O Concello de Nigrán ofrece do 17 ao 26 de marzo, no auditorio municipal, unha exposición de bonecas ‘Nancy’ da coleccionista Marga Fernández, traballadora precisamente do Concello e coñecida en todo o país polos seus perfís de Facebook ‘El desván de Nancy’ e ‘Margochiña Fernández’. A mostra está composta polos máis de 200 exemplares deste xoguete e 600 conxuntos que leva recompilando desde hai máis de 20 anos. A maiores, amosarase unha selección doutras bonecas da marca española ‘Famosa’ de 1968 aos anos 80 como poden ser Barriguitas, Nenuco, Greta, Mariloli, Elen, Violeta… Todas coetaneas de Nancy, que este ano festexa os seus 55 anos. A mostra inaugurarase este venres ás 17:00 horas e poderá visitarse entre semana de 17:00 a 20:00 horas e en todos os eventos no Auditorio, sendo posible concertar visitas grupais do 20 ao 23 de marzo no teléfono 650605904.
Marga Fernández tivo a súa primeira ‘Nancy’ sendo unha nena na década do 70 pero a verdadeira devoción por esta boneca naceu hai 20 anos grazas ás redes sociais, cando descubríu a coleccionistas de toda España, sumándose de seguido a este fenómeno xurdido no 1968 en Alicante (casualmente, o mesmo ano en que naceu Marga). Desde entón, busca accesorios, traxes e todo tipo de complementos, ademais de asistir a convencións nacionais onde amplía e comparte os seus coñecementos con outros coleccionistas e participa en obradoiros específicos. Neste sentido, a seguinte cita de Marga será en outubro en Valencia para festexar o 55 Aniversario de Nancy.
Preto de 200 estudantes de 4º da ESO do Porriño participan estes días no obradoiro de creación de curtametraxes sobre prevención do consumo de tabaco, alcol e drogas entre adolescentes organizado polo Concello do Porriño a través da concellería de Sanidade e a OMIX e financiado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
“O principal obxectivo é tratar de involucrar ao alumnado nunha tarefa creativa común, na que, a través de recursos audiovisuais, os mozos e mozas traballan a temática e reflexionan sobre as problemáticas e consecuencias derivadas do consumo das distintas drogas”, explicou a concelleira, Carolina González, “Ademais adquiren coñecementos e habilidades que lles permitirán tomar decisións responsables e coherentes no tocante á saúde e tamén correxir crenzas erróneas respecto ao consumo de drogas”.
Traballase todo o que rodea a elaboración dun documental sobre esta problemática, dende unha metodoloxía de aprendizaxe significativa, cunha forte presenza das novas tecnoloxías, baseándose na utilización de curtametraxes e recursos audiovisuais realizados por alumnas e alumnos de idades similares ás súas, de xeito que sexa máis doado que empaticen e se impliquen.
“Apostamos por dirixir as campañas de prevención do consumo de drogas á mocidade, xa que a información basada na evidencia e o adestramento de habilidades persoais permitiralles tomar decisións responsables coa súa saúde”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
O resultado do traballo realizado polos mozos nestes obradoiros presentarase nesta edición do Festival de Cans.
Chega ao seu ecuador a nova edición do curso gratuíto posto en marcha polo Concello de Tomiño para formar a persoas desempregadas como auxiliares de atención sociosanitaria a domicilio.
Un novo paso “na aposta que facemos dende o Goberno municipal por organizar accións que permitan non só ofrecer cursos formativos para os nosos veciños e veciñas, senón facelo tendo en conta a demanda actual do mercado laboral”, destaca a alcaldesa, Sandra González.
Organizado dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade en colaboración coa empresa IDADES, especializada na prestación de servizos de atención sociosanitaria, as 15 persoas inscritas comezaron curso comezou a súa parte teórica o pasado 6 de febreiro na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián e rematarán a finais do mes de marzo.
“É un orgullo ver a gran resposta da veciñanza, que encheu todas as prazas dispoñibles rapidamente”, explica a concelleira, Cristina Martínez. Do 3 ao 31 de abril as persoas participantes no curso formativo realizarán prácticas non remuneradas en diferentes domicilios para achegarse á realidade deste servizo.
Dirixido a persoas desempregadas empadroadas en Tomiño, ao remate da formación as e os participantes recibirán un diploma acreditativo que, ademais de facilitar o acceso ao mercado laboral no sector, servirá para abrirlles novas vías para a obtención da Acreditación das competencias profesionais da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
O Concello de Ponteareas vén de abrir o prazo de solicitude para aquelas familias que queiran inscribir a nenos e nenas na Aula Matinal dos centros educativos públicos da vila. O Goberno municipal subvenciona cada ano este servizo do pode beneficiarse todo o alumnado dos colexios de educación infantil e primaria tanto no ámbito urbano como rural.
Como explica a concelleira de Ensino e alcaldesa, Cristina Fernández, “este servizo supón un importante apoio para que as familias poidan conciliar a vida persoal e laboral durante todo o curso escolar”. Fernández Davila salienta que a Aula Matinal, ademais de permitir unha maior conciliación, permite a nenos e nenas “o seu desenvolvemento integral, fomentando valores sociais como o compañeirismo e incentivando habilidades sociais, actitudes cooperativas, democráticas e cívicas”.
As familias interesadas poderán acceder ao formulario de inscrición na propia páxina web do Concello, descargándoo no espazo dedicado á Aula Matinal no apartado de Ensino. Tamén poderán solicitalo de forma presencial no Departamento de Ensino na Casa do Concello ou nos propios centros educativos. Unha vez cuberta a solicitude deberá entregarse no Rexistro de entrada do Concello. O prazo de presentación das solicitudes remata o vindeiro 30 de abril.
O Club Bádminton Caselas organiza un Torneo de bádminton de ámbito territorial o próximo domingo 19 de marzo, o Galicia Top TTR N7 sub 15 e sub 19.
Esta competición realizarase nas instalacións deportivas de Salceda de Caselas, no pavillón Altamira, e terá unha gran acollida por parte do bádminton galego, e unha gran participación, cerca de 100 xogadores.
Neste torneo estarán representados clubes de toda Galicia e contará cunha gran representación de xogadores do club anfitrión, o Club Bádminton Caselas.
A proba celebrarase este domingo a partires das 9:00 horas e continuará de forma ininterrumpida ata as 20:30 horas. Está organizada polo Club Bádminton Caselas e pola Federacion Galega de Bádminton e forma parte do Calendario da Federación Nacional de Bádminton. Disputanrase as modalidades de individual masculino e feminino, dobres masculino e feminino e dobres mixtos.
O Club aproveitará este evento, para presentarse como club oficialmente e amosará a súa nova equipación. Será sobre as 12:00 h e estarán os representantes da directiva, da Federación Galega, do Concello de Salceda de Caselas e patrocinadores.
Este evento conta co apoio do Concello de Salceda de Caselas, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, as Escolas Deportivas de Salceda de Caselas e dos patrocinadores: Natural Granite, Electricidad Hermanos Requejo, Chc Energia, Taperware Compostela, Estacion de Servicio San Pelayo e Repuestos Ojea.
O Concello de Nigrán estrea este domingo 19 de marzo o seu primeiro ciclo ‘Primavera de Jazz’ co cuarteto do guitarrista Felipe Villar ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. As seguintes citas serán o 14 de abril co contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o 7 de maio con Xan Campos. Todos os concertos son con entrada de balde ata completar o aforo.
O músico de Nigrán, director ademais do Nigranjazz, ofrecerá unha actuación en cuarteto con Roi Adrio á batería, Sunil López ao piano e José Manuel Díaz ao contrabaixo. Villar é un dos músicos habituáis da escena do jazz galego dos últimos anos. Nestes anos tocou e grabou con bandas como: Alberto Vilas Quinteto, Rua da Alegría, Fernando Sánchez Quartet, Esmae Big Band, Javier Marcos Trío, Jazzología, Antonio Otero Quartet, The Groove Project, Ten Jazz Men… Ademáis lidera o seu propio trío e cuarteto. Participou en princípialos festivais e locais de Jazz de Galicia, España e Portugal; Festival de Jazz de Pontevedra, Festival de Jazz de Lugo, Nigranjazz, ImaxinaSons, Casa dá Música (Porto), Xancarajazz, Jazz Filloa, Clavicembalo, Dado Dadá… Obtén a súa licenciatura en Jazz pola ESMAE (Porto) no ano 2011, aínda que comezou nisto do jazz da man do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e da Estudo Escola de Música con profesores coma Abe Rabade, Paco Charlín ou Suso Atanes. Recibiu clases tamén de xente coma Nuno Ferreira, Jordi Rossy, Peter Bernstein, Michael Kanan, Jonathan Kreisberg, Lage Lund, Walter Smith, Marcus Strickland, Mike Moreno, Aaron Goldberg, Jonathan Blake, Dave Liebman, Gilad Heckselman ou Greg Ruggiero entre os destacados dunha lista interminable. En Xaneiro de 2014 grava o seu primeiro disco coma líder: “Home”, acompañado por Max Gómez na batería e Jose Manuel Díaz no contrabaixo e no 2015, co mesmo trío, ‘Outro’, colleitando ambos discos grandes críticas.
“O obxectivo é ofrecer aos mellores músicos de jazz do noroeste peninsular en directo e fora da tempada estival”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao Nigranjazz, o festival máis lonxevo de toda a comarca dentro deste xénero musical e que cada ano se celebra en Xullo no esteiro de A Foz mesturando os mellores músicos internacionais cos máis destacados do noroeste peninsular. “Despois de 16 anos ininterrumpidos de Nigranjazz temos xa un público moi consolidado que demandaba concertos en directo tamén o resto do ano e un alumnado da Escola de Músico que tamén o reclama, e por iso nace este festival que, paralelamente, quere promover aos mellores músicos galegos e do norte de Portugal”, explica o rexedor.
