil da nave do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos, sito na Veigadaña. E trátase dun camión tipo Bomba Rural Pesada (BPR) cunha capacidade de 3.000 litros e bomba centrífuga con presión combinada e lanzamento de auga en baixa e alta presión. O Goberno galego investiu nesta nova dotación para Mos 253.854 euros.

Ao acto desenvolvido hoxe, ademáis do vicepresidente segundo e representantes da administración local mosense, acudiu tamén o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

A entrega forma parte do reforzo dotacional impulsado pola Xunta para apoiar o labor dos GES e que suma un investimento global superior aos 2M€.

A Xunta aposta así por dotar os servizos de emerxencias dos concellos cos recursos precisos para o desenvolvemento do seu labor a prol da prevención e da protección da cidadanía e do patrimonio. Segundo apuntou Diego Calvo, o obxectivo é garantir as mellores condicións de seguridade e a maior eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta.

Apoio aos servizos de emerxencias locais

Nesta liña referiuse a que o Goberno galego colabora no equipamento dos seus GES e Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) con máis de 24M€nos últimos anos.

O vicepresidente segundo explicou que o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento. Tamén financia os gastos de mantemento das AVPC a través dunha orde anual que supón, de media, 340.000 euros.

Tui acolle este venres a obra ‘Smoke on the water’

0

Este venres, 10 de marzo, ás 21.30 h chegará ao Teatro Municipal de Tui un espectáculo con música en directo, que mestura humor negro coa crítica social nunha historia de rock and roll, sexo, drogas, violencia e amor.

A obra ‘Smoke on the water’, da compañía Ibuprofeno Teatro, é unha función para público adulto que está a recoller os froitos da súa gran posta en escena, da dirección de Santiago Cortegoso e da actuación do seu elenco formado por Belén Constenla, María Costas, Adrián Ríos e Josito Porto.

Recentemente, a obra obtivo a nominación a seis premios María Casares ao mellor actor protagonista para Josito Porto, mellor actriz protagonista para Belén Constenla, mellor actor secundario para Adrián Ríos, mellor espazo escénico Pablo Giráldez, mellor espazo sonoro para Mon Orencio e mellor maquillaxe para Baia Fernández. A  gala dos Premios de Teatro María Casares, celebrarase no Teatro Rosalía Castro da Coruña o 30 de marzo.

A peza teatral conta a historia dunha parella. Ritchie ‘Blackmore’ vive ancorado no rock and roll dos 70 e ten unha tenda de discos e vinilos de colección mentres que Janis Joplin xa hai anos que non canta e estuda filosofía na universidade. A unión entre os dous protagonistas sobrevive despois de case 25 anos de crise matrimonial permanente nun círculo vicioso de dependencia imposible de desenlear que se ve tamén alterada pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía transgresora que se namora perdidamente de Janis.

A obra ten unha duración de 85 minutos e está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas xa se poden mercar en tui.gal aos prezos de 10 e 8 euros.

Baiona fai unha exposición con motivo do 8M

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona continúa coas actividades da “Primavera Lila”, a  programación deseñada por esta Concellería e a dirección do CIM con motivo do 8M, Día Internacional da Muller.

Así mañá, o propio 8M, Día Internacional da Muller,o acto central desta data sinalada terá lugar ás 19:30h no Multiusos Mercado de Sabarís, dónde tralo éxito da posta en marchada Axenda Igualitaria, este espazo acolléra a inauguración da exposición das fotografías e as historias das mulleres de Baiona que forman parte deste boito proxecto iniciado no 2021 pola Concellería.

Tamén, durante unha semana, a fachada do edificio do Concello de Baiona estará iluminada de cor lila para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Desta maneira o consistorio mostra o seu compromiso coa equidade de xénero e o impulso de políticas que traballan para erradicar a desigualdade de xénero entre mulleres e homes.

A Concellería de Iluminación pública do Concello de Baiona foi a encargada de levar a cabo os traballos para a iluminación.

Entre finais de febreiro, todo o mes de marzo e principios do mes de abril,  levaranse a cabo toda unha serie de actividades que foran parte dunha programación que co 8 de marzo como escenario, a concelleira, lembra “a importancia que ten traballar a diario en favor da igualdade en base a políticas que ofrezan respaldo a mulleres como as que se recollen no Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de mulleres e homes do Concello de Baiona 2019-2023.” Accións que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque “ a igualdade é cousa de toda unha sociedade” e é preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos, con accións específicas para cada sector “e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”, sinala Moreira Costas.
Por iso, desenvolveranse diversas actividades cuxo obxectivo xeral é promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero.

Aplicando a transversalidade de xénero, sen limitarse a un so contexto ou plano de actuación, para traballar na sensibilización en Igualdade e a prevención da violencia machista desde os distintos campos, a “Primavera Lila” integra toda unha serie de actividades enfocadas a distintos tipos de públicos.

A “Primavera Lila” complétase coas seguintes actividade sno Multiusos Mercado de Sabarís:

Venres, 10 de marzo

  • Obradoiro “Rir as penas. Risoterapia”, en colaboración coa Asociación de viúvas de Baiona “Mercedes de la Escalera”.
  • Obradoiro “Cóidate. A importancia do autocoidado”, en colaboración coa Asociación de Amas de Casa de Baiona.

Sábado, 11 de marzo

  • Espectáculo familiar “Cinema de historias da man de Alice Guy (A nai do cinema”, Raquel Queizás, nenos e nenas a partir de 5 anos.

Sábado, 18 de marzo

  • Contacontos “A lavandeira e as pitas”, Cris de Caldas.

Domingo, 19 de marzo

  • Obradoiro “Ponte en defensa. Como recoñecer o acoso infantil para actuar”, en colaboración coa Asociación motorista P.I.C.A. protección á infancia contra o abuso.
  • Obradoiro “Marca un gol para a igualdade”,en colaboración co clube Baíña fútbol sala. Baíña Sirius fútbol sala. 

Domingo, 25 de marzo

  • Teatro “Roedores”, Redrum Teatro, espectáculo familiar.

A programación complétase  co programa “Con Voz Propia”, a Concellería de Igualdade a través do Centro Municipal de Información á Muller(CIM), volve apostar por esta actividade, trátase dunha intervención psicopedagóxica na que a práctica vocal (coral e solista) utilízase para incrementar o empoderamento das mulleres.

O programa desenvolverase os mércores en horario de mañá de 10:00h a 13:00h no Multiúsos Mercado de Sabarís. A actividade comezará o vindeiro mércores 15 de marzo e estenderase ata o mércores 3 de maio.  Na metodoloxía está previsto o ensino das habilidades de base do canto, utilizando o método de Maga de Voz. Ao mesmo tempo utilizaranse moitos recursos da musico-terapia, a danza-terapia e a drama-terapia para fomentar a libre expresión o arraigamento e empoderamento do corpo e a voz das participantes. Ademais traballarase  coas letras das cancións para re-enfocar a visión do percorrido vital. 

Ponteareas felicita ao grupo de teatro Pena do Equilibrio polo seu décimo aniversario

O Concello de Ponteareas traslada os seus parabéns ao grupo de teatro Pena do Equilibrio, que cumpriu os dez anos de vida durante a pandemia e non puido celebralo como a ocasión merecía. “O grupo leva unha década subíndose ao escenario para facer gozar ao público co seu repertorio, por iso dende o Goberno municipal queremos agradecerlles todo este traballo e esforzo que demostra que as asociacións, grupos e entidades ponteareás están cheas de vida e de propostas para conquistar ao público”, como salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

O grupo de teatro Pena do Equilibrio conmemorará a súa década sobre os escenarios cun gran reto: representar este mes de marzo tres obras diferentes en tres casas culturais tres domingos consecutivos. A primeira actuación será este domingo 12 de marzo ás 18 horas na casa cultural de Arcos, onde representarán ‘Cómpre falar ben dos mortos’ baixo a dirección de Gabriel Cajide.

A seguinte cita será o domingo 19 de marzo na casa cultural de Cristiñade, onde a compañía levará a escena a obra ‘Ladrillos’. O reto rematará coa representación da obra ‘O tiro pola culata’ o 26 de marzo na casa cultual de Lira. Fernando Groba desexa toda a sorte ao grupo de teatro nesta andadura e anima a toda a veciñanza a acompañalos nas diferentes actuacións.

O pavillón de Nigrán acolle este venres o ‘II Trofeo Concello de Nigrán’

0

Dous dos clubes máis punteiros do balonmán galego, o Valinox Novás de O Rosal (División de Honra Prata) e Cisne de Pontevedra (Asobal) disputarán este venres 10 de marzo no Pavillón Municipal de Panxón ás 21:00 horas o ‘II Trofeo Concello de Nigrán’, sendo a entrada de balde. O obxectivo deste evento presentado hoxe é promover este deporte nunha comarca onde actualmente non existe ningún clube de balonmán e, por outra banda, funcionará como preparatorio para a 2ª Fase de Ascenso na que está inmerso o Valinox Novás. O mesmo día pero pola mañá, adestradores do clube rosaleiro ofrecerán unha clase de iniciación ao alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Humberto Juanes.

“É un luxo para Nigrán acoller un partido destes clubes de elite, animamos a que veñan as familias ao completo porque de seguro se sorprenderán”, recoñece o alcalde, Juan González, quen mantén a súa aposta por crear canteira en Nigrán e volver a asentar este deporte no municipio, neste sentido agradece a presenza da escola de balonmán da Deputación con sede no Pavillón de Panxón desde o ano 2021.

Lectura do manifesto e acción artística para conmemorar o Día Internacional das Mulleres en Tui

0

O Concello de Tui conmemora o 8M, o Día Internacional das Mulleres, cun acto institucional mañá ás 19:30 h no edificio da praza da Inmaculada. A xornalista tudense de Radio Vigo, Paula Montes, dará lectura ao manifesto.

Ademais, contarase coa acción artística “Muller auga” a cargo de Ana Abad de Larriva e María Move. Esta peza pon en valor a figura da muller reflexionando arredor de diferentes temas: a creación, o traballo, o coidado ou a conciliación. Achegando tamén a súa representación ao longo da historia. Contarase tamén coa participación da cantante e compositora galega, Su Garrido.

