11.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesO proxecto "Mulleres Extramuros" chega ás Neves

    O proxecto “Mulleres Extramuros” chega ás Neves

    Arte de vangarda, mundo rural, igualdade, sostibilidade e intervención do espazo público son as claves do proxecto da Deputación “Mulleres Extramuros”, cuxa segunda edición vén de arrancar nas Neves, que toma o relevo á parroquia de Cortegada en Silleda, lugar protagonista o pasado ano. A Casa da Auga de Vide foi o punto de encontro o sábado entre as sete artistas galegas, de España e Portugal, Xoana Almar, Nuvi&Éxfico, Ana Soler, Doa Oa, Carme Nogueira, Lucía Loren e Iva Viana, e as mulleres do núcleo rural onde intercambiaron experiencias das que sairán novas propostas creativas que transformarán o espazo e encherán de arte e vida esta contorna.

    Na apertura desta nova edición, amenizada coas intervencións da Asociación Cultural Vidense e do grupo Saia de lá, a presidenta, Carmela Silva, e o alcalde Xosé Manuel Rodríguez, subliñaron que “Mulleres Extramuros” vai deixar unha pegada na vila coa posta en valor da súas historias e a súa identidade a través da arte. “Este é un proxecto único –destacou Carmela Silva- polo que supón de participación e ensinanza mutua entre as mulleres e por como distintas xeracións poden unirse para deixar un legado común a través da cultura. Estamos levando a arte e a cultura a todo o territorio”.

    De novo coordinado por Xoana Almar, de Cestola na Cachola, “Mulleres Extramuros” conta este ano coa participación de sete creadoras e ten como novidade que amais do arte mural, tamén transformará Vide con escultura e traballo cerámico. Xunto a Almar, do Grove, estiveron hoxe e participarán Doa Oa (Sober), Nuvi & Éxfico (Nuria Villa e Alberto Brandon, do Rosal e A Guarda), Ana Soler (residente en Vigo), o dúo formado por Carme Nogueira e Javier Fernández Pérez de Lis; Lucía Loren (Madrid) e Iva Viana (Viana do Castelo). 

    Esta fin de semana foi a primeira toma de contacto coas mulleres do lugar para escavar na memoria, escoitar as súas historias e situalas no centro, “en definitiva, para implicalas e transformar en arte esta posta en común, recuperando espazo público desde a sororidade e o activismo pola igualdade”, como destacou a presidenta provincial, quen volveu a subliñar que “se hai un elemento transformador da sociedade ese é a cultura, e especialmente a creatividade”. “Arte, persoas, mundo rural, modernidade e igualdade combínanse á perfección e están interconectadas neste programa”, manifestou Carmela Silva, que engadiu que tralo éxito da primeira edición, a Deputación está decidida a que “se coñeza en todo o Estado como un elemento dinamizador, de diálogo e participativo”. “É algo extraordinario – dixo- baseado no orgullo do noso rural, cheo de historias, de coñecemento e do traballo atesourado polas mulleres, coas que agora as artistas crearán redes”.

    O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, destacou que “Mulleres Extramuros” “ofrece unha excelente oportunidade para que as persoas que vivimos no rural poidamos gozar da arte, aínda máis, diría que merecémonos ter acceso a ela e neste caso, as nosas veciñas e veciños formarán parte do proceso, tanto dende o eido creativo como emocional”. “Estou especialmente satisfeito e orgulloso –dixo- porque permitirá amosar a identidade das Neves e dos/das seus/súas habitantes e abrirá  de par en par, a porta para que todos e todas valoremos o que temos e o que somos”.

    Pola súa banda, a coordinadora do proxecto, Xoana Almar, subliñou “o enriquecedor” do proxecto, que nesta segunda edición “non só ten a pintura como parte central, senón que estaremos convivindo tres muralistas (Cestola na Cachola, Doa Oa e Nuria Villa), tres escultoras (Ana Soler, Carme Nogueira e Lucía Loren) e unha ceramista (Iva Viana) e creo que vai ser moi interesante”. Tamén quixo poñer en valor a filosofía de “Mulleres Extramuros” de “intervir no rural galego de xeito participativo coa veciñanza” e, neste senso, destacou o proceso de preparación do traballo “feito primeiro coa presentación das artistas e a reunión coa veciñanza, co coñecemento dos espazos e coa convivencia”.

    Deste xeito, tras esta primeira fase  que vén de celebrarse en Vide terá lugar unha segunda etapa, entre abril e maio, na que as artistas traballarán nos seus proxectos para o núcleo, deseñando un proxecto específico de intervención. A continuación, na primeira quincena de xullo, terá lugar o proceso de creación-residencia, co traslado das artistas á aldea para realizar o proxecto artístico in situ para Vide e inspirado nela. Ese mesmo mes de xullo amosarase xa o resultado dos sete proxectos e o seu impacto nas rúas da parroquia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.