A deputada e viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego, elevou unha iniciativa ao Parlamento galego na que empraza ao goberno da Xunta a completar as dúas fases pendentes da remodelación urbana da avenida de Vigo, ao seu paso por Chapela, no municipio de Redondela, pois as obras acumulan un retraso de máis de catro anos.
Logo de verse coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a deputada socialista lembrou que a devandita avenida de Vigo é de titularidade autonómica e que boa parte dela “está nunha situación de total abandono e deterioro” por parte do goberno galego. Sinalou tamén que as obras da primeira fase de humanización comezaron no ano 2017, pero dende aquela nada máis se sabe, xa que o Concello de Redondela e a veciñanza seguen a esperar pola resolución das fases 2 e 3 de humanización, “parada dende hai máis de catro anos”.
A alcaldesa Digna Rivas denuncia ao respecto que “é lamentable que un goberno da Xunta, que se da por sentado que ten que gobernar para todos e todas as galegas e, polo tanto “para todos os municipios baixo criterios de equidade”, elabore uns orzamentos “absolutamente arbitrarios favorecendo aos concellos que lle son afíns e esquecendo, por completo ao resto”.
O proxecto de remodelación e humanización da avenida de Vigo incluía, destaca Leticia Gallego, a renovación integral das beirarrúas e a súa ampliación para facilitar o tránsito de peóns na zona concorrida na que se sitúa o mercado municipal, a alameda e os principais establecementos comerciais de Chapela. “Completaron menos do 50% do proxecto”, obxectou a deputada socialista, cando nun principio dende a Xunta “prometían rematar a humanización na súa totalidade en 18 meses”.
Digna Rivas engade que “como outros moitos grandes proxectos, demóstrase tempo despois que non eran máis que anuncios puramente electoralistas”. Concretamente denuncia que “o candidato a alcaldía de Redondela polo PP, Javier Bas, non cumpliu coas promesas e compromisos que tiñan coa veciñanza de Chapela. Completaron a primeira fase como iniciativa da campaña electoral de Javier Bas para logo deixalo paralizado demostrando a súa política basada en enganos. Nos presupostos da Xunta foron desaparecendo os orzamentos destinados a humanización desta vía ata quedar olvidada”.
A realidade que se pode verificar sobre o terreo é que “hai beirarrúas totalmente inaccesibles, están rotas, con tramos inexistentes e con elementos que entorpecen o paso de calquera cadeira de rodas ou carro de bebé”. Este abandono está causando malestar entre a veciñanza, que demanda unha solución urxente ao problema e lémbralle á Xunta a súas obrigas.
Logo de que o PP aplicara o rodillo na tramitación dos Orzamentos da Xunta e rexeitara as enmendas presentadas polo Grupo do PSdeG para dotar de fondos a este proxecto, os socialistas volven a recoller as demandas da cidadanía de Redondela para elevar a asunto de novo ao Parlamento, esta vez como una proposición non de lei na que se insta ao goberno galego a completar “de maneira urxente” as fases 2 e 3 da humanización da Avenida de Vigo de Chapela.
Esta fin de semana dase continuidade á programación da “Primavera Lila”, deseñada por Igualdade de Baiona e a dirección do CIM con motivo do 8 M, Día Internacional da Muller.
Deste xeito, o sábado día 18 de marzo o Multiusos Mercado de Sabarís acollerá, ás 19:30 h, o contacontos “A Lavandeira e as Pitas”, de Cris de Caldas.
O domingo, 19 de marzo, ás 11:30h haberá dous obradoiros moi interesantes: o Obradoiro “Ponte en defensa. Como recoñecer o acoso infantil para actuar”, en colaboración coa Asociación motorista P.I.C.A. protección á infancia contra o abuso e o Obradoiro “Marca un gol para a igualdade”, en colaboración co clube Baíña Fútbol Sala e Baíña Sirius Fútbol Sala. Tamén un “Obradoiro de Batucada” en colaboración coa Asociación Aperta.
Entre finais de febreiro, todo o mes de marzo e principios do mes de abril, está a levarse a cabo toda unha serie de actividades que forman parte dunha programación que co 8 de marzo como escenario, a concelleira, lembra “a importancia que ten traballar a diario en favor da igualdade en base a políticas que ofrezan respaldo a mulleres como as que se recollen no Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de mulleres e homes do Concello de Baiona 2019-2023.” Accións que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque “ a igualdade é cousa de toda unha sociedade” e é preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos, con accións específicas para cada sector “e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”, sinala Moreira Costas. Por iso, desenvolveranse diversas actividades cuxo obxectivo xeral é promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero.
Aplicando a transversalidade de xénero, sen limitarse a un so contexto ou plano de actuación, para traballar na sensibilización en Igualdade e a prevención da violencia machista desde os distintos campos, a “Primavera Lila” integra toda unha serie de actividades enfocadas a distintos tipos de públicos.
As actividades están financiadas pola Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos Línea 2.
A Asociación de Empresarios de Redondela (AER) pon en marcha unha campaña de dinamización do comercio local con motivo do Día do Pai.
Para participar, a clientela deberá rexistrar todas as compras realizadas entre o 9 e o 19 de marzo en calquera dos establecementos asociados á Asociación de Empresarios (comercios, restaurantes, ópticas, dentistas, perruquerías ou calquera outro tipo de establecemento.
Estas compras poderán rexistrarte ata o vindeiro 21 de marzo na web da asociación ou escaneando o código QR da cartelería da campaña.
Este sorteo ten como particularidade que o cliente elixe o premio que quere gañar. As tres experiencia para elixir son:
Voo en avioneta pola ría de Vigo
Saída do Aeroporto de Vigo, paso por Cangas, Islas Cíes e Baiona, e o mesmo percorrido de volta. O voo é para un máximo de 3 persoas.
Visita ao Museo Mega Estrella Galicia con estancia
Visita a Mega Museo Estrella Galicia cunha noite en hotel Ibis Style Coruña en réxime de aloxamento e almorzo. A visita ao museo ofrece unha copa Estrella Galicia de recordo e unha experiencia de degustación. Para 3 persoas.
Experiencia en circuito de karts
A experiencia repartirase en 4 tandas de 16 minutos. Dúas das tandas serán para adultos e as outras dúas para nenos.
“Compromiso, calidade, autenticidade, diversidade e capacidade para construír pensamento crítico”. Foron as palabras coas que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo poñer hoxe en valor aos oito festivais audiovisuais que abrangue a marca Rías Baixas Film Fest e que en abril inician unha nova edición que se prolongará ata finais do ano para amosar na provincia o mellor do audiovisual. Arroupada pola banda sonora de películas inesquecibles como “A Misión” ou “O padriño”, interpretadas polas músicas Erea Carbajales e Susana Blanco, Carmela Silva deu hoxe no acto no Pazo Provincial o tiro de saída a estes festivais que, como subliñou, “son capaces de mobilizar á sociedade da provincia a través da cultura” cunha marca que vai avanzar na promoción destes festivais en eventos nacionais e internacionais. “Os Rías Baixas Film Fest son unha referencia e unha sinal de identidade dentro é fóra da provincia, pero temos que seguir avanzando”, subliñou ante os e as representantes dos festivais.
A cita co audiovisual na provincia arrancará co XIX Play-Doc de Tui, que se celebrará do 26 de abril a 1 de maio e continuará co XX Festival de Cans no Porriño (16-20 de maio), o XII festival Primavera do Cine de Vigo (5-10 setembro); a XVI edición do FicBueu (9-23 setembro), o sétimo Galician Freaky Film Fest de Vigo (22 e 23 e do 27- 30 setembro); o oitavo Festival de Cine Inclusivo de Vigo (17-22 outubro), o 51º Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía (27 outubro a 5 novembro) para finalizar coa oitava edición do Novos Cinemas en Pontevedra (do 12-17 decembro).
A presidenta insistiu en que os eventos que abrangue a marca Rías Baixas Film Fest “son unha mostra dese talentazo e creatividade que ten un enorme valor para a provincia”. “Sodes xente que constrúe a boa provincia que queremos ser –subliñou- Estes festivais conseguen que non só a xente das grandes vilas, senón das pequenas de menos de 20.000 habitantes poidan desfrutar dun audiovisual de enorme calidade e de moitas actividades complementarias coas que poden vivir en primeira persoa a cultura como algo vivo e dinamizador. Porque o audiovisual ten esa capacidade de construír pensamento crítico. E nestes festivais a xente pode visualizar historias que nos moven, nos conmoven e nos fan pensar. Conseguides que a cultura non sexa algo de elites senón algo no que participa toda a sociedade”.
Carmela Silva sinalou que o seguinte paso pasa por “ser ambiciosas e ambiciosos“ cara a promoción dos festivais a nivel nacional e internacional. Neste senso, anunciou unha presentación propia da marca na feira Culturgal “para que a xente de toda Galicia teña coñecemento do que se fai”, así como a posibilidade de ter presenza noutros festivais foráneos. “Cremos que estes eventos non son un gasto, son un investimento para converter á provincia nun referente do audiovisual, que xa o é”. Tamén citou a aposta por fomentar sinerxías con Portugal, tendo en conta a situación transfronteiriza da provincia e o feito de que no país luso hai propostas audiovisuais “moi diversas e de longa traxectoria”, así como por “mover á xente da provincia por todos os festivais” cunha intensa labor promocional. “Vendo como desfruta nos nosos festivais, a xente amósanos a todas as administracións públicas que si quere cultura. Cando se promove cultura, a xente vai”.