Previamente, ás 18:00 h, na sala de audicións do Conservatorio Profesional de Música de Tui, o alumnado deste centro ofrecerá o “Concerto do Día Internacional da Muller”, no que homenaxeará á compositora estadounidense Amy Beach.

Alumnos e alumnas de diversos cursos do Grao Elemental e Grao Profesional interpretarán obras desta compositora para piano, clarinete, trompa e violín. Unha música destacada polo seu marcado carácter romántico e a súa harmonía.  Amais o alumnado de 6º de Grao Profesional comezará as obras que se van interpretar neste concerto didáctico e monográfico.

Estas actividades forman parte da programación “Ocupemos o noso lugar” organizada polo Concello de Tui para conmemorar o 8M.

O voluntariado ambiental xuvenil de Ponteareas prepara unha nova limpeza do río Tea

O Concello de Ponteareas inicia un ano máis a xeira de saídas do programa de voluntariado ambiental xuvenil, unha iniciativa que busca “ofrecer á mocidade a oportunidade de gozar, aprender e mellorar os vínculos coa súa contorna a través de diferentes actividades”, como explica o concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Miguel Bouzó.

A vindeira saída será este sábado 11 de marzo e terá como obxectivo a limpeza de residuos dun treito do río Tea e da súa contorna, nesta ocasión na zona da Ponte das Partidas, na parroquia de Moreira. A actividade comezará ás 17.00 horas e recoméndase a todas as persoas voluntarias acudir con roupa e calzado cómodo, así como con luvas e auga. Esta actividade tamén formará parte do proxecto “Libera, unidos contra la basuraleza”, de SEO BirdLife en alianza con Ecoembes, na que o Concello xa participou en anteriores edicións e que busca realizar accións de concienciación e recollida de residuos para frear as consecuencias do lixo que as persoas abandonan en espazos naturais.

Todas as persoas interesadas en participar poderán solicitar información ou inscribirse chamando ou enviando unha mensaxe de Whatsapp ao teléfono 687 764 516 ou enviando un correo ao enderezo electrónico [email protected].

“Convidamos a todos os mozos e mozas a participar neste tipo de actividades que organizamos dende o Concello para concienciar aos nosos veciños e veciñas da importancia de conservar a nosa contorna natural, ao tempo que poñemos en valor o patrimonio medioambiental e fomentamos a participación e o traballo en equipo para facer de Ponteareas unha vila máis sostíbel e saudábel”, destaca Bouzó.

O Concello do Porriño instala un valado de seguridade en Cans

A Concellería de Obras, que dirixe Ramón Porto, iniciou estes días a instalación dun valado de seguridade na N-120, na parroquia de Cans.

Trátase dunha demanda histórica da veciñanza, que reclamaba solucións nunha beirarrúa de moito tránsito de peóns ante o risco de caída. O edil explicou que a instalación do valado estase a realizar con medios propios e abranguerá unha distancia de 150 metros.

“Coa instalación deste valado de seguridade evítase o risco de accidente de viandantes, xa que ata o de agora estaba totalmente desprotexido co conseguinte risco de caída. Unha situación perigosa xa que existe un gran desnivel”, concluíu o rexedor, Alejandro Lorenzo. 

A Xunta construirá unha senda peonil na PO-195 en Forcadela, Tomiño

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executará unha nova senda peonil na estrada autonómica PO-195 en Forcadela, no concello de Tomiño.

Estas obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Castro Figueiro, S.L.U., por un importe de preto de 50.000 euros e comezarán nas vindeiras semanas.

Con esta actuación na estrada autonómica executarase unha senda peonil nun treito antigo da PO-552, de 390 metros de lonxitude na marxe esquerda da vía, entre o cruzamento coa estrada PO-552 no punto quilométrico 0+050 e a beirarrúa existente no punto 0+440.

Coa intervención prevista mantense a calzada de dous carrís e habilitarase unha nova senda de formigón duns 2 metros de ancho mínimo, que será compartida por peóns e ciclistas non deportivos.

A senda adaptarase á rasante existente, separada por un bordo elevado uns 6 centímetros e unhas beiravías que non superan 0,5 metros na marxe sobre a que se actúa. Para acadar este obxectivo, readaptarase lixeiramente a drenaxe da plataforma, para o que se disporán sumidoiros conectados ás obras de drenaxe transversal.

Ademais, como as obras de drenaxe transversal existentes están bastante próximas á calzada, a intervención incluirá  a execución dunha pasarela de madeira que cubra a canle de rega entre o punto quilométrico 0+100 e o 0+120, permitindo o paso de peóns. Deste xeito, o ancho variará desde 2 metros nos seus extremos coa senda de formigón, ata os 3,6 metros para permitir unha correcta ancoraxe no terreo adxacente á canle de rega de formigón.

Na intervención empregaranse pequenas superficies de madeira para salvar os pasos de obras de drenaxe transversal que non permitan un ancho suficiente ao final do percorrido, onde este tránsito peonil unirá coa beirarrúa existente.

Nos pasos de madeira disporase varanda e nas interseccións con pasos peonís colocarase un pavimento en baldosa podotáctil con sinalización de advertencia de perigo.

Unha vez executada esta actuación este treito da estrada autonómica será obxecto de cambio de titularidade en favor do Concello de Tomiño.

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro.

A Deputación e a na Axencia Europea de Control da Pesca abordan novas vías de colaboración

Dúas institucións presididas por primeira vez por dúas mulleres, Carmela Silva á fronte da Deputación de Pontevedra e Susan Steele na Axencia Europea de Control da Pesca, radicada en Vigo, afianzan a súa relación coa apertura de vías de colaboración e traballo que se traducirán en novas iniciativas. As dúas responsables mantiveron un cordial encontro na sede provincial viguesa, no que xa se avanzou a posta en marcha dun novo proxecto medioambiental para frear a pegada de carbono e a utilización de espazos no edificio da rúa Chao para actividades da Axencia. Con Carmela Silva de anfitrioa, a directora executiva da EFCA percorreu as tres plantas do inmoble onde puido desfrutar das exposicións que actualmente se poden ver na sede viguesa como centro cultural de referencia da cidade, e o traballo administrativo e de emprendemento que se realiza a través de SmartPeme, o servizo ORAL ou o Rexistro provincial.

A sostibilidade e o medio ambiente foi un dos puntos centrais do encontro xa que ambas institucións porán en marcha, en consonancia coas directrices europeas, un ambicioso proxecto para diminuír a pegada de carbono mediante a plantación de árbores en concellos da provincia coa intermediación da Deputación. Trátase dun programa que se implementará para compensar cada viaxe que se faga por parte da Axencia Europea de Pesca coa plantación de especies en espazos públicos da provincia e no que tamén Areeiro intervirá no asesoramento. “Ambas administracións estamos plenamente comprometidas co medio ambiente –dixo a presidenta provincial– cun relato que tamén comprometa a sociedade, polo que é necesario establecer vínculos e adoptar acordos que sigan a amosar o noso respectivo obxectivo medioambiental”. Susan Steele referiuse tamén a este concepto, que definiu como “glocal” e amosou a plena disposición da Axencia a colaborar nesta iniciativa “de xeito moi especial”, moi en consonancia con iniciativas europeas que se están a desenvolver.

Por outra banda, Carmela Silva mostrou tamén a súa “total disposición” a que a Axencia Europea de Pesca poida utilizar algún dos espazos da sede viguesa da Deputación a fin de desenvolver algunha das súas moitas actividades. De feito, recordou Carmela Silva, esta sede non só está funcionando en Vigo como mera sede administrativa, “senón que desde que naceu, a idea era que puidésemos ceder espazos á cidade e hoxe moitísimos colectivos usan estas instalacións”. Nese ámbito, a Deputación e a Axencia avanzaron tamén na posibilidade de que a sede provincial de Vigo poida acoller nun futuro un punto de información europea para toda a provincia. Trataríase dun centro informativo, avalado pola Unión Europea, para amosar á cidadanía todas as cuestións relativas ao funcionamento de programas europeos. A convocatoria para poñer en marcha estes espazos, desde deputacións ou concellos, está prevista para o 2025, e ambas mandatarias indicaron o seu interese en poder concorrer.

Na reunión, a presidenta tamén quixo poñer en valor o feito de que sexa unha muller a responsable dun organismo europeo de tanta relevancia como é a Axencia de Pesca. “É moi importante visibilizar a mulleres como Susan Steele –sinalou– porque as mozas necesitan referentes e que unha muller dirixa esta axencia ten moita importancia. Necesitamos que as nenas e mozas saiban e vexan que as mulleres xa estamos nos grandes postos de decisión en todos os eidos”.

Nigrán estrea este mes o seu primeiro ciclo ‘Primavera de Jazz’

0

O Concello de Nigrán estrea a partir deste mes de marzo, e ata maio, o seu primeiro ciclo ‘Primavera de Jazz’ con tres citas impresicindibles cos mellores músicos galegos: o guitarrista Felipe Villar o domingo 19 de marzo, Xacobe Martínez Antelo o venres 14 de abril e Xan Campos o domingo 7 de maio. Todos estes concertos son gratuítos, no Auditorio Municipal e ás 20:00 horas.

“O obxectivo é ofrecer aos mellores músicos de jazz do noroeste peninsular en directo e fora da tempada estival”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao Nigranjazz, o festival máis lonxevo de toda a comarca dentro deste xénero musical e que cada ano se celebra en Xullo no esteiro de A Foz mesturando os mellores músicos internacionais cos máis destacados do noroeste peninsular. “Despois de 16 anos ininterrumpidos de Nigranjazz temos xa un público moi consolidado que demandaba concertos en directo tamén o resto do ano e un alumnado da Escola de Música que tamén o reclama, e por iso nace este festival que, paralelamente, quere promover aos mellores músicos galegos e do norte de Portugal”, explica o rexedor.

