Sábado, 19 Xullo de 2025

Medio Ambiente abrirá mañá o prazo de solicitudes para poder pescar lamprea nas augas do río Tea na próxima tempada

0

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abrirá a partir de mañá o prazo de presentación de solicitudes para a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Tea. Así se recolle na Orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) co fin de regular e autorizar a pesca desta especie nesta zona así como fixar o período e as condicións para poder participar na tempada de 2021.

O período hábil estenderase do 1 de febreiro ao 15 de maio e realizarase en días alternos: os luns, mércores e venres desde as estacadas impares; e os martes, xoves e sábados desde as pares. Prohíbese a pesca desde as 8,00 horas dos domingos ata as 21,00 horas dos luns; polo tanto, permítese a pesca desde as 21,00 horas do día autorizado ata as 08,00 horas do día seguinte.

A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no que se seguen a utilizar procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies. Esta é a razón pola que cada ano se establece un réxime especial para a súa pesca co obxectivo de que se realice un aproveitamento específico e ordenado.

Así, as lampreas péscanse desde pontóns de madeira (estacadas) autorizadas previamente. En cada unha poden pescar catro persoas, que accederán a estes postos para a colocación de estacadas mediante un sorteo público previo, que nesta ocasión terá lugar o próximo 15 de xaneiro no refuxio da Freixa (Ponteareas), ás 11 horas.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días hábiles a contar a partir de mañá. Unha vez finalizado este período, elaborarase unha lista cos admitidos e excluídos para participar no devandito sorteo. De acordo co número obtido, cada persoa adxudicataria retirará un lote de permisos de cuarta categoría para toda a tempada, logo de pagar o prezo público que corresponda e de presentar a licenza de pesca correspondente.

Ademais, como vén sendo habitual, entregaráselle a cada pescador, xunto cos permisos, un libro ou folla de rexistro de capturas, que deberá manter debidamente cuberto e sempre á disposición das autoridades competentes.

Descenden en 132 o número de casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.795 deles 1.146 son da área da Coruña, 591 da de Lugo, 364 da de Ourense, 856 da de Pontevedra, 1.425 da área de Vigo, 817 da de Santiago, e 596 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 50 están en UCI, 321 en unidades de hospitalización e 5.424 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 48.285 persoas curadas, rexistrándose 1.287 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 960.143.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O Concello de Nigrán reparte 60 cestas de Nadal de Cespa, para repartir entre as persoas usuarias dos Servizos Sociais

0

O Concello de Nigrán recibíu esta semana por parte da concesionaria de limpeza Cespa-Ferrovial unha donación de 60 cestas de Nadal para repartir entre as familias usuarias dos Servizos Sociais do Concello. Cada caixa contén doces típicos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns…), latas de conserva, alimentos non perecedoiros (pasta, arroz, legumes…) e produtos de limpeza do fogar e de hixiene persoal. O Concello repartirá este aguinaldo de Cespa a vindeira semana xunto ao seu reparto ordinario de alimentos.

“Estamos moi agradecidos a Cespa polo seu xesto solidario e o seu compromiso con Nigrán. Quixeron colaborar coas familias desfavorecidas nestas datas tan especiais e desde o Concello suxerimos estas cestas de Nadal con doces típicos e outros básicos non tan habituais por non formar parte do banco de alimentos”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña que o reparto realizarase xunto coa entrega ordinaria do Concello a vindeira semana.

Recollida de alimentos

Paralelamente, ante a non programación de grandes eventos deportivos ou certames de corais debido ao protocolo sanitario, o Concello de Nigrán desenvolverá este ano a recollida de alimentos nos colexios do municipio ata o 18 de decembro para que, a súa vez, cumpra unha función educativa e de concienciación entre os pequenos. Así, nesta campaña participan o CEIP A Cruz, CPI Arquitecto Palacios, CEIP Carlos Casares, CEIP Humberto Juanes (que xa participou coa súa carreira solidaria) CEIP Mallón e E.I. A Galiña Azul. Operarios municipáis recollerán o recadado durante as vacacións escolares. As donacións serán exclusivamente a través do alumnado de cadanseu centro.

“O Concello de Nigrán ten un Banco de Alimentos Municipal e dispón de fondos para adquirir todos os produtos que fagan falla, estas iniciativas solidarias son de gran axuda pero se encadran máis nunha función de concienciación social moi necesaria”, explica o alcalde, quen engade que a crise económica que aparella o Covid-19 aumentou o número de usuarios dos Servizos Sociais e a previsión, desafortunadamente, é que a cifra siga medrando.

Paralelamente, o Concello pechará o 18 de decembro a recollida de xoguetes que iniciou en novembro, téndose superado con creces as mellores expectativas cunha cantidade record de recadación (estes se entregan na Oficina de Información Cidadá, de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas).

A praza de Abastos realiza unha campaña de recollida solidaria de alimentos a favor de SOS Tomiño Baixo Miño

0

A Praza de Abastos de Tui, en colaboración coa Concellería de Comercio e Mercado, realiza unha campaña solidaria de recollida de alimentos destinados a SOS Tomiño Baixo Miño. Na propia praza habilitouse un espazo para depositar estes produtos. A recollida de alimentos non perecedoiros realizarase entre o 10 de decembro e o 10 de xaneiro. Voluntarios de SOS Tomiño Baixo Miño recollerán semanalmente os produtos entregados

A iniciativa parte de Flores Rita e conta coa colaboración dos praceiros e praceiras do mercado Municipal de Tui.

A campaña iníciase hoxe, 10 de decembro e desenvolverase ata o 10 de xaneiro con recollidas semanas por parte de SOS Tomiño. O punto de recollida está establecido no propio mercado municipal.

O obxectivo desta iniciativa é obter alimentos non perecedoiros que logo serán distribuídos por SOS Tomiño Baixo entre as familias ás que prestan axuda e están nunha situación vulnerable.

A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, expresa a súa gratitude “polas inmensas propostas solidarias que están a xurdir entre a sociedade” o que indica é “unha mostra da humanidade que sen dúbida precisamos nesta complicada situación para superar o que nos toca vivir”.

Digna Rivas asegura que “Redondela é segura” e que as desinfeccións de lugares públicos “nunca se deixaron de realizar dende marzo”

0

“Non se pode consentir que, en plena pandemia, un partido político utilice a mentira, a falsidade e a terxiversación para alarmar á poboación coa única intención de sacar beneficio político”, asegurou hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, logo de que o PP afirmase que o Concello “non leva a cabo a desinfección de lugares públicos dende hai 10 días”.

A rexedora local afirmou con rotundidade que a veciñanza de Redondela “pode estar tranquila” e lembra que dende o mes de marzo o Concello desenvolve, nas primeiras horas do día, a desinfección dos lugares públicos de maior afluencia de persoas, como son as contornas dos dous centros de saúde (Chapela e Redondela), parques, supermercados, zonas de comercio, espazos públicos, colexios ou farmacias.

Ao mesmo tempo, o Concello de Redondela salienta que mantén “contacto continuo” coa Consellería de Sanidade, adecuando as medidas municipais as directrices sanitarias que esta lle marca e “incluso indo máis aló cando as circunstancias de risco para a saúde da cidadanía así o aconsella”. Nese sentido, lembra Digna Rivas que o Goberno local optou polo peche do skatepark e a Xunqueira “logo de que por parte de Senidade alertásese ao Concello sobre casos positivos por COVID na franxa de idade de 15 a 20 anos, o que facía necesaria a adopción de medidas, non moi populares, pero imprescindibles para a salvagarda da saúde dos mozos e mozas”.

Doutra banda e no que ao peche dos parques infantís fai referencia, Digna Rivas recoméndalle a portavoz do PP de Redondela, “que lle faga esa pregunta á Xunta de Galicia xa que, entre as directrices a seguir dentro do máximo estado de restrición, non se inclúe o peche das áreas infantís” dato que, afirma a alcaldesa de Redondela, “coñece perfectamente o PP e a súa portavoz que, a pesar diso é como é habitual, prefiren recorrer ao engano é a terxiversación da realidade”.

Sobre as declaracións dos populares sobre que o Concello “non informou aos veciños para que aumenten as medidas de autoprotección”, considera a alcaldesa esas manifestacións “como un mal chiste, se non fora porque estamos a falar dun caso de extrema gravidade”. “Unha vez máis e seguindo na súa liña habitual –afirma Digna Rivas– o PP prefire ocultar que dende o primeiro minuto o Concello puxo en marcha de concienciación da cidadanía sobre as medidas de autoprotección”.

De feito, dentro desa liña de información, dende o primeiro momento da pandemia dende o Concello de Redondela puxéronse en marcha grupos de maiores nas parroquias –Maiores contaxiando responsabilidade– para que concienciaran aos seus veciñas e veciños, editouse e difundiuse un vídeo, tanto entre a cidadanía coma nos centros escolares, sobre testemuñas da COVID e a importancia das medidas preventivas como freo á pandemia, colocáronse carteis con recomendacións sanitarias en comercios e lugares visibles do municipio…, iniciativas que demostran “claramente e con feitos, que o PP prefire utilizar a pandemia como arma política aínda que sexa a base de mentir e enganar á cidadanía”.

A alcaldesa conclúe que as medidas a adoptar de agora en adiante, dependerán dos datos que dean os cribados de probas PCR que se están a realizar entre a poboación e asegura que o seu Goberno “seguirá a manter a mesma liña que levamos ata o de agora, protexer aos nosos veciños e veciñas por todos os medios ao noso alcance”.

Arbo convoca unha nova edición do concurso escolar de carteis e redacción sobre a ‘Festa da Lamprea’

0

O Concello de Arbo convoca e abre o praza de inscrición do concurso de carteis e redacción que celebra habitualmente con motivo da Festa da Lamprea que chega a súa sexaxésimo primeira edición e que se desenvolverá os días 23, 24 e 25 de abril de 2021. O certame está dirixido a todo o alumnado do CEIP Antonio Carpintero, mentres que o de redacción está só enfocado aos alumnos de 3º a 6º de Primaria. Cartel e a redacción terán como tema central Arbo, a LXI  Festa dá Lamprea, gastronomía, paisaxe, patrimonio, o viño, a lamprea, os ríos Miño, Cea, Deva, etc.

A Festa da Lamprea é a festa por excelencia do noso concello, declarada de interese túristico nacional no ano 2016 e que se adaptara na súa 61 edición a evolución do COVID-19

O cartel poderá presentarse en calquera soporte e poderá estar deseñado con calquera material. A redacción, pola súa banda, terá unha extensión máxima de dous folios escritos por unha cara. Os premios deste certame consistirán en material didáctico e xogos, outorgándose para o concurso de carteis dous premios para cada un dos cursos de Educación infantil e dous premios para cada un dos cursos de primaria. Para o concurso de redacción entregaranse dous obsequios por cada un dos cursos de 3º a 6º de primaria.

Este concurso lévase realizando desde hai máis de 30 anos, creouse sendo concelleiro de Cultura o actual alcalde Horacio Gil, que sinala que é unha iniciativa “enriquecedora e que hai que mantela na actualidade xa que é capaz de achegar aos máis pequenos o patrimonio histórico, a gastronomía ou a paisaxe de Arbo”. Amais, engade o rexedor local, “failles partícipes de algo tan importante para o noso pobo como é a Festa da Lamprea, algo fundamental na vida de todos os arbenses e, por suposto, tamén de todos eles”.