No acto da presentación, no que se proxectou un vídeo resumo da edición do 2022, interviñeron tamén Nerea Lores, do FicBueu, e Juan de Castro, do Galician Freaky Film Fest. Lores subliñou o feito da recuperación da normalidade trala pandemia e insistiu en que “hai que poñer o foco no noso público e volver a poñer en valor a presencialidade e os encontros coa xente nos festivais” nun ano en que amais, como explicou “imos con moita forza e todos os festivais estamos con novos proxectos para ser máis grandes”. Agradeceu á Deputación o apoio a través de Rías Baixas Film Fest, “coa que se pode facer un gran traballo para o impacto internacional dos nosos festivais e o cinema galego. Queda moito por facer, pero cremos que é un camiño que hai que ir reforzando”.
Pola súa banda, Juan de Castro destacou o apoio da Deputación, “non só a través desta marca, que abraza e defende a capa e espada estes festivais en calquera circunstancia, senón tamén polo apoio económico, un sustento imprescindible xunto co do público para que sigamos medrando e mellorando”. De Castro destacou o feito de que un territorio pequeno como a provincia sexa quen de ter festivais “tan diversos, completos e de tanta calidade”, e para 2023 considera que a materia pendente é “que o público siga volvendo ás salas e aos encontros coas persoas realizadoras” e tamén achegar “escolmas do que se fan nestes festivais a outras vilas máis pequenas para que vexan o que se fai e poidan acudir”.
A mocidade ponteareá mobilízase dun xeito diferente. O centro social acolle este sábado 18 de marzo un obradoiro de comunicación de guerrilla, un novo concepto que busca facer reflexionar á poboación a través de intervencións no espazo público, como performances, do uso non vandálico do mobiliario público e outras estratexias relacionadas co mundo da publicidade.
Os mozos poderán participar neste obradoiro de balde enmarcado no proxecto ‘People&Planet. Un destino común’, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, Agareso. Nel, ao longo de oito horas, aprenderán as peculiaridades desta táctica comunicativa e sensibilizaranse sobre a importancia que ten a auga no planeta, os problemas do cambio climático e o seu grave impacto no mundo e na vida das persoas para converterse en axentes activos do cambio.
Coa posta en valor da auga, as e os participantes poderán expor as inquedanzas que teñan sobre este tema no seu propio concello e deseñarán unha proposta de acción real para poder levar á práctica co apoio do Concello.
O obradoiro impartirase de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas no centro social na rúa Oriente, 8. As persoas interesadas en participar deberán facer inscrición previa no correo electrónico a [email protected] ou a través do teléfono 687 76 45 16.
Até o mércores 12 de abril ás 22 h, está aberto o prazo de inscrición para a Carreira Popular de San Telmo 2023. A proba organizada polo Club Atletismo Tui e o Concello de Tui, celebrarase o sábado 15 de abril, a partir das 11.00 h, no Paseo da Corredoira. Como en anteriores edicións, a carreira terá carácter solidario a favor da Asociación SOS Tomiño Baixo Miño, entregando un quilo de alimentos non perecedoiro no momento da recollida do dorsal.
A inscrición pode realizarse dende hoxe na web do Club Atletismo Tui, www.clubatletismotui.wordpress.com, non admitíndose inscricións fora do prazo, nin no mesmo día da proba.
A proba contará con distintas categorías, dende os pitufos, nados nos anos 2020, 2019 e 2019, ata os veteranos B, nado en 1977 ou con anterioridade.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentou hoxe un gran proxecto de humanización na parroquia de Cela, que dá continuidade ao seu Plan Mos Humanizado que leva transformando o municipio e os diferentes espazos das 10 parroquias no Mos das persoas, nun municipio máis amable, cómodo e seguro para a convivencia entre a veciñanza, e con itinerarios peonís, cicloturistas e de tránsito de vehículos máis seguros e eficientes.
Neste caso trátase dunha nova fase da Humanización de Cela, que completa as anteriores, e leva por título “Mellora da seguridade vial no Camiño de San Cosme e Camiño da Quinta”.
O Concello de Mos xa conta coa redacción do proxecto finalizada. Documento que foi financiado con fondos propios municipais e que ten por obxecto a definición, cálculo e valoración das obras necesarias para aumentar a plataforma viaria e mellorar as condicións de circulación de vehículos e persoas na contorna do núcleo rural.
Ámbito de actuación dos traballos de humanización
No núcleo rural de San Cosme, na Parroquia de Cela, a infraestrutura viaria obxecto do Proxecto, parte do límite municipal con Vigo, na Residencia Virxe de Guadalupe (PK 0+000) e finaliza no cruzamento co Camiño de Pardellas, á entrada do Colexio Ou Castro Internacional (PK 0+678).
O Camiño de San Cosme presenta as seguintes características: É un vial asfaltado con ancho variable, con algúns tramos moi estreitos, que impiden o cruzamento de dous vehículos lixeiros. O seu trazado está moi condicionado ao terreo existente (infraestrutura viaria a media ladeira), ás vivendas unifamiliares do núcleo rural de San Cosme e ao Colexio Internacional. Existen edificacións en ambas as marxes e a diferentes alturas. Aínda que o tráfico de vehículos pesados é baixo, este vial dá servizo aos autobuses do colexio O Castro, así como ás vivendas unifamiliares da zona, polo que se multiplica o tráfico en horas punta. O pavimento existente require unha rehabilitación superficial na maior parte do tramo.
Como actuacións previas de obra realizaranse as seguintes actividades: Roza e limpeza dos bordos do vial, en terreo con árbores ou sen eles Desmonte de postes de servizos afectados pola traza. Fresado do pavimento viario, cunha superficie de fresado de 2.996 m2. Demolición de soleira ou pavimento de formigón ou empedrado. Demolición de obras de drenaxe lonxitudinal (cunetas e pasacunetas).
Para a execución de firmes e pavimentos adoptáronse tres tipos de solucións, de acordo ás zonas de actuación: Zonas con ampliación da sección. Zonas con rehabilitación superficial. Zona en curva pronunciada, con acabado superficial diferenciado. E redutores físicos de velocidade
Para completar a obra acometerase a sinalización, balizamento e defensas. A sinalización será tanto horizontal como vertical para garantir a seguridade, demais de reductores físicos de velocidade, dacordo coa normativa vixente.
O orzamento base de licitación das obras ascende a 234.040,78 euros.
O Concello de Nigrán celebra este sábado, 18 de marzo, desde as 17:30 horas no Pavillón Municipal de Panxón o ‘Día da Rítmica’ coa presenza de 132 ximnastas de 22 clubes de toda Galicia. O evento non competitivo, organizado entre o Concello e o clube con sede en Nigrán ‘As Estelas’, servirá como preparatorio para os campionatos provinciais do 1 e 2 de Maio. Trátase da primeira vez que Nigrán acolle esta xornada e para elo o Concello estreará o seu primeiro tapiz de competición (de 14×14 metros, persoalizado co logo ‘Nigrán, equilibrio natural’, e cun investimento de 4.295 €) e a cortina divisoria que permitirá ter simultáneamente unha zona de adestramentos e outra de exhibición.
“Estamos encantados de poder acoller o evento e de contribuír á promoción deste deporte porque precisamente con este obxectivo adquirimos o tapiz de competición”, explica o alcalde, Juan González, en referencia a esta entidade deportiva nacida no ano 2013 e conformada por 40 nenas de Nigrán que na actualidade se reparte entre os pavillóns do CPI Arquitecto Palacios e Municipal de Panxón.
Para este día, o club local ‘As Estelas’ adestrado por Nahir Varela e con Lara Lorenzo como presidenta (ambas licenciadas en Actividade Física e do Deporte) presentará ao seu equipo alevín e, en individual, a Carla Rodríguez na categoría ‘Infantil Promo’. Durante a xornada venderán rifas a beneficio do club e con premios no comercio local.
O Concello de Covelo, en colaboración co centro de saúde local, organizan unha charla informativa sobre alimentación BLW e atragantamentos aberta a toda a cidadanía das vilas da contorna totalmente de balde. Será o vindeiro luns 20 de marzo ás 16 horas no auditorio municipal.
A nutricionista Ana Fariña Barco, profesional do Centro de Saúde de Covelo e graduada en Nutrición e Dietética pola Universidade de Navarra, compartirá os seus coñecementos sobre alimentación complementaria autorregulada ou a demanda dos bebés e máis cativos/as dos fogares. Máis coñecida como BLW (Baby Led Weaning) aborda o proceso de alimentación dos bebés a partires dos seis meses de idade.
Ademais, o enfermeiro do centro de saúde, Daniel Domínguez falará de como manexar situacións de atragantamento e así evitar e minimizar danos maiores. “Trátase de ofrecer nocións básicas de cuestións que afectan ao día das familias e contribuír a melloralo”.
Esta iniciativa responde á vontade dos e das profesionais do centro de saúde local de manter unha relación activa e participativa coa veciñanza para poder dotalos de coñecementos básicos fundamentais para evitar situacións de risco, mellorar a súa saúde a través de boas prácticas e hábitos de vida saudables.
O goberno de Covelo, a través do seu alcalde, agradece a actitude cercana e proactiva das e dos traballadores do centro de saúde local que, no último ano, se esforzan para ofrecer á veciñanza coñecementos maximizando así os recursos humanos deste importante servizo público.
A dixitalización e a ruptura da brecha de xénero é un dos eixos nos que se apontoa o programa Galegas Dixitais, que hoxe se clausurou no Multiusos Ángel Bedriñana de Baiona.
O programa ofreceu un itinerario formativo deseñado para ir avanzando desde un nivel básico ata un máis avanzado, de 40 horas cada módulo. Ademais, incluíuse un módulo transversal sobre igualdade de oportunidades.
A acción formativa “Galegas Dixitais”, un programa de formación para a dixitalización das mulleres, coa que colaborou a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona. Desde a concellería xa se traballa para tentar por en marcha una nova edición desta formación a comezos do vindeiro ano do que se poderán beneficiar outras tantas veciñas do municipio.