Felipe Villar (cuarteto)

O festival o abrirá o 19 de marzo precisamente un músico de Nigrán, o guitarrista Felipe Villar, director ademais do Nigranjazz, quen ofrecerá unha actuación en cuarteto con Roi Adrio á batería, Sunil López ao piano e José Manuel Díaz ao contrabaixo. Trátase dun dos músicos habituáis da escena do jazz galego dos últimos anos. Nestes anos tocou e grabou con bandas como: Alberto Vilas Quinteto, Rua da Alegría, Fernando Sánchez Quartet, Esmae Big Band, Javier Marcos Trío, Jazzología, Antonio Otero Quartet, The Groove Project, Ten Jazz Men… Ademáis lidera o seu propio trío e cuarteto. Participou en princípialos festivais e locais de Jazz de Galicia, España e Portugal; Festival de Jazz de Pontevedra, Festival de Jazz de Lugo, Nigranjazz, ImaxinaSons, Casa dá Música (Porto), Xancarajazz, Jazz Filloa, Clavicembalo, Dado Dadá… Obtén a súa licenciatura en Jazz pola ESMAE (Porto) no ano 2011, aínda que comezou nisto do jazz da man do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e da Estudo Escola de Música con profesores coma Abe Rabade, Paco Charlín ou Suso Atanes. Recibiu clases tamén de xente coma Nuno Ferreira, Jordi Rossy, Peter Bernstein, Michael Kanan, Jonathan Kreisberg, Lage Lund, Walter Smith, Marcus Strickland, Mike Moreno, Aaron Goldberg, Jonathan Blake, Dave Liebman, Gilad Heckselman ou Greg Ruggiero entre os destacados dunha lista interminable. En Xaneiro de 2014 grava o seu primeiro disco coma líder: “Home”, acompañado por Max Gómez na batería e Jose Manuel Díaz no contrabaixo e no 2015, co mesmo trío, ‘Outro’, colleitando ambos discos grandes críticas.

Xacobe Martínez Antelo (trío)

O contrabaixista compostelano Xácobe Martínez Antelo é un dos músicos máis prolíficos do jazz en España e estará presente o 14 de abril xunto a Max Gómez á batería e Xosé Miguélez ao saxo. Cursou os seus estudos musicais nos conservatorios de música de Santiago de Compostela e Vigo, e nos seus primeiros escarceos ‘semiprofesionais’, tocou en bandas alleas aos ámbitos do jazz, onde definitivamente estableceuse cando formou o grupo ‘Sumrrá’. Ten asinados preto dunha decena de discos e colaborado con outros grandes da escea galega como Marcos Pin, Abe Rábade ou a Orquestra Galega de Liberación, da que é fundador. Ten escrita máis de 60 composicións propias que vai debullando en cada formación musical onde toca. Xácobe Martínez Antelo compaxina o seu labor nestas formacións cos seus combos en forma de trío, cuarteto ou quinteto. Foi finalista nos V, VI e VII Premios Martín Códax da Música Galega, na Categoría de Jazz e Músicas improvisadas, e tamén foi Premio ‘María Casares’ á mellor música orixinal polo seu proxecto ‘Citizen’ en 2011. Volveu repetir galardón en 2015, polo seu traballo titulado: ‘Ultranoite non País dous Ananos’ co grupo teatral ‘Chévere’.

Xan Campos (trío)

O cangués Xan Campos pechará o festival o domingo 7 de maio con Horacio García ao contrabaixo e Iago Fernández á batería. Campos formouse como pianista e compositor nos conservatorios de Galiza, País Vasco, Berlín, Amsterdam e Copenhague, unha etapa que lle permitiu estar en contacto coa vangarda do jazz europeo percorrendo salas e festivais de gran parte do continente. Neste momento, Xan Campos é un dous pianistas máis activos dá Península Ibérica, tanto á fronte dúas seus proxectos como non papel de sideman de destacados artistas dá escena do jazz de España e Portugal. Pese a súa mocidade (naceu en 1987) conta cunha traxectoria especialmente extensa, tendo gravado 5 discos ao seu nome e máis de 20 acompañando a grandes figuras deste xénero musical. Tamén goza de relevancia en Latinoamérica, onde ten tocado en festivais de Arxentina, Uruguai, Chile, Ecuador ou Colombia, actuando tamén en varias salas de Nueva York (EEUU).

Concello e Universidade de Vigo levan a Ponteareas unha obra de teatro para previr o afogamento infantil en zonas de baño

Chega a Ponteareas a primeira obra de monicreques deseñada en España para previr o afogamento infantil e fomentar as condutas seguras en zonas de baño, tanto en piscinas como en ríos ou praias. Da man da Universidade de Vigo e en colaboración co Concello, a sala multiúsos do auditorio municipal acolle o vindeiro 18 de marzo ‘Desafógate. Unha aventura acuática’, unha obra de teatro dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 8 anos acompañados dunha persoa adulta promovida polo grupo de investigación Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ao abeiro do plan Corresponsabeis.

A actividade, que comezará ás 12.00 horas, constará de dúas partes. Por un lado, haberá unha obra de teatro dirixida e interpretada por Raquel Queizás e inspirada no conto ‘O rato con ás que aprendeu a nadar’, de Carolina Pineda del Olmo. A actividade completarase cun obradoiro para aprender a realizar a reanimación cardiopulmonar (RCP), no que se amosarán algunhas técnicas básicas que poden salvar vidas.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a veciñanza a participar nesta actividade que non só fomenta as condutas seguras no medio acuático, senón que tamén “sensibiliza ás familias sobre o bo uso dos espazos destinados ao baño”.

A actividade será de balde e é necesaria inscrición previa. A reserva de entradas farase a través da web Corresponsables da Universidade de Vigo por parte da nai, pai, titor, titora ou persoa responsábel dos nenos e nenas participantes.

Oia repartirá 20 novos composteiros entre a veciñanza

0

O Concello de Oia continúa un ano máis co seu programa de promoción da compostaxe doméstica, nesta ocasión a través do reparto de 20 novos composteiros individuais que o próximo día 17 serán entregados aos veciños e veciñas que os tiñan solicitado. Unha vez cubertas as solicitudes existentes aínda quedan algunhas unidades dispoñibles, polo que as persoas interesadas poden facer a súa petición a través do rexistro municipal.

Esta partida de 20 novas unidades, procedente dunha achega de Sogama, forma parte do programa de promoción da compostaxe doméstica que está a desenvolver a Administración local, e que consiste na entrega de composteiros individuais entre a veciñanza.

Dentro deste programa municipal, desde o ano 2019 Concello leva entregados un total de 75 composteiros, algúns recibidos a través de Sogama e outros correspondentes ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

As persoas beneficiarias do programa municipal quedan comprometidas a participar nos labores de inspección que programe o Concello a fin de comprobar o correcto uso do composteiro entregado.

Beneficios da compostaxe

O Concello de Oia anima á veciñanza a empregar os composteiros nos seus fogares e lembra que a compostaxe é unha oportunidade para reciclar os residuos orgánicos: o compost que se fabrica (rico en materia orgánica e minerais) pode ser reutilizado nas hortas domésticas por ser un bo fertilizante para o solo.

O compost é un excelente abono para as hortas domésticas, pois contribúe a que as plantas teñan maior resistencia ás pragas e enfermidades sen necesidade de empregar fertilizantes artificiais e pesticidas. Así mesmo, este produto natural resulta beneficioso para a estrutura e a saúde do solo.

Ademais, o tratamento de restos orgánicos a través da compostaxe axuda a diminuír a produción de residuos, pois a materia é reutilizada en vez de ser botada aos colectores de lixo.

Todo preparado para a Gala do Turismo da Deputación

Arte, cultura, música, danza, espectáculo, luz e cor, pero tamén tradición, festas, artesanía, rituais ou lendas; todo iso e moito máis, incluíndo algunhas sorpresas, estará presente na gran Gala do Turismo da provincia que celebrará a Deputación de Pontevedra este venres 10 de marzo ás 19:00 horas no Auditorio Mar de Vigo. Será “a máis espectacular que fixemos, e iso que todas as anteriores deron moito que falar”, sinalou a presidenta Carmela Silva, que deu a coñecer os detalles deste evento, “co que recoñecemos e homenaxeamos o gran sector turístico que temos na provincia” e que nos converte na referencia do noroeste peninsular. No transcurso da gala nomearanse as novas embaixadoras da provincia: as artesás Elena Ferro, Paula Ojea, Ana Tenorio, Marta Armada e Virginia Rodríguez (Joyas de la Raspa), e entregaranse os diplomas acreditativos ás 165 empresas da provincia que acadaron ou renovaron o distintivo de calidade SICTED en 2023.

A Gala do Turismo será “moi, moi potente”, asegurou a presidenta, e nela “van estar premiados e recoñecidos o orgullo pola provincia, polas nosas tradicións e por un sector turístico que xera moito emprego, moita riqueza e é unha gran referencia”. O fío condutor será o patrimonio inmaterial, na liña da campaña ‘Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra’. “Queremos amosar a diversidade de recursos turísticos singulares e emocionantes que poden atoparse nesta provincia a través das festas, as tradicións, a artesanía, os rituais, os vellos oficios, as lendas ou os instrumentos tradicionais da nosa provincia”, elementos do patrimonio inmaterial “que nos constrúen, que nos fan diferentes e teñen tanta capacidade para mostrarnos como un destino único”, sinalou Carmela Silva.

A gala estará presentada pola actriz Alicia Armenteros e nela actuarán Baiuca –o recoñecido músico de Catoira que fusiona ritmos e sons modernos con música popular–, a compañía Nova Galega de Danza –protagonista dun dos vídeos da campaña, interpretando ‘Credo’ no mosteiro de Carboeiro–, Fillas de Cassandra –dúo musical que actuou na presentación de ‘Orixe’ en FITUR– e a compañía Duelirium, que ofrecerá unha acción de circo vertical con baile aéreo coa voz da artista Mónica de Nut. “Haberá grandes espectáculos nesta gala que a encherán de cultura, de orgullo, e do que fomos, do que somos e do que seremos”, dixo a presidenta.