Carmela Silva achégase ás “experiencias enriquecedoras” de tres estudantes no estranxeiro do programa ‘Erasmus+Practicum Depo’

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, celebrou hoxe unha teleconferencia con tres estudantes de Formación Profesional que completan os seus estudos con prácticas no estranxeiro no marco do programa Erasmus+ Practicum Depo impulsado pola Deputación co apoio do Ministerio de Universidades. Silva quixo coñecer de primeira man as experiencias da pontevedresa Diana Martínez, que está en Lecce (Italia); Rocío Feliz, unha dominicana asentada en Vigo e que viaxou ata Braga (Portugal) e Manuel Ares, un mozo de Muxía que estudou en Vigo e vén de regresar da súa estadía en Birgu (Malta).

A charla, na que tamén participou a deputada de Emprego, Raquel Giráldez, serviu para deixar patente a satisfacción persoal e profesional dos tres participantes, que afirmaron estar vivindo “experiencias moi enriquecedoras”. Carmela Silva destacou que todo o relacionado co programa Erasmus é agora moito máis complicado por mor da pandemia da COVID19, pero, aínda así, remarcou a importancia de seguir movéndose por Europa para completar a formación e “mergullarse noutro idioma”. “Gústame moito a xente que se atreve a facer cousas”, afirmou xusto antes de poñer en valor que as e os participantes neste Practicum Depo “sodes xente nova que ides a unha contorna descoñecida”. As/os tres estudantes agradeceron expresamente a Carmela Silva a oportunidade brindada pola Deputación, a presencia nos destinos de persoal supervisor das prácticas e a seguridade que dan as bases do Practicum Depo sobre os labores que deben realizarse durante o período de prácticas.

Durante a charla, que se prolongou durante 45 minutos nun ambiente moi distendido, a presidenta coñeceu detalles sobre o día a día de Diana Martínez Mourinho, que ten 30 anos e reside en Tomeza (Pontevedra) e vén de rematar o ciclo medio en Xestión Administrativa no IES Luis Seoane. Tamén de Rocío Alejandra Feliz Feliz, que ten 23 anos e orixe dominicana. Estudou na Escola de Deseño Atlántico de Vigo o ciclo medio en Procedementos de Xoiería Artística). E, finalmente, de Manuel Ares Cives, con 25 anos, natural de Muxía, rematou no Instituto Marítimo Pesqueiro de Vigo o ciclo medio en Navegación e Pesca de Litoral).

A aprendizaxe do idioma foi un aspecto especialmente valorado. Neste senso Manuel comentou a súa vivencia dende a aterraxe no aeroporto de La Valeta, cunha primeira impresión que o impulsaba a tomar o voo de volta a unha progresiva integración nun ambiente anglofalante, o que lle permitiu pasar dun nivel “A-2 escaso” a un B-1, “case, case B-2”. “Agora síntome maduro falando en inglés”, explicou. Ao mesmo tempo explicou que, trala súa formación académica, relacionada co mundo da pesca, non se decatara das posibilidades empresariais que ten o sector dos iates de recreo “que viamos como cousas de “domingueiros”, e agora teño claro que é un nicho de negocio que pode traerse a Galicia”. Rocío, pola súa banda, indicou que non tiña “nin idea de portugués e aprendín moitísimo en pouco tempo”. Distintas foron as cousas para Diana, quen xa tiña cursado estudos de italiano na Escola de Idiomas en Pontevedra e agora ten a sorte de convivir con catro mozas italianas que tamén aprenden español “así que nos corriximos mutuamente”. A moza pontevedresa falou da súa adaptación ao traballo nunha empresa de Lecce, onde leva mes e medio. Así explicou que ao principio encargáronlle traballos de redacción que non se axustaban exactamente ao perfil dunha xestora administrativa como ela: “o meu son os números”, recalcou. Cousa que tivo ocasión de deixar clara en canto caeu o primeiro cadro económico nas súas mans e decatouse dalgúns erros contables que demostrou, con seguridade, diante do seu responsable directo. “Tu sei molto brava!” (És moi boa), lle dixo. Dende entón realiza funcións máis acaídas.

O programa Practicum Depo ten por obxectivo completar a formación de estudantes graduados/as de Formación Profesional de ciclos medios con prácticas laborais en empresas e institucións europeas, para facilitar a súa inserción laboral. Nestes momentos as mobilidades que están en curso son as do Practicum Depo 2019 no que están a participar 92 estudantes e 10 docentes. Cinco deles atópanse neste intre en Escocia e Portugal (regresan a mediados de xaneiro) e outro grupo de 14 está a realizar a súa estancia en Italia, Portugal e Irlanda (vén de comezar a súa estancia). A última mobilidade do programa (a sexta) comezará en xaneiro.

A Deputación está tramitando o Practicum Depo 2020, cun orzamento de 734.027 €. Arrancará en 2021 e fará posibles 96 mobilidades de alumnado en países da Unión Europea (Irlanda, Italia, Portugal, Malta, Alemaña, Grecia, Finlandia e Países Baixos). Tamén 11 mobilidades de formación de persoal docente. O programa, que comezou no ano 2015, permitiu xa a realización de preto de 420 mobilidades de alumnado e de 20 de persoal docente. O investimento acumulado nesta iniciativa alcanza xa preto de cinco millóns de euros, dos que 820.105€ foron fondos propios da Deputación e os restantes, 4.174.403, achegados polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) do Ministerio de Industria.

A Xunta autoriza as expropiacións para reforzar a seguridade viaria na PO-403 entre a saída da A-52 e o final da travesía de Angoares

O Consello da Xunta aprobou onte o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar as obras de mellora da seguridade viaria no treito de concentración de accidentes da estrada autonómica PO-403 ao seu paso polo concello de Ponteareas.

O orzamento destinado polo Goberno galego a este proxecto rolda os 650.000 euros, nos que se inclúen os preto de 61.000 euros para o pagamento das expropiacións dos 24 predios necesarios para executar esta actuación.

Esta intervención enmárcase na estratexia do Goberno galego para a eliminación dos “puntos negros” na rede viaria autonómica. Os traballos comprenden o tramo de 1,6 quilómetros de lonxitude, desde o punto quilométrico 8+600, despois do enlace coa autovía das Rías Baixas, a A-52, e o final da travesía de Angoares, no punto 10+200.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá á convocatoria do levantamento de actas previas e á licitación das obras no primeiro trimestre do 2021 ano. Os traballos teñen un prazo de execución de 8 meses.

As intervencións proxectadas polo departamento de Infraestrutura da Xunta teñen como principais obxectivos a mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que faciliten os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.

Nas obras prevese, tamén, a creación de puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá ademais reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente nas condicións desexables de visibilidade.

Con esta intervención tamén se mellorará a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.

Principais actuacións

Máis en concreto, as principais actuacións proxectadas inclúen a mellora da intersección actual no punto quilométrico 8+860, coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido; e a execución dunha glorieta no punto 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas.

A actuación incorpora, ademais, as achegas presentadas ao proxecto inicial e inclúe a ampliación das beirarrúas, desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta no punto 9+380, para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación. Esta intervención tamén atende á solicitude para mellorar a seguridade peonil coa protección do paso de peóns no punto quilométrico 9+160.

A intervención completarase coa actuación na intersección da PO-403, no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.

O PSdeG destaca o compromiso do Goberno con Ponteareas e lamenta que o BNG “prefira os orzamentos de Rajoy e Ana Pastor” que dende 2015 nin empezou a variante

O coordinador dos socialistas galegos no Congreso dos Deputados, Guillermo Meijón, destacou hoxe o compromiso do goberno de España con Ponteareas a través dos orzamentos para o ano que vén, uns orzamentos que o BNG non apoiou a pesares de que inclúen cuestións como a variante para a vila que o PP nin empezou dende 2015.

“O BNG segue na deriva de percorrer Galicia tratando de xustificar a súa continua postura obstrucionista co actual goberno”, criticou Meijón, quen lamentou que os nacionalistas galegos prefiran as contas “maquilladas” do PP de Rajoy.

Fronte a isto, o deputado socialista recordou o compromiso adquirido polo propio director xeral de Estradas coa veciñanza e co goberno municipal de Ponteareas no que atinxe á variante. Ademais, sinalou que a vila está a recibir toda a información sobre a situación real do proxecto, máis alá de “meras declaracións de intencións” como ata o de agora acontecía.

“O Partido Popular estaba moi acostumado a encher os orzamentos con partidas que logo nunca se chegaban a executar, e Ponteareas é un bo exemplo diso”, recalcou Guillermo Meijón, quen apuntou tamén que as partidas do AVE “unicamente servían para maquillar as inversións en Galicia, porque logo apenas se executaban nun 50 %”. “Lamentamos que o BNG estea máis de acordo con estas prácticas”, remachou.

No relativo á estrada N-120, o socialista pontevedrés indicou que “o BNG sabe perfectamente, ao igual que a corporación de Ponteareas, a situación na que se atopa”, posto que a mediados de outubro presentouse o avance do proxecto na Subdelegación do Goberno e, nestes momentos, está na fase final da súa redacción.

Unha vez rematado, explicou, terá que pasar polo preceptivo período de información pública; tempo no que dende o Concello ou por parte de calquera particular poderanse presentar as alegacións que se consideren. Unha vez resoltas as alegacións, procederase á licitación do proxecto construtivo definitivo para, a continuación, licitar e iniciar as obras.

Finalmente, Meijón indicou que os orzamentos do Estado para o ano 2021 están elaborado para o tempo extraordinario que nos toca vivir, polo que as partidas están aquilatadas ás posibilidades de execución real, deixando partidas abertas e mesmo contemplando un incremento en partidas xenéricas que servirán para avanzar naqueles proxectos cuxo ritmo de implementación así o permita.

Por iso, recalcou, “insistir por parte do BNG no concepto de «España nos roba» non se compadece cuns orzamentos que dedican a Galicia un incremento do 62% no conxunto de inversión respecto dos orzamentos do ano 2018 se descontamos as partidas do AVE”. “Isto só pode entenderse dende o compromiso do goberno e do esforzo dos deputados e deputadas socialistas por conseguir para Galicia uns bos orzamentos para a nosa terra”, resaltou, antes subliñar que a esa inversión súmase “o maior gasto social da historia de España, tan importante para Galicia”.

O non do BNG

En paralelo, Guillermo Meijón reprobou que o BNG se excluíra do grupo das forzas progresistas que lograron chegar a entendementos para “poder levantar este país da maior crise sanitaria, social e económica que se recorda”.

Ademais, criticou a súa postura “obstrucionista” tamén ao negar o seu apoio ás conclusións da Comisión de Reconstrución, ás recomendacións do Pacto de Toledo que implican a sostibilidade das pensións e a súa suba respecto do IPC, á nova lei de Educación que desterra a nefasta lei Wert e, como colofón, aos orzamentos para o ano 2021.

“A non aprobación dos orzamentos do Estado implicaría, no mellor dos casos, continuar cos presupostos de Montoro, cos que resultaría imposible afrontar a crise, ou mesmo perder os fondos europeos e paralizar a reconstrución do noso país”, advertiu o dirixente socialista.

‘Elas son a forza do Nadal’, poñer en valor o traballo das mulleres, defender ás produtoras e produtores e chamar a mercar no comercio local

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe a segunda edición de ‘Elas son a forza do Nadal’, unha iniciativa que busca, por unha banda, poñer en valor o traballo das mulleres que “é fundamental” e, doutra banda, defender ás produtoras e produtores “e facer ver á xente a necesidade que compren do noso, que compren no comercio local”.

Carmela Silva, a quen acompañaban a viveirista e presidenta de acuBam, Mariví Álvarez; a peixeira Bea Reimóndez da pescadería ‘De mi barrio’ do mercado de Teis e a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, asegurou que “se durante todo o ano é importante poñer en valor o traballo das mulleres, nestas datas de Nadal ten que ser máis visible “xa que todas as comidas e ceas destas datas, reducidas este ano por mor da Covid, todo o que chega aos nosos platos é posible grazas ás mulleres que traballan no sector primario”.