O programa , organizado por Beproyect Consultores e Ara Formación, está financiado polos Fondos europeos Next Generation EU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Educación e Educación Profesional. O principal obxectivo é mellorar as capacidades dixitais de mulleres que se atopan en situacion de desemprego ou en mellora de emprego . Preténdese favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero .
A formación estivo agrupada nos seguintes bloques temáticos:
Competencias dixitais básicas con 40 horas de duración
Competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración
Competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración
O programa viuse desenvolvendo dende primeiros de febreiro de luns a venres horario de 9:00 a 14:00 horas no centro cultural Angel Bedriñana. Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías, as alumnas participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil co que poderán por en práctica o aprendido.
A Policía Local de Ponteareas investiga os danos causados nos últimos días con pintadas nas fachadas da Casa do Concello, edificio catalogado por Patrimonio, así como en xardineiras de granito situadas na Praza de Bugallal. Todas as pintadas responden, aparentemente, á mesma autoría e recollen a mesma expresión contra o Goberno municipal en forma de “benegallos dimisión”.
O Goberno municipal do BNG-PSOE pide a colaboración cidadá para identificar á persoa ou persoas responsábeis dos danos e lembra que “este tipo de accións supoñen, ademais dun deterioro de bens públicos, un gasto na súa limpeza que acaba pagando toda a veciñanza cos seus impostos por causa da falta de civismo duns poucos”.
O executivo local lembra que todas as críticas son lexítimas pero a liberdade de expresión non ampara actos de vandalismo nin danos aos bens públicos.
Aprender dende cativos e cativas a reciclar os diferentes residuos. Ese é o obxectivo de ‘Traballando co lixo’, unha campaña posta en marcha polo Concello do Rosal coa que se busca implicar a rosaleiros e rosaleiras nunha correcta xestión dos residuos dende a infancia.
“É moi importante que dende moi pequenos e pequenas poidan ir aprendendo que o primeiro paso para un axeitado reciclaxe de residuos é saber recoñecer onde debe ir cada resto. Aprendelo na aula, rodeado dos seus compañeiros e compañeiras, en equipo, é unha boa experiencia para nenos e nenas”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Con este proxecto vanse percorrendo todas as aulas de educación primaria dos centros educativos do Rosal para traballar en común as cuestións relacionadas co lixo e coa reciclaxe. Así, ao longo da actividade, os nenos e nenas aprenden que deben botar no colector amarelo, “ese que sempre se di de plásticos pero que realmente é de envases”, como lles explica durante os encontros o concelleiro de Participación Veciñal e Voluntariado, Ramón Fernández Leal.
A través de diferentes actividades, o alumnado repasa aqueles elementos que deben levarse ao Punto Limpo aproveitando as lembranzas da visita realizada ás instalacións. Ademais, tamén seleccionan diferentes tipos de residuos e falan de outros tipos de lixo moitas veces máis difíciles de catalogar para poder desbotar, como as cápsulas de café, os medicamentos ou os restos orgánicos.
O Concello de Nigrán ven de asinar o seu terceiro convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado baixo o cal achegará 3.750 € para traer a Nigrán durante este ano 6 obras de compañías de teatro afeccionado de toda a comunidade. En calquera caso, Fegatea colaborará con 750 € e realizará unha convocatoria específica para esta acción entre os seus asociados, sendo o Concello quen despois elixa entre todas as propostas presentadas.
“Estamos moi contentos con este convenio que estreamos no 2021 porque nos permite ofrecer unha programación estable de teatro de calidade e, ao mesmo tempo, apoiamos ás compañías que, precisamente, máis recursos económicos precisan para subsistir”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen destaca a “boa acollida” que ten entre a veciñanza, enchendo en cada función o Auditorio Municipal.
A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.
Ao longo dos seus 23 anos de historia, a Fegatea foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego, espazo do que dan fe as diferentes actividades que organiza e outras nas que colabora ou participa, labor que foi recoñecido a nivel estatal pola Federación Valenciana co Premio Tablas 2012. Asemade recibiu o premio da Federación de Teatro Aficionado de Castilla y León no pasado 2016 en Lugo No mes de decembro do 2020 foille concedido pola Xunta de Galicia o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas.
Por unha banda, procurando a mellora da calidade do teatro amador a través da formación, fomentando a organización de cursos específicos de teatro desde os propios grupos, pero tamén abrindo canles para unha formación máis especializada, como a que xurdiu a partir do Convenio de Colaboración que estableceu nos últimos tres anos coa ESAD e co CDG, e da celebración das Xornadas de Teatro, un foro no que os compoñentes dos grupos teñen a oportunidade de coñecer, afondar, presentar ou debater sobre cuestións que afectan de cheo ó desenvolvemento da cultura teatral e á evolución, innovación e crecemento da propia Federación.
Por outra, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ó teatro, creando unha programación teatral estable a nivel autonómico mediante a colaboración e a sinatura de convenios con entidades públicas e privadas (Consellería de Educación, gobernos municipais, AGADIC, asociacións sen ánimo de lucro…) e traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais. Todo isto a través de actividades xa consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán, o Circuíto Galego de Teatro e os festivais organizados ó abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA, actividades que, no seu conxunto, superan os 8.000 espectadores anuais.
Onte iniciouse a obra de reforma do tellado do Pavillón Municipal Óscar Pereiro,na parte que cubre a zona central, onde se atopan os vestiarios. O prazo de execución dos traballos de substitucion do material de cubrición é de 2 semanas e contan cun orzamento de 48.308,64 euros íntegramente financiados con fondos propios municipais.
Así o informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Deportes, José Areal, que fixeron un repaso de todas as melloras acometidas na infraestrutura deportiva durante a presente lexislatura consistentes no cambio de cuberta na parte da pista do pavillón, a substitución do parqué da pista deportiva e a reforma dos vestiarios, entre outras. Tamén se realizou o encintado do vaso da piscina e selado dos azulexos. A obra de mellora do firme da pista de xogo do Pavillón Óscar Pereiro consistiu na fixación das tablas do parqué, pulido e barnizado das mesmas, así como posterior marcado e pintado das diferentes liñas que delimitan os terreos de xogo para os distintos deportes que alí se practican.
Neste senso os representantes municipais, Arévalo e Areal, destacaron que “durante toda a presente lexislatura priorizamos o mantemento e mellora integral das instalacións do Pavillón Óscar Pereiro, ao tratarse da maior e principal insfraestutura deportiva do Concello, que ten xa unha antigüidade de máis de 20 anos, co conseguinte e envellecemento provocado polo paso dos anos”
Detalles da actual obra de cambio de cuberta central
Os traballos actuáis na cuberta da zona central (onde se atopan os vestiarios) solucionan filtracións por deterioro da chapa e nas canles. Como existe unha instalación de paneis solares foi necesario retiralos para posteriormente volver colocalos, unha vez finalizados os labores. A actual chapa da cuberta será substituída por unha estrutura en aceiro galvanizado e vigetas pretensadas de formigón para a colocación dun novo panel de 30 mm de espesor. Realizaranse novas canles e baixantes para a evacuación das augas e instalarase tamén no patio existente unha cuberta translúcida.
O Concello do Porriño continúa coa recuperación da emblemática fonte de San Sebastián. Tras levar a cabo as obras de acondicionamento do manantial e canalización do caudal para evitar focos de contaminación que afectaban á calidade da auga e causaban reiterados cortes no subministro, a Concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, deu comezo aos traballos de reposición da pérgola que cubre o conxunto patrimonial.
“O entramado de madeira que cubre a fonte atopábase nun deficiente estado de conservación, supoñendo un perigo para a seguridade das persoas que fan uso deste espazo”, explicou o concelleiro, “Retiraranse todos os elementos e substituiranse por novas vigas e correas de madeira de iroko, coas mesmas dimensións e características que as actuais”.
A estrutura ten unha dimensión total de 13 m e 5 m e está formada por 18 pezas, dúas vigas lonxitudinais e cinco transversais, con oito correas transversais e tres lonxitudinais.
“A fonte de San Sebastián é sen dúbida un icono patrimonial do Porriño e hai que poñelo en valor”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “E non só hai que ter en conta o seu valor patrimonial, tamén o social, xa que se trata dun lugar ao que moitos veciñas e veciñas se achegan cada día a coller auga e tamén, como é ben sabido, moitos grupos de ciclistas. Por iso é importante que se atope en bo estado”.
Os traballos estímase que estén rematados a principios da semana que vén.
O Concello de Salceda de Caselas presentou onte mércores, 15 de marzo, as XIV Xornadas da Camelia, que se celebrarán os vindeiros 18 e 19 deste mes. Na mostra participarán máis de 60 expositores chegados de toda a xeografía galega e do norte de Portugal, que amosarán centos de variedades desta flor ornamental de orixe oriental, que se estenderán ao longo de máis de 120 metros de exposición, ubicada no Auditorio Municipal e na Casa do Concello.
Lucía Pereira, Concelleira de Turismo e encargada da xestión da mostra, agradeceu especialmente o traballo de Antonio Rivero e da Asociación de Xubilados/as e Pensionistas de Salceda, “pois sen a súa axuda sería imposible levar a cabo a mostra”, asegurou.
Pola súa banda, a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón destacou a importancia desta nova edición das Xornadas da Camelia, “que ano tras ano van crecendo e poñendo a Salceda como un referente importante dentro dos numerosos eventos de promoción da Camelia que se celebran anualmente na contorna xeográfica da Rías Baixas e da provincia de Pontevedra en xeral”.
Ademais do protagonismo da flor oriental, a mostra conta con diversos actos de programación cultural complementaria, como a actuación de Fernando Barroso e Margarida Mariño o sábado ás 16:30 no acto de inauguración, que contará coa presenza dos expositores ademais dos organizadores e colaboradores.