Ademais das propostas artísticas e escénicas, Carmela Silva tamén subliñou a decoración do Auditorio Mar de Vigo que este ano, ademais do habitual photocall, terá todo o seu espazo de entrada ambientado para que o público –400 prazas dispoñibles– se mergulle nun universo de elementos das Rías Baixas inspirados na ‘Orixe’ da provincia. Tamén se proxectarán audiovisuais, como o vídeo oficial da campaña, spots sobre festas e tradicións (a confección do liño, as Herbas de San Xoán, a Rapa das Bestas, a Romaría Viquinga de Catoira e a Danza de Darbo) e outro sobre o sector “que se proxectará mentres todos os grupos de empresas recollan os distintivos SICTED, dándolle voz”. Tamén sinalou a presidenta “un segredo que temos gardado e que se descubrirá durante a gala”.

Cinco artesás da provincia converteranse nas nosas embaixadoras do noso destino

Un dos momentos máis especiais da gala será o momento no que a Deputación nomee as novas embaixadoras Rías Baixas 2023, que darán relevo á Ruta do Viño Rías Baixas. Trátase dun novo recoñecemento e homenaxe ás artesás da provincia, que son tamén unha parte fundamental da campaña ‘Orixe’. Deste xeito, en 2023 as embaixadoras do noso destino serán a zoqueira Elena Ferro (Premio Nacional de Artesanía 2019), Paula Ojea (tamén Premio Nacional de Artesanía 2019), Ana Tenorio (Premio Artesanía de Galicia 2018), a ceramista Marta Armada (Premio Artesanía de Galicia 2014) e Virginia Rodríguez ‘Joyas de la Raspa’ (Premio Nacional de Artesanía 2008).A presidenta Carmela Silva sinalou que a Deputación escolleu as artesás con premios nacionais e a nivel galego, aínda que “nesta provincia hai moitas máis mulleres que fan artesanía que merecerían, todas elas, ser as nosas embaixadoras”. As artesás nomeadas embaixadoras da provincia recibirán cadansúa obra realizada pola escultora Lucía Sueiro con material recuperado procedente de refugallos.

Un dobre recoñecemento ao sector da provincia

Como todos os anos, durante a Gala a Deputación de Pontevedra realizará a entrega dos diplomas ás 165 empresas da provincia que acadaron ou renovaron este ano os seus distintivos SICTED. Trátase dun distintivo cunha validez de dous anos e que posúen en total 329 empresas da provincia.

Ademais, este ano a Deputación tamén entregará durante a Gala do Turismo provincial os galardóns da primeira edición dos Premios Turismo Sostible Pontevedra Provincia. Esta convocatoria “premia aqueles establecementos que nos dous últimos anos realizaron proxectos de innovación ou eficiencia no eido ambiental e da economía circular”. Os premios coñeceranse no transcurso da gala.

Concello de Nigrán e SOGASEX convocan un concurso de curtametraxes

0

O Concello de Nigrán e a Sociedade Galega de Sexoloxía (SOGASEX) convocan un concurso de curtametraxes coa sexualidade e os abusos como eixo temático para coincidir coa ‘Semana da Diversidade Sexual’ que cada ano ofrecen conxuntamente en xuño, cando se dará a coñecer ao gañador (2 de xuño).

O prazo de recepción de propostas remata o 19 de maio. O certame está aberto a particulares e a centros educativos de toda Galicia, constando en ambos casos dun primeiro premio de 400 € e outro de 100 € e sendo a duración máxima das curtas de 15 minutos. As bases polo míudo están penduradas na web municipal www.nigran.es e www.sogasex.es

Este sábado celebrarase a segunda xornada no I Congreso Internacional de Educación Tui-Valença

O Teatro Municipal de Tui acollerá este sábado, 11 de marzo, a segunda xornada do I Congreso Internacional de Educación Tui-Valença centrada nas experiencias, a avaliación competencial e a reconstrución da profesión docente.

Antonio Sampaio da Nóvoa, experto mundial de Historia da Educación, reitor de honra e profesor da Universidade de Lisboa, será o encargado de abrir a xornada coa ponencia “Desafíos na formación e reconstrución da profesión docente”. Será presentado polo decano da Facultade de Educación de Ourense, Xosé Manuel Cid Fernández. O tema que abordará  dende ás 10.30 h ES será “Desafíos na formación e reconstrución da profesión docente”.

Ás 11.15 h ES o CEIP nº1 e o IES San Paio presentarán o panel de experiencias competenciais que desenvolven nestes centros educativos tudenses. E a continuación, ás 12.00 h ES, será a quenda da AE de Monçao, Muralhas do Minho, Vila Nova de Cerveira e Caminha, para expor as experiencias competenciais que desenvolven nestes centros portugueses do Alto Minho.

A xornada matinal pecharase abordando a “Avaliación competencial e perfil de saída. Ferramentas dixitais por escolas”, contando coa intervención de Eusebio Machado por parte de Portugal, e de Javier Cortés e José Antonio Gómez, especialistas en avaliación e plataformas dixitais.  Moderará Daniela Ferreira dos equipos de investigación da Universidade de Porto.

A actividade retomarase ás 16.30  h  con “Sustentabilidade, inclusión e D.U.A no cambio educativo escola-familia-comunidade. Situacións para a aprendizaxe inclusiva” coa participación de Antonio Bolívar, catedrático de Didáctica da Universidade de Granada, Florencio Luengo, coordinador xeral do Proxecto Atlántida, Luísa Ucha, do gabinete do Ministerio de Educación de Portugal, e Juan de Dios Fernández de Atarfe de Granada.

Neste congreso abordarase tamén o perfil profesional docente. Será o sábado ás 17.45 h ES da man de Luiza Corteao, da Universidade de Porto, e de Carmen Pellicer da Fundación Trilema, nunha intervención que será moderada por Teresa Domínguez, asesora e coordinadora Atlántida en Galicia.

A clausura e presentación das conclusións deste congreso está prevista para as 18.45 h co título “Cara a unha alianza reforzada: consello de sustentabilidade e patrimonio”.

Mos axiliza a instalación de ascensores en San Eleuterio sumando a Cogami ao proxecto

0

Tras a xuntanza celebrada hai escasos días, onte produciuse en San Eleuterio unha nova reunión entre a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Urbanismo, José Areal, técnicos municipais e, nesta ocasión tamén, técnicos de Cogami (2 arquitectos e unha traballadora social), con veciñanza de San Eleuterio, para abordar coas comunidades de veciños as axudas autonómicas existentes para dotar de ascensor aos edificios da urbanización que carecen del.

O encontro comezou no local da Asociación de Veciños e continuou con visita in situ aos bloques que carecen e precisan ascensor para estudar, co asesoramento de Cogami, a mellor ubicación para instalar o devandito elevador en cada un deles.

Pola súa banda, desde o Concello de Mos, tenderon unha vez máis a man aos veciños de San Eleuterio para colaborar desde a administración local mosense en labores de asesoramento e resolución de dúbidas, e na tramitación da documentación necesaria para a solicitude de axudas de cara á acometida das obras pertinentes para a instalación de servizo de ascensor nos bloques que decidan implantalo.

A idea é que as comunidades de veciños de San Eleuterio que o desexen poidan beneficiarse, cando sala a convocatoria de 2023, das axudas do Programa de Mellora da Accesibilidade en e ás Vivendas do Plan Estatal para o Acceso á Vivenda 2022-2025 do Instituto Galego da Vivenda e Solo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. Este programa autonómico de axudas para a mellora da accesibilidade en e ás vivendas, está orientado, a facilitar non só o seu uso ás persoas con distintas capacidades, senón tamén como vía para facilitar a súa integración social.

O alumado da especialidade socio sanitaria do obradoiro de emprego de Ponteareas inicia as súas prácticas

O alumnado do obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós V’ da especialidade de socio sanitaria que promove o Concello de Ponteareas acaban de comezar a súa práctica formativa no Centro Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo. A concelleira de Emprego, Vanesa Fernández, quixo trasladar a todos e todas as participantes os parabéns do Goberno municipal polo esforzo realizado e destacou “a importancia de que dende o Concello continuemos investindo en formación para axudar ás persoas desempregadas a incorporarse ao mercado laboral”.

Os alumnos e alumnas realizarán as súas prácticas ata o vindeiro 31 de marzo para completar a aprendizaxe teórica e obter así os certificados de profesionalidade de Atención Socio Sanitaria a persoas dependentes no domicilio e institucións sociais.

O obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós V’ forma parte do programa de formación dual no que levan participado máis de 160 persoas de Ponteareas e As Neves dende 2015 e que nesta edición apostou de novo pola atención socio sanitaria e incorporou un módulo de albanelaría, dous sectores no que hai unha elevada demanda de emprego.

Cun índice de empregabilidade do 90 %, o obradoiro de emprego permite cada ano que 20 persoas accedan a un contrato de formación en alternancia a xornada completa durante 12 meses. Esta edición contou cun investimento de 50.600 euros financiados polo Concello de Ponteareas e de 504.000 euros pola Xunta de Galicia a través da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade.

Redondela inaugura unha nova zona de xogos infantil no Parque Infantil Xohana Torres

0

O Concello de Redondela inaugura unha nova zona de xogos infantil inspirada na tradición ferroviaria da vila. Esta está composta por unha estructura de xogo en  forma de tren, xunco con mereindeiros e bancos novo,s e sitúase exactamente debaixo do viaduto que pasa por riba do parque Parque Infantil Xohana Torres.

A Coca Simona, xunto cunha zancuda de Troula Animación e a alcaldesa Digna Rivas foron os encargados de inaugurar o parque que, segundo a rexidora “ten a  intención de levar unha figura importante para a vila, como é o tren, aos máis pequenos/as e de Redondela e que poidan gozar dunha istalación distinta e personalizada só  para eles/as”.

o parque estaba cheo de ledicia e a Coca Simona, xunto coa monitora de Troula Animación encargáronse de entreter e divertir os nenos e nenas que se achegaron coa súa familia á inauguración. O Parque Xohana Torres estaba a rebordar e pode dicirse que “a estrea deste novo xogo foi todo un éxito”.

