15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasCarmela Silva suliña o "talento e compromiso coa igualdade" da mocidade na...

    Carmela Silva suliña o “talento e compromiso coa igualdade” da mocidade na entrega dos premios «Cambiemos o conto»

    Alba Domínguez, Sabela Vázquez, Aroa Vicente, Nerea Silva e Lía Fernández recibiron os galardóns do primeiro certame organizado pola Deputación para denunciar o carácter machista de estrofas ou versos de cancións populares

    Escoller unha estrofa ou verso dunha canción cun marcado carácter machista e, a partir de aí, escribir un conto de denuncia, contrastando a situación con como queremos construír o mundo e as relacións desde o feminismo. Iso foi o que fixeron, de forma brillante e “convertendo estas cancións en reflexións para contarnos outro relato”, como destacou hoxe unha emocionada Carmela Silva, as cinco mozas gañadoras do primeiro concurso “Cambiemos o Conto”, organizado pola Deputación no marco das accións do Manifesto de Soutomaior. Alba Dominguez, Sabela Vázquez e Aroa Vicente, gañadoras na categoría da ESO, e Nerea Silva e Lía Fernández, na de Bacharelato, recibiron hoxe os seus premios nun acto que abarrotou o salón de plenos do Pazo Provincial, coa presencia de 125 alumnas e alumnos dos centros de Sanxenxo, Vigo e Barro, onde estudan as mozas, e as actuacións da monologuista Carmen Conde e da cantante Silvia Chigliak, que interpretou unha versión mudando a letra do tema “Mala mía” de Maluma acompañada á guitarra por Iván Reija.

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosouse “profundamente emocionada” pola calidade e o compromiso da mocidade e celebrou “o talento, neste caso destas cinco mulleres que amais de pensar moito e ben, escriben dunha forma tan fermosa, construíndo relatos a partir das letras que cada día escoitamos e cantamos e que están aí sen que nin sequera sexamos conscientes do pensamento e valores machistas que trasladan”. “Cancións que falan da submisión das mulleres, dun modelo único de moza que ten que ter unha estética determinada e una posición no mundo en subordinación. E estas mozas foron capaces de cambiar o conto”.

    Carmela Silva: “É imprescindible que teñamos a igualdade como o centro da actuación educativa para construír sociedades mellores”

    A presidenta agradeceu ao alumnado e ao profesorado presente o feito de “que a loita pola igualdade estea máis viva que nunca en vós e nos vosos centros educativos”. “É imprescindible –afirmou- que teñamos a igualdade como o centro da actuación educativa para construír sociedades mellores” porque “cando as mulleres avanzan, avanza o conxunto da sociedade e avanzan eles, porque tamén é intolerable pensar que os rapaces non teñen que ter sentimentos, non teñen dereito a ser coidadores e a outras moitas cuestións que lles están vetadas porque historicamente as tiveron que facer as mulleres”. Neste senso, agradeceu aos e ás docentes “ese traballo a veces silencioso e silenciado que é imprescindible e que ten inmenso valor para o ben común”.

    Lembrou que este concurso xurdiu como unha das accións derivadas do Manifesto de Soutomaior, asinado para reivindicar á loita pola igualdade das mulleres da escrita e que tivo o seu primeiro encontro no Castelo de Soutomaior. “Aquela primeira vez fomos invitadas por Maria Vinyals e con ela grandes mulleres que son as nosas referentes –dixo-. E hoxe, todas elas estarían orgullosas e dirían: a nosa loita si que valeu para algo. Sentirían que o futuro vai ser mellor porque neste futuro estades esta nova xeración de rapazas e rapaces. Tedes que cambiar este mundo porque este mundo así non vai ben”.