Pero a veciñanza e persoas visitantes non só poderán gozar das diferentes variedades de flor, senón que tamén terán a oportunidade de descubrir outros produtos derivados da camelia, tales como marmelada, te, madeira ou aceite, que estarán presentes grazas á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que realiza unha labor fundamental no estudo e difusión das diferentes posibilidades que ofrece esta flor, e que cada ano ven participando na mostra de Salceda de Caselas.
A Concelleira de Turismo, Lucía Pereira anima a visitar durante a fin de semana Salceda a todas as persoas que queiran gozar da camelia nun dos eventos máis importantes do ano e que nas últimas edicións contou con máis de 2.500 persoas visitantes.
Xa pasou un ano dende que o Concello das Neves municipalizara o servizo de recollida de envases de plástico (colector amarelo) e asumise directamente a xestión do mesmo, que ata daquela prestaba a empresa privada Urbaser.
O concelleiro responsable de Limpeza e Medio Ambiente e segundo tenente de alcalde, Óscar González, lembra que nos últimos anos a dotación de contedores, a mellora das frecuencias, a concienciación e o Plan Revitaliza triplicaron as toneladas de envases recollidas.
Así, no ano 2015 foron tan só 15 toneladas, no 2021 o total achegouse ás 55 toneladas e no pasado 2022, xa baixo a xestión do Goberno municipal, recolléronse algo máis de 54 toneladas de envases plásticos, o que supón un dato “moi positivo, dado que ao mesmo que tempo que reduciuse o consumo deste tipo de recipientes, o cal supón un descenso no índice que contaminación, tamén diminuiu o peso nos colectores verdes”.
Decidir en función das necesidades
González, valora moi positivamente a prestación deste servizo con persoal propio xa que “permítenos tomar decisións en función das necesidades, aproveitar mellor os medios, aumentar as frecuencias e incluso recibir ingresos pola valorización dos plásticos”.
Esta nova xestión de residuos, engade o segundo tenente de alcalde, “é un eixe fundamental da área de medio ambiente”. Así, o Plan Revitaliza implantou a compostaxe individual e comunitari e, “en breve, comezaremos de novo visitas as vivendas”. A elo hai que sumar que recentemente púxose en marcha o programa de préstamo de biotrituradoras; o punto limpo é agora un lugar con valor, no que se reciben voluminosos e os residuos autorizados para ser valorizados, “algo que nada ten que ver coa imaxe vergoñenta de hai 7 anos baixo a xestión doutros gobernos locais”.
Estes obradoiros de ocio e tempo de lecer para crianzas teñen carácter gratuíto e teñen como obxectivo principal facilitar a conciliación da vida persoal e laboral no período non lectivo de Semana Santa, así como promover a sensibilización en igualdade entre nenos e nenas dentro das actividades que se realicen.
Datas, horario e lugar
Os obradoiros terán lugar os días 3, 4, 5 e 10 de abril de 2023 (días non lectivos polas vacacións escolares de Semana Santa) en horario de 8:30h a 14:30h no Centro Cultural da Guarda. No caso de necesidade das familias, poderá facerse un horario reducido de 9:00 a 14:00h
Participantes
30 crianzas con idades comprendidas entre os 3* e os 10 anos, empadroadas no concello da Guarda**
*As crianzas de 3 anos teñen que estar escolarizadas.
**No caso de quedar prazas vacantes poderán participar crianzas doutros concellos.
No caso de adquirir praza e ter unha discapacidade ou patoloxía, solicitarase informe do EVO e/ou informes complementarios da necesidade de apoio necesaria.
Inscricións
Presencialmente no Rexistro do Concello da Guarda ou na sede electrónica (https://aguarda.sedelectronica.gal) desde o día 17 ata o 24 de marzo. No caso de presentación electrónica será preciso cubrir unha instancia xeral e axuntar cuberta a ficha de inscrición Conciliaguarda que se pode atopar na web www.aguarda.es.
Se as inscricións superan o límite de prazas, realizarase un sorteo público o día 28 de marzo ás 13:00 h no vestíbulo do Concello da Guarda (Casa dos Alonso).
O listado de crianzas admitidas será publicado na web do Concello e no taboleiro de anuncios da Casa dos Alonso, e aparecerá codificado co número de rexistro da solicitude, polo que resulta importante conservar o comprobante da presentación da mesma.
Para máis información porse en contacto co Centro de Información á Muller (CIM) do Concello da Guarda (986614648 / [email protected])
Ante a crítica situación na que se atopa o grupo empresarial Ganomagoga, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, enviou unha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, urxindo á administración autonómica a súa “implicación” e intervención “para garantir a viabilidade da empresa e os postos de traballo e impulsando todas aquelas actuacións que sexan precisas para non permitir a súa desaparición”.
No seu escrito a rexedora fai fincapé en que se trata dun grupo empresarial estratéxico para o desenvolvemento industrial de Galicia, xa que nos últimos 20 anos concentrou a súa actividade no sector eólico, “que significaba arredor do 80% do seu negocio actual e no que o grupo se erixiu como pioneiro”. Por este motivo, o Goberno municipal insta á Xunta a tomar as medidas necesarias para evitar “un novo peche empresarial no sector da fabricación de complementos para a industria eólica, xusto no momento no que este ámbito goza de maior auxe en Galicia”.
Fernández lembra que o grupo empresarial conta con 200 traballadores e traballadoras no seu cadro de persoal, aínda que son centos de familias as que dependen del de forma directa e indirecta. O Concello destaca que o anuncio do despido colectivo de todo o cadro de persoal “crea unha grande incerteza” para empregados, empregadas e familias dunha empresa que se convertera “nunha importante fonte de riqueza e emprego para o sur da provincia de Pontevedra, especialmente Ponteareas e a nosa comarca, de onde son veciños e veciñas máis da metade dos traballadores e traballadoras”.
A Concellería de Igualdade, dirixida por Iria Vilaboa, do Concello de Redondela presenta a Formación en Igualdade de Oportunidades para futuros e futuras profesionais da Formación Profesional. A alcaldesa Digna Rivas quixo resaltar a importancia dunha formación “pioneira no municipio e que conta con validez académica. Sabemos que ter formación en igualdade é imprescindible para o futuro laboral na actualidade. Non só porque é importante educar desde a perspectiva de xénero senón tamén porque moitas empresas esixen algún tipo de formación similar, polo que complementará os seus estudos de cara ao CV”.
A Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega, APAIOGA, será a encargada de impartir a formación, concretamente a educadora Lucía Pereda Pérez dará as clases impartidas no IES Floriani e o IES Chapela.
Segundo explica a rexidora local, “o obxectivo desta formación é sensibilizar a homes e mulleres no valor social da igualdade como eixo para o desenvolvemento social. Promover que profesionais de distintos ámbitos incorporen a perspectiva de xénero no exercicio das súas actividades laborais e sensibilizar en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para conseguir eliminar a brecha existente entre a igualdade legal e a igualdade real”. E para iso, é necesario contar con datos e análises da realidade social desde a perspectiva de xénero, xa que a igualdade non é unha mera cuestión de opinión, senón tamén de coñecemento. Estes obxectivos son, así mesmo, un mandato da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
“Este é un cumprimento deste goberno dos fins institucionais para promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través de accións de sensibilización e formación en igualdade. Consideramos que é de vital importancia, polo que decidimos levalo á educación de forma directa. A formación en igualdade vai influir no futuro laboral e persoal dos estudantes redondeláns e mesmo este diploma é puntuable en calquera concurso oposición ”, explicaba Rivas.
O Concello de Tui ratifica o seu firme compromiso coa educación pública e accesible para toda a súa veciñanza. O investimento educativo na cidade nos últimos dous anos supuxo o 9 % do total orzamentario das arcas municipais. Isto arroxa datos como o importe por alumno, que en Tui superou os 270 euros por persoa.
Estes destacados datos son aínda máis salientables comparados coa media de investimento educativo dos concellos da provincia de Pontevedra e do resto de provincias galegas. Na nosa provincia o investimento por alumno quedou de media en 192 euros, o que supuxo o 5 % do presuposto. Na provincia da Coruña os seus concellos destinaron de media un 4,3 % cun investimento por alumno de 203 euros. En Lugo, pola súa banda, tamén repiten porcentaxe orzamentaria con A Coruña pero soben a media de importe por alumno até os 259 euros. Por último, en Ourense, investiron un 3,5 % do diñeiro público en educación para unha media de 204 euros por alumno ou alumna.
Todos estes datos veñen reflectidos nunha reportaxe interactiva do xornal El País, que recolle os presupostos liquidados de todos os concellos españois no 2020 e no 2021 recabados e publicados polo Ministerio de Facenda. A información emprega a métrica de media de inversión en educación por estudante potencial -poboación até os 24 anos- e a proporción de gasto total do consistorio en educación.
Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, salientou que o Concello realizou estes anos un importante investimento en equipamentos públicos educativos malia non ser competencia municipal. Destacou que, nesta materia, Tui está á cabeza provincial, autonómica e mesmo nacional cun goberno que apostou polo ensino coma “piar básico para construír unha sociedade que faga fronte aos desafíos do futuro”.
Os próximos 1 e 2 de abril o pavillón de deportes de Baiona acollerá o ‘Torneo de Minibasket’ que reunirá a 32 equipos de toda Galicia, Portugal e do territorio nacional. No torneo que esta mañana foi presentado no Concello de Baiona, participarán 16 equipos femininos e 16 masculinos todos eles ca categoría Alevín.
Á rolda de prensa de presentación do torneo asistiron o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, a concelleira de Deportes de Baiona, Andrea Pérez Gonzáles; Fernando Pérez, delegado da Federación Galega de Balonceso; Severino Castiñeiras, presidente do Club Baloncesto Baiona e Manuel Bouzas, fundador do Club Baloncesto Baiona.