O controvertido parque, famoso por ser o fogar do “Mono Paco” durante anos, estivo exposto a varios cambios progresivos. Primeiro, as casetas que albergaron diferentes animais foron sustituidas por unha zona de recreo con mesas, xa que o concepto de ter “un parque con Zoo incluído” foi quedando obsoleto de forma natural co paso do tempo. En palabras da alcaldesa, Digna Rivas, “queremos que o parque siga sendo de uso Infantil e para todas as familias de Redondela. O motivo deste novo proxecto non é outro que engadir unha figura representativa para os nenos e nenas e seguir mellorando e aumentando as instalacións do parque”.

A Guarda acolle este venres a XIV Gala do Deporte

0

O Centro Cultural da Guarda será o escenario o vindeiro venres día 10 de marzo da gran festa do deporte guardés coa celebración da XIV edición da Gala do Deporte.

Neste evento recoñeceranse os logros e méritos deportivos acadados durante o pasado ano polos deportistas, os clubs e as entidades deportivas da Guarda, poñendo así en valor o traballo, esforzo e compromiso das numerosas persoas que forman parte do ámbito deportivo local.

A gala, que comezará ás 20:30 horas no Centro Cultural, estará presentada polo xornalista Terio Carrera, e están convidadas todas as asociacións, clubs e deportistas individuais da Guarda, así como todas aquelas persoas que desexen achegarse e participar na xornada de celebración e xuntanza do deporte guardés. En palabras de Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes, “esta edición será a Gran Festa do Deporte na que se vai a recoñecer o traballo, esforzo e implicación dos clubs, entidades deportivas e deportistas individuais. Queremos que o deporte guardés viva e desfrute dun gran evento para visibilizar o enorme traballo desenvolvido, a importancia do deporte base na formación dos nosos rapaces e rapazas e os beneficios que para a saúde reporta a práctica deportiva. Seguir promocionando o deporte aporta múltiples beneficios á sociedade guardesa”.

MAVI, a Maleta Viaxeira, chega á Cañiza

0

Esta mañá, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; acompañada do alcalde, Luis Piña; da xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, Manuela Vilaboy; de concelleiros da Corporación e da responsable do Servizo de Igualdade do Concello, presentaron o proxecto «MAVI». A «Maleta Viaxeira», que comezou a súa andadura o 19 de outubro de 2021 no Centro penitenciario da Lama e continúa a súa rodaxe polas bibliotecas, casas de acollida, asociación de mulleres, CIMs e os servizos Sociais dos Concellos da provincia de Pontevedra que soliciten a Maleta para traballar nos seus centros.

Un “proxecto e unha Maleta que non ten data de volta” comentou hoxe a subdelegada xa que “MAVI viaxará por toda a provincia e iremos variando e aumentando os libros que neste momento son 78, distribuidos en 4 maletas e tamén ampliando as temáticas”.

Na súa intervención Maica Larriba continuou explicando que “os obxectivos deste proxecto son achegar a lectura sobre temas de feminismo, violencia de xénero, empoderamento e autoestima, especialmente ás mulleres. Favorecer un pensamento crítico ante os estereotipos e os roles de xénero que se perpetúan socialmente e promoven a violencia de xénero. Favorecer a lectura dos textos por parte das mulleres como ferramenta favorecedora da igualdade e sensibilizar en materia de violencia de xénero á sociedade en Xeral.”

Ademais, Larriba manifestou o seu orgullo por ter sido a Subdelegación do Goberno de Pontevedra a pioneira e a responsable de por en marcha este proxecto que automáticamente adoptaron as demáis subdelegacións de Galicia.

Un proxecto que ademáis de divulgación ten un compoñente de investigación, xa que despois de rematar cada libro, os lectores que o desexen poden cubrir un cuestionario sobre o que significou a lectura de cada exemplar, que servirá como ferramenta para abordar cuestións relacionadas coa Igualdade e a Violencia de Xénero.

Despois da intervención da Subdelegada, o alcalde Luis Piña, felicitou a Maica Larriba por este extraordinario proxecto, agradeceu o préstamo desta 4ª maleta ao Concello da Cañiza, considerando a demanda que está a ter por toda a provincia e invitou a todos os veciños da Cañiza a coñecer os textos que contén a MAVI.

Ademis, o alcalde aproveitou para lembrar “a implicación deste Goberno coa Igualdade e contra a violencia de xénero. Un traballo que se desenvolve tamén dende os servizos de Igualdade do Concello e que se extende ao longo do ano coa organización de numerosas actividades e a implementación de importantes proxectos de igualdade e contra a Violencia de Xénero ”.

O PP de Tomiño denuncia que o BNG presta, presuntamente, vehículos alugados polo Concello a empresas externas

0

O PP de Tomiño denuncia que o BNG segue sen dar acceso ao expediente do caso do gasóleo bonificado e que, tras pedilo por segunda vez, o grupo popular recibe un escrito de alegacións no que os nacionalistas indican, torpemente, que unha empresa utilizou o vehículo alugado polo Concello durante a fin de semana, e que o devolveu o luns 6 de xuño de 2022 co gasóleo vermello no seu depósito, eximíndose eles de toda culpa.

Estes feitos demostran que o concello de Tomiño aluga maquinaria, que pagamos todos os tomiñeses cos nosos impostos, para logo prestarlla supostamente a empresas que ademais son contratadas recurrentemente polo Concello.

Dende o PP, tras revisar as facturas deses meses, comprobamos que dita maquinaria foi alugada o mes completo polo Concello de Tomiño, do 31/05/2022 ó 30/06/2022, polo que non se aceptan excusas nin insultos hacia o grupo Popular, como xa están acostumados a facer.

Por un lado cren limparse as mans culpando a outros dos seus erros e, ademais, demostran estar levando a cabo unha mala praxis dos recursos públicos para beneficiar intereses propios ou de persoas cercanas, presuntamente.

Ademais, chama a atención que cando os populares sacamos á luz no mes de febreiro de 2023 o expediente sancionador polo suposto uso de gasóleo bonificado, o Concello e o concelleiro Uxío Benítez saen en prensa alegando estar investigando os feitos para saber se a empresa que lles aluga a maquinaria puidera deixar gasóleo dentro da mesma, pero curiosamente, tras os incansables intentos do grupo popular en obter o expediente, o Concello, no escrito de alegacións que presenta, declara estar ao tanto do tema dende 6 meses atrás, xuño do 2022, data na que se supón que aconteceron os feitos. Quen minte? Ata cando van a seguir enganando ós vecinos e veciñas de Tomiño?

En definitiva, por unha banda é indiscutible que o expediente aberto contra o Concello de Tomiño polo suposto uso fraudulento de gasóleo bonificado é un feito real e será a Axencia Tributaria quen decida a súa resolución. Por outra banda, o BNG de Sandra González demostra estar engañando e mentindo a todos os tomiñeses. Ademáis das sancións, os tomiñeses estamos supostamente pagando tamén a maquinaria para que empresas e profesionais amigos dos concelleiros do BNG realicen os seus traballos. Estamos ante uns feitos contundentes e dende o grupo popular esiximos que se esclarezan.

Vandalismo en Mos contra a sede de AEMOS

0

Esta mañá convocouse, conxuntamente desde o Concello de Mos e a Asociación de Empresarios de Mos, a membros da Corporación Municipal mosense e da directiva da Asociación para condear públicamente as pintadas perpetradas onte na fachada da sede de AEMOS. No acto pronunciouse un manifesto de rexeitamento a este tipo de accións vandálicas por parte da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente dos Empresarios, Manuel Castro.

Fronte á sede de AEMOS procedeuse á máis contundente condea do intolerable ataque vandálico contra a sede de AEMOS acontecido esta pasada fin de semana. Deste xeito, Mos denuncia e rexeita os actos vandálicos contra a Aemos, manifestando a máis rotunda condea e repulsa aos actos vandálicos reivindicados e perpetrados polo ‘Comité Antifascista Lourinha’.

Comité que presume de considerar nazifascista e terrorista ao pobo Ucraíno. E xustifican os seus actos delictivos, como castigo a quen apoie a guerra, cando “precisamente todos, tanto Concello de Mos como AEMOS e a sociedade mosense en xeral, estamos en contra da guerra e en defensa da paz. Como non podería ser doutro xeito” sentenciou Arévalo. Quen continuou denunciando “uns feitos vergoñentos e deleznables dos que este colectivo fixo gala nas súas redes sociais mediante a publicación e difusión de fotografías. E tachando aos empresariado de Mos de delincuentes e explotadores cando son o principal motor xerador de emprego, economía e industria do noso municipio; e colaboraron enormemente e de xeito totalmente desinteresado para encher o tráiler con toneladas de axuda humanitaria que fai un ano enviamos para Ucraína”.

“Por iso desde a administración local mosense rexeitamos e denunciamos públicamente estes actos que fan apoloxía da violencia, da guerra, e da vulneración dos dereitos humanos e da autonomía dos estados soberanos. Triste acontecemento co que, lonxe de apoiar ás inocentes vítimas da guerra e da invasión, téntase criminalizar aos que desde outros países as apoiamos”, lamentou Arévalo.

Por iso, con motivo dos actos vandálicos consistentes en pintadas na fachada da sede de AEMOS, os presentes no acto de denuncia e condea desta mañá manifestaron públicamente a súa repulsa e condea de ditos actos coa seguinte declaración:

  1. Expresamos a firme condea dos actos vandálicos mencionados, e rexeitamos de modo absoluto a súa realización, manifestando que as actitudes de esta natureza non teñen cabida no sistema democrático.
  2. Transmitimos a nosa solidariedade con AEMOS e por suposto con Ucraína, e todos os ucraínos vítimas desta inxusta guerra.
  3. Manifestamos que a tolerancia e o respecto deben ser valores imperantes no noso municipio e que se tratan de fomentar dende os poderes públicos e a través dos representantes deste Concello, de ahí a celebración deste acto público de condea.

Alumnado do Colexio PP Somascos crean no Monte Santa Trega o “Espazo Revirando”

0

O pasado xoves día 3 de marzo, dentro das accións da carreira Revirando, realizouse unha actividade medioambiental á que asistiron alumnos do Colexio PP Somascos da Guarda acompañados de equipo docente e dos Concelleiros Rafa Álvarez e Montserrat Magallanes.