A Campaña, realizada conxuntamente pola Deputación de Pontevedra, acuBam, Anmupesca e Fademur, busca visibilizar o traballo que desenvolven as mulleres da provincia, tanto produtoras como comercializadoras, e que, dixo Carmela Silva “permiten que o mellor produto, o produto de proximidade, poida chegar ás nosas mesas.

“Normalmente os rostros, os nomes, a actividade destas mulleres está invisibilizada. Neste sector, no sector primario, este feito e aínda máis inxusto porque se trata dun sector no que, prioritariamente, traballan mulleres”, engadiu a presidenta provincial.

Relacionaba Carmela Silva o produto de proximidade coa sustentabilidade xa que, ao consumir estes produtos, afirmou, “non só estamos a consumir un produto de calidade, non só é un produto maioritariamente ecolóxico e que polo tanto aposta pola sostibilidade, senón que apostar polo produto local tamén é loitar contra todas as cousas que danan o planeta”. “Se mercamos produto de aquí, produto de cercanía, precísase menos transporte e polo tanto contribuímos á redución de emisións de CO2”.

Antes de dar paso ao vídeo promocional da campaña ‘Elas son a forza do Nadal’, Carmela fixo unha reflexión sobre un feito que a Covid-19 puxo en maior relevo: a importancia de garantir a suficiencia alimentaria. “Imaxinemos por un momento un mundo no que non tiveramos produtoras e produtores de proximidade, no que todo o tiveramos que mercar noutros lugares. En situacións como esta, isto podería supoñer un risco moi importante de falta de produto para poder garantir a vida da xente. A Covid pon máis en valor esta cuestión”, afirmou.

No video da campaña, polo tanto, ponse nome e cara a produtoras de diversos sectores. Así aparecen Bea Reimóndez, pescadeira De mi Barrio, no mercado de Teis, cuxa aposta polas redes sociais e as TIC permitiulle enviar peixe durante o confinamento por todo Vigo e mesmo fóra da cidade; Mariví Álvarez, viveirista, presidenta de acuBam e socia de viveiros Río Tollo de Tomiño no que traballan un 90 % de mulleres; Margot Cababelos, avicultora, propietaria dunha granxa avícola en Cambados que ten moi en conta a sustentabilidade e benestar animal; María González, propietaria da panadaría Paulino en Rellas, Silleda, na que ela é a terceira xeración; Marina Álvarez, é unha redeira na Guarda e vicepresidenta da Asociación de Redeiras Atalaya dende a que están a loitar para que se lles aplique un coeficiente redutor para a xubilación; Susana González, percebeira-ouriceira e patroa maior da confraría A Anunciada de Baiona, que destaca no vídeo da campaña a liberdade e independencia económica que lle outorga o seu traballo; Mari Luz García, gandeira na Estrada, tamén ecolóxica e respectuosa co benestar animal e, por último, Cristina Yagüe e María Falcón, viticultoras propietarias da Anónimas Viticultoras, en Cambados, “o nome da empresa é unha homenaxe a tantas mulleres non recoñecidas en xeral e especialmente no mundo do viño que foi tradicionalmente masculino”, apuntou Carmela Silva.

Pola súa banda a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, subliñou a importancia de lanzar iniciativas “en positivo” como esta campaña, máis “neste ano tan malo”, e por impulsar o produto de proximidade, “feito por mulleres que levan moitos anos coidando da nosa terra”. Na calidade do produto afondou a peixeira Bea Reimóndez, quen destacou a “forza” das mulleres “para sobrevivir nestes tempos tan duros e traballar arreo para que todas as persoas poidan contar cunha boa vianda no Nadal”. Finalmente, a presidenta de AcuBam Mariví Álvarez enxalzou a importancia da campaña “porque precisamos reforzar, crer e facer que a xente crea no produto local, que está a consumir produtos bos porque cada día as produtoras estamos a superarnos e a evolucionar para mellorar”.

Baiona desvela que a cabalgata de Reis será estática no parque de “A Palma” e con visitas dos Reis Magos ás parroquias

0

O alcalde e a concelleira de Cultura desvelaron un dos segredos mellor gardados da programación do nadal: A Visita dos reis meigos ao Concello de Baiona.

O Concello de Baiona decidiu modificar a súa tradicional cabalgata de Reis, que habitualmente percorría as súas rúas máis importantes o 5 de xaneiro, e deseñou unha versión de “cabalgata visitable e estática”, coas tres carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar que os veciños e veciñas poderán admirar desde certa distancia no parque de “A Palma”.

Esta é a aposta para evitar aglomeracións que deseñou a Concellaría de Cultura que está a organizar un dispositivo especial para que a tarde do 5 de xaneiro colóquense as carrozas neste espazo seguro, “A Palma”, onde as persoas interesadas poidan visitalas entre as 17:00 e as 21:00 horas. En este evento do Nadal os Reis Meigos “estarán atentos e saudando a todas as persoas que pasen polo percorrido que estará controlado, marcado coas pautas de seguridade e tomaranse todas as medidas de seguridade pertinentes”.

Así mesmo, para garantir que ninguén quede sen ver aos Reis Meigos e co fin de evitar aglomeracións o propio día 5 de xaneiro, un día antes, o 4 de xaneiro, a comitiva real desprazarase até distintos puntos nas parroquias baionesas: “Desde o Concello de Baiona escribimos un email aos reis meigos de oriente para que fixesen un esforzo extra na nosa localidade e fagan un alto no camiño o luns día 4 para visitar aos nenos e nenas das nosas parroquias”, matiza a Concelleira de Cultura, Miriam Costas, encargada do departamento que deseñou toda a programación do Nadal de Baiona.

Deste xeito, as súas maxestades de oriente visitarán as distintas parroquias do municipio baionés. Na folla de ruta das súas maxestades para este día figuran as seguintes visitas: Á parroquia de Baredo de 17:00h-18:00h( lugar a concretar), a Fontes- Baíña (concretamente á rotonda CEIP Fontes-Baíña) de 19:00-20:00h, a Belesar, (esplanada CEIP de Belesar), de 17:00h-18:00h e a Sabarís( na Praza Vitoria Cadaval) de 19:00h-20:00h.

En canto aos habituais caramelos, este ano non serán lanzados desde a cabalgata, senón que serán distribuídos polos paxes dos reis meigos en bolsas individualizadas. Os paxes tamén serán os encargados de facer chegar á comitiva real as cartas de última hora daqueles nenos e nenas que queiran facerllas chegar ás súas maxestades de oriente.

“Unha comitiva estática e o público pasando ordenadamente e con distancias”, así será a cabalgata de reis da vila mariñeira este ano. Rebelouno o alcalde, Carlos Gómez Prado, “que a pesar da situación sanitaria non quere renunciar nin á cabalgata de reis nin aos festexos propios do Nadal”.

“Desde o Concello de Baiona mándase unha mensaxe de tranquilidade a cidadanía xa que se van a por as medidas de seguridade e preventivas necesarias, cumprindo a normativa marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. O obxectivo xeral é reducir ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia á vez que se goza da oferta cultural do Nadal”, matizou o rexedor. O Alcalde e a Concelleira de Cultura queren agradecer o traballo realizado polo departamento de Cultura, encargado de deseñar toda a programación de nadal, e aos operarios do concello que “Fixeron un magnífico traballo de iluminación con respecto ás carrozas. Traballan a contrarreloxo para poder gozar dunha carroza iluminadas con millóns de puntos led”.

O Concello de Mos, sigue na liña de apoio á hostalería

0

O persoal da Axencia de colocación atópase a disposición do todolos hosteleiros/as que precisen axuda para realizar estes trámites.

Ante a situación de crise actual provocada pola pandemia da Covid-19, o tecido empresarial do noso municipio e dos municipios limítrofes reséntese de forma alarmante, e o sector hostelero, é un dos máis perxudicados nestes momentos.

Tanto dende o goberno autonómico, como dende o goberno local xestiónanse liñas de axuda en apoioi da hostelería e de sectores especialmente paralizados.

O Concello de Mos, desenvolve unha política de cercanía aos vecinos e veciñas do municipio e ao tecido empresarial e de apoio a aqueles sectores máis afectados, tales como o da hostelería.

Para paliar a afección dos establecementos de hostelería tomáronse medidas, tales como:

  • Derogada a taxa das terrazas.
  • Solicitóuse ao Consorcio de Augas do Louro, aplicación dunha bonificación do recibo do saneamento e abastecemento de auga a estes establecementos.
  • Presentóuse unha moción para instar ao goberno central que lle permita ao Concello de Mos modificar o IBI e o imposto de rodaxe, para así poder aplicarlles aos contribuíntes bonificacións/exencións. Estes impostos están regulados por normativa estatal.
  • Plataforma – Directorio web de empresas de Mos: “Queda en Mos”
  • Bonificación do recibo do lixo na parte proporcional correspondente aos 5 meses de afección aos establecementos hosteleiros (marzo, abril, maio, novembro e decembro)

Para esta BONIFICACIÓN DO LIXO que se está xestionando con apoio da Concellaría de promoción económica (Axencia de Colocación de Mos), falóuse no mes de novembro  con todolos locáis de hostelería de Mos, para informarlles desta medida e darlles apoio na solicitude da mesma. Neste momento presentáronse 15 solicitudes no Concello. Preténdese que todolos establecementos do sector hostelero soliciten esta bonificación durante este mes de decembro

Asímesmo informóuse a todolos negocios de hostelería asímesmo das axudas convocadas pola Xunta de Galicia dirixidas a este sector de forma específica e a sectores especialmente afectados, transporte por taxi, provisión de comidas preparadas para eventos, actividades de axencias de viaxe, , actividades recretativas e de entretenemento, ….

Así, a través do Programa de rescate para autónomos (TR440A), as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA e que teñan recoñecido o cesamento ordinario ou extraordinario de actividade poden ter unha axuda de 1.200 €. E As persoas traballadoras autónomas en sectores cuxa actividade estivera especialmente paralizada poden ter unha axuda de 2.000 €. Estas axudas deben de solicitarse antes do 18 de decembro a través do procedemento TR400A .

E a través do Programa de apoio á hostelería (TR400C) poderán obter axudas de 1500 € por mes de paralización da actividade dende o mes de outubro, cun mínimo de dúas semanas, e de 2.000 € no caso de establecementos que ocupen a más 10 traballadores. Esta axuda poderá solicitarse a través do procedemento TR400C antes do 28 de decembro.

E a través do Programa de Microempresas afectadas polo Covid (TR400B) pode solicitarse unha axuda para o mantemento de emprego e da actividade económica de 4000 €, e de ata 5.000 € no caso de microempresas de sectores especialmente afectados. Poderán solicitar estas axudas antes do vindeiro día 28 de decembro a través do procedemento TR400B.

A Deputación convoca para o sábado unha xornada de retiraza de “basureleza” na Serra da Groba ao abeiro do Proxecto Libera

0

A Deputación de Pontevedra organiza unha nova xornada de retirada de “basuraleza” ao abeiro do Proxecto Libera, no marco da campaña “1m2 por praias e mares”, que se desenvolverá este vindeiro sábado 12 de decembro na Serra da Groba, no concello de Baiona. As persoas voluntarias interesadas en participar poden inscribirse a través do formulario que atoparán na web  da institución provincial (www.depo.gal).