O alcalde de Baiona agredeceu “a implicación dos organizadores neste evento que atraerá ata Baiona a máis de 500 deportistas durante esa fin de semana”. Gómez Prado tamén quixo ”pór en valor o traballo feito ao longo de todos estos anos polo Club Baloncesto Baiona”.
O venres 31 de marzo pola tarde disputarase o torneo de tiros por parellas, mentres que o sábado 1 de abril celebrarase a fase de grupos na que se clasificarán os dous primeiros.
O domingo, os equipos eliminados xogarán entre eles e os equipos finalistas disputarán os play-offs de eliminación directa. O pavillón municipal acollerá toda unha fin de semana de baloncesto cun total de 74 partidos que se disputarán entre as 09:00 h ata as 22:00 h.
A final masculina será ás 17:00 horas e a feminina ás 18:00 horas. Xa ás 19:00, terá lugar a entrega de premios.
O Concello de Ávila clausurou onte a exposición ‘Esculturas e Etapas da súa Pintura’ do pintor cañicense Diego de Giraldez –Fillo Predilecto da Cañiza–, unha mostra que recolle cerca de medio centenar de obras a través das que se pode observar a evolución da creatividade do artista. No acto, presidido polo alcalde de Ávila, Jesús Manuel Sánchez Cabrera, participou tamén o alcalde da Cañiza, Luis Piña; o concelleiro de Cultura de Ávila, Ángel Sánchez e a concelleira da Cañiza Paula Bacelar.
Esculturas, debuxos, acuarelas e pinturas realizadas en diferentes técnicas, conforman esta mostra a través da que se puido repasar as diferentes etapas da traxectoria de Diego de Giráldez. Dende unha primeira etapa ruralista ata o solo cor, pasando polo Realismo NAS creado polo noso artista ou o modelado da luz e o movemento.
Para o Alcalde da Cañiza, “poder estar un ano máis acompañando ao noso recoñecido artista e Fillo Predilecto Diego de Giráldez, en Ávila, é máis que unha honra, é un privilexio”. “Un orgullo para o Concello da Cañiza poder contar cun embaixador como este prestixioso pintor, escultor, anatomista, veciño da Cañiza e recoñecido a nivel nacional e mesmo internacional en tantos museos e institucións”. “É o noso artista porque naceu na Cañiza, ainda que tamén está vinculado a Vigo e a Pontevedra”. “Na historia do noso pobo é a persoa máis importante e a que deixará sen dúbida a maior pegada”.
Na súa intervención o Alcalde tamén agradeceu ao Alcalde da cidade a invitación para asistir á clausura da exposición.
Diego de Giráldez comezoua súa intervención afirmando «Tengo una relación muy íntima con esta provincia porque desde hace más de tres décadas llevo abriendo exposiciones en la Diputación, en el Ayuntamiento y en otros muchos municipios de la Provincia».
Continuou falando da súa paixón pola cidade de Ávila. «Cuando entras en Ávila y caminas por sus calles y miras sus estructuras amuralladas, te da la sensación de que alguien colocó una gran escultura y que tú puedes hacer uso de ella. Para mí esto tiene una importancia enorme y es una de las ciudades que más me gusta de toda España».
Como xa describiu noutras ocasións Diego de Giráldez a esta cidade, coa que mantén fortes vínculos afectivos“Ávila es una gran escultura arquitectónica con la que te puedes intercomunicar y con la que puedes viajar a siglos pasados”.
A obra de Diego de Giráldez
A súa obra expresa pensamentos que son pura simboloxía. «Hago una pintura entre onírica y simbólica. Es parte de las creaciones. Hay mucha simbología en mi obra. Trato de disgregar unos objetos sobre el plano como un efecto óptico y a la vez reflexivo, como si fuera una pintura que entrara dentro de la pintura literaria y filosófica. Una filosofía donde el individuo puede tener amplias reflexiones».
O Concello de Tomiño continúa coa súa aposta polas novas tecnoloxías para levar a Semana da Educación máis alá do auditorio municipal de Goián. Para achegar a oitava edición deste importante evento a todos os públicos, o Concello xa puxo a disposición das persoas interesadas os vídeos de podcast das catro conferencias impartidas o pasado mes de febreiro, nas que cinco destacados profesionais afondaron sobre a educación con ciencia e con conciencia.
“Difundindo a nosa Semana da Educación en diferentes plataformas buscamos seguir achegando o debate sobre temas que nos preocupan a pais e nais e á comunidade educadora, tanto para aquelas persoas que non puideron desfrutar con nós das magníficas charlas de forma presencial como para todo o público que estivo no auditorio de Goián e quere volver deleitarse coas diferentes temáticas que tratamos”, explica a alcaldesa, Sandra González.
Con grande acollida de público e coa presenza por primeira vez de docentes procedentes do norte de Portugal, cinco recoñecidos expertos e expertas fixeron reflexiona ao público sobre temas como a alimentación, os videoxogos, a educación social ou a propia docencia.
Así, o catedrático en Bioquímica e Bioloxía Molecular, investigador e divulgador José Manuel López Nicolás botou luz sobre os mitos e realidades que rodean á alimentación actual, analizando a efectividade da maioría dos alimentos que atopamos nos supermercados e desmontando algúns produtos ‘con’ e ‘sen’. A doutora en Filosofía, docente e experta en videoxogos como ferramenta de transformación social Eurídice Cabañez, abordou o uso das novas tecnoloxías e o seu impacto na infancia e na mocidade. Pola súa banda, Miriam Leirós, mestra, educadora ambiental e experta en xestión social do hábitat e deseño participativo afondou na educación ecosocial. O broche de ouro do ciclo de conferencias chegou da man dos docentes Natalia R. Valls e Nino Cervera, que nunha charla dinámica e participativa reflexionaron sobre as claves dun bo ou boa docente e a boa educación con metodoloxías para obter clases innovadoras, motivadoras e inspiradoras.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de rematar as obras de adecuación e mellora da pista de despegue de parapente emprazada no Miradoiro das Penizas, no Concello de Oia, grazas a un investimento de máis de 37.000 euros que se formalizou a través dun convenio entre ambas administracións.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa Cristina Correa, supervisou hoxe ao mediodía está actuación, que incorpora e revaloriza un novo atractivo turístico “nun punto único para a práctica deste deporte de risco, pola orografía tan característica de Oia, no territorio do sur da provincia de Pontevedra” e que reafirma o potencial turístico dun municipio, “que ofrece unha gran beleza de vistas e paisaxes, que conxuga mar e montaña e que cada ano acolle a decenas de milleiros de visitantes”.
A actuación consistiu no acondicionamento da pista de despegue para a práctica de parapente, que é moi empregada por afeccionados a este deporte e empresas de turismo activo e que presentaba certo grao de deterioro polo uso e os efectos da meteoroloxía.
Así, procedeuse ao acondicionamento da citada pista coa reposición e anclaxe de novas capas de céspede sintético, a instalación de sinalización e de materiais de uso para parapentistas, como paneis e cortaventos, e a dotación de elementos de mellora da estancia dos visitantes e de preparación e apoio aos usuarios, como mesas, bancos ou un tótem-selfie, entre outros.
“Trátase dunha actuación moi necesaria para modernizar un servizo especial e diferente e que adoita ser moi empregado nun municipio por todos os amantes do turismo deportivo e de natureza, pero é que ademais ten unha localización moi importante, posto que se sitúa na contorna dun miradoiro cunhas vistas espectaculares e da vindeira ruta de BTT impulsada polo Concello e que se enmarca no Plan de Turismo Sostible en Destino aprobado pola Xunta de Galicia para a zona de Oia”, detallou o representante autonómico.
“O turismo é, sen dúbida, un dos grandes motores económicos de Oia, un municipio que conta cun Mosteiro coñecido en toda España, que acolle o Camiño de Santiago, que mistura unha gran oferta de mar e natureza, que recibe a centos de usuarios nas súas sendas de montaña e carrís-bici e que organiza tres curros de bestas con sona en toda Galicia. Toda esta oferta está moi ben traballada, coidada e impulsada polo Concello, polo que, neste caso, era máis que precisa a colaboración de Turismo de Galicia para seguir afondando nos seus éxitos neste ámbito”, concluíu Luis López.
É o único equipo transfronteirizo e o gañador indiscutible das últimas edicións das olimpíadas sénior ‘Olimpics4all’. Integrantes do equipo da Eurocidade Cerveira-Tomiño visitaron o Concello tomiñés para entregar o trofeo logrado nos xogos celebrados a finais do ano pasado, revalidando o título xa conquistado nas Olimpíadas de 2019, a última edición antes da crise sanitaria destes encontros anuais que buscan promover a práctica deportiva das persoas maiores, reforzando o intercambio social e cultural entre todas e todos os participantes.
Durante o encontro a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo agradecer a grande implicación de todos e todas as participantes nesta iniciativa, “que a viven como moita intensidade e responsabilidade, adestrando todas as semanas para prepararse para cada nova cita. Confiamos en que volvan revalidar este título nos vindeiros xogos, que serán en Viana do Castelo”.
“Para nós é un orgullo formar parte deste equipo e traballar nun proxecto tan completo, que fomenta a actividade deportiva saudable, controlada e adaptada, pero que tamén permite tecer lazos de unión entre a veciñanza e entre os concellos do río Miño transfronteirizo”, destacou a rexedora.
O encontro contou tamén coa presenza e participación da Vereadora de Desporto e Vicepresidenta da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Carla Segadães, que salientou o traballo realizado por todas e todos os integrantes do equipo participante nestas olimpíadas senior. Na entrega do trofeo tamén interviñeron unha veciña tomiñesa e un veciño de Cerveira integrantes do equipo, que achegaron a súa experiencia neste programa.