O alumnado do Colexio PP Somascos “fixo feliz ao polbo” imaxe da iniciativa Revirando, xa que levaron a cabo unha plantación no Parque “Pai Baltasar Merino” na zona de Chans do Monte Santa Trega, creando deste xeito o “Espazo Revirando”.

En palabras de David Alonso, do equipo docente do Colexio PP Somascos e impulsor desta actividade, “o polbo de Revirando ten moitos tentáculos, e o da natureza é un moi importante.

Na actividade do pasado xoves plantáronse diferentes especies arbóreas coma carballos, árbores con moita saúde, como a carreira Revirando, da que proximamente anunciaranse novidades.

Tamén se colocou no parque “Pai Baltasar Merino” un fermoso atril de madeira coa imaxe do “polvo Revirando para inmortalizar a visita.

Nesta acción medioambiental colaborou a Comunidade de Montes de Camposancos, que cedeu os terreos e axudou nas tarefas de plantación, así coma o concello da Guarda, que doou os árbores plantados e Viveiros Tollo que doou diferentes plantas para embelecer a zona.

Ponteareas crea 15 novas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida

O Concello de Ponteareas vén de crear 15 novas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida. Unha parte importante delas están situadas a carón das entradas ao centro peonil, de maneira que as persoas usuarias poden estacionar sen limitación horaria e desprazarse a pé ou en cadeira de rodas sen atrancos nin barreiras por numerosas rúas peonalizadas. O Concello lembra que, ademais, dentro da propia zona peonil as persoas con mobilidade reducida poden acceder con vehículo e realizar paradas en calquera lugar durante un máximo de 15 minutos.

As novas prazas e as súas características teñen en conta un informe elaborado por Combina Social, unha consultora creada por COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) e contratada polo Concello para o asesoramento nesta materia. O concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, explica que “na liña seguida nos últimos catro anos polo Concello, as prazas dispoñen de zonas de transferencia, laterais ou traseiras, mediante cebreados que facilitan a saída e entrada ao vehículo e o desprazamento das persoas que o precisan”.

No ano 2019 Ponteareas contaba, segundo o Plan de Mobilidade, con 58 prazas de mobilidade reducida, a meirande parte delas sen zonas de transferencia. Dende entón o Concello creou un total de 40 prazas novas, un incremento dun 70 %, e corrixiu numerosas prazas antigas incorporándolle esas zonas de transferencia.

Mera salientou que “aínda queda moito por facer pero nestes últimos anos convertemos Ponteareas nunha vila moito máis respectuosa e adaptada ás necesidades das persoas con mobilidade reducida”. Nesta liña salientou que “a peonalización de numerosas rúas supuxo que as persoas con discapacidade dispoñan por vez primeira de amplísimos espazos públicos tanto para a estancia e a vida social como para os desprazamentos, mentres antes estaban condenadas a non poder moverse ou facelo por beirarrúas moi estreitas”.

A programación do 8M de Redondela extenderase durante todo o mes

0

A Concellería de Igualdade, que xestiona Iria Vilaboa, vén de ultimar un amplo programa para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, e poñer o foco de atención sobre a igualdade como eixo imprescindible para acadar unha sociedade xusta.

O programa arrinca xa o vindeiro 3 de marzo coa inauguración da exposición ‘Conquistadoras’ na Alameda Castelao ás 12:00 horas, lugar dende o que Onda Cero emitirá en directo o programa de radio “Más de uno” a cargo Rubén Rey. Rivas explica que “ese día participarán mulleres que conquistaron, co seu propio esforzo e valía, un recoñecemento público. Porque, alén das propias circunstancias sociais ou históricas, tiveron que dobregar unha mentalidade patriarcal”. Participarán Digna Rivas, Almudena Suárez Cerviño (profesora de Relixión Católica do IES Mendiño e coordinadora do libro Mulleres Nobel), Joshua Mateo (fillo de Sesé Mateo, nova protagonista da exposición Conquistadoras), Xunqueira Ézara (nova protagonista da exposición Conquistadoras e enxeñeira aeroespacial nativa de Redondela) e Esther Estévez (nova protagonista da exposición Conquistadoras, xornalista e garlardoada co posto nº 25 de mulleres máis influíntes de España). Cabe destacar que dentro da Exposición Conquistadoras as novas incorporacións corresponden  a Esther Estévez, Mahsa Amini, Sesé Mateo, Xunqueira Ézara, Urraca I e Ugía Pedreira “co afán deste goberno de continuar ampliando esta iniciativa para dar o recoñecemento e o espazo a todas as mulleres que cambiaron a sociedade cara unha máis igualitaria co seu traballo”, explica Rivas.

Ese día tamén se inaugura a Exposición “A Saia da Raíña” no Multiusos da Xunqueira ás 18:00 horas. A exposición presenta unha mostra audiovisual das mulleres galegas que continúan enloitadas no século XXI. Mulleres que por costume social, imposición moral ou crenza relixiosa tiveron que gardar loito temporalmente, e tamén durante toda a súa vida.

O 7 de marzo preséntase a Exposición “58/885 Mulleres Nobel” no Multiusos da Xunqueira ás 12:00h. A exposición recolle as biografías e retratos das Mulleres que recibiron o Premio Nobel ao longo da súa historia. É un traballo realizado polo alumnado do IES Mendiño baixo a coordinación das profesoras Almudena Suárez Cerviño e Raquel Fernández Fidalgo. Nese mesmo acto farase a entrega de exemplares do libro aos Institutos de Ensinanza Obrigatoria de Redondela. Ese mesmo día haberá un contacontos, “Somos iguais”, na Biblioteca Xela Arias á 18:30h, onde se contarán historias de nenos, nenas e animais que rompen os estereotipos que abundan nos contos.

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ás 12 horas terá lugar na Praza do Concello a lectura do manifesto institucional por parte das protagonistas do programa “As Mulleres Contan, percorrendo camiño” de Radio Redondela.

O 9 de marzo estréase a obra de teatro “Tabú” no Multiusos da Xunqueira para o alumnado dos IES de Redondela. Haberá dúas funcións, ás 10 e ás 12 horas, que irán seguidas dun coloquio. Trátase dun espectáculo de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade das mulleres que son o cimento da nosa terra. Con música ao vivo de Su Garrido Pombo.

O 10 de marzo celébranse as Xornadas Gemma Pereira Otero. Muller e Igualdade. Unha Charla-coloquio chamada “Emprendemento no Rural” con Rosa Arcos, fundadora da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, Fademur nas oficinas de Turismo (Isidoro Queimaliños,2. Redondela) ás 19:00h. Interveñen ás redondelás Manuela Domínguez Rodríguez (Zona Verde Jardinería), Ana Míguez Dacosta (Héroes pola Ciencia) e Cinthya Roldán Dosío (Mariñeira).

Pola súa banda, Radio Redondela desenvolverá ao longo de todo o mes unha programación especial co programa “Pseudónimo: falso nome; pseudónimo: falso home” a cargo da profesora Almudena Suárez Cerviño. Un espazo que quere reivindicar a todas esas mulleres que tiveron que agochar a súa identidade detrás dun nome masculino para publicar os seus traballos, acceder á universidade, fuxir de imposicións sociais ou desenvolver a súa labor científica e profesional. Ademais, os primeiros luns de mes, dará continuidade á emisión do programa “As mulleres contan. Percorrendo Camiño”.

A programación do 8M de Redondela, tal e como apunta a alcaldesa Digna Rivas, “non queda cinguida a un so día ao igual que a loita pola igualdade non pode quedar limitada a actos puntuais”. Rivas lembrou a importancia de “traballar a prol da igualdade non só a través de celebracións ou conmemoracións, senón tamén no noso día a día e nas actividades cotiás que desenvolvemos”.

Nese sentido, a alcaldesa de Redondela que felicitaba á concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, polo traballo realizado á hora de desenvolver “un programa potente e atractivo”, lembrou que o Goberno local busca a “transversalidade en todas as súas áreas, de xeito que a igualdade estea sempre presente en todas e cada unha das iniciativas que levamos a cabo, independentemente da concellería ou departamento de que se trate”.

O 12 de marzo terá lugara presentación do proxecto “As Mulleres do Textil” no Multiusos da Xunqueira (Redondela) ás 19:00h.

Máis adiante, o 17 de Marzo celébranse as III Xornadas Gemma Pereira Otero. Muller e Igualdade co obradoiro “Con forza de Muller” no Multiusos Piñeiral do Crego (Chapela) ás 19:00h. Estará impartido por Patricia Do Camiño (Coach certificada ICF, Mentora, Experta en Intelixencia Emocional e Benestar Organizacional) e Isabel Machado (Coach acreditada ICF, Especializada en Intelixencia Emocional & CoachingXvalores, Trainer Points of You e Consultora Condutual). Ese mesmo día inclúese un roteiro para coñecer as figuras femininas históricas de Redondela que comeza na Praza de Ponteareas ás 19:00h.

O 19 de marzo haberá outro roteiro para coñecer as figuras femininas históricas, pero desta volta de Chapela. Na Alameda Rosalía de Castro ás 19:00h.

O 24 de marzo, o últmo día da programación, farase un homenaxe ás protagonistas do programa da Concellería de Igualdade en Radio Redondela “As Mulleres Contan, percorrendo camiño”. Será no Pazo de Petán (Redondela) ás 19:00h.

A alcaldesa de Redondela quere destacar que durante os meses de marzo e abril farase unha homenaxe “Ás Nosas Conquistadoras” en cada parroquia, con Alba Fernández Troiteiro, que se engade ao programa diario de Radio Redondela “Pseudónimo, falso nome; pseudónimo, falso home” a cargo de Almudena Suárez Cerviño.

A rexidora local quere agradecer a todas as persoas que fixeron posible este programa, á Concelleira Iria Vilaboa, á profesora Almudena Suárez Cerviño que colabora de diversas formas con este concello no traballo pola igualdade e en especial ás novas galegas Conquistadoras entre as que se atopan Xunqueira Ézara, Sesé Mateo e Esther Estevez. Finalmente, Digna Rivas puña de relevo “a importancia da presenza de Joshua Mateo quen co seu traballo diario de promotor de igualdade de oportunidades, contribúe a axudar ás vítimas de violencia de xénero, unha lacra social que el coñece en primeira persoa e que pon a súa experiencia persoal como ferramenta que outras persoas poidan sobrepoñerse esa tráxica situación”.