O obxectivo desta xornada é liberar basuraleza deste espazo, pero tamén tipificar e caracterizar o tipo de residuos recollidos nestes puntos mediante unha metodoloxía estandarizada. A actividade terá unha duración de 2 horas e os grupos estarán formados por un máximo de 6 persoas, polas restricións da Covid-19.  As e os participantes contarán cunha app que lles axudará a introducir e compartir os resultados, que serán incorporados ás bases de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e servirán para buscar estratexias máis eficientes e efectivas para acabar con este grave problema ambiental.

O Proxecto Libera, iniciativa de SEO/BirdLife e Ecoembes, facilitaralle ás persoas voluntarias o material necesario para desenvolver a actividade: luvas, bolsas de distintas cores para segregar os residuos (azuis, amarelas, verdes e negras) e  se fará cargo do seguro das e dos participantes. Hai que destacar que o Proxecto Libera traballa a través de todas as súas accións para axudar a conseguir cinco dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030. Máis polo miúdo, contribúe á Educación de Calidade (ODS 4), á Acción polo Clima (13); Vida submarina (14); Vida dos ecosistemas (15) e Alianzas para lograr os Obxectivos (17).

Rexístranse un total de 5.927 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.927 deles 1.193 son da área da Coruña, 606 da de Lugo, 377 da de Ourense, 871 da de Pontevedra, 1.499 da área de Vigo, 785 da de Santiago, e 596 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 51 están en UCI, 324 en unidades de hospitalización e 5.552 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 47.872 persoas curadas, rexistrándose 1.281 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 952.173.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Turismo Rías Baixas reforza o seu liderado en distintivos ‘Q’ con 10 oficinas e puntos de información certificados

Turismo Rías Baixas segue a reforzar o seu liderado en distintivos ‘Q’ de calidade turística ao sumar xa un total de dez oficinas e puntos de información que contan coa certificación Q, conforme á norma UNE-ISO 14785 que concede o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE). Deste xeito, os tres servizos de atención e información que xestiona Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra que xa contaban con este distintivo lograron renovalo este 2020, ao igual que as catro oficinas adheridas á Rede Info RíasBaixas, ás que se suman agora outros tres establecementos desta rede.

Máis polo miúdo, no caso dos servizos de Turismo Rías Baixas, contan co distintivo renovado a oficina central e os puntos de información turística do Mosteiro da Armenteira e do Aeroporto de Vigo. No caso da Rede Info Rías Baixas, acaban de acadar o certificado a Oficina de Turismo de Nigrán-Dunas de Gaifar, a Oficina de Turismo O Casal de Ferreirós de Poio e a Oficina de Turismo da Estrada, que se unen así aos outros establecementos que xa o tiñan acreditado: as oficinas de turismo de Caldas de Reis, Cangas-Casa da Bola, o punto de información da Illa de Arousa e a oficina de Baiona.

Hai que destacar que na auditoría deste ano, acadouse unha nota media global de 878 puntos sobre 1.000. O informe destacou seis puntos fortes dos servizos certificados: a revisión do sistema de calidade, a atención ás e os visitantes, o subministro de información para as e os visitantes, as fontes de información utilizadas polos e polas informadoras turísticas, os recursos humanos empregados, e na infraestrutura, instalacións e equipamentos. Amais, a auditora puntuou cun notable alto ás demais categorías: o coñecemento e cumprimento da lexislación aplicable, a organización do sistema de xestión de calidade, a satisfacción dos e das clientas, a xestión da Calidade, e as tecnoloxías de comunicación.

Así mesmo este ano as oficinas de Turismo Rías Baixas e as oficinas adheridas á Rede Info Rías Baixas enfrontáronse a un importante reto para implantar todos os protocolos hixiénico-sanitarios fronte á Covid-19, o que consolida unha garantía de calidade, seguridade e profesionalidade nos puntos de información do destino.

Pioneiras na certificación

Hai que lembrar que a oficina central de Turismo Rías Baixas e o Punto de Información Turística do Mosteiro da Armenteira foron as primeiras oficinas galegas en conseguir o distintivo “Q”, que recoñece a súa calidade e profesionalidade. Tres anos despois alcanzou a distinción o Punto de Información Turística do Aeroporto de Vigo, conseguindo así que todas as oficinas e puntos de información xestionados polo servizo de Turismo Rías Baixas da Deputación contasen coa “Q” de Calidade Turística.

Amais, a institución provincial creou no ano 2018 a Rede de Oficinas de Turismo Info RíasBaixas baixo o obxectivo de coordinar e impulsar as accións de promoción do destino coa aposta por unha oferta turística de calidade mediante a unificación, fomento e seguimento da mesma. Na actualidade están adheridas 25 oficinas e puntos de información, e dúas están en trámite de facelo. Tal e como se establece na ordenanza reguladora desta rede, estes servizos poden beneficiarse tamén da obtención de distintivos de calidade, de xeito que xa nese mesmo ano lograron a ‘Q’ as oficinas de turismo de Caldas de Reis e de Cangas-Casa da Bola. Ao ano seguinte certificáronse a oficina de turismo de Baiona e o punto de información turístico da Illa de Arousa, e neste 2020 accederon ás tres citadas de Poio, Nigrán e A Estrada.

Continúa a programación do Nadal 2020 na Guarda con teatro, música e moito máis

0

Despois da primeira semana de actividades da programación do Nadal 2020 na Guarda, na que se realizou o acendido do alumeado, o arranque do Mercado de Nadal, a charla de Fernando Rego e o Concerto de Helen & Shanna, chega a segunda semana de programación, con moitas actividades para todas as idades.

O venres 11 de decembro a programación de Nadal prosegue coa representación teatral de “Running polo Camiño”, que terá lugar ás 20:30h no Centro Cultural. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850(en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h) ou no enderezo electrónico [email protected].

O sábado 12 de decembro ás 12:00h chega o momento dá música con “Cantos de Nadal”, un evento musical no que participan pandereteiras da vila, que amenizarán a Praza de Avelino Vicente con cántigas tradicionais e de nadal.

Seguindo coas actuacións musicais, o xoves día 17 de decembro ás 17:00h na Praza do Reló, será a quenda do concerto do Coro Infantil do Conservatorio de Música Elemental de A Guarda. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850(en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h) ou no enderezo electrónico [email protected]

O venres 18 de decembro ás 17:00h as rúas da Guarda encheranse dun divertido repertorio especial de Nadal con “O Belén de Pulpiño” do Pulpiño Viascón, para todos os públicos. Polas rúas da vila a partir das 17:00 horas.

O sábado 19 de decembro ás 12:00h nova sesión de “Cantos de Nadal”, un evento musical no que participan pandereteiras da vila, que amenizarán a Praza de Avelino Vicente con cántigas tradicionais e de nadal.

Tamén o 19 de decembro ás 17:30h o Centro Cultural será o escenario do Espectáculo de maxia “O Cinematólogo”. Emoción, recordos, risas e moita ilusión nos agardan neste novo espectáculo do noso mago infantil favorito. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850(en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h) ou no enderezo electrónico [email protected]

O martes 22, mércores 23 e xoves 24 decembro “Os carteiros do Nadal” estarán polas diferentes rúas da vila para que os nenos e nenas entreguen as súas cartas(22 e 23 en horario: 17:00h a 20:00h horas e 24 en horario: 10:30h a 13:30h).

O derradeiro evento do ano terá lugar o sábado 26 de decembro co Espectáculo infantil “Zona en obras” de Brais das Hortas. Contos, música, títeres, instrumentos con obxectos e moita interacción co público. O evento terá lugar no Centro Cultural ás 17:30 horas. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850(en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h) ou no enderezo electrónico [email protected].

Xa no mes de xaneiro o sábado día 2 de xaneiro o Centro Cultural acolle ás 17:30h a obra de Teatro Infantil “O Crebanoces” de Larraitz Urruzola. Unha representación teatral infantil e familiar, duns 60 minutos de duración, inspirada no conto de Hoffmann. No espectáculo emprégase a música que creou Tchaikowsky e está deseñado para ser interpretada tanto con formación musical como sen ela.

Os “carteiros do nadal” regresan o sábado 2, luns 4 e martes 5 xaneiro ás rúas da Guarda(2 e 4 en horario: 17:00h a 20:00h e o 5 en horario: 10:30h a 13:30h)

O Martes 5 xaneiro terá lugar a Visita dos Reis Magos, que farán un percorrido polas diferentes rúas da vila, onde as luces que se repartirán entre os nenos os guiarán dende os balcóns e ventás das vivendas da vila. As luces, de fabricación local, serán repartidaspara que os reis magos saiban onde teñen que deixar os agasallos, polo que teñen que deixalas nas fachadas das casas.

Máis actividades na Programación do Nadal 2020 na Guarda

•         MERCADO DE NADAL

Na Praza de Avelino Vicente do 4 de decembro de 2020 ao 5 de xaneiro de 2021 coincidindo coa campaña de comercio e cultural adicada ao Nadal.

•         ALFOMBRA FLORAL DE NADAL

No hall da Casa dos Alonso, realizada en colaboración coa A.C  Alfombras da Guarda, sepode visitar en horario de 9:00h a 15:00h de luns a venres.

•         AS XANELAS DO NADAL, concurso de decoración.

Participa ata o 11 de decembro. Votacións do 14 ó 21 de decembro no facebook de @culturaguarda

•         VIDEOCHAMADAS COS REIS MAGOS 

3 e 4 de Xaneiro, pide o teu código de acceso web previamente no Centro Cultural antes do 23 de decembro no 986 61 1850(en horario de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h) ou no enderezo electrónico [email protected]

PROGRAMACIÓN AXENDA DE NADAL:

DECEMBRO

VENRES 11 DECEMBRO

Teatro “Running polo Camiño”

No Centro Cultural ás 20:30 horas (inscrición previa)

SÁBADO 12 DECEMBRO

Cantos de Nadal

Na Praza de Avelino Vicente ás 12:00 horas

XOVES 17 DECEMBRO

Concerto do Coro Infantil conservatorio

Na Praza do Reló ás 17:00 horas (inscrición previa)

VENRES 18 DECEMBRO

“O Belén de Pulpiño” do Pulpiño Viascón

Polas rúas da vila a partir das 17:00 horas

SÁBADO 19 DECEMBRO

Cantos de Nadal

Na praza de Avelino Vicente as 12:00 horas

Espectáculo de maxia “O Cinematólogo”

Centro Cultural ás 17:30 horas. (inscrición previa)

MARTES 22, MÉRCORES 23 e XOVES 24 DECEMBRO

“Os carteiros do Nadal”

22 e 23 en horario: 17:00 a 20:00 horas

24 en horario: 10:30 a 13:30 horas

SÁBADO 26 DE DECEMBRO

Espectáculo infantil “Zona en obras” de Brais das Hortas

No Centro Cultural ás 17:30 horas. (inscrición previa)

XANEIRO

SÁBADO 2 DE XANEIRO

Teatro Infantil “O Crebanoces” de Larraitz Urruzola.

No Centro Cultural ás 17:30. (inscrición previa)

SÁBADO 2, LUNS 4 e MARTES 5 XANEIRO

“Os carteiros do Nadal”

2 e 4 en horario: 17:00 a 20:00 horas

5 en horario: 10:30 a 13:30 horas

MARTES 5 XANEIRO

Visita dos Reis Magos.

Os reis magos visitaran durante o día as diferentes rúas da vila.

Reunión entre a alcaldesa de Salvaterra de Miño e a conselleira de Infraestruturas

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, ven de reunirse coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Mª Vázquez Mourelle, co fin de avanzar no programa de inversións no municipio.