Na última edición destes xogos olímpicos participaron arredor de 300 deportistas de dez municipios do Alto Minho luso. Cada un dos concellos participantes preséntase cun equipo preparado grazas á implementación dun programa a través do que se traballan diferentes modalidades, dende atletismo ou voleibol ata baloncesto, natación ou fútbol, ademais de xogos tradicionais como a petanca, a corda ou a malha, un xogo tradicional portugués.
A iniciativa nace financiada polo programa Erasmus+ Sport como un proxecto internacional que buscaba afondar nos factores que motivan ás persoas de maior idade a practicar deporte, o In Common Sports. No ano 2021, con nome de In Common Sports + Fit, Food and Fun for Elderly! o proxecto pasa a contar coa participación do Instituto Público de Deportes esloveno coa integración dunha nova liña de análise enfocada á nutrición. Replicado en seis países socios (España, Portugal, Italia, Eslovenia, Hungría e Bulgaria), conta con máis de 500 atletas que participan nos adestramentos semanais e nos diferentes eventos e competicións.
Tralo éxito do ano pasada do programa “Con voz propia”, a Concellería de Igualdade a través do Centro Municipal de Información á Muller (CIM), volve apostar por esta actividade, trátase dunha intervención psicopedagóxica na que a práctica vocal (coral e solista) utilízase para incrementar o empoderamento das mulleres. A concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, deu a benvida as participantes na actividade.
O programa iniciouse hoxe e desenvolveráse os mércores en horario de mañá de 10:00h a 13:00h no Multiúsos Mercado de Sabarís. A actividade estenderase ata o mércores 3 de maio. Na metodoloxía está previsto o ensino das habilidades de base do canto, utilizando o método de Maga de Voz. Ao mesmo tempo utilizaranse moitos recursos da musico-terapia, a danza-terapia e a drama-terapia para fomentar a libre expresión o arraigamento e empoderamento do corpo e a voz das participantes. Ademais traballarase coas letras das cancións para re-enfocar a visión do percorrido vital. Un total de 15 mulleres de Baiona participan nesta actividade.
A cabalo entre a canto-terapia e a aula de música común, o programa combina as estratexias propias do ensino convencional do canto co enfoque musico-terapéutico, facendo da expresión musical un vehículo para a expresión emocional. Este proxecto parte do presuposto de que a aprendizaxe de canto, como conxunto de técnicas e habilidades vocais e musicais unidas á expresión de emocións auténticas, pode incrementar a seguridade e a confianza, axudando na descuberta e valorización de si mesmas e da/s outra/s, favorecendo a inclusión e mellorando a propia estima e realización.
“Estas acción levadas a cabo polo departamento de Igualdade supoñen pasos cara adiante na vida das mulleres de Baiona, son de axuda para reforzar a súa autoestima e coñecemento.”, sinala a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas.
O Concello de Nigrán, dentro da programación do ‘Mes Violeta’ con motivo do 8 de marzo, ofrece o 25 de Marzo o escape room educativo “Escapa da desigualdade” para o que é preciso inscribirse previamente a partir do xoves 16 de Marzo (as persoas interesadas deberán remitir cuberto un formulario pendurado en www.nigran.es ao enderezo [email protected]). As prazas repartiranse por rigorosa orde de inscrición, rematando o prazo o 21 de Marzo ou cando se esgoten.
A actividade desenvolverase o sábado 25 de marzo no Auditorio Municipal en dúas quendas (10:30 e 12:00 horas). Poderán participar ata un máximo de 6 grupos en cada sesión de entre 4 e 6 persoas e con idades a partir dos 9 anos. Os participantes deberán resolver unha serie de probas relacionadas coa igualdade de xénero.
O Porriño contará cunha área de caravanas e autocaravanas en pleno centro urbano, un servizo que vén a sumarse aos que xa de por si ofrece o municipio.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo presidente da Asociación de Autocaravanas de Galicia (Aga), Manuel Fernández-Arruti, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, visitou esta mañá a parcela na que se habilitará o aparcamento para valorar de maneira conxunta as actuacións a realizar para a súa pronta posta en marcha.
A zona que se acondicionará ocupará uns 200 m2 da parcela de Leandro Diz habilitada como aparcamento gratuíto e estará acondicionada con todos os servizos necesarios.
“O turismo de autocaravana tense consolidado como unha alternativa ás viaxes tradicionais. É unha modalidade en auxe que se caracteriza pola liberdade que ofrece, por iso hai tanta demanda e por iso moitos concellos de todo o país dispoñen xa dese servizo. O Porriño non vai quedar atrás”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
Ponteareas vive a transformación integral do seu centro urbano. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinaron este martes no salón de plenos da Casa Consistorial un convenio para a recuperación do espazo público para as persoas na Avenida Sarmiento Rivera, un treito urbano da EP-4006 que contará cun investimento de 630.000 €, dos que o Concello porá o 30%, 189.000 euros, e a Deputación achegará o 70% (411.300 €). A intención é que, unha vez finalizadas as obras, este tramo de estrada provincial se transfira ao Concello de Ponteareas.
Cristina Fernández sinalou que este convenio “é unha nova mostra da capacidade do Goberno municipal de, mediante o diálogo e con proxectos firmes, conseguir recursos doutras administracións para investir en obras importantísimas para o futuro da nosa vila”. A rexedora salientou o carácter “estratéxico” da Avenida Sarmiento Rivera, zona de entrada e saída desde outros municipios da comarca como As Neves ou Arbo. Nesta rúa xa se están executando ademais as obras dun novo parque público de máis de 3.000 metros cadrados.
Con este proxecto melloraranse as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas que rematará coas actuais beirarrúas estreitas para transformar a zona nun lugar de paso, estancia e lecer con pasos peonís sobreelevados, cun tramo de plataforma única e coa renovación da iluminación e da sinalización. Unha intervención de gran calado para Ponteareas, xa que transformará unha das rúas máis longas da vila dende o Parque das Pombas ata a rotonda situada na parte posterior do Concello.
Pola súa banda, Carmela Silva sinalou que, grazas ao convenio, “esta estrada provincial converterase nun espazo amábel” e que inmediatamente se aprobará o proxecto e sairá a súa licitación”.
Camiño escolar seguro
Tras a sinatura do convenio, alcaldesa, presidenta e membros do Goberno municipal visitaron as obras do primeiro camiño escolar seguro da vila, que está a piques de rematarse e que suporá a transformación completa do núcleo central de Ponteareas. Un importante cambio “en consonancia cunha clara aposta por facer de Ponteareas unha vila amábel onde as persoas están no centro e o espazo público se recupera para o pracer da xente”, como destacou a presidenta da Deputación.
As obras contan cun orzamento de preto dun millón de euros financiados pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do programa ReacPon con 723.000 € e polo Concello de Ponteareas con máis de 240.000 euros a través do Plan Concellos. Carmela Silva sinalou que “Ponteareas estase a converter nunha referencia, porque non hai moitos concellos que aposten por crear grandes proxectos como o camiño escolar en ámbitos con moito tránsito”.
A alcaldesa de Redondela Digna Rivas e o artista redondelán Ángel Barros veñen de formalizar por escrito ante notario a doazón de parte da súa obra, destinada ao museo sobre a historia de Redondela que vai a estar localizado onde agora se atopan as coñecidas como “Antigas Casas dos Mestres”.
No escrito detállanse os requisitos para a doazón entre os que se atopa a condición de que os case 150 cadros, valorados en máis de 300.000 euros, entregaranse no momento en que o museo esté completamente habilitado. Ademais, a obra debe ser de acceso público, dirixido ao pobo de Redondela e prohíbese a súa comercialización ou desmantelamento coa intención de que forme parte da exposición permanente.
Digna Rivas indicou que Redondela está comprometida coa obra de Ángel Barros, como consta na declaración aprobada o pasado ano polo Pleno municipal e adiantou que se está a traballar “no proxecto museístico e xa se fixo a documentación para formalizar a entrega da obra de Ángel Barros ao pobo de Redondela”. Fíxose un inventario detallado do tipo de técnica, tamaño da obra, descripción e título de cada cadro cumplindo co compromiso da moción proposta no pleno do ano pasado por distintos colectivos do municipio.
O proxecto museístico non será un simple espazo pictórico, senón que está previsto que albergue máis disciplinas e formatos enfocados á historia de Redondela, a memoria e a vida dun pobo. “Queremos rendir un homenaxe a Redondela a través de Ángel Barros, unha figura importantísima para o municipio. Viviu unha represión e dureza durante o franquismo que supo canalizar a través da arte. Atopou unha fonte de liberdade e un destino para a súa vida, sendo un gran exemplo para a xente nova”, engade Rivas.
A rexidora local lembrou que Ángel Barros “está sempre disposto e de maneira altruísta a colaborar coas iniciativas promovidas pola institución”. De feito, as portadas dos libros dedicados ás parroquias, promovidos dende o Servizo de Normalización Lingüística, son tamén obras súas.
O Concello de Redondela conseguiu dar resposta a unha reclamación histórica como era a da cesión do edificio da casa dos mestres, desafectado dende o ano 2006 e, dende entón pertencía ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Con todos os trámites previos realizados, –cesión da edificación ao Concello, memoria explicativa dos fins aos que se vai dedicar o inmoble e o cambio de uso da parcela– o Concello comezará a recuperación do edificio das ‘vivendas dos mestres’ para dar resposta a unha “reivindicación histórica dos colectivos culturais para a creación dun museo etnográfico que recolla a cultura popular de Redondela e evitar que se perda no tempo”.
Nas vindeiras semenas comezará a primeira actuación a realizar que será a rehabilitación integral da edificación para crear un espazo polivalente na planta baixa, na que quedaría instalado un espazo de museo, con salas de exposición –tanto permanentes coma temporais–, sala de interpretación e espazo para un taller que permita a realización de actividades creativas.
