Xoves, 27 Marzo de 2025

A Camelia será a protagonista durante a fin de semana en Salceda

O Concello de Salceda de Caselas presentou onte mércores, 15 de marzo, as XIV Xornadas da Camelia, que se celebrarán os vindeiros 18 e 19 deste mes. Na mostra participarán máis de 60 expositores chegados de toda a xeografía galega e do norte de Portugal, que amosarán centos de variedades desta flor ornamental de orixe oriental, que se estenderán ao longo de máis de 120 metros de exposición, ubicada no Auditorio Municipal e na Casa do Concello.

Lucía Pereira, Concelleira de Turismo e encargada da xestión da mostra, agradeceu especialmente o traballo de Antonio Rivero e da Asociación de Xubilados/as e Pensionistas de Salceda, “pois sen a súa axuda sería imposible levar a cabo a mostra”, asegurou.

Pola súa banda, a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón destacou a importancia desta nova edición das Xornadas da Camelia, “que ano tras ano van crecendo e poñendo a Salceda como un referente importante dentro dos numerosos eventos de promoción da Camelia que se celebran anualmente na contorna xeográfica da Rías Baixas e da provincia de Pontevedra en xeral”.

Ademais do protagonismo da flor oriental, a mostra conta con diversos actos de programación cultural complementaria, como a actuación de Fernando Barroso e Margarida Mariño o sábado ás 16:30 no acto de inauguración, que contará coa presenza dos expositores ademais dos organizadores e colaboradores.

Pero a veciñanza e persoas visitantes non só poderán gozar das diferentes variedades de flor, senón que tamén terán a oportunidade de descubrir outros produtos derivados da camelia, tales como marmelada, te, madeira ou aceite, que estarán presentes grazas á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que realiza unha labor fundamental no estudo e difusión das diferentes posibilidades que ofrece esta flor, e que cada ano ven participando na mostra de Salceda de Caselas.

A Concelleira de Turismo, Lucía Pereira anima a visitar durante a fin de semana Salceda a todas as persoas que queiran gozar da camelia nun dos eventos máis importantes do ano e que nas últimas edicións contou con máis de 2.500 persoas visitantes.