O proxecto “Mulleres Extramuros” chega ás Neves

0

Arte de vangarda, mundo rural, igualdade, sostibilidade e intervención do espazo público son as claves do proxecto da Deputación “Mulleres Extramuros”, cuxa segunda edición vén de arrancar nas Neves, que toma o relevo á parroquia de Cortegada en Silleda, lugar protagonista o pasado ano. A Casa da Auga de Vide foi o punto de encontro o sábado entre as sete artistas galegas, de España e Portugal, Xoana Almar, Nuvi&Éxfico, Ana Soler, Doa Oa, Carme Nogueira, Lucía Loren e Iva Viana, e as mulleres do núcleo rural onde intercambiaron experiencias das que sairán novas propostas creativas que transformarán o espazo e encherán de arte e vida esta contorna.

Na apertura desta nova edición, amenizada coas intervencións da Asociación Cultural Vidense e do grupo Saia de lá, a presidenta, Carmela Silva, e o alcalde Xosé Manuel Rodríguez, subliñaron que “Mulleres Extramuros” vai deixar unha pegada na vila coa posta en valor da súas historias e a súa identidade a través da arte. “Este é un proxecto único –destacou Carmela Silva- polo que supón de participación e ensinanza mutua entre as mulleres e por como distintas xeracións poden unirse para deixar un legado común a través da cultura. Estamos levando a arte e a cultura a todo o territorio”.

De novo coordinado por Xoana Almar, de Cestola na Cachola, “Mulleres Extramuros” conta este ano coa participación de sete creadoras e ten como novidade que amais do arte mural, tamén transformará Vide con escultura e traballo cerámico. Xunto a Almar, do Grove, estiveron hoxe e participarán Doa Oa (Sober), Nuvi & Éxfico (Nuria Villa e Alberto Brandon, do Rosal e A Guarda), Ana Soler (residente en Vigo), o dúo formado por Carme Nogueira e Javier Fernández Pérez de Lis; Lucía Loren (Madrid) e Iva Viana (Viana do Castelo). 

Esta fin de semana foi a primeira toma de contacto coas mulleres do lugar para escavar na memoria, escoitar as súas historias e situalas no centro, “en definitiva, para implicalas e transformar en arte esta posta en común, recuperando espazo público desde a sororidade e o activismo pola igualdade”, como destacou a presidenta provincial, quen volveu a subliñar que “se hai un elemento transformador da sociedade ese é a cultura, e especialmente a creatividade”. “Arte, persoas, mundo rural, modernidade e igualdade combínanse á perfección e están interconectadas neste programa”, manifestou Carmela Silva, que engadiu que tralo éxito da primeira edición, a Deputación está decidida a que “se coñeza en todo o Estado como un elemento dinamizador, de diálogo e participativo”. “É algo extraordinario – dixo- baseado no orgullo do noso rural, cheo de historias, de coñecemento e do traballo atesourado polas mulleres, coas que agora as artistas crearán redes”.

O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, destacou que “Mulleres Extramuros” “ofrece unha excelente oportunidade para que as persoas que vivimos no rural poidamos gozar da arte, aínda máis, diría que merecémonos ter acceso a ela e neste caso, as nosas veciñas e veciños formarán parte do proceso, tanto dende o eido creativo como emocional”. “Estou especialmente satisfeito e orgulloso –dixo- porque permitirá amosar a identidade das Neves e dos/das seus/súas habitantes e abrirá  de par en par, a porta para que todos e todas valoremos o que temos e o que somos”.

Pola súa banda, a coordinadora do proxecto, Xoana Almar, subliñou “o enriquecedor” do proxecto, que nesta segunda edición “non só ten a pintura como parte central, senón que estaremos convivindo tres muralistas (Cestola na Cachola, Doa Oa e Nuria Villa), tres escultoras (Ana Soler, Carme Nogueira e Lucía Loren) e unha ceramista (Iva Viana) e creo que vai ser moi interesante”. Tamén quixo poñer en valor a filosofía de “Mulleres Extramuros” de “intervir no rural galego de xeito participativo coa veciñanza” e, neste senso, destacou o proceso de preparación do traballo “feito primeiro coa presentación das artistas e a reunión coa veciñanza, co coñecemento dos espazos e coa convivencia”.

Deste xeito, tras esta primeira fase  que vén de celebrarse en Vide terá lugar unha segunda etapa, entre abril e maio, na que as artistas traballarán nos seus proxectos para o núcleo, deseñando un proxecto específico de intervención. A continuación, na primeira quincena de xullo, terá lugar o proceso de creación-residencia, co traslado das artistas á aldea para realizar o proxecto artístico in situ para Vide e inspirado nela. Ese mesmo mes de xullo amosarase xa o resultado dos sete proxectos e o seu impacto nas rúas da parroquia.

Inauguración da praza do Campo de Burgueira en Oia

0

Cunha nutrida presenza da veciñanza, Oia amosou este sábado o renovado aspecto da praza do Campo de Burgueira, que vén de ser obxecto dunha total transformación ao abeiro do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra, para converterse nunha contorna con identidade propia e nun novo punto de encontro e de esparexemento para a cidadanía. A música tradicional dos grupos locais “As Caramuxas” e “Tralo Mosteiro” ambientou a inauguración da praza, na que participaron as deputadas provinciais Iria Lamas e Ana Mejías xunto á alcaldesa Cristina Correa e concelleiras e concelleiros do municipio. A ambiciosa actuación supuxo un investimento de 267.867 €, dos que a Deputación aportou 241.080 € e o Concello 26.786 €. 

Os traballos desenvolvidos permitiron renovar por completo a praza do Campo, un lugar estratéxico a carón da Igrexa de San Pedro, no corazón da parroquia de Burgueira, para convertela nun espazo polivalente e respectuoso co medio e o patrimonio. Deste xeito, a contorna é xa un lugar de reunión para a veciñanza totalmente accesible, cos seus límites definidos e separados da estrada e do camiño que o rodean.

A nova gran praza pública que vén de ser inaugurada viu mellorado o acceso peonil e conta con aparcadoiro, pérgola, banco perimetral, miradoiro cara ao val de Burgueira, área de sombra e superficie libre para actos e festexos.  Amais, a actuación ten posto en valor un elemento patrimonial tan importante como o cruceiro existente no lugar. O acondicionamento e embelecemento da praza do Campo incluíu tamén nova iluminación, máis eficiente, e novo pavimento.

O Concello de Salceda acondiciona a escola da Revolta para usos comunitarios

Nos últimos días deron comezo as obras de acondicionamento e mellora da Escola da Revolta, na parroquia de Parderrubias en Salceda, para usos comunitarios.

Esta actuación, levada a cabo polo Concello de Salceda de Caselas, ascende a 12.293,00 euros. Unha das actuacións máis importantes é a accesibilidade da edificación seguindo a liña de traballo de que todas as instalacións municipais sexan accesibles e sustentables.

Instalarase tarima na aula e rodapés, ademais da instalación de novas fiestras, actuacións que mellorarán o illamento da aula.

A alcaldesa da vila, Verónica Tourón, quixo destacar que “con esta actuación na escola da Revolta continuamos coa nosa folla de ruta de rehabilitación e recuperación de instalacións municipais para por ao servizo da veciñanza, con espazos polivalentes para aproveitar os recursos municipais e que o seu uso sexa moito máis eficiente”.

Ademais, executarase a rehabilitación integral do aseo existente, con novas tomas de auga e electricidade e a colocación dos aparatos sanitarios.

Esta intervención ten como obxectivo recuperar e por en valor as instalacións municipais destinándoas a usos e servizos destinados ao benestar da veciñanza. Neste caso será utilizada por colectivos e asociacións da parroquia para o desenvolvemento de actividades de carácter cultural e social.

Ánxela Fernández será de novo a candidata do BNG polo Rosal

0

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a presentación da candidata á alcaldía do Rosal, a actual rexedora Ánxela Fernández, para expresar o seu “orgullo con maiúsculas” vendo todo o que o BNG foi capaz de lograr no concello nun tempo récord, facendo que o municipio “avanzase máis nestes catro anos que nos últimos trinta, da man de Ánxela como a mellor capitana dun gran equipo de goberno”.

O BNG, recalcou Pontón, ten un modelo municipal de éxito que hoxe é referente en toda Galiza, destacando que O Rosal é un “exemplo excelente” dese modelo que funciona, que mellora a vida das persoas e que fai que vilas e cidades avancen.

“É un orgullo ver como os gobernos municipais do BNG transforman vilas e cidades, como colocan ás persoas no centro da acción política mellorando a vida dos veciños, como xestionan con eficacia e practican unha política transparente, de portas abertas á participación da veciñanza. Como fixo Ánxela no Rosal”, subliñou.

Igualmente, destacou que seguindo ese modelo municipal, o goberno liderado por Fernández apostou polos servizos públicos, puxo en marcha políticas de benestar social e en defensa do medio ambiente, recuperando e rehabilitando, ademais, o espazo público para ás persoas.

“Os gobernos municipais do BNG teñen capacidade de ilusionar e de dar esperanza no futuro, de aportar dinamismo económico, social e cultural, como demostrou Ánxela aquí no Rosal con todo o seu equipo de goberno”, recalcou a líder nacionalista.

Co aval dese gran traballo, Pontón amosouse convencida de que “queda moito tempo por diante de Ánxela como alcaldesa do Rosal, porque volverá recibir o apoio masivo dos veciños e das veciñas este 28M, dos que confiaron en nós fai catro anos e de todas as persoas que valora o gran traballo do goberno municipal, unha auténtica revolución en positivo”.

A líder do Bloque botou a vista atrás para lembrar que hai catro anos O Rosal era un concello que esmorecía, paralizado no tempo e sen pulso. “Hoxe está convertido nun referente dentro da comarca do Baixo Miño”, indicou.