As festas de San Telmo xa teñen cartel anunciador. É o realizado por Rubén Lucas García que gañou o concurso convocado polo Concello con esta finalidade. O xurado valorou na obra deste deseñador de Murcia a calidade técnica e conceptual da proposta gañadora así coma o feito de recoller no deseño os valores e significado das festas, reflectindo o carácter festivo. A obra gañadora recibirá un premio de 700 euros.
Un total de 12 traballos foron presentados ao concurso de carteis convocado polo Concello para a elección da imaxe anunciadora das festas patronais de San Telmo 2023.
O conxunto dos carteis presentados a concurso pódense visitar dende hoxe e até o 1 de abril martes na exposición situada no Anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no edificio Francisco Sánchez.
As festas de San Telmo, declaradas de interese turístico galego, vanse celebrar do 8 ao 17 de abril.
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández; a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, e un representante da Plataforma de afectados pola N-120, Luis Campos, mantiveron unha reunión este luns na Subdelegación do Goberno en Pontevedra para coñecer os cambios introducidos tras recoller a práctica totalidade das alegacións presentadas por parte do Goberno municipal do BNG-PSOE e da veciñanza ao anteproxecto de mellora da seguridade viaria nesta estrada.
As modificacións inclúen a incorporación ao proxecto de dúas novas rotondas, unha en Ribadetea e outra en Areas, ademais de incrementarase o trazado da senda en zonas de moito tránsito peonil, como é na rotonda de Ganade co CIFP A Granxa ou en Xinzo, ao ter igrexa e cemiterio cada un dunha marxe da estrada nacional. Contémplase ademais a apertura de practicamente todos os vieiros municipais pechados. Todos estes cambios foron publicado este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Tras anos de traballo por parte do Concello e da Plataforma de afectados pola N-120, o Goberno municipal do BNG-PSOE valora de forma moi positiva o novo paso dado para a modificación do proxecto execución das melloras de seguridade viaria desta estrada aínda que “agardamos que o Goberno do Estado axilice ao máximo os prazos para sacar a licitación canto antes a obra de execución e que todos estes pasos non se vexan demorados polos próximos comicios electorais”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández.
Pola súa banda, a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, agarda que “tras os grandes avances realizados nos últimos meses esperamos que este proxecto se faga realidade á maior brevidade de tempo posible”.
O Concello de Ponteareas manterá xuntanzas cos colectivos veciñais para amosar os planos e toda a información publicada con respecto ao proxecto en canto se recompile a documentación necesaria.
Escoller unha estrofa ou verso dunha canción cun marcado carácter machista e, a partir de aí, escribir un conto de denuncia, contrastando a situación con como queremos construír o mundo e as relacións desde o feminismo. Iso foi o que fixeron, de forma brillante e “convertendo estas cancións en reflexións para contarnos outro relato”, como destacou hoxe unha emocionada Carmela Silva, as cinco mozas gañadoras do primeiro concurso “Cambiemos o Conto”, organizado pola Deputación no marco das accións do Manifesto de Soutomaior. Alba Dominguez, Sabela Vázquez e Aroa Vicente, gañadoras na categoría da ESO, e Nerea Silva e Lía Fernández, na de Bacharelato, recibiron hoxe os seus premios nun acto que abarrotou o salón de plenos do Pazo Provincial, coa presencia de 125 alumnas e alumnos dos centros de Sanxenxo, Vigo e Barro, onde estudan as mozas, e as actuacións da monologuista Carmen Conde e da cantante Silvia Chigliak, que interpretou unha versión mudando a letra do tema “Mala mía” de Maluma acompañada á guitarra por Iván Reija.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosouse “profundamente emocionada” pola calidade e o compromiso da mocidade e celebrou “o talento, neste caso destas cinco mulleres que amais de pensar moito e ben, escriben dunha forma tan fermosa, construíndo relatos a partir das letras que cada día escoitamos e cantamos e que están aí sen que nin sequera sexamos conscientes do pensamento e valores machistas que trasladan”. “Cancións que falan da submisión das mulleres, dun modelo único de moza que ten que ter unha estética determinada e una posición no mundo en subordinación. E estas mozas foron capaces de cambiar o conto”.
“
Carmela Silva: “É imprescindible que teñamos a igualdade como o centro da actuación educativa para construír sociedades mellores”
A presidenta agradeceu ao alumnado e ao profesorado presente o feito de “que a loita pola igualdade estea máis viva que nunca en vós e nos vosos centros educativos”. “É imprescindible –afirmou- que teñamos a igualdade como o centro da actuación educativa para construír sociedades mellores” porque “cando as mulleres avanzan, avanza o conxunto da sociedade e avanzan eles, porque tamén é intolerable pensar que os rapaces non teñen que ter sentimentos, non teñen dereito a ser coidadores e a outras moitas cuestións que lles están vetadas porque historicamente as tiveron que facer as mulleres”. Neste senso, agradeceu aos e ás docentes “ese traballo a veces silencioso e silenciado que é imprescindible e que ten inmenso valor para o ben común”.
Lembrou que este concurso xurdiu como unha das accións derivadas do Manifesto de Soutomaior, asinado para reivindicar á loita pola igualdade das mulleres da escrita e que tivo o seu primeiro encontro no Castelo de Soutomaior. “Aquela primeira vez fomos invitadas por Maria Vinyals e con ela grandes mulleres que son as nosas referentes –dixo-. E hoxe, todas elas estarían orgullosas e dirían: a nosa loita si que valeu para algo. Sentirían que o futuro vai ser mellor porque neste futuro estades esta nova xeración de rapazas e rapaces. Tedes que cambiar este mundo porque este mundo así non vai ben”.
Cada unha das mozas premiadas deu lectura no acto a un extracto dos seus relatos. Nerea Silva, do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo, gañadora na categoría de Bacharelato, recibiu o premio de mans da presidenta provincial, e cita no seu traballo a estrofa da canción “Duro”, de Chris Jedi e Anual AA, Solo pienso en ese culo y en el momento oportuno Baby yo te lo vo`a romper (bien duro). A moza escribiu a historia da “filla do señor máis poderoso da cidade”, que triunfa nunha partida de póker nunha casa de xogos ante un grupo de homes que se burlan dela e queren ridiculizala, e amosa, así, que os grandes cambios non se conseguen dun día para outro, senón a pasos pequerrechos.
Alba Domínguez, de 2º de ESO do IES Vilalonga (Sanxenxo), que recibiu o primeiro premio na categoría de Secundaria de mans de Mariana Carballal,tomou como punto de partida a canción infantil “Ao pasar a barca díxome o barqueiro” e, protagonizado por unha princesa, xoga literariamente cos tópicos dos contos para abordar temas como o machismo, o bullying, ou o delito da difusión de fotos íntimas polo móbil que sofre a protagonista. Despois de sentirse atrapada, de odiar a súa aparencia, acosada e de sufrir da man de quen a rodea, a protagonista logra saír do círculo, empoderarse e no seu conto acaba por fin sorrindo ante o espello. Tanto esta moza como Nerea Silva levaron como premio un ordenador portátil amais dunha actuación musical ou un encontro cunha escritora galega.
A deputada de Igualdade, Victoria Alonso, entregou o segundo premio da categoría de ESO a Sabela Vázquez, do IES do Castro de Vigo, que leu “Medrosa Carolina”. Coa referencia á estrofa da canción “Carolina”, de MClan, Carolina, trátame ben non te rías de min, non me arrinques a pel…, aborda a historia do maltrato que sofre a protagonista, a adolescente Carolina, da man do seu noivo, narrada en primeira persoa por un protagonista singular: o seu medo. O medo “bo e necesario” que lle fai estar alerta e por fin reaccionar ante o último episodio de violencia machista do seu mozo, fuxindo e chamando ao 016.
E a editora Edurne Baines, integrante da comisión de seguimento do Manifesto de Soutomaior, foi quen lle deu o galardón a Aroa Vicente, de 3º de ESO do IES de Barro, que recibiu o terceiro premio polo seu conto “O temor de todo asasino”. Ao fío do verso do tema “Con calma”, de Daddy Yankee & Snow Ya vi que estás solita, acompáñame la noche es de nosotro’, tú lo sabe’ que ganas me dan, ganas de guayarte, mami, narra a entrevista dunha doutora en Criminoloxía a un home acusado de asasinar á súa muller, que alega defensa propia. Pero a mesma cámara que el colocara para comprobar se a muller tiña un amante delátao e é condenado.
Na modalidade de Bacharelato, FP Básica o de Grao Medio, o segundo premio foi entregado por Mercedes Corbillón, integrante do Manifesto de Soutomaior, a Lía Fernández, de 2º Bacharelato do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo polo seu relato “Incidente 34”. A canción de base é “Mala mujer”, de C Tangana, co verso Y ahora yo estoy llorando y ella bailando, mala mujer, aborda a relación tóxica entre unha muller e un home, contada en primeira persoa. A muller é vítima dun continuo chantaxe emocional e violencia psicolóxica, pero aguanta porque sempre lle dixeron que o amor pode con todo. Ata que un día di basta, colle as maletas e a porta e marcha sen mirar atrás.
Sabela Vázquez e Lía Fernández recibiron como galardón unha tablet e un encontro cunha escritora galega para compartir coas súas compañeiras e compañeiros dos seus respectivos centros educativos. Pola súa banda, Aroa Vicente recibiu un agasallo didáctico e, para compartir co alumnado do seu instituto, o obradoiro “Mudando Letras”. Amais, todo o alumnado presente no acto no salón de plenos levouse como agasallo unha das mochilas de corda ilustradas polas artistas Alba Casanova, La Platanera e Heyjuddy no marco da actual edición do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.