    As premiadas

    Cada unha das mozas premiadas deu lectura no acto a un extracto dos seus relatos. Nerea Silva, do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo, gañadora na categoría de Bacharelato, recibiu o premio de mans da presidenta provincial, e cita no seu traballo a estrofa da canción “Duro”, de Chris Jedi e Anual AA, Solo pienso en ese culo y en el momento oportuno Baby yo te lo vo`a romper (bien duro). A moza escribiu a historia da “filla do señor máis poderoso da cidade”, que triunfa nunha partida de póker nunha casa de xogos ante un grupo de homes que se burlan dela e queren ridiculizala, e amosa, así, que os grandes cambios non se conseguen dun día para outro, senón a pasos pequerrechos. 

    Alba Domínguez, de 2º de ESO do IES Vilalonga (Sanxenxo), que recibiu o primeiro premio na categoría de Secundaria de mans de Mariana Carballal,tomou como punto de partida a canción infantil “Ao pasar a barca díxome o barqueiro” e, protagonizado por unha princesa, xoga literariamente cos tópicos dos contos para abordar temas como o machismo, o bullying, ou o delito da difusión de fotos íntimas polo móbil que sofre a protagonista. Despois de sentirse atrapada, de odiar a súa aparencia, acosada e de sufrir da man de quen a rodea, a protagonista logra saír do círculo, empoderarse e no seu conto acaba por fin sorrindo ante o espello. Tanto esta moza como Nerea Silva levaron como premio un ordenador portátil amais dunha actuación musical ou un encontro cunha escritora galega.

    A deputada de Igualdade, Victoria Alonso, entregou o segundo premio da categoría de ESO a Sabela Vázquez, do IES do Castro de Vigo, que leu “Medrosa Carolina”. Coa referencia á estrofa da canción “Carolina”, de MClan, Carolina, trátame ben non te rías de min, non me arrinques a pel…, aborda a historia do maltrato que sofre a protagonista, a adolescente Carolina, da man do seu noivo, narrada en primeira persoa por un protagonista singular: o seu medo. O medo “bo e necesario” que lle fai estar alerta e por fin reaccionar ante o último episodio de violencia machista do seu mozo, fuxindo e chamando ao 016.

    E a editora Edurne Baines, integrante da comisión de seguimento do Manifesto de Soutomaior, foi quen lle deu o galardón a Aroa Vicente, de 3º de ESO do IES de Barro, que recibiu o terceiro premio polo seu conto “O temor de todo asasino”. Ao fío do verso do tema “Con calma”, de Daddy Yankee & Snow Ya vi que estás solita, acompáñame la noche es de nosotro’, tú lo sabe’ que ganas me dan, ganas de guayarte, mami, narra a entrevista dunha doutora en Criminoloxía a un home acusado de asasinar á súa muller, que alega defensa propia. Pero a mesma cámara que el colocara para comprobar se a muller tiña un amante delátao e é condenado.

    Na modalidade de Bacharelato, FP Básica o de Grao Medio, o segundo premio foi entregado por Mercedes Corbillón, integrante do Manifesto de Soutomaior, a Lía Fernández, de 2º Bacharelato do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo polo seu relato “Incidente 34”. A canción de base é “Mala mujer”, de C Tangana, co verso Y ahora yo estoy llorando y ella bailando, mala mujer, aborda a relación tóxica entre unha muller e un home, contada en primeira persoa. A muller é vítima dun continuo chantaxe emocional e violencia psicolóxica, pero aguanta porque sempre lle dixeron que o amor pode con todo. Ata que un día di basta, colle as maletas e a porta e marcha sen mirar atrás.

    Sabela Vázquez e Lía Fernández recibiron como galardón unha tablet e un encontro cunha escritora galega para compartir coas súas compañeiras e compañeiros dos seus respectivos centros educativos. Pola súa banda, Aroa Vicente recibiu un agasallo didáctico e, para compartir co alumnado do seu instituto, o obradoiro “Mudando Letras”. Amais, todo o alumnado presente no acto no salón de plenos levouse como agasallo unha das mochilas de corda ilustradas polas artistas Alba Casanova, La Platanera e Heyjuddy no marco da actual edición do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.