A conselleira e a alcaldesa coinciden na importancia de certas liñas de actuación e así priorizanse varias actuacións fundamentais como son a financiación da Depuradora do Mendo e o saneamento de Oleiros e o convenio de traspaso de varias estradas autonómicas que quedaran enriba da mesa a consecuencia da Covid-19 e que permitirán a apertura da Rúa Galicia no Casco Urbano.

Ademais analizaron o estado no que se encontra a redacción do proxecto de ampliación da Ponte Internacional que une Salvaterra e Monçao, un proxecto pioneiro que busca fomentar a mobilidade internacional sostible e que se está realizando da man de Infraestruturas de Portugal.

O Concello de Nigrán estrea un vídeo promovendo o consumo local cos propios comerciantes como protagonistas

0

O Concello de Nigrán avanzou esta pasada noite o trailer do vídeo promovendo o consumo local no Nadal e protagonizado polos propios comerciantes do municipio. Eles mesmos expoñen mirando á cámara cadanseu motivo para mercar dentro de Nigrán, seguindo así coa mensaxe das anteriores campañas ao respecto levadas a cabo polo consistorio.  A versión completa, de 3 minutos de duración, estrearase o xoves 10 simultáneamente nas redes sociais do Concello (20:30 horas, Facebook e Youtube) e se proxectará en todos os eventos de Nadal nos que técnicamente sexa posible. O vídeo forma parte da campaña municipal iniciada a finais de novembro #VivoEnNigránComproEnNigrán e ‘Agora máis que nunca este Nadal merca en Nigrán’ .

As oito persoas representan diferentes sectores dentro do pequeno comercio e a hostalaría da localidade e, a súa vez, pertencen a diferentes parroquias. Na versión reducida ou trailer, de só 40 segundos, eles son os grandes protagonistas, na longa (de 3 minutos) o vídeo vai acompañado de imaxes de establecementos e rúas de todo Nigrán. “Quixemos que os 8 comerciantes fosen a voz de todo o texido comercial do municipio  e que as imaxes reforzasen esa idea de que non é preciso saír de Nigrán para mercar produtos da mellor calidade”, incide o alcalde, Juan González. Os argumentos que ofrecen cada un deles para apostar polo pequeno comercio son simples pero contundentes: “Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo as rúas con vida. Porque axudas as persoas emprendedoras e xeras emprego. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque evitas maiores desprazamentos e resulta ecolóxico. Porque aínda que agora o tape a máscara, sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas”.

Paralelamente, o Concello leva esta campaña de promoción do comercio local ‘Agora máis que nunca este Nadal merca en Nigrán’ a 60 escaparates do municipio adheridos a Ovalmi. Así, grazas á colaboración da asociación de empresarios, o Concello contratou o servizo do deseñador gráfico de Sabarís Juan Hernández para pintar con rotulador branco sobre vidro o hashtag ‘#VivoEnNigránComproEnNigrán’ dun xeito decorativo. O pintado rematará a final desta semana. “Animamos non só aos comerciantes a que empreguen este hashtag #VivoEnNigránComproEnNigrán, se non á veciñanza para que suba fotos as súas redes consumindo nos negocios locais baixo esta etiqueta, o obxectivo é crear un clima positivo e extender esta idea entre todos”, explica o alcalde, Juan González. “Estou moi contento de sumarme a esta campaña precisamente na miña comarca”, confesa Juan Hernández, deseñador gráfico de 34 anos natural de Sabarís e titulado en Gráfica Publicitaria en Aula D. Precisamente, Juan ten gran experiencia en lettering, letras artísticas feitas a man, desenvolvendo este traballo para moitas pizarras e cartas de restaurantes do Val Miñor.

A campaña do Concello inclúe diferentes aspectos, entre os que destaca o sorteo de 1.300 € en vales de 50 € entre os clientes dos establecementos adheridos a OVALMI para consumir en 26 locais hostaleiros do municipio durante todo o 2021, difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio ou a estrea o mércores dun vídeo no que os protagonistas son os propios comerciantes de Nigrán (mañá presentarase o trailer en redes). Todo baixo o mesmo lema e coa cara dun Papá Noel sorrinte como ilustración (obra precisamente da deseñadora gráfica de Nigrán Olalla Fernández).

O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como xa o fixo durante o confinamento coas pequenas tendas de alimentación, as panaderías en Pascua ou o Día da Nai. “Queremos motivar máis que nunca ao consumo local e, a maiores, o Concello inclúe actividades de Nadal que dinamizarán as rúas e, por suposto, mantemos o alumeado porque tamén da vida ao comercio”, resume o alcalde.

A planta ornamental e a flor cortada do Baixo Miño, xa ten selo que identifica a súa calidade e sustentabilidade

0

A planta ornamental e a flor cortada cultivadas no Baixo Miño contan xa cun selo identificativo que garante a súa calidade e sustentabilidade grazas á iniciativa da Deputación de Pontevedra e da Asociación acuBam. Esta distinción é parte da nova campaña lanzada para animar á cidadanía a mercar este produto de proximidade que constitúe un dos principais sectores na actividade económica nesta comarca e que este ano estivo marcado por unha profunda crise con motivo da pandemia da Covid-19.

O Viveiro O Piñeiro foi o escenario escollido hoxe para a presentación, na que a presidenta, Carmela Silva, fixo fincapé no feito de que este sector “é de futuro” porque “está moi vinculado ao que se está a demandar: a necesidade dunha economía diferente, na que pasemos de destruír a coidar o planeta”. Incidiu na importancia deste novo selo de calidade, cuxa imaxe fusiona unha planta e unha flor en varias cores, “que permite que a xente saiba que aí está o mellor”. Tamén destacou que o vídeo, no que se pon de releve á importancia de agasallar flores da man dunha parella de persoas maiores e das traballadoras, “chega ás emocións”. “Animo á xente a que saiba que este é un sector potentísimo, de proximidade, sostible, que temos que coidar porque xera moita actividade e emprego, por certo emprego de mulleres, que son as protagonistas tamén do vídeo”.

Carmela Silva coas alcaldesas de Tomiño, Sandra González (á esquerda) e do Rosal, Ánxela Fernández Callis

A presidenta recoñeceu así mesmo a labor de acuBam á hora de ter unido a este sector no Baixo Miño, “porque hai que agrupar sinerxías para ser máis fortes”, e recoñeceu a labor neste senso da anterior presidenta do colectivo, Patricia Rodríguez, así como da actual, Mariví Álvarez. E subliñou que o apoio da Deputación ao sector “é unha obriga; para iso xestionamos o público, para que a xente da terra viva mellor”. Neste senso, congratulouse do feito de que sector comeza a recuperarse da crise da Covid. “Non hai nada que encha máis ao ser humano que o contacto coa terra. Somos terra, aínda que vivamos en cidades. Así que temos que apostar polo noso, e mercar planta ornamental, é unha marabilla poder plantala na túa casa ou no teu balcón, que queda o cheiro á terra e a vista marabillada de cores e vai permitir rachar co sedentarismo. E temos que regalar flor –apuntou Carmela Silva-. E o temos que facer ao longo de todo o ano. Porque quen compra flor é feliz cando a compra pero cando o regala é dobremente feliz. Merquemos as nosas plantas e flores, que agora amais teñen un selo de calidade e non hai flor nin planta mellor ca nosa”.

Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, destacou que o novo selo “é mais que un paso ao recoñecemento ao traballo das persoas Baixo Miño que fan posible esta actividade e con el queremos que todas as persoas que queiran desfrutar dela nos coñezan e recoñezan nos puntos de venta habituais”. “Queremos engadir un elemento máis de mimo e cariño ás plantas e flores que compartimos e que desexamos desfrutar”, sinalou. Subliñou así mesmo o concepto de sustentabilidade que marca estes cultivos da planta ornamental e flor cortada, “a fonte principal de ingresos do territorio”, como un recoñecemento “ao valor da terra, a terra que nos permite desenvolver a actividade profesional, baseada no cultivo e o mimo dos nosos produtos”. “E por isto que nos debemos a ela, asegurando o respecto a través das nosas técnicas e produtos de cultivo respectuosos impacto no solo e a xestión de recursos hídricos –dixo-. E máis alá, comprometémonos coas persoas que confían en nós e buscan nas nosas plantas un espazo de desfrute, de descanso e reencontro co noso espazo natural”.

No acto participaron tamén as alcaldesas do Rosal e Tomiño, Ánxela Fernández e Sandra González. A primeira destacou que o sector da planta e a flor “danos agora máis vida se cabe” e subliñou o papel estratéxico que teñen as mulleres nestes cultivos “e que se ve neste vídeo”. O novo selo de calidade responde, “dálle máis valor engadido a este sector”. “Son moitas as traballadoras do noso pobo que están nese sector e temos que sumar para que espazo coma este se convertan nunha realidade máis alá da vida que compartimos todas”. Pola súa banda, Sandra González, referiuse ao crítico momento que pasou o sector en Tomiño, “o epicentro da flor e planta ornamental en Galicia”, coa pandemia. “É un orgullo apostar por unha economía verde, pegada ao chan e sostible, e diso fala este selo de orixe –apuntou-. Fala de que a planta que os consumidores van a mercar é unha planta case quilómetro cero; é unha planta galega, feita aquí que non ven doutros países. Queremos que as persoas consumidoras saiban que alá onde estea a planta do Baixo Miño vai estar identificada con ese selo de orixe de planta galega, sostible, cultivada e criada con amor por esta mans femininas que é o 90% da nosa man de obra e afortunadamente tamén agora cunha porcentaxe moi alta de empresarias. Tamén destacou que a actual campaña de valorización do produto e de consumo responsable “vaise repetir ao longo dos anos”.

Papá Noel falará cos nenos e nenas de Arbo que así o soliciten

0

A ninguén se lle escapa que este Nadal é diferente. Un Nadal marcado pola COVID-19 é as medidas de seguridade sanitarias pero, con todo, o Concello de Arbo quere que a ilusión e a maxia destas datas siga viva para os máis cativos.

O Concello de Arbo, comprometido con estar máis preto que nunca coas familias e os máis pequenos e pequenas nestas datas tran entrañables, vén de contratar unha empresa e pon a disposición dos veciños e veciñas de Arbo unha plataforma para que os nenos e nenas poidan falar con PAPA NOEL neste Nadal.

Para poder falar con Papa Noel, debebán entrar na web: WWW.nadal2020.es ou chamar o telefono 641 585 245 é concertar a súa cita. O prazo de inscrición remata ó 17 de decembro.

“Aínda que a pandemia cambiou a nosa forma de relacionarnos, traballar, gozar do lecer, o Concello de Arbo non quere resistirse a celebrar o Nadal, aínda que este ano será diferente”. Afirma Horacio Gil, alcalde de Arbo.

A Deputación e a Coordinadora Galega de ONGD organizan o encontro online ‘Defensoras de dereitos: soster a vida, sementar o cambio’

A segunda edición da iniciativa ‘Defensoras de Dereitos’, o proxecto impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD, chega de forma online co obxectivo de recoñecer e poñer en valor a loita das mulleres ao redor do mundo na defensa dos dereitos humanos. En concreto, céntrase no traballo que están a desenvolver as activistas mesoamericanas durante a pandemia derivada da Covid-19, unha situación que está aumentar as violencias que sofren ao levar a cabo o seu labor.

