11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello informa dos novos condicionantes no tráfico polas obras da rede...

    O Concello informa dos novos condicionantes no tráfico polas obras da rede de calor

    A Avenida de Galicia será de sentido único cara o centro e a saída cara a N-120 farase por Paseo Matutino e Castañal

    A concellaría de Mobilidade e Tráfico informa das limitacións ao tráfico rodado que se implementarán a partires deste mércores como consecuencia da execución da rede de calor con biomasa.

    Por unha banda, a apertura de zanxa e instalación de tubaxe na Avenida de Galicia desde Vidales Tomé até Carballos, conlevará que esta avenida pase a ter un único sentido de circulación que será cara o centro urbano desde a N-120. En consecuencia, para realizar o traxecto inverso os vehículos deberán circular por un itinerario paralelo empregando o Paseo Matutino e a Rúa Castañal até chegar á N-120.

    Asemade, entre o mércores e o venres o primeiro tramo da rúa Carballos desde a Avenida de Galicia até a rotonda do emigrante situada na Estación de Autobuses estará cortada ao tráfico polas mesmas obras a fin de acometer a canalización que levará a rede de calor até a Escola Infantil por detrás dos Xulgados. En consecuencia, para acceder ao segundo tramo da rúa Carballos e á rúa Castañal desde a N-120 deberase circular pola Avenida de Galicia até a rotonda situada detrás da Casa do Concello, cambiar o sentido de circulación e utilizar o Paseo Matutino para acceder a Castañal e Carballos.

    O Goberno municipal agradece a comprensión veciñal diante dos inconvintes e incomodidades que todas as obras en espazos públicos inevitabelmente sempre xeneran. Ademais, salientan a importancia desta obra que abastecerá de calor con biomasa á Casa do Concello, Escola Infantil, Estación de Autobuses e Edificios do Centro de Día, Centro de Maiores e Centro de Servizos Sociais, o que suporá unha enorme redución das emisións de CO2, mellorando a calidade do aire na vila, así coma un considerábel aforro económico.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.