Xoves, 27 Marzo de 2025

A insistencia da alcaldesa de Redondela consegue que Sanidade inicie a realización dun cribado de probas PCR á veciñanza

Digna Rivas, que expresou a súa satisfacción pola posta en marcha dunha medida que ven reclamando dende hai semanas, espera que se realicen tamén probas ao persoal do Servizo de Atención ao Fogar (SAF)

O Concello de Redondela recibiu hoxe a comunicación oficial da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo sobre o inicio dun cribado de probas PCR á veciñanza do municipio que se realizarían tanto no hospital Álvaro Cunqueiro coma no do Meixoeiro. Trataríase de probas que se practican sen necesidade de saír do coche e cun alto grao de fiabilidade, polo que “permitirán coñecer a situación do alcande da pandemia no noso municipio”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas.

Dende hai semanas, a rexedora local viña pedindo insistentemente, a realización destas probas. “Para que unha administración local optimizar os seus recursos na loita contra a pandemia e poñer todos os medios para garantir a seguridade sanitaria da veciñanza, é imprescindible coñecer o alcance real da pandemia, explica.

Rivas espera que o seguinte paso serán as probas PCR que se realizarán ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar, servizo “que está en contacto directo con persoas incluídas no grupo de risco e cos que hai que extremar as precaucións”.