Neste contexto, este mércores 9 de decembro terá lugar a conversa online ‘Defensoras de dereitos: soster a vida, sementar o cambio’. O encontro, que terá lugar ás 18:00 horas e estará dinamizado pola xornalista e escritora Lara Dopazo, poderá verse a través da canle de YouTube da Coordinadora. Nel participarán tres mulleres referentes: Míriam Suazo, defensora dos dereitos das mulleres, María Magdalena Cuc Choc, defensora do territorio e dos dereitos das mulleres indíxenas, e Estela Mondragón, defensora do territorio das comunidades indíxenas e integrante da Rede Nacional de Defensoras de Dereitos Humanos en México. As relatoras realizarán as súas intervencións dende Honduras, Guatelama e México. Pola súa banda, Laura Dopazo está a piques de publicar tres libros nos que narra as historias de vida e acción política das defensoras que participan na conversa. Son relatos de loita individual e colectiva de cada unha delas e estarán dirixidos ao público xuvenil.

No marco de ‘Defensoras de Dereitos’ o 21 de novembro inaugurouse #Defensoras Semillas de Cambio, unha exposición fotográfica que recolle retratos e historias de vida e acción política de 15 defensoras de Dereitos Humanos de Honduras, Guatemala, El Salvador, México e Nicaragua. As fotografías atópanse nos escaparates de comercios de Pontevedra, Gondomar e A Estrada e poden consultarse de xeito online no sitio web galiciasolidaria.org.

Mondariz debate unha cuestión de confianza vinculada á aprobación orzamentaria

0

O Pleno da Corporación Municipal de Mondariz debate este mércores, 9 de decembro, sobre unha cuestión de confianza vinculada á aprobación dos Orzamentos Xerais para 2021, na que o alcalde, Xosé Emilio Barros, pon en xogo a súa continuidade no cargo, xunto ao seu equipo de Goberno.

“Confiabamos en actualizar os orzamentos municipais pola vía do consenso para responder ás necesidades de Mondariz, xa que entendemos que é unha responsabilidade común da Corporación Municipal. Durante ano e medio tendimos a man aos grupos de oposición a través de reunións periódicas para que manifestasen os seus puntos de vista durante a elaboración do plan orzamentario para 2020, pero nos atopamos co rexeitamento de AporM e PP no Pleno da Corporación Municipal, un rexeitamento que non veu acompañado de propostas concretas de mellora e resulta totalmente destrutivo para o mantemento dos servizos más básicos que presta o Concello”, explica Barros. 

Ao non seren aprobados polo Pleno da Corporación Municipal os Orzamentos Xerais para 2020 e para 2021 en xullo e novembro deste ano, Mondariz funciona a día de hoxe cun desactualizado plan orzamentario pensado para 2017 que obriga a facer malabares a calquera goberno e, aínda así, non pode funcionar correctamente porque carece de partidas orientadas ás necesidades reais do Concello. 

A cuestión de confianza vinculada á aprobación orzamentaria, que xa se empregou en Mondariz nos anos 2015 e 2016, é un instrumento legal ao que pode recorrer a Alcaldía para poder superar situacións de bloqueo político que afecten ao normal funcionamento do goberno. No caso de que o alcalde non sexa ratificado no seu cargo, a oposición deberá presentar unha moción de censura cunha candidatura á Alcaldía que estea respaldada por unha maioía absoluta. 

“Aprobar uns Orzamentos Xerais para 2021, especialmente despois da crise sanitaria e económica que vivimos este ano, é fundamental. As consecuencias de non facelo e continuar co plan orzamentario que se leva prorrogando desde 2017 poden ser nefastas para Mondariz, tendo en conta que hai obrigas financieiras coa Xunta de Galicia relacionadas co centro de día e coa regra de gasto que veñen da pasada lexislatura. Os principais grupos de oposición (AporM e PP) tiveron a oportunidade de actuar con responsabilidade e non o fixeron. A cuestión de confianza, polo tanto, converteuse nunha cuestión de responsabilidade por parte do goberno”, comenta Barros.

Nigrán leva aos escaparates a súa campaña para promover o consumo local no Nadal

0

O Concello de Nigrán leva dende onte a súa campaña de promoción do comercio local ‘Agora máis que nunca este Nadal merca en Nigrán’ a 60 escaparates do municipio adheridos a Ovalmi. Así, grazas á colaboración da asociación de empresarios, o Concello contratou o servizo do deseñador gráfico de Sabarís Juan Hernández e o seu irmá Ignacio (ilustrador profesional) para pintar con rotulador branco sobre vidro o hashtag ‘#VivoEnNigránComproEnNigrán’ dun xeito decorativo. O obxectivo é apelar á veciñanza sobre a importancia de consumir no comercio de proximidade ao tempo que se extende esta ‘etiqueta’ en redes sociais (todos os participantes serán subidos ás redes do Concello). O pintado rematará a final desta semana.

“Animamos non só aos comerciantes a que empreguen este hashtag #VivoEnNigránComproEnNigrán, se non á veciñanza para que suba fotos as súas redes consumindo nos negocios locais baixo esta etiqueta, o obxectivo é crear un clima positivo e extender esta idea entre todos”, explica o alcalde, Juan González.

“Estou moi contento de sumarme a esta campaña precisamente na miña comarca”, confesa Juan Hernández, deseñador gráfico de 34 anos natural de Sabarís e titulado en Gráfica Publicitaria en Aula D. Precisamente, Juan ten gran experiencia en lettering, letras artísticas feitas a man, desenvolvendo este traballo para moitas pizarras e cartas de restaurantes do Val Miñor.

[su_image_carousel source=”media: 26798,26797,26799″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Esta campaña inclúe diferentes aspectos, entre os que destaca o sorteo de 1.300 € en vales de 50 € entre os clientes dos establecementos adheridos a Ovalmi para consumir en 26 locais hostaleiros do municipio durante todo o 2021, difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio ou a estrea o mércores dun vídeo no que os protagonistas son os propios comerciantes de Nigrán (mañá presentarase o trailer en redes). Todo baixo o mesmo lema e coa cara dun Papá Noel sorrinte como ilustración (obra precisamente da deseñadora gráfica de Nigrán Olalla Fernández).

O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como xa o fixo durante o confinamento coas pequenas tendas de alimentación, as panaderías en Pascua ou o Día da Nai. “Queremos motivar máis que nunca ao consumo local e, a maiores, o Concello inclúe actividades de Nadal que dinamizarán as rúas e, por suposto, mantemos o alumeado porque tamén da vida ao comercio”, resume o alcalde.

Galicia baixa dos 6.000 casos activos por coronavirus e situáse nos 5.996 pero rexistra 17 mortes máis que onte

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.996 deles 1.244 son da área da Coruña, 624 da de Lugo, 377 da de Ourense, 899 da de Pontevedra, 1.517 da área de Vigo, 783 da de Santiago, e 552 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 50 están en UCI, 322 en unidades de hospitalización e 5.624 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 47.469 persoas curadas, rexistrándose 1.273 falecementos. O número de PCR realizadas é de 945.514.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

EU do Porriño négase a seguir formando parte dunha Comisión de Seguimento da COVID “totalmente inoperante”

O Grupo Municipal de EU Son do Porriño anunciou a súa intención de non seguir formando parte “dunha Comisión de Seguimento da COVID sen contido e usada a conveniencia para lexitimar a inoperancia, a desidia e incapacidade de xestión”.

Cómpre lembrar que, no seu momento, EU Son esixiu a creación dunha comisión de seguimento do COVID 19 e comprometeuse a facer achegas e traballar arreo para, xunto co resto da Corporación, afrontar esta situación. “Creouse a remolque e sete meses despois do inicio da crise” sinala EU Son que pasa a detallar todos e cada un dos condicionantes pola que a consideran “totalmente inoperativa”.

En primeiro lugar, sinalan, non se segue a orde do día. Doutra banda, as poucas propostas que se aproban non se executan: unha guía informativa, publicitar un número de teléfono para petición de asistencia por aquelas familias con dificultades nestes momentos, un vídeo para concienciar á veciñanza sobre a situación “ollo, proposta da alcaldesa”, sinalan.

A maiores, as concelleiras de EU son subliñan o feito de que se toman decisións ao marxe da mesma e que se informa á prensa e publícanse en redes sociais “novidades sen coñecemento dos grupos municipais porque convocar unha reunión telemática antes dá moitísimo traballo. Xa sabemos da grande capacidade da alcaldesa para aguantar as ganas de traballar”, engaden.

Lamentan, asemade, a aparición de publicación “falando de temas supostamente tratados na comisión cando non hai tal cousa, pídese que se rectifique sen resultado”. Por último subliñan a sospeita que, pese á mellora dos datos da COVID e preguntada a alcaldesa sobre a celebración de Plenos presenciais, “non hai intención de retomalos” porque, afirman, “van mellor os telemáticos para: silenciar micrófonos, non dar a palabra e enredar”.

Para Esquerda Unida “isto non é máis que unha mostra do proceder de Eva García de la Torre e EU Son do Porriño non vai ser cómplice das súas trapalladas, das súas mentiras envoltas nun discurso baleiro e, moito menos, aturar as súas faltas de respecto”.

A insistencia da alcaldesa de Redondela consegue que Sanidade inicie a realización dun cribado de probas PCR á veciñanza

0

O Concello de Redondela recibiu hoxe a comunicación oficial da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo sobre o inicio dun cribado de probas PCR á veciñanza do municipio que se realizarían tanto no hospital Álvaro Cunqueiro coma no do Meixoeiro. Trataríase de probas que se practican sen necesidade de saír do coche e cun alto grao de fiabilidade, polo que “permitirán coñecer a situación do alcande da pandemia no noso municipio”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas.

Dende hai semanas, a rexedora local viña pedindo insistentemente, a realización destas probas. “Para que unha administración local optimizar os seus recursos na loita contra a pandemia e poñer todos os medios para garantir a seguridade sanitaria da veciñanza, é imprescindible coñecer o alcance real da pandemia, explica.

Rivas espera que o seguinte paso serán as probas PCR que se realizarán ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar, servizo “que está en contacto directo con persoas incluídas no grupo de risco e cos que hai que extremar as precaucións”.

Gonzalo Caballero advirte ao PP que “non ten a propiedade da Comisión de Reconstrución”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cuestionou onte que o PP queira reabrir as comparecencias da comisión de reconstrución do Parlamento a través dunha segunda comparecencia do vicepresidente económico para falar dos proxectos europeos, cando outros comparecentes reclamados non puideron comparecer nin nunha primeira ocasión. “Amosa que a duración dos traballos da comisión pactada por PP e BNG era escasa, como xa dixéramos, e que o PP está desnortado”, recalcou.

Nese sentido, Gonzalo Caballero advertiu ao PP de que “non ten a propiedade da comisión” e requiriu que se teñan en conta tamén as comparecencias pedidas polo Grupo Socialista e que non foron atendidas, como o sindicato Unións Agrarias e distintos expertos nos eidos económico, industrial, de transición ecolóxica, sanitario ou de política social.

Ademais, habida conta de que o vicepresidente de Economía xa compareceu na citada comisión hai apenas un mes, o líder do PSdeG defendeu que “debería comparecer Feijóo” e “non escudarse” noutros membros do seu Goberno. Sobre todo, incidiu, ante a ausencia de estratexia por parte da Xunta no que atinxe aos fondos europeos, toda vez que pasou de anunciar sete proxectos que logo se converteron en 108, e que agora están mudando.

“O vicepresidente de Economía vén á comisión a reformular o seu discurso de hai un mes na mesma comisión?”, inquiriu o tamén voceiro parlamentario socialista, quen detectou falla de “ambición” do goberno galego para afrontar as tarefas da reconstrución de Galicia. “Hai pouca acción económica e moito despiste nos eidos sanitario e social”, sostivo.