“Para manter esa liña de progreso e de ilusión, volverá ser alcaldesa do Rosal, impulsando o proxecto de presente e de futuro que representa o BNG”, recalcou. “Sei que o BNG vai ter un resultado electoral impresionante o 28M porque nos avalan os feitos e nada mellor que poder pedirlle a confianza aos veciños e as veciñas con esa gran carta de presentación”, subliñou.

Arbo comeza a súa campaña anual de poda

0

Arbo iniciou a pasada semana a campaña anual de poda coa finalidade de manter nun adecuado estado de conservación as árbores do municipio e permitir o seu óptimo desenvolvemento. Neste contexto, as actuacións previstas nesta intervención reducirán, na medida do posible, o perigo de caída de ramas, así como a propagación de pragas e enfermidades entre especies.

En concreto, levaranse a cabo labores de poda, limpeza e control de ramas contra fachadas, eliminación de ramas  que interfiren co paso de viandantes e de exemplares secos, e limpeza e redución de copa, sempre segundo as necesidades propias de cada especie e do seu emprazamento concreto, no casco urbano, recinto do CEIP Antonio Carpintero, Piscina municipal,  Area recreativa de San Antonio, Rúa Buenos Aires,  Parque de Turbela, entre outros

Este plan responde ás necesidades dos veciños qu,e en moitos casos, as súas vivendas atópanse próximas a árbores. En todo caso, as zonas de intervención estableceranse dependendo das necesidades de poda. Arbo conta con parques zonas verdes e paseos arborados, con vexetación diversa. Todo isto require de coidados e podas de maneira regular, que entre outras moitas cousas asegure o uso e a seguridade nas vías públicas.

Cabe lembrar que estes traballos realízanse nas estacións de outono e inverno dado que é o momento no que as especies se atopan en parada vexetativa, polo que así se evita a perda de zume das mesmas, reducindo o dano producido á árbore e evitando o seu enfraquecemento. Doutra banda, é nesta época na que moitos fungos mantéñense inactivos e non poden aproveitar os cortes para infectar a árbore.

Tomiño supera as 10.000 incidencias xestionadas a través da súa app Liña Verde

0

A aplicación móbil Liña Verde de Tomiño chega aos tres anos de vida cun camiño de rotundo éxito. O Concello puxo en marcha esta iniciativa para ofrecer á veciñanza un método de comunicación sinxelo e directo a través das novas tecnoloxías e, en todo este tempo, son máis de 10.000 as incidencias recibidas a través desta plataforma, das que o 93,09 % están resoltas.

“Grazas á Liña Verde podemos organizar e sistematizar unha gran cantidade de información e, así, incrementar a eficiencia na resolución de calquera incidencia que poida aparecer”, explica a alcaldesa, Sandra González. A rexedora resalta que “contamos cun sistema a través do que a veciñanza moitas veces comunica case directamente ao persoal municipal as incidencias, unhas problemáticas que o operario ou operaria ten xeolocalizadas, o que simplifica moito todo o proceso”.

Cunha media de 258 incidencias mensuais, os datos disparáronse nos últimos meses a causa da climatoloxía adversa, con fortes temporais que causaron importantes danos no municipio. Por este motivo, dende outubro de 2022 ata xaneiro deste ano a media mensual de incidencias reportadas subiu ata as 544, chegando a un récord de 607 en xaneiro polo temporal de Aninovo.

Como sinala o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez, “foron meses nos que se multiplicaron as avarías no alumeado público, os atascos de canalizacións, os danos en cunetas, camiños e sendas… Pero, a pesar dese contexto adverso, conseguimos solucionar a maior parte das incidencias reportadas, algo que se acelerará coa recente incorporación do persoal do Plan Concellos”.

As principais demandas veciñais solucionadas a través da app están relaciondas co alumeado público, que ocupa o primeiro posto ao supoñer máis do 40% das incidencias comunicadas. Séguelle xa de lonxe as relacionadas co lixo (8,95 %), as escolas (7,48 %), a vía pública e obras (6,54 %) e as fochancas (5,64 %).

O Concello de Tomiño puxo en marcha esta plataforma de xestión de servizos no ano 2020 e dende entón demostrou que permite unha resposta municipal eficiente ás incidencias sinaladas pola veciñanza, que cada vez usa máis a app. Coa Liña Verde foméntase ademais a participación cidadá e créase unha liña de comunicación directa co persoal municipal, que reciben as incidencias nas súas táblets e que son supervisadas polos concelleiros e concelleiras responsables en cada área.

Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a utilizar este servizo, que forma parte do proceso de dixitalización no que leva o Concello traballando hai moitos anos. Para empregar esta aplicación gratuíta ‘Linea Verde’ só é necesario descargala dende Google Play ou APP Store. Selecciónase o municipio de Tomiño e xa se pode comunicar o problema premendo o botón “nova incidencia”, escollendo a tipoloxía de incidencia e achegando unha foto e unha explicación sinxela. A persoa recibirá unha notificación no seu móbil comentando o progreso do caso.

SmartPeme comeza a semana cun obradoiro de ciberseguridade

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta cinco novas accións formativas para esta semana, enmarcadas na súa carteira de obradoiros online. As accións tratarán temas como o phishing, a promoción da igualdade de xénero nun negocio, creación dunha páxina web profesional, emisión de eventos en liña ou edición de vídeo.

Os obradoiros darán comezo hoxe luns 6. O obxectivo deste primeiro curso, “Ciberseguridad, o phishing”, é o de dar a coñecer esta forma de ciberataque, a máis perigosa e efectiva, estudando as distintas formas nas que se pode presentar para poder identificalo con eficacia. A formación estará impartida por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.

O martes 7 impartiranse dous obradoiros. Na quenda de mañá a licenciada en  Ciencias Económicas e Empresariais, Paz Ares, dirixirá o curso “Accións que promoven a igualdade de xénero no teu negocio”. Nesta acción formativa explicarase como a igualdade de xénero real vai máis aló da regulación normativa e as accións positivas dentro das relacións laborais como elemento básico de actuación para integrar de modo efectivo a igualdade. Na quenda de tarde, será María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, quen en “Crea unha páxina profesional con WordPress II” amosará as posibilidades que ofrece este CMS, dende os pasos para crear un sitio web ata profundizar no seu deseño, desenvolvemento e xestión para conseguir unha páxina profesional e optimizada.

O xoves tamén haberá dúas accións formativas; pola mañá Manuel Freire, impartirá o curso “Como emitir o teu evento en liña de forma profesional I”. O obxectivo deste obradoiro é mellorar os eventos en liña que se levan a cabo cos clientes, a difusión do seu contido e calquera comunicación empresarial en liña. Finalmente pola tarde terá lugar a acción formativa “Vídeo Márketing III – Vídeo edición, edita as túas gravacións de produto” dirixido pola  titulada superior en ensinos artísticos, Lara Taboada, na que aprenderán a  realizar diferentes secuencias dun produto que queiran mostrar, a súa edición, engadir textos, iconas ou elementos gráficos que potencien o contido audiovisual.

Arantza Portabales, «O home que matou a Antía Morgade»

Abad e Barroso chegaron un día para quedar, para alternar con Leo Caldas, Frank Soutelo e algúns dos outros detectives de referencia da literatura galega dos últimos anos. As súas andainas contan cada vez con máis seguidores e as súas complicadas relacións afectivas (marca da casa) enchoupan as páxinas das novelas nas que aparecen, converténdose, xunto coa investigación dos crimes de rigor, no epicentro dos relatos de Arantza Portabales. Tal cousa acontece na nova entrega da saga, «O home que matou a Antía Morgade».

O argumento céntrase no reencontro de seis vellos amigos, logo de máis de 20 anos de distanciamento e de faceren vidas diverxentes con éxito dispar. Quedan para cear un 24 de xullo en Compostela nunha xuntanza que promete rabuñar nostalxias mais, entre brindes e fogos artificiais da véspera de Santiago, un disparo remata coa vida dun dos membros do grupo, o primeiro dunha serie de asasinatos centrados na manda de amigos. Abad e Barroso, que se reencontran na cidade logo dun par de anos de separación, inician unha investigación que non tarda en apuntar ao pasado común do grupo. Sendo aínda adolescentes, compartían un piso de menores tutelado na rúa Algalia. Naquel escenario, todos eles foron testemuñas máis ou menos implicadas no pasamento de Antía Morgade, unha traxedia que envolve as súas vidas dende entón e que semella non estar todo o pechada que, de primeiras, parece.

Adentrámonos desta maneira nunha historia na que se entrecruzan mentiras e segredos, sospeitas e desconfianza, vinganzas e temores, cun convidado especial: un dos titores do piso, que acaba de saír da cadea logo dunha condena por abusos, ao que o grupo responsabiliza claramente da morte de Antía. Pero non todo é tan evidente neste enredo e os detectives protagonistas deberán desenlear a trama para tratar de evitar que todos os membros do grupo acaben por se converter en vítimas. Mais se apuntabamos máis arriba que as relacións entre Abad e Barroso son marca da casa e que ocupan un espazo importante nas novelas protagonizadas polos detectives, nesta ocasión, esa relación afectiva verase ampliada polas existentes entre os membros do grupo, ás veces cheas de mentiras e tramas paralelas. Asistimos, deste xeito, e como vén sendo habitual en Portabales, a unha «novela policial» que pretende ir máis aló da simple historia de crimes que o lector deberá resolver, para adentrarnos no que entendemos como «novela negra», que é aquela que pescuda no fondo máis escuro da alma humana.

É, ademais, un relato de plena actualidade ao inserir elementos que ao lector lle parecerán próximos, como as referencias á pandemia e a certas personaxes moi vinculadas a ela, o mundo das drogas, ou o dos «influencers». Estas cuestións, xunto aos xiros de guión, a concienzuda dosificación da trama, mesmo o estilo directo da narración e a fluidez dos abundantes diálogos, arrastrarán ao lector polas páxinas da novela implicándoo na resolución do caso. Un relato que non deixará a ninguén indiferente.

Arantza Portabales

«O home que matou a Antía Morgade»

456 páxinas