Despois de amosar a súa “preocupación” por estas cuestións, máxime cando non se aprecia “rumbo” na Xunta para utilizar os máis de 1.100 millóns de euros que veñen do Goberno de España, Gonzalo Caballero recordou que “aínda non hai nin un hostaleiro nin un pequeno comercio que recibira un euro en axudas directas do goberno galego” a pesares de que pasaron nove meses dende a chegada da covid.

Transparencia

“A Xunta ten que adoptar medidas para apoiar aos sectores afectados e fortalecer o sistema de rastrexo e a atención primaria, así como poñer en marcha actuacións que permitan que ninguén quede atrás na saída desta crise”, reivindicou o secretario xeral, quen reclamou tamén “transparencia” sobre a situación e as decisións que se toman.

“Vemos que á Xunta cóstalle pasar do escurantismo á transparencia e á cogobernanza”, subliñou Gonzalo Caballero, quen reclamou que as medidas se tomen “a carón dos concellos” e deixando a “confrontación” co Goberno de España.

Ao fío disto, recriminou a Feijóo que pasou de reclamar que non se permitisen xuntanzas de máis de seis persoas no Nadal a demandar que fosen dez excluíndo aos nenos, e que logo chegase a alertar sobre o “alto risco” que supoñían estas festas. “Está desorientando á cidadanía nun momento que fai falla claridade”, finalizou o máximo dirixente do PSdeG.

Detida en Tui unha persoa por desobediencia e resistencia a autoridade nun control conxunto de Policía Local e Garda Civil

0

A Policía Local de Tui realizou na noite do sábado ao domingo un control conxunto coa Garda Civil da cidade. O obxectivo era comprobar o cumprimento da prohibición de tránsito entre ás 23 h e ás 6 h. No mesmo procederon á detención dunha persoa por desobediencia e resistencia á autoridade.

O detido circulaba nun vehículo ás 23:50 h e saltouse o alto dado polos axentes no control. Foi interceptado 500 metros despois, negándose a someterse á proba de alcoholemia sen ningún tipo de explicación polo que nun primeiro momento lle foi imputado un delito por negarse á realización destas probas. Posteriormente os efectivos de Policía Local e Garda Civil procederon a súa detención por desobediencia e resistencia á autoridade, resultado ferido, sen gravidade, un dos axentes. Fíxose cargo desta segunda intervención a Gardia Civil.

Por outra parte axentes da Policía Local acudiron o sábado ás 22:05 h á autovía A55, a altura da saída de Guillarei, onde se rexistrou un accidente, ao envorcar un vehículo. Tamén acudiron efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui, os Bombeiros do Porriño e da Garda Civil de Tráfico.

A Deputación lémbralle ao Concello de mos que o mantemento dos semáforos no vial Peinador-Os Valos “é de competencia municipal”

Non foi unha senón ata tres as veces que a Deputación de Pontevedra se puxo en contacto co concello de Mos para trasladarlle que o mantemento dos semáforos no vial Peinador-Os Valos, así como noutras vías que transcorren polo seu termo municipal, é de competencia local, ao tratarse de servizos urbanos con subministración eléctrica municipal. Deste xeito, novamente, a institución provincial vén de remitir hoxe mesmo unha carta á alcaldesa Nidia Arévalo, para recordarlle que o mantemento das instalacións semafóricas na EP-2601 Mos-Puxeiros no p.q. 1+850, na EP-2602 Peinador-Louredo no p.q. 1+650 e na EP-2603 Puxeiros-Peinador no p.q. 0+020, debe ser conservado e mantido polo goberno local.

“Lamentamos que os concelleiros e concelleiras non dispuxeran desta información, xa que non se entendería doutra forma a súa participación nun acto como o acontecido a pasada fin de semana”, recolle a misiva. Máis polo miúdo, na carta, a institución provincial recorda que xa no ano 2018 os servizos técnicos da Deputación detectaron a anomalía na vila, ao ser o único municipio da provincia que non asumía o mantemento de semáforos con subministración eléctrica municipal. Por este motivo, e para poñer fin á situación discriminatoria da que se beneficiaba unicamente Mos con respecto a outros concellos que si estaban a asumir este mantemento, remitiuse un primeiro escrito en decembro de 2018 no que se daba conta de que este servizo e o seu mantemento eran obrigas do concello.

Dende decembro de 2018 e ata hoxe, ante a ausencia de compromiso e mantemento por parte do concello de Mos neste eido, a Deputación de Pontevedra remitiu outros dous escritos, en xuño de 2019 e en agosto de 2020, nos que se recordaba que a única institución responsable do mantemento dos semáforos é o Concello.

Mos fomenta a creatividade do Nadal entre os máis pequenos

0

Coa chegada do Nadal chega tamén a Mos o concurso infantil de postais para nenos de 3 a 12 anos de idade. Entrarán en concurso todas as creacións entregadas ata o día 22 de decembro na Biblioteca Municipal. O certame componse de tres categorías e cada unha delas terá un premio que constará dun vale para libros e material escolar máis un diploma. Unha modalidade comprenderá aos nenos de 3 a 5 anos; a segunda, aos que teñan entre 6 e 8 anos; e a última aos mozos de 9 a 12 anos. Os días 28 e 29 de decembro un xurado composto polos propios participantes do concurso de postais de Nadal valorará a calidade e orixinalidade das creacións, así como os seus valores positivos. Os premios entregaranse o 4 de xaneiro na propia biblioteca. A edil de Cultura do Concello de Mos, Sara Cebreiro, declaraba sobre o concurso de postais de Nadal que “desde a Biblioteca Municipal queremos aproveitar esta época tan marabillosa do ano para potenciar a creatividade dos nosos escolares e sobre todo fomentar a lectura e a escritora dos máis novos poñendo en marcha ese concurso”.

Que hai que facer para participar no concurso de postais de Nadal de Mos?

Todos os nenos interesados en participar deben presentar a súa postal do Nadal antes do 22 de decembro na Biblioteca Municipal. Para entrar en concurso, os novos debuxantes deben seguir unha serie de requisitos. A postal pode ser en galego ou en castelán. Pódeselle engadir, ademais de debuxo, todo tipo de ilustracións ou fotos. A organización tamén permite ao ‘artista’ usar todo tipo de materiais que desexe para crear a súa postal do Nadal, desde ceras, rotuladores ou teas ata recortes. O tamaño da postal de Nadal non debe exceder dun folio tamaño A4 por un só lado e a medida mínima é de medio folio A4 por unha soa cara. Sobre a temática, os pequenos poden engadir tamén unha frase na postal, que pode ser un desexo que non sexa de carácter material ou expresando que lles gustaría que cambiase no seu contorno cotián. Por último, a postal debe ser obra do propio neno ou nena e debe incluír ao final da creación, como mínimo, o seu nome, idade, dirección e teléfono de contacto. A organización sinala que só se acepta unha postal por persoa.

As bibliotecas de Redondela mudan o seu horario nas datas de Nadal

0

A Biblioteca Pública Municipal ‘Valle Inclán’ de Redondela e a ‘Xela Arias’ de Chapela, terán horarios especiais durante estas datas de Nadal, ademáis de pechar os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro do 2021.

No que á Biblioteca Valle Inclán de Redondela fai referencia, o horario da sala xeral quedará de luns a venres de 10 h a 14 horas e de 17 h a 20 horas. A sala infantil, pola súa banda, funcionará de luns a venres en horario de 17 h a 20 horas.

Ademáis de pechar os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro, terá horario especial o martes 5 de xaneiro, sendo para a sala xeral de 9 h a 14 horas e a sala infantil de 9:30 h a 13:30 horas.

Pola súa banda, a Biblioteca Xela Arias de Chapela terá o horario habitual de luns a venres de 16 h a 21 horas pechando os días 24, 25, 28, 29, 30 e 31 de decembro e, xa no 2021, os días 1, 5 e 6 de xaneiro.

O Concello informa dos novos condicionantes no tráfico polas obras da rede de calor

A concellaría de Mobilidade e Tráfico informa das limitacións ao tráfico rodado que se implementarán a partires deste mércores como consecuencia da execución da rede de calor con biomasa.

Por unha banda, a apertura de zanxa e instalación de tubaxe na Avenida de Galicia desde Vidales Tomé até Carballos, conlevará que esta avenida pase a ter un único sentido de circulación que será cara o centro urbano desde a N-120. En consecuencia, para realizar o traxecto inverso os vehículos deberán circular por un itinerario paralelo empregando o Paseo Matutino e a Rúa Castañal até chegar á N-120.

Asemade, entre o mércores e o venres o primeiro tramo da rúa Carballos desde a Avenida de Galicia até a rotonda do emigrante situada na Estación de Autobuses estará cortada ao tráfico polas mesmas obras a fin de acometer a canalización que levará a rede de calor até a Escola Infantil por detrás dos Xulgados. En consecuencia, para acceder ao segundo tramo da rúa Carballos e á rúa Castañal desde a N-120 deberase circular pola Avenida de Galicia até a rotonda situada detrás da Casa do Concello, cambiar o sentido de circulación e utilizar o Paseo Matutino para acceder a Castañal e Carballos.

O Goberno municipal agradece a comprensión veciñal diante dos inconvintes e incomodidades que todas as obras en espazos públicos inevitabelmente sempre xeneran. Ademais, salientan a importancia desta obra que abastecerá de calor con biomasa á Casa do Concello, Escola Infantil, Estación de Autobuses e Edificios do Centro de Día, Centro de Maiores e Centro de Servizos Sociais, o que suporá unha enorme redución das emisións de CO2, mellorando a calidade do aire na vila, así coma un considerábel aforro económico.

O BNG critica que PSOE e Podemos marxinen a Ponteareas nos Orzamentos do Estado

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou o voto en contra da formación nacionalista ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 presentado polo Goberno español e criticou “a marxinación coa que PSOE e Podemos castigan á veciñanza de Ponteareas, ao rexeitar as emendas do BNG que pretendían lograr investimentos para satisfacer necesidades históricas e vitais como son a mellora da seguridade viaria na estrada N-120 e a construción da Variante de Ponteareas”.

O deputado considerou “lamentábel que existindo xa un proxecto, a pesar de comprometerse ante a Plataforma Veciñal, rexeiten a nosa emenda e non plasmen ese compromiso cunha partida económica nos Orzamentos”.

“Primeiro PP, logo PSOE, outra vez PP e agora PSOE e Unidas Podemos. Así máis de 20 anos. Os partidos no goberno alternan, as promesas continúan, séguense pasando a pelota pero as solucións non chegan a Ponteareas. Nós tan só nos aliamos cos galegos e galegas e coa defensa dos seus intereses, estea quen estea no goberno de Madrid”, aclarou Néstor Rego.

“Estamos diante dunhas contas que discriminan Ponteareas e que discriminan o noso País, cun descenso do investimento territorializado en 11% e unha caída de 104 millóns de euros en relación cos últimos orzamentos aprobados de 2018 do Partido Popular”, afirmou o deputado do Bloque no Congreso.

Néstor Rego destacou que o BNG seguirá traballando para que todas as medidas que PSOE e Podemos non quixeron incorporar a estes orzamentos poidan saír adiante nos próximos tempos. “A actividade parlamentaria do BNG vai ir encamiñada en actuacións que consideramos que son esenciais, como é o caso destas demandas históricas e tan necesarias para Ponteareas”, afirmou.

Subliñou tamén Néstor Rego que os partidos do Goberno rexeitaron emendas do BNG para que sectores especialmente vulnerábeis neste contexto paguen menos impostos, como a eliminación do IVE ás máscaras e materiais de protección fronte ao coronavirus, a rebaixa a 4 % aos produtos culturais, produtos de hixiene feminina ou a servizos esenciais como auga, luz ou gas “para que ninguén teña que optar entre comer ou pór a calefacción”, así como a baixada a 10 % nos salóns de peiteado.

Rego sinalou que entre os elementos positivos destes orzamentos están as partidas para a rebaixa das peaxes da AP-9, “que están aí grazas á insistencia do BNG e a que as incluímos como prioritarias no Acordo de Investidura. En todo caso, insuficientes para dar o apoio a estas contas que discriminan Ponteareas e Galiza”, concluíu.

Salceda e As Neves renovan o servizo de atención temperá conxunto

Os Concellos de Salceda de Caselas e As Neves veñen de asinar a renovación do convenio de xestión conxunta do gabinete de atención temperá para atención á poboación infantil de 0 a 6 anos, co obxectivo de seguir a dar resposta ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A Alcaldesa de Salceda Loli Castiñeira e a Concelleira de Benestar Social, Gela Ledo, xunto co Alcalde de As Neves Xose Manuel Méndez e a Concelleira Pilar González visitaron as instalacións deste último Concello.

O gabinete conta cun equipo especializado formado por catro integrantes dos campos da psicoloxía, logopedia e fisioterapia, e atende tres días da semana en Salceda e dous nas Neves. O servizo está financiado nun 90% pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través do Fondo Social Europeo, que concedeu unha partida de 105.383,70 € para este último ano. Neste último ano atendeuse a un total de 81 nenos e nenas entre os dous Concellos, derivados dende os servizos de pediatría. Aínda así, lembran que calquera familia pode achegarse a pedir información.

O gabinete traballa en contacto constante cos equipos de orientación dos diferentes centros escolares, así como coas pediatras dos centros de saúde, garantindo así a cobertura á maior cantidade de nenos e nenas posible, e analizando as diferentes necesidades de cada quen dende os diferentes sectores.

No caso do Concello de Salceda de Caselas, o Gabinete de atención temperá uníuse ao servizo de pedagoxía e logopedia co que xa contaba o Concello dende fai unha década, e que o converte nun dos poucos Concellos de Galicia que ofreza estes dous servizos.

Loli Castiñeira e Xose Manuel Méndez asinaron este novo convenio de colaboración conscientes do privilexio que supón contar con un programa coma este, que ofrece un servizo de proximidade, de calidade e gratuíto, que doutro xeito sería inaccesible para moitas das familias que fan uso do mesmo. Alcalde e alcaldesa coincidiron ademais en que servizos deste tipo son importantes para consolidar o asentamento da poboación no rural.

O Concello de Oia recoñece o inmenso labor desenvolvido por Remigio Nieto así como a súa excepcional calidade humana

0

A veciñanza de Oia vén de recibir nestes días a triste noticia do pasamento dun dos seus referentes tendo en conta a súa traxectoria profesional, excepcional calidade humana e compromiso coa comunidade. Trátase de Remigio Nieto González, quen exerceu como profesor no municipio nos anos 70 do pasado século.

Don Remigio, como era coñecido polo seu alumnado, permanece na memoria dos que foron os seus estudantes como un mestre innovador, creativo, honrado, humilde e comprometido coa xente. O desenvolvemento de aulas ao aire libre e a organización de saídas e excursións para coñecer a contorna foron parte das súas orixinais e pioneiras iniciativas no eido educativo.

No ano 1971 chegou á parroquia de Mougás para exercer alí de mestre. En 1974, coa finalización das obras de construción do colexio de Oia, foille encomendada a posta en marcha deste novo centro educativo, do que foi director entre 1975 e 1979. Nese ano abandonou o municipio para ocupar unha praza de profesor en Poio, onde residiu o resto da súa vida sen perder o contacto con Oia.

Pero a fonda pegada que Remigio Nieto deixou no concello non foi só produto do seu labor docente, como profesor de lingua francesa e plástica. Foi tamén activo en moitos outros eidos culturais e sociais: cultivou diversas disciplinas artísticas, interesouse polo patrimonio histórico e paisaxístico e participou intensamente na vida da comunidade.

A este último respecto, destaca a súa implicación na creación da Asociación Veciñal de Mougás en 1978, redactando os estatutos da que foi a primeira no rural galego fundada despois da ditadura franquista.

Artista multidisciplinar

Na súa faceta artística, Remigio Nieto desenvolveu un intenso labor en campos como a pintura, a ilustración, a fotografía, o audiovisual e incluso a literatura, cultivando xéneros como a poesía ou o ensaio.

Parte da súa multidisciplinar e prolífica obra foi realizada durante os anos nos que residiu en Oia, localidade que garda un valioso legado nos libros, fotografías, películas e pinturas da súa autoría que deixou depositadas en Mougás como doazón.

O seu legado tamén sigue vivo nas varias xeracións de veciños e veciñas aos que formou, os cales o lembran con agarimo e o manteñen como referente nas súas vidas.

Recoñecemento

Co gallo do seu falecemento, o pasado 2 de decembro, o Concello de Oia quere recoñecer a figura de Remigio Nieto e agradecerlle o inmenso labor desenvolvido durante o tempo no que residiu no municipio. Don Remigio representa valores como o esforzo, o compromiso, o altruísmo, a curiosidade, a creatividade e a calidade humana; virtudes máis necesarias ca nunca na sociedade actual.

Finalmente, e en nome de todo o pobo de Oia, o Concello quere trasladar as súas condolencias a familiares e amizades de Remigio Nieto, ás que lle envía unha calorosa aperta.

A Asociación de empresarios OVALMI e os hostaleiros do Val Miñor piden que non se castigue ao sector

A publicación do DOGA do xoves 3 de decembro, permitindo a apertura do sector hostaleiro, levou a moitos empresarios para exporse o seguir adiante ou non, neste difícil momento.

A hostalería de Nigrán e Gondomar volveron a reabrir as súas portas o venres 4 de decembro, con todo as restricións desta apertura, conleva que non poidan desempeñar o seu traballo con normalidade. O peche ás 17:00 horas e as restricións de aforo ao 30% no interior do establecemento fan que decembro se converta nun mes nefasto economicamente para eles, sumándose así a todos os meses perdidos con anterioridade.

Así mesmo, na devandita publicación segue separándose á comarca do Val Miñor en dous, xa que Baiona queda fóra do novo ámbito territorial establecido pola Xunta, onde agrupa a Nigrán, Gondomar, Mos e Vigo.

Estas novas restricións son asumidas por parte dos empresarios hostaleiros con resignación e enfado, xa que unha vez máis se lles segue tratando con inferioridade a outros sectores produtivos e discriminando de forma alarmante.

Tras as diversas reunións mantidas por parte da comisión hostaleira, a Asociación de empresarios OVALMI e os hostaleiros do Val Miñor acordouse realizar unha serie de accións encamiñadas a darlle visibilidade ao seu sector.

Desde o sábado día 5 de decembro, os empresarios hostaleiros, os seus traballadores e provedores, concentráronse diariamente na Ponte da Ramallosa, ás 18:00 horas, pedindo que non se volva a pechar e castigar ao seu sector.

Estas concentracións realizaranse de forma continua ata o 2 de xaneiro de 2021.

Así mesmo, decidiuse facer unha recollida de firmas in situ e nos propios locais, pedindo ao Goberno da Xunta e ao Central, que a hostalería non volva pecharse, xa que está máis que demostrado que non son o problema e que, a pesar, do seu peche, os casos seguen en aumento, confirmando que os seus negocios son totalmente seguros ante a Covid-19.

O Concello das Neves colabora para cubrir os datos do censo agrario 2020 do INE

0

Nas últimas semanas veciñas e veciños das Neves recibiron nas súas casas por correo postal uns documentos do INE (Instituto Nacional de Estatística) relacionados coa actividade agraria.

Trátase dun cuestionario que é obrigatorio cubrir (Pode ser causa de sanción económica segundo recolle a Lei 12/89 da Función Estatística Pública) e que o Estado emprega para ter información estatística sobre a estrutura agraria e gandeira.

Este cuestionario pode cubrirse e enviar por correo no sobre que tamén se recibe ou cubrilo de xeito electrónico por internet na páxina web: https://www.ine.es/censoagrario2020/.

Para axudar á veciñanza, o Concello das Neves ofrece a posibilidade mediante cita previa de colaborar para cumprimentar o cuestionario. Para isto, pode solicitarse cita previa chamando ao 986648038. Deben levar a documentación recibida por correo postal cando acudan ás oficinas municipais

A obra Loló e Mamá chega mañá martes ao auditorio municipal de Ponteareas

A Concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, anuncia que mañá martes día 8 de decembro ás 18 horas de  De Ste Xeito Producións representará a obra “Loló e Mamá” no auditorio municipal.

As relacións familiares case sempre son máis difíciles do que nos gustaría e o amor é unha ferramenta de dobre fío: canto máis intenso é o amor, maior dor provoca antes de curar, este é o fío condutor desta obra preñada de humor fino e acedo interpretada por Stephy Llaryora, como filla, e Pepa Barreiro, no papel de nai.

O prezo da entrada será de 5 euros. Pódense mercar o propio martes a partir das 16 horas no Auditorio Municipal. 

Fernando Groba Bouza convida a gozar desta representación teatral que se realizará con aforo reducido e cumprindo todas as medidas sanitarias para a prevención da Covid-19.

A música de Helen & Shanna e a charla de Fernando Rego completaron a programación da pasada fin de semana na Guarda

0

O pasado sábado día 5 de decembro, a Casa dos Alonso acolleu os dous primeiros eventos culturais da Axenda de Nadal 2020 do Concello da Guarda.

A través da Concellería de Cultura, retomouse o proxecto “Música nos Xardíns”, paralizado por mor da pandemia da Covid-19 no mes de agosto, para por en valor a escena musical e de festivais a nivel local, en consenso coas asociacións culturais da vila.

Debido a pandemia da Covid-19, se tiveron que suspender os grandes eventos musicais existentes na vila da Guarda e que enchen de música cada ano diferentes espazos do noso municipio, é por elo, e ante as novas medidas de prevención e distanciamento social, que o concello da Guarda decidiu apostar por un proxecto no que se representasen aos colectivos que cada ano organizan festivais musicais, pero nun novo formato, “Música nos Xardíns”.

Despois dun primeiro concerto que se celebrou o pasado 31 de xullo a cargo do grupo local Milhomes, e dun segundo concerto que se celebrou o venres 21 de agosto co grupo Ded Routines, o pasado sábado foi a quenda do grupo local Helen & Shanna, que realizou a súa actuación na Casa dos Alonso. Cunha forte influencia folk, Helen & Shanna recolle aspectos doutras culturas, con instrumentos tan variados coma o sitar, a trompeta, o violín ou o ukelele.

A actividade arrancou charla a cargo de Fernando Rego sobre “Unha historia da música en Galicia. 1952 – 2018” no Salón de Plenos do Concello, onde os asistentes puideron comprobar como foi a historia da música en Galicia, facendo un repaso polos diferentes grupos que marcaron musicalmente a nosa comunicade en cada década.

Vídeo Charla

Vídeo Concerto

Toda a programación do Nadal aquí: https://www.turismoaguarda.es/gl/o-acendido-do-alumeado-marca-o-arranque-da-programacion-do-nadal-2020-na-guarda/

O número de casos activos por coronavirus continúa o seu descenso ata os 6.644

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 6.644 deles 1.349 son da área da Coruña, 771 da de Lugo, 400 da de Ourense, 971 da de Pontevedra, 1.782 da área de Vigo, 795 da de Santiago, e 576 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 60 están en UCI, 352 en unidades de hospitalización e 6.232 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 46.575 persoas curadas, rexistrándose 1.257 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 939.896. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.